É a frase do escritor vigués e Premio Nacional de
Literatura, Antonio García Teijeiro, que durante os vindeiros meses
ilustrará o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións de
Vigo
“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar”
- Antonio García Teijeiro escribiu tres frases e os
seguidores de Pereira nas redes sociais votaron pola que máis lles gustaba
- O valo de Pereira cumpre 11 anos cunha temática que
sempre relaciona a cidade de Vigo co mar, a pesca e os seus produtos
|
Foto "A movida" |
Vigo, 14 de xuño de 2022.- “As nubes deixan no mar bicos
e versos para soñar” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que
Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións da Avenida de Beiramar. O
escritor vigués e Premio Nacional de Literatura, Antonio García Teijeiro, é o
autor desta mensaxe. Pereira seleccionou tres frases do escritor relacionadas
co mar e convocou un concurso nas súas redes sociais para que os seguidores
elixisen a que máis lles gustaba. “O mar non ten paredes. Por iso inventa mil
horizontes” e “Cando a lúa chama o mar, deixa a voz na beiramar”, foron as
outras dúas frases que competiron coa gañadora.
|
Ruy Andrade Pereira introducindo o acto |
“Esta fermosísima frase vai ser a protagonista do noso
valo durante o vindeiro ano. Con esta iniciativa, que levamos realizando dende
hai máis dunha década, queremos por en valor a importancia da literatura
galega, tan nosa e tan importante no desenvolvemento da nosa cultura e da nosa
sociedade. Queremos agradecer a Antonio García Teijeiro que quixera sumarse a
familia de escritores galegos que durante os últimos anos participaron no noso
valo”, apunta Ruy Andrade,
Director de Comunicación de Pereira Productos del Mar.
Durante o evento de presentación Antonio García Teijeiro
expresou sentirse moi feliz vendo no valo os seus versos, “agradezo
fondamente que pensasen en min para que a miña voz lles fale ás persoas nun
valo que xa leva moita literatura enriba ao longo dos anos. Con este proxecto
tan noso, Pereira Productos del Mar demostra que hai maneiras diferentes e
luminosas de facer publicidade. Poñer no valo das instalacións que ten a
empresa en Beiramar frases ou versos de escritores e escritoras de Galicia é
facer país. E que sexa en galego, aínda máis. É este un proxecto que se
converte nunha aperta cálida á nosa cultura, á nosa literatura e á nosa lingua.
É humanizar galeguizando a súa oferta. É algo que abre fiestras a horizontes
máis ricos e auténticos e que axuda a facer Galicia”.
|
AGT diríxese aos asistentes. (Foto A Movida) |
Antonio García Teijeiro quixo poñer en valor a iniciativa
de Pereira Productos del Mar, “a empresa valora o nivel cultural da nosa
terra e faino dun xeito que acariña sensibilidades. Non son moi frecuentes no
tecido empresarial este tipo de propostas e hai que aplaudilas. É unha proposta
valente nos tempos que corren para o idioma galego. É dignificalo, facelo
visible e axudar a querelo. É o galego dos poetas, pero tamén dos mariñeiros,
das persoas que viven do mar, da sanidade, da educación, dos traballadores e
traballadoras en xeral. É querer e vivir o noso. Conciencia de sermos quen
somos. Grazas a Pereira Productos del mar por facernos sentir orgullosos do que
amamos.”.
|
AGT con José Enrique Pereira e Ruy Andrade ao final do acto |
Domingo Villar, moi presente
Este acto quixo converterse tamén nunha pequena homenaxe
ao escritor Domingo Villar, recentemente falecido e que formou parte da familia
de escritores e poetas que durante os últimos anos colaboraron coa iniciativa
de Pereira Productos del Mar.
|
Domingo Villar |
“Podo temer a morte, pero non quero ter medo a
estar vivo” (2020) do libro “O último barco” e “O tempo, o sol e o mar
engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” (2019)
da obra “A praia dos afogados” foron as frases das obras de Domingo Villar
presentes no valo de Pereira durante dous anos consecutivos, en 2020 e 2019,
respectivamente. “A perda de Domingo Villar é fondísima, foise un dos referentes
da literatura galega pero sobre todo unha persoa dunha gran calidade humana,
sempre estará no noso recordo”, comentou emocionado Ruy Andrade.
Once anos de poesía
“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” toma o
relevo a “O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” da poeta Yolanda
Castaño que estivo no valo durante o ano 2021. Anteriores foron as frases de
Domingo Villar en 2020 e 2019. “Neste mar navegan os barcos da nosa vida” da
escritora viguesa Ledicia Costas foi a mensaxe seleccionada en 2018. “Estamos
en la bahía de Vigo y sólo de usted depende que pueda conocer sus secretos” da
obra de Julio Verne “20.000 leguas de viaje submarino” ilustrou a valle en
2017. “A maxia de saber amar” (2016) y “Cada palada cuenta” (2015) foron outras
das frases que os viandantes en condutores que pasaban por Beiramar puideron
desfrutar e que foron propostas e votadas polos seguidores nas redes sociais.
|
Últimos carteis do valo |
Desde 2012, ano no que naceu a iniciativa e ata 2014,
estas foron as frases que seleccionou a empresa por orde cronolóxico: “No
importa el frío, no se nos congelará el corazón”, “Un mar de sabores” y “Este
mar nos ha llevado al mundo”.
O acto de presentación do valo tivo lugar este venres a
bordo do barco da Armadora Pereira “Argos Pereira” dende o que se podía ler a
frase e o deseño do valo deste ano. O acto contou tamén cos gañadores do
concurso activado nas redes sociais para seleccionar a frase do valo así como
responsable da empresa.
Antonio García Teijeiro
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É
especialista en literatura infantil e xuvenil e imparte cursos de animación á
lectura, creación literaria, talleres de poesía e conferencias. No VI Simposio
sobre Literatura Infantil e Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, o seu
libro “Versos de Agua” foi elixido entre os 100 mellores libros do século XX.
Co seu libro “Poemar o mar”, que forma parte dunha triloxía na que o mar é o
protagonista e está escrita en galego, foi merecedor do Premio Nacional de
Literatura Infantil e Xuvenil. Ademais, conta co Premio Merlín por "Na
fogueira dos versos" (1996), co Premio Europeo Pier Paolo Vergerio,
promovido pola Universidade de Padua (1998) e co Premio de poesía “Illas
Sisargas” polo poemario “Arredor do teu corpo” (2006). Antonio García Teijeiro
foi recoñecido como Vigués Distinguido en 2018 pola súa contribución á
literatura infantil e xuvenil galega.
|
Foto A Movida |