martes, 30 de mayo de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (9) "Miño", un segundo libro que recolle nova antoloxía do relato galego.

 


                       SOBRE  “MIÑO”(Antoloxía do relato galego actual).

                                                                                            Antonio García Teijeiro


Hai proxectos que se converten en esenciais no mesmo intre de ser pensados. E son esenciais polo valor que lle proporciona á cultura dun pobo. Son proxectos abertos, cheos de contido, que salientan -como ao que me vou referir-  a identidade cultural e, neste caso, a identidade e a puxanza da literatura escrita en galego.

     Miño é o segundo volume (o anterior foi Fisterra), que xorde dunha iniciativa da asociación Amigos do Libro Galego/Artes e Letras, coordinada con moito criterio polo xornalista Xosé Manuel del Caño e editada nesta ocasión por Edicións Xerais.

     En Miño recóllense 38 relatos de escritoras e escritores de Galicia nunha mostra fundamental para coñecer a auténtica realidade da narrativa actual na nosa lingua e, en particular, do relato curto.

     Cun limiar e un epílogo escritos por Rexina Vega e Antón Riveiro Coello, dun interese excepcional, Miño é unha voz que fala ben alto da forza que ten a nosa literatura.

     

Xosé Manuel del Caño, coordinador do proxecto


     Hai en Miño moita diversidade tanto formal coma temática. Enfoques narrativos ben diferentes, técnicas variadas e voces que ofrecen a riqueza narrativa dun modelo literario, o relato curto, que pide paso con insistencia no escaparate da nosa literatura. Unha literatura que contou sempre con magníficos exemplos deste xénero -Fole, Dieste, Cunqueiro, Ferrín, Casares, Neira Vilas…- e que, polo visto neste libro, a calidade do xénero está garantida.

     Este volume reflicte que a literatura galega non é unha literatura menor, que está desexando ser valorada na súa xusta medida e intentando desbotar a falta de autoestima que tan mal lle fai.

     E como apunta con precisión Rexina Vega no texto Todos somos reiseñores: En Miño pode observarse a enorme diversidade e calidade que caracterizan hoxe a narrativa do noso país. Nunca como agora tantas voces creando tantas liñas de sentido, tantas formas de ordenar o mundo.

 

                                                                                                                         Antonio García Teijeiro


miércoles, 24 de mayo de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (8) AI, A VIDA EN VERSO! Dous achegamentos necesarios á vida e obra de Rosalía de Castro e Luis Seoane. (Primeiras idades).

 



Hai proxectos que non podo máis que celebrar polo que teñen de calidade e de necesario. Vivimos nunha literatura minorizada e todo o que se faga por facela máis fonda e de maior coñecemento da mesma é pouco. Para iso precisamos que os máis novos comecen a collerlle gusto á palabra literaria dende as primeiras idades. Que se lles acheguen libros axeitados aos seus intereses, escritos e ilustrados con respecto e editados dun xeito atractivo para que chamen a súa atención.

 


     Todo isto vén a conto da recepción de dous libros marabillosos, moi ben editados e que me parecen absolutamente necesarios.

Refírome a esa nova colección, Miudiños, que sae do prelo por iniciativa de Edicións do Cumio. Teño os dous primeiros volumes na miña man e podo asegurar que suscitaron en min un interese enorme.

O autor e autora destes libros son Alba De Evan e Xabier Domínguez. Veño seguindo con atención  estas dúas persoas e debo dicir que sempre me sorprenden con tarefas, cheas de vida, orixinais, frescas e anovadoras. Seguídeos e veredes que o que estou a dicir é rigorosamente certo. En cada proxecto que acometen o bo gusto e a paixón literaria brillan con luz de seu.

 

Xabier Domínguez e Alba De Evan

     Desta volta, presentan Rosalía de Castro e Luis Seoane. E que nos ofrecen? pensarán vostedes. Pois dous fermosos achegamentos á vida de artistas importantes da nosa cultura a través de diferentes biopoemas, é dicir, a vida e a obra contadas con sinxelexa en verso, para que gocen lectoras e lectores das primeiras idades. Paréceme unha idea marabillosa. Áxil, rítmica e con datos que se expresan mediante versos que aloumiñan.

 

     No volume dedicado a Rosalía, á parte da breve biografía en verso (Hai moito tempo, / nunha noite na que o inverno ruxía, / naceu unha nena, / á que puxeron por nome Rosalía), atopamos, unha pequena presentación do libro, unha cronoloxía da súa vida e o poema de Cantares Gallegos, As de cantar/ que ch´ei de dar zonchos; as de cantar/ que ch´ei de dar moitos.

Produce un pracer infinito ler un libro feito con tanto gusto.

 


     No segundo volume, dedicado a Luis Seoane, ademais dunha explicación do personaxe, temos a vida en verso e a cronoloxía. Pecha o libro a reprodución do óleo El e ela, pintado sobre lenzo en 1976. Interesante achegamento a un artista xenial, multidisciplinar (editor, pintor, xornalista, poeta…) cunha vida complexa e moi interesante.

