sábado, 30 de noviembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (7): "A filla do Minotauro", de Marilar Aleixandre




Si, o lector está de acordo en que, ás veces, non importa quen conta a historia senón, como diría Melina – unha das personaxes marabillosas do libro -, se a historia contada é fermosa.

     Neste caso abofé que si o é.  A filla do minotauro, a novela xuvenil de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Raíña Lupa en 2017 é unha historia fascinante dende o principio ao final.

    

     O lector gozou dunha obra orixinal onde as haxa, que mestura tempos tirados da mitoloxía cos tempos da 2ª Guerra Mundial. Toda ela funde situacións, narracións e personaxes,dende os textos de Homero, Agostiño de Hipona, Ovidio, Leonhard Euler, Tucídides, Apolodoro, Arquímedes ou Virxilio que encabezan 18 capítulos e un epílogo con momentos desenvolvidos na década dos anos 40 do pasado século.


     E o lector queda atrapado na tensión narrativa dunha novela de aventuras protagonizada por un mozo – Antelmo – e unha moza – Miranda – que con outros personaxes tirados fundamentalmente da Odisea e da Metamorfose, se dedican a salvar obras de arte da rapina de mafiosos e depredadores de patrimonio.

     O lector emociónase a miúdo lendo o que Marilar Aleixandre vai tecendo con sabedoría e coñecemento do que é unha trama rica e ben calculada.

     O lector sente a crítica que os feitos expresan na narración: o papel da muller na sociedade, a necesidade de coidar o patrimonio coma algo imprescindible nesa sociedade, a falta de valoración do que moitas persoas arriscaron e pagaron, mesmo coa morte, para acadar bens para a humanidade, o poder da mafia cuxa maldade vai más aló do coñecido vulgarmente e tantos outros temas, como as violacións das mulleres, as folgas pola explotación e morte de nenos e nenas.

     E goza o lector cando le, cun ton moi da literatura oral, feitos tan coñecidos literariamente como o Cabalo de Troia, a historia de Penélope, a do Cíclope Polifemo, o Labirinto do Minotauro, a viaxe áerea de Dédalo e Ícaro ou a construción do vehículo, chamado Daedalus, que en abril de 1988 cruzou voando de Creta a Atenas, cun ciclista aos pedais.

     Causou asombro ao lector esta novela tan ben estruturada e ateigada de sorpresas literarias tan acaídas.
Novela centrada en Sicilia e que, na loita contra a cosa nostra, fai dicir a Antelmo suspirando que “a loita contra a mafia e os traficantes non acaba hoxe, mais gañamos unha pequena batalla”.

     Ten razón, pensa o lector, porque toda a narración é unha loita sen fin contra inimigos moi difíciles de derrotar, pero que, lonxe de quedarse cos brazos cruzados, hai persoas de ben que levan a afouteza ata o final.

E treme de emoción o lector cando le “que as persoas valentes non son quen non teñen medo, senón as que actúan a pesar do medo” e quédase coa reflexión de que moitos dos perigos se salvan por amor.



lunes, 25 de noviembre de 2019

"O DÍA QUE COMPRENDÍN PARA QUE SERVÍAN AS HUMANIDADES", artigo de MANUEL VEIGA





Dá gusto ler os artigos de Manuel Veiga. Están moi ben escritos, moi ben estruturados e enfróntase o autor a temas que están aí e sobre os que é moi san reflexionar e debater.
     Por iso e por moito máis, sempre é unha festa publicar un artigo deste escritor e xornalista, inquieto e crítico, que coa palabra abre portas a pensar. Ademais, coas súas atinadas exposicións  Manuel Veiga crea un espazo de discusión moi necesario e que Versos e aloumiños se sente moi honrado de propoñer.




Manuel Veiga




O día que comprendín para que servían as humanidades


Manuel Veiga Taboada


Recoñezo que até hai pouco non era capaz de facer unha defensa clara do estudo das humanidades ou, polo menos, non era capaz de facela en poucas palabras.

