viernes, 17 de agosto de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXVI) Francisco Cortegoso








       FRANCISCO CORTEGOSO  (Pontevedra, 1985 – 2016)






NADIR  DE INVERNO



PARA o final do día,
de entre o curso a media luz que navegas,
poderás observar paralizado
sobre o grao do cinabrio
ese bosque deste teu país
europeo.

Coroado
amárelo tenue
unxe
gardiá a píntega
para a memoria.





SEMPRE opostas
a rosa branca de reflexión
frente á cava de ton amable.

Sobre a primeira una araña
apenas visíbel; camuflada orla o centro
desde onde axexa a luz.

Aquela, se unha carne,
cara aos teus ollos, tenta

_
o xiro dunha pluma caída.



Francisco Cortegoso


UNHA árbore
dilátase nas vetas da pedra,
avánzase sobre olímite,
éo.
No relanzo da tarde devense
chuva.

Unha árbore enxértase na pel
doutra.
Non ten corazón máis que a madeira
que expomos para contar os aneis
co estremo da uña arredrada
á carne.
Distánciase na altura, mídese
na sombra.

Sostena
o ceo.
Pode caer.






O  gladíolo emerxe
nun decidido corte
ao vento,
coma espada.


Tras once abertas frontes
foi armado o cabaleiro
de amplos escudos de luz.


Cal de abellas do río
doou un signo de cor
para aquel que entre as túas mans xa gardas:

este, azúleo, case roto.





(Do libro Memorial e danza. XXVI Premio Nacional de Poesía XoseMaría Pérez Parallé. Editado por Espiral Maior. 2014)