Se algún día volvo ser
neno e teño que comezar a miña escolarización, pedirei a quen corresponda que Beatriz Fraga sexa a miña mestra de
Educación Infantil. Removerei ceo e terra para conseguilo.
Estiven na súa clase de
E.I. no CEIP García Barbón en Vigo e puiden constatar o clima de agarimo que
existía naquel espazo educativo.
|
Beatriz Fraga |
Beatriz Fraga é unha
muller encantadora. Unha muller encantadora que escribe moi ben. Unha muller
encantadora que adora o seu traballo. De aí que leve ben anos arredor do mundo
literario infantil. As súas traducións ao galego de obras como Pinocchio e Heidi ou das lendas indias norteamericanas recollidas no libro Dadahwat
son testemuño do que digo.
Pero alguén como Beatriz Fraga, que tanto ama os
nenos, tiña que escribir algo moi próximo a eles. Así naceu o personaxe de
Marcelo o morcego (Ed. Galaxia), un conto en prosa rimada, ateigado de
humor e de crítica a certos papeis que as persoas desenvolven nesta sociedade
nosa tan inxusta. Delicioso.
En decembro de 2012 viu a
luz un libro fermoso de relatos, O Rei Portador e outras historias
(Euseino?Editores), que nos transporta ao desexo de contar historias. Un libro
do que xa se falou neste blog-revista. Un libro no que a autora volve contar
historias para que non queden fixadas no pasado, para que formen parte do
presente. Mitos, lendas, relatos que trazaron o perfil da nosa civilización.
Unha pequena xoia...
|
Con Bea Fraga na súa aula dee E.I. |
Ben, pois Beatriz Fraga
tiña que estar na sección A luz das palabras. Pedinlle varias veces as súas verbas e cumpriu. Envíanos un texto orixinal,
cheo de sabedoría e que nos transporta polo mundo das artes.
Un texto intelixente,
curioso, que vai facer as delicias de quen se achegue a el.
Estamos moi contentos en Versos
e aloumiños de publicar estas palabras cheas de luz.
|
"Rinoceronte". Oudry |
Clara, máis
alá dun cadro
“…hai que achegarse sen desgusto á observación
sobre cada animal, porque en todos hai algo de natural e de fermoso”
Aristóteles.
Das partes dos animais
A necesidade de
acceder ás riquezas de Asia fixo que un novo espírito se apoderase de británicos,
holandeses, portugueses e españois, que percorreron o planeta en procura de
novos horizontes. Esta época deuse en chamar a era dos descubrimentos e
abrangueu desde o século XV ata o XVII. Trátase dun periodo caracterizado polas
viaxes ás Indias e polas descubertas xeográficas, cartográficas, científicas e
culturais periodo que se vería nutrido polas descricións literarias de
navegantes e viaxeiros. Todo isto, unido ao espírito renacentista, fixo que se
iniciase a arte de coleccionar plantas, animais e minerais. Foi así como xurdiron
os primeiros gabinetes de curiosidades.
Artistas como o
alemán Alberto Durero (1471-1528) e o italiano Leonardo da Vinci (1452-1519)
estudarán e debuxarán a anatomía dos animais, contribuíndo cos seus traballos
ao progreso do coñecemento. Entre eles, non debemos esquecer a figura de Ulisse
Aldrovandi (1522-1605), primeiro profesor de historia natural da Universidade
de Boloña e debuxante naturalista.
|
Alberto Durero |
Nobres e reis
iniciaron coleccións de animais vivos trasladados desde outras latitudes e que
ubicaron nos seus xardíns e palacios; de aí naceu o termo de “casa de feras” ou
ménagerie. Unha das máis coñecidas ménageries, foi a creada por Luis XIV en
Versalles en 1663 e deseñada por Louis Le Vau (1612-1670). Cun elenco de
animais peculiares, recompilados por medio das comisións reais, dos regalos
diplomáticos e das adquisicións, foi un dos primeiros gabinetes de curiosidades
existentes.
Estes “zoos palacegos”, símbolo de poder, aínda que non foron
concibidos con fins didácticos, conseguiron ser fonte de investigación
científica.
Cando se creou a
Académie Royale des Sciences, en 1666, moitos naturalistas decatáronse das posibilidades que tiña a ménagerie para o estudo dos animais, non
só como axuda aos traballos de campo, para tomar notas e facer bocetos, senón
como ferramenta de investigación, tamén polo seu valor para o estudo anatómico fornecido
polos animais que non sobrevivían.
|
Academie Royale des Sciences en 1698 |
As ménageries serviron de fonte de
inspiración para as artes plásticas; moitos pintores visitáronnas asiduamente para
inspirase nos seus traballos tal como se fosen enciclopedias visuais. Pintores
e artistas empregaron os animais como modelos para os seus estudos. Estas
pinturas resultaron ser verdadeiros documentos que reproducían especimes descoñecidos
para a maioría da xente fornecendo material para o campo da historia natural,
florecente nese momento.
|
Unha menagerie |
Anteriormente, unicornios
e bestas foran pintados, imaxinados como fantasías zoolóxicas, nos bestiarios
medievais pero estes novos retratos, feitos con “modelos posando”, dotarían á pintura
de veracidade e nalgúns casos de “sentimentos” por chamalo dalgún xeito. Converxían así a idea aristotélica acerca da
consideración moral dos animais da que dou conta nos seus escritos.