     Todos levamos anos notando como unha brisa fría que nos di que as humanidades non son útiles, que tal vez no pasado tiveron moito sentido, pero que hoxe deberiamos reducir as horas que se lle dedican para destinalas á física, ás matemáticas, á informática, á bioloxía. De onde procede esa brisa incómoda e constante? De certos gobernos, de certas empresas quizais con intereses tecnolóxicos, de artigos que aparecen nos medios e de entrevistas con expertos. Non o din de modo moi claro: fóra o latín (ben, iso si o din), fóra a filosofía (ou menos tempo para a filosofía), para que saber de literatura (iso quedaría para o tempo libre, aínda que mellor sempre un ensaio que unha novela), non se atreven aínda coa historia (grazas a esa frase tópica de que non coñecela é repetila, pero nunca deixarán de engadir outra celebre frase: estudar historia non ten saídas). ¿E que dicir da psicoloxía nunha sociedade que deixa os enfermos en mans case exclusivas dos produtores de fármacos, das familias e do aparato xudicial?

     E non me digan agora que o estudo de linguas si se defende, porque non é exactamente así. Non se defenden as linguas como unha riqueza para a imaxinación, como unha mostra patente da variedade humana, como achegamento a outras culturas, nada diso ou case nada. O que se defende é unicamente o inglés para facilitarlle os negocios á túa futura empresa (ou para ser camareiro en Mallorca). E non se defende o monolingüísmo materno en inglés porque aínda non se ve posíbel, pero algúns, de tan obsesionados, parecen case a punto de esixir o internado dos recén nacidos lonxe das súas familias, como fixeron en Australia cos aborixes. 

     
Manuel Castells
Pois ben, a pesar de todo isto, recoñezo que até agora non viña encontrando os argumentos suficientes para defender o ensino das humanidades, cando menos á mesma altura das ciencias chamadas duras. E cando me puña a escoitar aos que defendían esta postura tiña case sempre a impresión de estar oíndo constantes tautoloxías, algo así como o si porque si. Parecíanme argumentos tan ben intencionados como un chisco antigos. Argumentos movidos pola inercia e por unha vacua moral. Esa era a sensación que tiña.
E isto foi así até que, hai pouco, lin unha entrevista co sociólogo Manuel Castells. Castells explica os avances que traerán consigo, nos próximos anos, as novas tecnoloxías. Por abreviar, mencionarei só a atención sanitaria non presencial, que chegará a facer posíbeis as operacións a distancia, e o ensino: clases á hora que se escolla, posibilidade de acceder a múltiples coñecementos, interacción en rede, etc.

     Tras describir esta probábel evolución, Castells lembra que todo isto choca, por exemplo, coa realidade actual das listas de espera ou co escaso uso que se fai da informática básica actualmente nos centros de ensino. E conclúe afirmando que estamos a vivir unha gran modernización tecnolóxica en medio dun enorme atraso social.
Aí esta a clave que faltaba, díxenme. Hai un desfase entre o desenvolvemento da ciencia e a súa asimilación. Mesmo, hai casos nos que parece que camiñan en sentido contrario: tecnoloxías para facilitar a vida e ideas que parecen querer retrotraernos a un pasado escuro.

     Ese é o lugar onde entra a importancia das humanidades. Iso é o que pon de manifesto que esa brisa que nos golpea case todos os días na cara para dicirnos algo así como: “vaiamos ao útil e deixémonos de especulacións que a nada práctico conducen”, en realidade forma parte dunha ideoloxía equivocada, supoño que en certa medida inconsciente por parte de quen a di, pero en todo caso altamente perigosa.

     En último extremo, podería conducirnos a unha sociedade de relacións case feudais pero con técnicas futuristas. De aí que haxa que deter ese vento, antes de que nos faga verdadeiro dano e deterémolo explicando para que serven as humanidades, porque as humanidades serven precisamente para deter iso, para que a tecnoloxía traia cousas boas e non malas, porque todas as técnicas poden ser mal utilizadas, poden ser aproveitadas por uns poucos ou por todos, poden traer a saúde ou traer a guerra, pode curar enfermidades ou envelenarnos.

     Que sucede, por exemplo, no ensino? Pois que os profesores non son axudados a actualizarse. En lugar diso, os gobernos trasládanlle a eles as súas tarefas administrativas. Co obxectivo de reducir funcionarios na propia administración, os profesores pasan a estar cada día máis ocupados cunha burocracia inútil.
Non lles queda tempo nin ganas, nin lle poñen incentivos, para que actualicen tanto os seus coñecementos como o método de ensinalos. De aí que as clases de bioloxía, por exemplo, vaian sempre bastante por detrás do que a ciencia xa sabe a día de hoxe e que se desaproveiten medios novos que serían moi útiles para facilitar a comprensión do alumnado.

