viernes, 27 de septiembre de 2019

CONFERENCIA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA UNIVERSIDADE DE MARTIN, TENNESSEE: A poesía como xeito de vida (Poetry as a Way of Life)

Foto: Jana McFarlin
Na tarde de onte, 26 de setembro, no auditorio do edificio de Humanidades da Universidade de Tennessee en Martin, Antonio García Teijeiro, presentado por Antón García-Fernández, ditou unha conferencia arredor da súa obra diante dunha audiencia moi interesada formada por profesores e alumnado do departamento de linguas estranxeiras do centro universitario.

Foto: Casey Langley
A conferencia, a xeito de conversa bilingüe co presentador da mesma, tratou de achegar aos presentes as diversas formas de enfrontarse á obra literaria dun autor que leva escribindo máis de trinta anos. O acto consistiu, ademais, nun recital poético en castelán e galego, con introducións explicativas en inglés a cargo de García-Fernández. Houbo, finalmente, unha rolda de preguntas por parte da audiencia que podería ter sido aínda máis longa se se tivese disposto de máis tempo. Todo o acto desenvolveuse nun clima de cordialidade, de respecto e de agarimo pola palabra poética.


Foto: Casey Langley

Para todos aqueles e aquelas que non puideron estar presentes e que desexen coñecer como se desenvolveu a conferencia, deixamos aquí abaixo a gravación completa en vídeo dunha velada inesquecible e moi especial.






domingo, 22 de septiembre de 2019

"Os adolescentes de hoxe son moi creativos", artigo de Manuel Veiga

(Foto do blogs.upn.edu.pe)




Cada achega de Manuel Veiga a Versos e aloumiños é unha chave para falar de temas de actualidade que, moitísimas veces, se tratan dun xeito demasiado convencional e, por iso, cunha certa inxustiza.
     A este escritor e xornalista monfortino preocúpanlle algúns asuntos que deberían ser tratados con maior seriedade e de maneira máis rigorosa.
     Desta volta, preséntanos un artigo interesante sobre a mocidade e a súa creatividade, tomando partido a prol dos mozos e mozas, tan inxustamente tratados nas diversas épocas.
     Como se os adultos non fósemos seres en formación e non moi distintos nos diferentes momentos da historia!
     Lede, pensade e formádevos unha opinión.




Manuel Veiga   (Foto de A.González-Alegre)




                     Os adolescentes de hoxe son moi creativos

Manuel Veiga Taboada

Gústame o director de cine Jim Jarmusch. Pero non vou falar agora das súas películas, senón de algo que afirmou recentemente nunha entrevista. Transcribo a frase: “O mundo é dos adolescentes. A xeración que hoxe en día pasa por eses anos é moi creativa, arriscada no cultural. Fascíname o que están a facer”. Só lles pon un pero: “Ás veces confúndeos a revolución hormonal”.

     
Jim Jarmusch
A opinión de Jarmusch vai contracorrente. Todos os días se pode oír a xente moi variada criticar a xente moza, sobre todo porque usa moito os móbiles e as redes sociais. Eu sempre lles lembro que cando tiña vinte anos, en pleno verán, saía de casa despois de comer e acostumaba a ir a un bar discreto que estaba cheo de mozos. Todas as mesas estaban ocupadas. Todos eles, rapaces e rapazas, pasaban (ou mellor serían dicir desaproveitaban) un dos mellores momentos da vida xogando ás cartas. Deixaban transcorrer aqueles seráns fermosos, de tres da tarde a dez da noite, nada menos que sete horas seguidas, lémbroo moi ben, xogando á baralla. A min parecíame asombroso. Nunca lle encontrei moito sentido aos xogos de mesa.


     Faleino con outras persoas e moitas confirmáronme esa paixón, no seu ámbito, a esas idades, polo tute, o chinchón, o mus, etc., etc.  Tamén podería falar das máquinas de flipper –a esas si que xoguei bastante–, de tirarse pedras uns a outros, pero non quero estenderme.

     En todo caso, esa memoria lévame a non crer que agora o dos xogos de ordenador ou o uso excesivo doutras tecnoloxías poida resultar grave. Claro que se poden facer cousas mellores, pero en todo caso non vexo aí unha traxedia nin un problema irresolúbel.
O que si é certo é que hoxe os adolescentes teñen moita máis e mellor información da que tiñamos nós. O manexo de tantas posibilidades fai que lles sexa máis difícil escoller o camiño a seguir. A mocidade de hoxe chega a formarse un criterio propio máis tarde, é dicir tarda máis en madurar, pero a cambio faino mellor, con máis datos na súa cabeza. Os períodos de aprendizaxe dilatáronse, de aí que sexa tan corrente á frase: “Eu cando tiña 17 xa facía isto é aquilo. Vós parecedes abobados. Iso é por culpa de estar todo o día cos ordenadores”.

