Breve Perfil Biográfico


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO naceu en Vigo no ano 1952. Exerceu como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade e a día de hoxe xa está xubilado.

Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, másters e conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións

Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para a mocidade, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as.

Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

No VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR o seu libro Versos de agua (en galego Cacarabín, Cacarabón) foi elixido entre Los 100 del Siglo XX.

O seu libro de relatos Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do “Fórum Barcelona 2004”.

Gañou no ano 2006 o I Premio Illas Sisargas de Poesía erótica co seu libro Arredor do teu corpo.

En 2007 gañou o Premio de poesía infantil “Luna de aire” convocado polo CEPLI / Universidade de Castela-A Mancha, co libro Estelas de versos, escrito en colaboración co escritor Rafael Cruz-Contarini.

O seu  libro Un rato díxolle á lúa recibiu o premio Fervenzas Literarias en 2014.

O libro compartido con Antonio Reigosa, Lendo lendas, digo versos recibiu o premio á mellor iniciativa bibliográfica na I Gala do Libro Galego.

Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías ( e libros conxuntos) tanto en galego coma en castelán ou catalán en España e Latinoamérica. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia e por músicos da categoría de Antón Seoane, Mamá Cabra ou Paco Ibáñez, e son motivo de rigorosos estudos críticos.

Como tradutor ao galego leva realizado diversos traballos dentro do eido literario infantil e xuvenil.

Dirixiu o programa radiofónico de música e poesía Os sons do silencio.

Durante un tempo foi columnista do semanario “A Nosa Terra” onde escribía  sobre lectura, literatura infantil, ademais de artigos de diversa índole.

Dirixe o blog-revista “Versos e aloumiños”.