     E que ocorre con eses alumnos? Pois que están desbordados, colonizados por certas prácticas tecnolóxicas, as máis lúdicas e tamén as máis repetitivas e improdutivas. Curiosamente, os que claman pola utilidade insisten en modelar unha mocidade permanentemente entretida con xogos banais.
A técnica non mellora todo o que podería as novas xeracións, senón que en boa medida crea un vicio. É como xogar ao tute ou ás máquinas de flipper pero con utensilios diferentes. As tecnoloxías non se dirixen a eles, ou non o fan moitas veces, para ampliar o seu horizonte e orientar o seu criterio, senón para convertelos en clientes adictos.

      E por que todo isto está sucedendo así? Pois porque os gobernos, dependentes en exceso de toda a contorna económica e social que as empresas tecnolóxicas crean, non se preocuparon até agora de desenvolver o aparato crítico suficiente que derive nunha lexislación que protexa os nosos dereitos. E non estou a falar de restrinxir as liberdades, como algúns queren facer coas redes sociais, senón de educar e defender os cidadáns do poderío das empresas. Para empezar moitas delas non pagan os impostos que deberían. Elas mesmas cren que todo lles está permitido. En segundo lugar, está a súa tendencia a privatizar e monetarizar, así como a crear monopolios.

     Neste sentido operan como empresas do século XIX, como se a moderna lexislación protectora e defensora do individuo non fose con elas. Son empresas da terceira o cuarta revolución industrial que pretenden actuar recoñecendo só os dereitos sociais que había cando se produciu a primeira.

     Velaí a falta de dereitos dos traballadores de Amazon que xa provocou varias folgas ou o traballo precario que xeran moitas Apps. Comeza a haber centos de traballadores que non saben sequera para quen traballan, nin teñen a posibilidade de sabelo, como nunha película distópica.

     Neste momento, urxe, entre outras cousas, que os gobernos invistan en educación, en todos estes sentidos que se derivan do que vimos falando. Pero o que están facendo é reducir gastos, aprobar recortes. Cando o Estado se subsume, o resultado é que aumenta o atraso social. Por esa razón a distancia, anunciada por Castells, entre tecnoloxía e mentalidades é cada vez máis grande.
Non estamos ante un proceso causado polo azar, estamos ante unha política ou unha ausencia de política que se pode volver perigosa, que pode acabar debilitando a democracia e, aínda que semelle paradoxal, reducindo o nivel de vida de gran número de persoas. Estamos condenados a que a nosa mocidade estea formada por un pequeno número de enxeñeiros e por un número bastante maior de repartidores en bicicleta, sen seguridade nin dereitos?

     Pois ben, para coñecer, analizar, falar e decidir sobre todo isto son necesarias, imprescindíbeis, as humanidades, a filosofía, a historia, a socioloxía, a psicoloxía e a literatura. Grazas a elas non só razoamos mellor senón que tamén nos coñecemos mellor como humanos, medimos as nosas capacidade, sabemos o que nos convén e imaxinamos alternativas. Esa é a súa utilidade. Sen elas, o mundo será un inferno tecnolóxico e as relacións humanas unha sofisticada selva.    

martes, 19 de noviembre de 2019

DARDO POÉTICO (LXII) "SOLEANDO", UN XOGO POÉTICO ENTRE AN ALFAYA E INMA DE BATLLE




Presentei  “Soleando”, o poemario de An Alfaya, editado por Galaxia, e ilustrado por Inma de Batlle, nun xogo a dúas mans orixinal e con certo risco.
     Entre as dúas fixeron un pacto creativo que consistiu en que cada día a ilustradora debía enviar por whatsapp o debuxo dun sol, e antes de que caesen as doce da noite a escritora devolvería un poema pola mesma canle. Un proceso que foi idéntico en sentido inverso.

     Así naceu este “Soleando” que puxo un sol en cadansúa vida ao longo de mes e medio e que, segundo afirman An e Inma, resultou moi gratificante.