     Jarmusch afirma, non obstante, o contrario. Como persoa vinculada ao mundo da creación, a través do cine e a música, probabelmente sabe do que fala, ten experiencia nese sentido.
Se eu tivese que facer un vaticinio diría o mesmo que Jarmusch: os adolescentes de hoxe serán máis creativos. A lóxica convida a pensar iso. Creo que deberiamos desprendernos dalgunhas inercias e prexuízos e observalos cunha visión máis ampla.

     
Sócrates
Non repitamos os tópicos dos vellos que nos criticaban a nós, cando eramos novos, en parte con argumentos parecidos. Hoxe é fácil encontrar na internet algunhas citas clásicas que nos ilustran sobre ese rexeitamento dos vellos aos novos. Vemos que é un tema habitual na historia da humanidade.
“Á nosa mocidade gústalle o luxo, está maleducada, búrlase dos superiores e non respecta en absoluto os anciáns. Os nosos fillos de hoxe convertéronse en tiranos, non se poñen en pé cando chega unha persoa de idade, contradín os seus pais; falando en prata: son moi malos”. (Sócrates, século V, antes de Cristo).

     “Perdín toda esperanza no tocante ao futuro do noso país se a mocidade de hoxe empuña mañá as rendas do poder, pois esta mocidade é insoportábel, impulsiva, simplemente horríbel”. (Hesíodo, séculoVIII, antes de Cristo).
“O mundo no que vivimos acadou unha fase crítica. Os fillos non obedecen xa os seus pais. Polo visto, o fin do mundo non está moi lonxe”. (Sacerdote exipcio que viviu máis de dous mil anos antes de Cristo).

Hesíodo

“Esta mocidade está podre até o fondo da súa alma. Os mozos son pérfidos e neglixentes. Nunca se parecerán os mozos doutros tempos. A nova xeración de hoxe en día non saberá conservar a nosa cultura”. (Texto nunha vasilla de barro atopada nas ruínas de Babilonia. A vasilla foi construída uns tres mil anos antes da nosa era).

     Pensemos agora algo. Calquera rapaz ten hoxe doado acceso a textos coma estes e pode moi ben sacárnolos a relucir. Creo que, se queremos axudar a xente nova, se queremos fornecerlle un criterio mellor, tamén nós, os maiores, debemos prepararnos. Encontrarémonos cada vez con xeracións máis esixentes. A nosa experiencia interesaralles pero temos que saber transmitirlla. 

     Non sei se os sermóns serviron algunha vez, pero hoxe desde logo son menos útiles que nunca. Para transmitirlle os nosos coñecementos, temos que empezar por observar os nosos adolescentes, como fixo Jarmusch. Tamén nós temos que aprender a contextualizalos a eles, na nova época que todos estamos vivindo.

martes, 17 de septiembre de 2019

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ E A SÚA HOMENAXE EXPLÍCITA A LOVECRAFT

Agustín Fernández Paz (1947-2016)
Durante os meus anos de estudante de instituto, unha das poucas novelas que foron lecturas obrigatorias na clase de galego que me resultaron de verdadeiro interese foi Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Publicada en 1995 na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, esta obra curta era, en palabras do propio autor, "unha homenaxe explícita a Lovecraft." Para min supuxo unha introdución ao universo lovecraftiano. Eu xa estaba interesado na literatura de terror e misterio e xa lera textos de Edgar Allan Poe, Sir Arthur Conan Doyle ou Bram Stoker, pero quen seria ese Lovecraft de quen se falaba na novela? Comecei a investigar na impresionante biblioteca dos meus pais e alí atopei a resposta, como case sempre, e entón puiden ler eses inmortais Mitos de Cthulhu polos que sempre será lembrado o escritor estadounidense.