 

     Non podo deixar á beira a Bea Gregores, a ilustradora, hoxe xa unha artista recoñecida, que lles dá a ambos libros o seu selo persoal, cheo de cor e cunhas figuras moi expresivas, e suxestivas pola limpeza do seu trazo e a orixinalidade da súa proposta estética.

 

Bea Gregores

     Parabéns aos tres e a Edicións do Cumio por esta proposta e desexando que a colección continúe. Unha fermosa maneira de facer Galicia.


jueves, 18 de mayo de 2023

LETRAS GALEGAS: "O camiño andado de Don Paco"

 

Francisco Fernández del Riego

      

 Aínda que os días das Letras Galegas teñen que ser todos os días do ano, non podo menos que salientar o acerto de dedicar a Francisco Fernández del Riego esta conmemoración. Don Paco, como se lle chamou agarimosamente, é unha das figuras sobranceiras da literatura galega. Avogado, ensaísta, narrador, cronista, articulista, activista da nosa cultura, impulsou unha chea de empresas culturais, vencellouse ao galeguismo dende os anos da República e participou das iniciativas co grupo Nós e co Seminario de Estudos Galegos.

      Desempeñou un papel decisivo na formación de Editorial Galaxia, da que foi director, e na andaina da revista Grial, da que foi codirector durante os seus cen primeiros números.

     Fernández del Riego foi un home que loitou por e para Galicia por riba de todo. A fundación de Galaxia resultou unha ardua aventura cultural e política (estivo no cárcere, foi perseguido polo franquismo e viviu intres moi duros na posguerra) protagonizda por un feixe de homes que, nos anos máis escuros da ditadura, loitaron pola pervivencia da identidade de Galicia.


Fundación da Editorial Galaxia

A vida intensísima se lemos a excelente biografía que escribiu Malores Villanueva, persoa moi próxima a el, Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, moitas veces vivida a límites insospeitados deixou pegada neste noso país tan necesitado de referencias socioculturais.

        A vida de Fernández del Riego, sempre foi alimentada dunha paixón e dunha fidelidade: Galicia e a súa cultura.

     


     Por certo, el foi quen propuxo á Academia Galega a celebración dun día especial de celebración da nosa lingua. Malia algún pequeño atranco, foi aceptada a proposta e cada 17 de maio estamos inmersos na festa da lingua e da cultura.

      Celebremos a súa obra. Valoremos a súa actitude incansable. Leamos os seus libros. É unha ledicia perderse polas súas páxinas.

 

Don Paco, co seu retrato detrás  (Foto de Alba Villar)

     E postos a recomendar -tarefa nada doada- eu recomendo a biografía do autor, escrita por Malores Villanueva, e Camiño andado, unha sorte de autobiografía e crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde o autor asume asume a experiencia vivida para percorrer, desde a memoria, o camiño andado que vai desde o agromar da República e o pulo do galeguismo ata o labor cultural para reconstruír na clandestinidade aquel alento esvaecido. Dende a sublevación militar, que borrou o futuro, ata as posibilidades que abriu a chegada da democracia.

Un libro cálido e, á vez, claro e valente.

E se queremos unha pequena introdución no seu mundo, temos o magnífico achegamento, Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, da man do prestixioso escritor e investigador literario, Ramón Nicolás.

 



Na parte final do limiar de Camiño andado, (Ó abrir o suco), podemos ler as seguintes palabras:

 “Con todo, non se atinxiron aínda os obxectivos que é necesario acadar. No marco do autogoberno, sen completar, hai hai que procurar o camiño do porvir. O que, axeitado ás características diferenciais da nacionalidade, permita o seu real progreso. Para iso debe tamén desterrarse o cultivo maniqueo da política, as prácticas de calquera caciquismo embafado. Nese empeño laboraron arreo  os intelectuais do galeguismo. Ofrecemos exemplo de xenerosidade, de desprendemento, de amor e servizo desinteresado á terra natal. Estabamos posuídos pola paixón. Eramos persoas que dedicamos as nosas vidas á defensa de Galicia e da verdade. Pero non nos valemos dun único vieiro para nos achegar a esa finalidade. Foron moitos os vieiros seguidos: o da literatura, da arte, da filosofía, da ciencia.”

Nada que engadir. Sigamos o seu exemplo.

 

                                                                                                                            Antonio García Teijeiro

 


miércoles, 10 de mayo de 2023

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO POEMARIO "O poder da fraxilidade", DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 




Como xa informou Versos e aloumiños no seu día, o día 30 de marzo  presentouse na Librería Librouro o meu novo libro de poesía, O poder da fraxilidade.

Levaba seis anos sen publicar un poemario para adultos e xa tocaba.

O acto foi fermosísimo. Magnífica a introdución  de Fernando Fernández en representación do Ateneo Atlántico, coorganizador do evento coa Editorial Belagua, que editou o libro.



Edurne Baines, directora da editorial, falou deseguido e An Alfaya, escritora, referiuse a el dun xeito brillante. Todos os discursos reflectiron un enorme agarimo cara á miña persoa.