     Presenteino en Vigo, na libraría Librouro, no mes de outubro.
     O que dixen nese acto, podedes lelo deseguido.
     Foi un verdadeiro pracer.


Na presentación (1)


             “SOLEANDO”, UN XERUNDIO QUE NOS QUECE POR DENTRO


Gústanme as persoas que arriscan. Gústanme as persoas que propoñen e non dormen na comodidade.
E An Alfaya é unha desas persoas que sempre te sorprenden en cada obra súa que sae do prelo. É moi inquieta, transita por diversos camiños e é fiel a si mesma.
     Sempre lle dixen a An que tiña que publicar poesía. Que a leva dentro e que sería bo que a deixase saír da súa narrativa onde vive de maneira perpetua.
E, por fin, fíxoo. E xogou con Inma de Batlle dun xeito arriscado ao que eu lle dou moito valor.

    
Soleando é un libro que xoga co sol. Un libro que aluma e que brilla, porque os seus raios se funden coas palabras e crean un universo de luz e vida que precisamos.

     Desculpádeme se non trouxen as lentes de sol para gozar da brillantez destes debuxos e destes versos.
Malia estes días de chuvia, eu bronceeime cos raios que desprenden estes poemas, estas imaxes e sentín a súa dozura. Versos que, por certo, foxen das cadeas das formas e brillan ao seu aire polo ceo.
Nótaselles libres. Uns máis longos, outros curtos e todos coherentes.
E a rima?
Pois se riman, riman. Se non, non.
A autora utiliza a rima ao seu xeito e permite que os poemas ofrezan unha liberdade absoluta. Sábese dona dela.
Na presentación (2)

     E entre os debuxos de Inma e os versos de An crean unha atmosfera poética que adoza esta sociedade tola que non sabe cara a onde camiña.
Porque An, enchoupada de luz, vai tecendo uns poemas que se nutren do cotián.

     Nada nos resulta alleo a todo o que os raios do seu sol poético aluman.
     Hai frescura nestes poemas.
E o sol sérvelle á autora para crear un universo que é moi de seu para os que a lemos e os que a coñecemos.
Un sol que desexa, que foxe, que fita engaiolado polas pequenas cousas.
Un sol que debuxa fíos de luz de ouro fino.
Un sol que é unha flor e chega a ter frío.
Un sol que cae do ceo, que asoma cinsento, que se desanima e que se emociona cos agasallos da lúa.
Na presentación (3) An le un poema.

     E An desgústase ollando a xente que camiña coa ollada esquiva e sabe que a luz do sol pode cambiar sensacións.
Mesmo o sol é apaixonado e loce unha cor vermella de sangue.
E An cre na esperanza e como non pode ser astro, convértese en poeta para escribirlle rimas a ese sol que Inma lle agasalla. Ou que se agasallan.
A An gústalle ese sol que xorde despois da chuvia porque lle/nos dá vida.

     Hai humor nestes versos, hai cotidianeidade nestes poemas, hai conto nestes poemas, hai certa crítica neles – crítica para reflexionar - , hai xogo, hai natureza viva, hai dúbidas e ilusión.
E mesmo hai sombras que queren o sol.
E como dixen antes, hai esperanza neste Soleando, bicos para agasallar e hai maxia porque An pranta sementes de sol na súa horta poética e constrúe caixas de cristal onde garda os raios dese sol longo coma un río, fino como un fío.

     Sabe An que o sol é un tesouro que garda no máis dentro dela.
Un tesouro como é a poesía porque co sol, poetizador, nomea o innomeable e xoga a facer posible o imposible.

     Sol, debuxo e poesía para un poemario que non vai deixar endexamais de encher de ilusión as nosas vidas.



Na presentación (4)


                                                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 15 de noviembre de 2019

"DA CARAPUCHIÑA VERMELLA AO SEÑOR LAMOTE", TEXTO DE CHUS PEREIRO NA PRESENTACIÓN EN VIGO








Dá gusto escoitar a Chus Pereiro. Mestra de E.P. leva ben anos arredor do mundo da lectura, da literatura e do teatro.
     