Artistas da época,
coma Pieter Boel (1622-1674), e Nicasius Bernaerts (1620-1678) pintaron animais
para Luis XIV. Aínda que entre os maiores expoñentes na arte de “retratar”
animais, cómpre salientar a Jean-Baptiste Oudry (1686-1755), pintor, gravador e
deseñador de tapices. Oudry demostrou a súa mestría e sensibilidade á hora de
captar a anatomía e o “carácter” do animal. Bo exemplo diso son os cadros titulados
Leopardo (1741, óleo de 131x160 cm), Casuario
(1947, 162x127 cm), León, (1752,
307x258 cm, no que representa ao xa extinto león Atlas) e Rinoceronte (1749, 310x456
cm). Esta última obra é un magnífico cadro no que nos imos deter deseguido.
|
Luis XIV |
Oudry
e a pintura de animais
A ménagerie pictórica de
Jean-Baptiste Oudry foi ideada como un espectáculo decorativo para o Xardín do Rei, coñecido como Xardín Real
das plantas medicinais, un xardín botánico de París creado por Guy de La
Brosse en 1635. Os cadros de Oudry finalmente non acabaron nas paredes do
edificio do xardín e Oudry atopou outro comprador, Christian Ludwing II, Duque
de Mecklenburg-Schwerin, para o seu León
e para o cadro Rinoceronte.
A obra de Oudry
titulada Rinoceronte plasma un
rinoceronte procedente da India. Pero detrás do
cadro hai unha historia. O rinoceronte femia fora acollido polo director da
Compañía das
Indias Orientais Holandesas, Albert Sichterman, despois de que a
nai da cría morrera.
|
Douwe Mout van der Meer |
Regalada, ou vendida, en 1740 a Douwe Mout van der Meer, este levou o rinoceronte a Holanda.
A Chegada a Róterdam do animal, en 1741,
acadou unha enorme popularidade, desatando unha especie de “moda” dos
rinocerontes. Exhibida en Antuerpen, Bruxelas e Hamburgo, Douwe
Mout van der Meer deixou a Compañía das Indias Orientais para facer unha xira
co seu rinoceronte femia. Bautizado polos alemáns co nome de Clara,
o animal superou a fama do rinoceronte de Durero (1515).
|
Desembalaxe do cadro para a Exposición do Staatliches Museum Schwering. |
O mesmo ano da chegada de Clara a Europa, Georges-Louis Leclère
(1707-1788), conde de Buffon, convenceu á Imprimiere Royale para editar os
primeiros volumes da súa Histoire
naturelle (1749-1789). No volume 11, que non sería publicado ata 1764,
Buffon fai unha descrición pormenorizada de Clara. O estudo do naturalista
aparecía acompañado dun gravado de Jean-Charles Baquoy (1721-1777) feito a
partir dun debuxo no que Jacques de Sève (1742-1789) reproducía o cadro de
Oudry.
Mentres que
Durero representou a dureza da pel do rinoceronte cubrindo o animal cunha especie de armadura,
no cadro de Oudry Clara semella estar recuberta por unha codia de auténtica pel
dura e brillante.
|
Jean-Baptiste Oudry |
No cadro de Oudry, o animal adopta as convencións
do retrato señorial, xa que o animal parece estar posando para o pintor. De
fondo, unha paisaxe lene, imaxinada, coa que quizais se trate de suxerir o hábitat,
aínda que máis ca iso semella ser un fondo teatral para enfatizar a figura que
posa.
O artista no só pinta a anatomía do animal e
as súas peculariedades senón que o dota de “personalidade”. Non hai máis que
miralo aos ollos para decatarse de que Clara tamén nos mira. O suposto
“contacto visual” entre a protagonista e o observador dá paso á escopofilia ou
contemplación pracenteira. O azaroso da proximidade coa besta exótica e
perigosa non é tal, senón que o observador sente empatía pola retratada.
O cadro, de tres por catro metros e medio,
plasma a envergadura dun gran rinoceronte, a ilusión da presenza real do animal,
a proximidade do mesmo sen foxos ou gaiolas que o afasten de quen o contempla.
Ergueitas as orellas, e cunha mirada confiada, Clara transmite serenidade.
BEATRIZ FRAGA