Alberto Cunha e o seu irmán, Andrés, puxeron a nota musical, marabillosa, interpretando tres temas que enfeitizaron aos asistentes.



Unha tarde de amor á poesía, á música, cunha emotividade que nos deixou ben felices.

 Pois todo o acto podedes desfrutalo aquí embaixo no audio que foi gravado durante o evento. Un documento fermoso para gozar da música e da palabra poética.






lunes, 1 de mayo de 2023

BREVE APUNTAMENTO SOBRE A MIÑA PARTICIPACIÓN NA "FILbo", de BOGOTÁ.

Na FILbo



Amo fondamente América Latina. Os seus proxectos novidosos, as súas culturas indíxenas, a forza da terra e, sobre todo, as súas xentes son dignos de telos presentes decote.

A tenrura da xente


Comprobeino en México, Medellín, Buenos Aires, na Habana e, hai uns días, en Bogotá, a capital de Colombia.

Visitei esta cidade convidado pola Feira Internacional do Libro (FILbo) para particicipar en tres actos deste evento extraordinario.



As emocións vividas estes días están aínda a flor de pel debido ao afectos, a educación e o interese con que foron seguidos estes tres actos polo público en xeral.

Sen palabras fiquei no Centro de Día “Las Acacias”, no barrio do mesmo nome, na localidade limítrofe con Bogotá, Ciudad Bolívar. As sensacións vividas alí son difíciles de expresar con palabras. Persoas maiores, moitas delas con problemas económicos grandes, participaron no encontro cunhas ganas incribles. Programas inclusivos nestes centros (25 en Bogotá) que fan da vellez un período rico, luminoso en actividades, afastado de clichés e que serven para que esas persoas se sintan útiles. E de que maneira!


No Centro de día "Las Acacias", despois do acto

Linlles, cantaron, xogamos coas adiviñas, dixeron poemas en voz alta, deixaron testemuños persoais ben emotivos e…fomos felices!

 

Cos maiores. Que emoción!

O segundo acto, xa no recinto da Feira discorreu arredor do que é escribir poemas para a infancia, descubrir a mirada dun neno ou nena a través da poesía. Compartín conversa coa escritora, investigadora de LIX e antóloga de poesía colombiana escrita para a rapazada, Beatriz Helena Robledo. Puntos de vista moi coincidentes que me permitiron observar o bo camiño e saúde da poesía infantil colombiana. O acto foi retransmitido por televisión e polas RRSS.

 

Con Beatriz Helena Robledo e Laura, a moderadora

E o terceiro acto foi moi especial para min, porque, case dezaseis anos despois, volvín partillar conversa cun ser excepcional: Fredy Chikangana, poeta wayuu, que escribe en quechua. Emotividade a miles, xa que o tema da mesa era a relación entre as nosas linguas (galego e quechua) con relación ao español. Asistiu moitísimo público que seguiu moi atentamente as palabras de nós os dous e os recitados nas nosas linguas respectivas. A moderadora, magnífica, foi Adriana Mª Campos, investigadora e doutora en Literatura da Universidade de Los Andes, que fixo da conversa unha serena reflexión sobre as diferenzas entre linguas maternas e culturais.

O público aplaudiu cada recitado e saíu moi satisfeito do acto.

 

Con Fredy Chikangana e Adriana Mª Campos, a moderadora

Unha nova experiencia que, grazas á poesía, me fixo máis humano e máis consciente, se cadra, da necesidade de apertura a culturas que, sendo tan próximas, resultan excesivamente afastadas das nosas realidades. E canto nos enriquecen!


Na Praza Bolívar diante da estatua do Libertador

Pouco tempo libre. A Feira é algo que te envolve, que te emociona (cantos escolares enchían as mañás paseando por ela e achegándose aos libros!), pero tivemos tempo de achegarnos a La Candelaria, centro histórico de Bogotá) para gozar da beleza do lugar e pasear por rúas fermosas, pola Praza Bolívar e visitar os museos del Oro e de Fernando Botero, cada un no seu estilo, espectaculares.


No Museo del Oro



E reencontros con escritores e escritoras coñecidos como o cubano Enrique Pérez Díaz (cantos anos sen abrazalo), Ana Alcolea (moito compartimos con ela), Fanuel Henán, María García Esperón e poder saudar outros como John Fitzgerald Torres, con quen intercambiei algún libro de poesía infantil.

 

No Museo Botero



Salientar, tamén, que México foi o país convidado pola Feira neste 2023. Cun pavillón fermoso e deseñado con moito gusto, puidemos admirar murais dunha beleza extraordinaria, papiros de hai séculos e a máquina de escribir que mercou no país centroamericano Gabriel García Márquez, coa que escribiu Cien años de soledad. Unha alfaia para os que amamos a escrita deste autor.

 

No Pavillón de México, diante da máquina de escribir de García Márquez


Repito, nunca poderei estar agradecido de abondo á literatura por permitirme gozar das vivencias tan fondas e gratificantes coma esta.

 

Por certo, dentro dunhas datas, Versos e aloumiños subirá os audios das conversas do 2º e do 3º actos, gravados para o noso blog.