     Precisamente, convén salientar dúas pezas publicadas na colección Merlín (Ed. Xerais) que demostran as súas inquedanzas teatrais: ¡Mamasiña, que medo! e Restaurante Farruco.
     
     
Chus Pereiro
Compartiu palestra hai uns días con Manuel Bragado na presentación do magnífico libro de Miguel Vázquez Freire, Da Carapuchiña Vermella ao señor Lamote.
     
     O texto que leu Chus foi excelente, moi ben exposto, intelixente, didáctico e moi esclarecedor sobre a obra presentada e sobre o autor da mesma. Unha presentación fantástica.
     
     Dado o enorme interese que suscitou en nós a súa lectura,solicitámoslle o seu escrito para publicar en Versos e aloumiños e Chus, moi xenerosa, envióunolo, algo que lle agradecemos moi de corazón.
     
     Gozade, pois, dun gran texto e dunha obra imprescindible para os amantes da boa literatura en galego.


Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro, en Vigo


Presentación para o libro “Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e mocidade en lingua galega” de Miguel Vázquez Freire.

Librería Librouro, 7 de novembro de 2019

Boas tardes a todas, a todos.

Moitísimas  grazas por vir.

Compráceme estar aquí hoxe dando a benvida a este libro de Miguel Vázquez Freire, coñecido escritor, crítico e comentarista .

    
Penso que non esaxero se digo que a aparición deste libro era  imprescindible. A  LIX  de hoxe, xa definida e consolidada per se, vive un momento de oferta de textos tan numerosa, en cantidade e calidade, que está a ocultar os seus clásicos. Fronte a eso, este libro é un remedio e unha vacina contra o descoñecemento e os falsos prexuízos, porque aquí está a orixe de todos os libros: os máxicos, os fantásticos, os aventureiros, os realistas, os didácticos, os rebeldes, os ilustrados… todos os que teñen pervivido de xeración en xeración.

     Diríxese a obra aos chamados mediadores ou comunicadores da LIX (familias,  educadores), persoas que teñen un papel clave á hora de presentar ou graduar as lecturas, imprescindibles na comunicación literaria que se establece entre un escritor adulto e un lector infantil.

    
Miguel Vázquez Freire. (Foto Ed. Xerais)
Sinala o autor, na presentación, que se trata dunha recopilación de textos publicados na Revista Galega de Educación nos anos que van de 2006 a 2018, mais hai unha unidade na obra, unha continuidade perfecta entre un capítulo e o seguinte.Ten unha formulación e unha estructura  tan coherente que en ningún momento deixa ver ese carácter de suma de artigos diversos publicados en distintos momentos.  É un compendio das versións ao galego de obras clásicas daLIX, mais aporta  tamén informes e referencias das que non están aínda traducidas. Do lonxe, no tempo, o contidovaise achegando: das obras que beben da tradición oral ás máis recentesde autores recoñecidos. Do lonxe, no espacio, dende a literatura europea ou americana,chega ata os nosos  clásicos galegos. Da Carapuchiña de Perrault aoRamón Lamote de Paco Martín, facendo no primeiro capítulo unha análise da complexidade e dificultade do mundo da adaptación ou da traducción, como se pode dar nos  casosdo Ulises de Homero ou da Alicia de Carrol.

     
Manuel Bragado, Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro
E nesta viaxe pola evolución histórica  da LIX, o  autor analiza as súas orixes, mais tamén o contexto de cada unha das obras(datos históricos, políticos, filosóficosou sociais de cada momento), a ideoloxía que  as motivou,  o simbolismoe a lectura psicoanalítica dos personaxes e os feitos ouas relacións entre a obra e a vida de cada autor. Parte da difusa intencionalidade da escrita das primeiras obrase sinala o paso da adopción das non pensadas inicialmente para os lectores máis novos ata o nacemento das  específicamente creadas para eles. Os clásicos son as fábulas vitais da especie humana.

