Volvo á beira do mar.
Por que me está a chamar constantemente? Esa enorme masa de auga exerce sobre
min un influxo entre saudable e meiguiceiro.
Hoxe non me baño. Hoxe paseo con dous
libros na man.
Un deles acaba de saír: Estrela
do norte. Co outro, gocei alá polo ano 1989 (século pasado!) e fora
unha descuberta gozosa: Nimbos. Que sorte tiven de que este
poemario da colección Dombate (Ed.
Galaxia) chegase daquela onda min!
O primeiro, de Luís Rei Núñez. O segundo, sei que non descubro ren, de Xosé María Díaz Castro. Sóavos este
nome? Non me cabe a menor dúbida de que si. Si, si, o mesmo.Ese, ese… O poeta a
quen lle dedicaron este ano o Día das Letras Galegas.
O Día das Letras Galegas!
Paseo só, unicamente acompañado pola palabra
poética: Unha maragota de vidro / na patela que arman os risos, / vinda desde
mareáns tolos (…), di o poeta Rei Núñez.
Levo algún tempo matinando nesta
celebración. Cando penso a fondo, aparecen suores frías e non me sinto ben.
Penso na literatura galega neste día
festivo. Abro ben os ollos e por moito que miro non atopo casetas con libros na
rúa, nin xente con libros en bolsas ou baixo o brazo, nin persoas falando
galego e de libros. Non vexo ambiente festivo ningún nas prazas arredor dos libros
que van aparecendo nas nosas editoriais antes e despois deste día. Estarei
cego? Estarei xordo, talvez? Libros, libros…
Pois non, porque vexo as librarías
pechadas, os seus escaparates con ningún ou moi pocos títulos na nosa lingua,
as fileiras de coches rumbo ás praias. Sinto o sol que me acariña algo
despistado. Distingo algunhas persoas de todas as idades atrapadas polos
móbiles, outras sentadas nas terrazas das cafetarías, nenos e nenas correndo
nos parques. Oio ruídos varios, gargalladas tolas e demasiada xente de costas
ao Día das Letras Galegas. Converteuse nun festivo máis. Unha razón, unha data
para descansar ou facer plans alleos á literatura.
|
Marchando cara á praia |
Lembro, entón, o día de San Jordi en
Barcelona, cunha multitude enchendo as Ramblas, co murmurio alegre da festa,
coas rosas nas mans e moitos libros de ben diversos xéneros e temas. Lembro, tamén, ter aproveitado para mercar
poemarios de poetas cataláns. Libros que custa moito, debido á distribución,
atopar nas innumerables visitas que fago á miña libraría de confianza.
|
As Ramblas en Barcelona, un día de San Jordi. |
A festa da literatura (e do que non é
literatura, claro). A presenza do libro ben preto dos lectores e lectoras. E
sinto envexa.
E o noso Día das Letras Galegas, para
que? Para facer actos institucionais que soan falsos, superficiais, obrigados,
anecdóticos, hipócritas e un milleiro de adxectivos máis. E organízanos os
mesmos que non cren na cultura, que a desprezan
acotío, que non teñen o mínimo rubor en recortar os presupostos
necesarios para que esa cultura chegue a todos os cidadáns e ao maior número de
lugares.
Son os mesmos que non falan galego, que
non mercan ningún libro en galego durante todo o ano, que ignoran todo o
que teña que ver coa nosa lingua e cos
nosos degoiros de sermos formados na nosa amplísima e rica cultura. A eses e a
esas pónselles a boca grande ao falaren de Díaz Castro e pensan que o poema Penélope, do poeta de Guitiriz , non vai
con eles.
Vergonza sinto por todo isto. Dáme noxo
velos traxeados dicindo palabras ocas, sen substancia.
Non podo escoitalos nese galego forzado que
non senten, nin verlles ese sorriso falso co que pretenden enganar o persoal.
Lamentable. Triste. Tremendo.
|
Xosé Mª Díaz Castro |
Pensando en todo isto, detéñome e sento
nun banco, mentres o mar segue a rosmar ou cantar, que sei eu! sen deixar de
reparar na faciana ben fermosa que que
me amosa.
Abro Nimbos. Busco a páxina 41 do
poemario e, sen importarme quen me escoite, xaora, porque todos temos
afortunadamente algo de tolos, póñome a recitar en voz alta Penélope:
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se
espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o
Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Cando remato, síntome mellor. As ondas
semellan rir de min. Mais non o creo. Son argalleiras e están ledas neste día. Decátome de que
cantan en galego. Non vale rir. Évos así.
Sigo a ver automóbiles cara ás praias e
veleiros sucando este mar de Vigo, que cantaron os trobadores.
Non quero deixarme levar pola carraxe que
peta no meu interior.
Bebo ondas e gozo co pairar das gaivotas.
E volvo á poesía. Leo a Luís Rei Núñez
intentando contestar as súas preguntas arredor da cor do silencio:
A COR DO SILENCIO
|
Luís Rei Núñez |
¿Onde está a man dun norte,
e un misto
na negra sombra?
¿Cando manda a fe nun home,
e no medo as
ás da aurora?
¿Qué ispe a flor do misterio?
¿Cal é a cor do silencio?
Loxicamente, non teño respostas.Nin quero
telas. Sigo a ler este espléndido poemario, Estrela do norte.
Póñome en pé e camiño devagar co libro
entre as mans, lendo, desta volta para min:
¿Cómo fundar razóns na casa do silencio, /
xordos á voz que cura do fel esquecemento? / Rosalías, Machados, Pimentel,
Cunqueiro… / ¡O poeta rebate a tiranía do tempo! / ¿Cómo vivir se nunca
existise ese abeiro…
E non me esquezo.
É o Día das Letras Galegas!
O POETA PASEANTE