H.P. Lovecraft


Cartas de inverno, narrada a través desas cartas ás que fai referencia o título, foi tamén unha das primeiras obras, antes de ter a oportunidade de ler (e entender) o Quixote cervantino, que me presentaron o concepto da metaficción, esa literatura que fai explícito o xeito en que se constrúe. Relendo a novela varias décadas despois daquela primeira lectura, resúltame evidente que no é soamente unha homenaxe a H.P. Lovecraft, senón tamén ao magnífico escritor inglés de historias de pantasmas M.R. James, e especialmente ao seu relato "The Mezzotint" ("O gravado"), xa que un gravado é tamén un elemento primordial na trama de Cartas de inverno. A relectura desta obra—que sempre me semellou curta de máis—inspiroume a creación dun vídeo no que ofrezo un comentario crítico en maior profundidade e que deixo aquí debaixo para quen teña interese en velo. Agardo que vos interese e que vos faga tirar do andel esta magnífica novela de Agustín, todo un clásico xa dentro da literatura galega.




                                                                                 ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

lunes, 9 de septiembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (3): "Nunha pensión alemá", de Katherine Mansfield






O lector encontrou este libro no Culturgal e decidiu mercalo para ler a Katherine Mansfield en galego. Ten os seus relatos completos en castelán pero precisaba sentir o seu espírito no noso idioma.

      “Nunha pensión alemá” é o título do libro en cuestión e abofé que ao lelo non pode menos que sentirse nun balneario (a idea orixinal)  xunta esta autora neozelandesa, protagonista- narradora, segundo deduce, do que nel acontece.
     
     
O lector semella estar sentado canda ela vendo, escoitando ,e ás veces, comprendendo, as persoas que por alí aparecen. Sentado e en silencio, cos ollos moi abertos e os oídos ben atentos detense nos aires e desaires, os desdéns, os intereses, as conversas afiadas… das personaxes que non está moi seguro de que sexan felices. El si. Gusta de observar comportamentos humanos por moi estrambóticos que sexan ou parezan. E faino, xunto á autora, coa mirada crítica, ás veces ferinte, e outras compasiva, a chea de incongruencias sociais que se desenvolven nos relatos. O lector cala e pensa. Analiza e comprende. Séntese a un tempo fóra e dentro dun mundo conservador que se guía polas convencións da época. Escoita a narración destes relatos moi ben escritos, con mesura. É consciente de ser un espectador privilexiado da comedia humana.Percibe a tenrura que posúen. Decátase dos sarcasmos e os moitos matices que os adornan.
       
     O lector, que tamén ten contradicións (e moitas), constata a natureza contraditoria e voluble dos seres humanos. E goza da madurez con que a Mansfield narra ,cun estilo directo e austero , estas historias malia ser, pensa, a súa primeira obra. E non pode menos que dicir en voz alta: Que complicados somos! cando se mergulla no anecdotario da vida nunha pensión cuxos hóspedes forman un retablo variado de comportamentos e siltuacións.

     O lector, persuadido por certo ton poético do libro, non deixa de evocar dúas liñas fermosas que, nun dos relatos, Fraülein Sonia lle di a Herr Professor nunha pregunta que deixa no aire: “Hai anduriñas no ceo; son como unha pequena bandada de pensamentos xaponeses, nicht wahr? E o valor simbólico destas palabras leva a pensar ao lector nos haikus que tanto lle agradan.

É a maxia da literatura.



lunes, 2 de septiembre de 2019

PACO IBÁÑEZ E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA CORUÑA

O sempre acolledor Teatro Colón d'A Coruña voltou encherse de música e de poesía da man de Paco Ibáñez, trobador entre trobadores que segue a encher auditorios alá por onde viaxa aínda que a meirande parte dos medios non sempre se fagan eco do seus concertos como deberían (si o fixo La Voz de Galicia desta volta, cun bo artigo de Javier Becerra, aquí). E nesta ocasión Paco rendeu homenaxe á lingua e á poesía galegas cantando dous poemas de Antonio García Teijeiro ("Que ocorre na terra?" e "Pomba", xa habituais nos seus recitais) e o "Chove" de Celso Emilio Ferreiro. En "Pomba", por certo, é o propio Antonio quen leva a voz cantante, con Paco facéndolle as harmonías. O poeta di que el non sabe cantar, pero que non é quen de dicir que non ao máis grande dos trobadores, a ese home que foi o seu mellor profesor de literatura. E cantar, canta, como se poderá ver e escoitar un pouco máis abaixo no vídeo que recolle estes tres temas e que está xa publicado na canle de YouTube de Antonio. O concerto foi aínda máis especial debido á participación de Miro Casabella, que interpretou dun xeito excepcional ese "O meu país" que é xa un clásico da música galega. A mágoa é que non teñamos vídeo da súa actuación, que completou, unha vez máis, unha noite inesquecible na que se irmandaron, a mestría e o "duende"da guitarra de Mario Mas coa voz e coa guitarra de Paco, a poesía e a música.



                                                  ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