     Amosa o autor o seu desacordo coas versións que rachan a esencia dunha obra cunha falsa infantilización,con enfoques moralistas ou de falso proteccionismo da infancia, conomisión de temas tabú referidos ao sexo ou á morte. Concordo con el. Penso que esas prácticas amosan un total descoñecemento e un menosprezo cara o mundo da infancia. Desenmascara así  versións dos clásicos que introducen aspectos sexistas que os orixinais non teñen (véxase o bico do príncipe a Brancaneves). E son graves, porque é o sexismo actual  o que nos  ten que preocupar. Se o sexismo de tempos pasados ten unha contextualización, é o sexismode hoxeo que non pode ter xustificación. Se  temos que ser firmes vixiantes no tocante aos roles de xénero que poidan aparecer nos clásicos, penso que é importante  que as persoas adultas, educadoras ou mediadoras, fagamos fincapé na observación dos mesmos.  A necesaria formación da conciencia  crítica na lectura non impide o disfrute dun texto. A sobreprotección nunca é boa receita. Era unha vez… Hai moito tempo… son as palabras clave que inician os contos clásicos. Eis a contextualización inicial dun texto no seu propio tempo.

    
Roald Dahl
Quero tamén  sinalar que o autor non escribe asépticamente. É de agradecer, porque na análise de cada obra transmite a paixón dun lector neno, dun compulsivo lector mozo que é quen de emocionarse aínda ao revivir o texto. Tampouco se deixa levar polo peso sagrado dos grandes nomes, e  analiza criticamente aspectos de obras que aínda valora e disfruta (véxase Roald Dahl)

     Valora  tamén o autor o mundo da ilustración (Maurice Sendak, Luis Seoane), defendendo o que é o equilibrio imaxe- palabra coma un todo artístico.

     Logo de analizar cada texto literario, aparecen no libro notas de versións cinematográficas e as súas referencias (aquí descúbrese tamén un bo cinéfilo), valoracións de ilustracións, informes de sitios web, versións  en banda deseñada e referencias  bibliográficas, editoriais ou musicais.

     Pode que na escolma dos textos e autores falten algúns, seguro, e o tempo o dirá. O que si está claro é que non hai un que sobre. Estes clásicos traspasaron os tempos e traspasaronas linguas. E, dado o seu valor universal, a cultura galega non só non prescindiu deles, senon que fixo xa marabillosas aportacións  que temos que promocionar con orgullo.

     Esta é unha obra  que supón unha aportación clara e práctica para valorar as obras da LIX. É una guía maravillosa para orientar  lecturas cun criterio  crítico e de calidade.

      Parabéns, Miguel, porque fixeches un bo traballo.

                                                                                       Chus Pereiro





lunes, 11 de noviembre de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (65) "Agora non, Bernardo", de David McKee






TÍTULO: Agora non, Bernardo.

AUTOR: David McKee.

TRADUCIÓN: Xosé Manuel González.


EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Tras os montes.


O ilustrador e escritor inglés, David McKee, creador do coñecido elefante de cores Elmer e toda unha colección coa que os lectores máis novos continúan a gozar á vez que son quen de percibir outra ollada do mundo circundante, preséntanos Agora non, Bernardo, creado en 1980 e agora, case corenta anos despois da súa publicación Kalandraka recupera este clásico da LIX e achégallela aos lectores galegos grazas á tradución de Xosé Manuel González.

     Álbum ilustrado necesario porque invita á reflexión, sobre todo dos adultos que demasiadas veces, debido, en parte, ao ritmo vertixinoso do traballo e tamén  á rapidez con que muda todo na sociedade actual, se esquecen ou deixan en segundo lugar o fundamental da vida, como o afecto, o agarimo, a conversa, a palabra ben dita e sentida e como parte imprescindible do coñecemento e equilibrio emocional fronte á soidade, ao materialismo e á indeferenza.
David McKee

     Bernardo é un cativo que busca ser o centro de atención e que os seus referentes, os seus pais lle fagan caso, pero estes están máis ocupados nas cousas cotiás e materiais ca no esencial da vida coma o xogo compartido, a conversa, o contacto... en definitiva, a grandeza das pequenas cousas, que nos permite tocar a felicidade e sentila coma algo máxico. O autor válese do humor, xogando cun toque surrealista para deixar patente a cara da indeferenza a partir da secuenciación de escenas reais en cores e personificadas que rematan do mesmo xeito: Agora non, Bernardo. Os nenos son pequenos pero decátanse inmediatamente das incoherencias, do desapego, por moito que as súas necesidades primarias coma a comida, a roupa ou o cuarto e a cama estean presentes.

     Libro que contén varias lecturas, varios niveis segundo sexa a idade do lector, pero en todas a porta da reflexión está aberta.

     As ilustracións son coloridas e dan forma e vida aos personaxes realistas que reflicten escenas da vida cotiá perfectamente identificadas polos lectores máis novos.

                                                                                                                         ALBA PIÑEIRO

jueves, 7 de noviembre de 2019

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO CÍES PODCAST, OUTUBRO DE 2019

Hai uns días, Antonio García Teijeiro pasou polos estudios do CÍES Podcast que dirixen e presentan en Vigo os xornalistas Rafa Valero e Guada Guerra. Nesta ocasión, a interesante e sempre agradable conversa entre os tres xirou arredor da recenta visita de Antonio aos Estados Unidos, onde, entre outras cousas, pronunciou unha conferencia sobre a súa obra poética na Universidade de Tennessee en Martin. Neste novo episodio do podcast, Antonio falou tamén dos seus dous últimos libros, Bicos e non balas e Vento, ventiño, venteiro, que chegaron ás librarías recentemente. A conversa pódese escoitar nesta ligazón, a partir do minuto 29. E os lectores e lectoras de Versos e aloumiños que seguides o CÍES Podcast, estade atentos porque Antonio comezará no mes de novembro unha colaboración mensual no programa.




                                                                             ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

lunes, 4 de noviembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (6): "La muerte de Ulises", de Petros Márkaris






O lector coñeceu a Petros Márkaris porque lle falou del o seu amigo, o admirado Agustín Fernández Paz: “É unha novela negra diferente, comprometida e moi deste tempo”, díxolle o escritor de Vilalba.
O lector, coma sempre, fixo caso da recomendación e comezou a ler algunhas novelas deste escritor nacido en Estambul en 1937. Chamoulle a atención ao lector a súa colaboación co cineasta Theo Angelópoulos e a súa serie policial protagonizada por Kostas Jaritos.

    
Axiña comprendeu que Márkaris era un notario da súa época. Na súa obra apunta directamente á sensibilidade do lectorado para facelo comprender a realidade que o reodea e para que decida a posición que debe tomar diante dos problemas dunha sociedade que sangra e que traspasa as fronteiras de Grecia ou Turquía para facerse patente noutros espazos.

    O lector decidiu ler un libro que estaba perdido nun andel da súa biblioteca e que lle permitiu ler tres relatos policiais e outros de verdadeira actualidade sobre os problemas que a emigración forzosa provoca nas persoas.

     O lector leu La muerte de Ulises e, unha vez máis, volveu sentir feridas fondas no seu ánimo.
Petros Márkaris trasladou ao lector a preocupación que lle producen os lados escuros do ser humano.

     E o lector sufriu cos enganos, coas intransixencias e coa falta de sentido solidario dos personaxes que aparecen nestes relatos. O lector tocou a tenrura en moitos ocasións pero sentiuse alterado diante da mesquindade humana. Porque nestas narracións variadas aparece a envexa máis cruel que pode levar ata un asasinato. Retratados quedan os vellos rancores e as mafias que nos países dominan sobre as minorías étnicas, a intransixencia relixiosa e a xenofobia.

     E o lector sofre cando, no relato que dá nome ao libro, un ancián quere retornar a Estambul ao verse preto da morte -porque aí comezou a soñar- e le que unha organización paramilitar turca couta os seus soños.
Sente anguria o lector. E sente unha rabia contida que debe racionalizar. Aplaude esa crítica social dura, crúa e sen rodeos, que conteñen os relatos perante feitos que non deixan de repetirse.
Emigrados gregos, turcos. Persecucións, medos e ningún consolo.
E o lector comprende a Petros Márkaris e agradécelle o seu ton directo, cheo de enxeño, mentres lembra para si mesmo a situación da Grecia de Syriza tan maltratada polo Banco Central Europeo.

     A lucidez de Márkaris consegue emocionar o lector. Faino pensar e empúrrao a ter ben presente o moito que os poderes fácticos continúan a condicionar vilmente o desenvolvemento dos países nesta sociedade neoliberal que padecemos..

     E,unha vez máis, esa toma de conciencia prodúcese a través da literatura, como non pode ser doutro xeito.