miércoles, 29 de marzo de 2023

VÍDEO NO QUE ANTÓN GARCÍA FERNÁNDEZ GLOSA O ARTIGO "A miña experiencia cos libros de Roald Dahl", de Antonio G. Teijeiro




O pasado domingo, día 12 de abril, escribín no meu espazo no Faro de Vigo, “Dende a miña fiestra”, un artigo no que expresaba a miña opinión sobre a barbaridade que supón modificar a obra dun autor para, dicen, amosar unha linguaxe inclusiva nos seus textos.

Isto sucedeu cos libros de Roald Dahl e supuxo un balbordo de enormes dimensións.

Como xa se escribiron mil artigos sobre o tema, non vou comentar nada máis.

Pero resulta que o catedrático da Universidade de Tennessee en Martin, Antón García Fernández fai unha glosa nun vídeo sobre o artigo en cuestión, “Versos e aloumiños” , dado o interesante achegamento do docente, reproduce o devandito vídeo, ademais de incluír unha foto do artigo en cuestión.

Moi interesantes as palabras de García Fernández que podedes saborealas máis abaixo.









martes, 21 de marzo de 2023

LA PÁGINA ESCRITA: "C@ntando las 40 a... Antonio García Teijeiro"

 



Escribo a reseña Los Versos del trimestre na interesantísima revista literaria dixital “La Página Escrita”.

Coa poesía sempre da man, é unha honra para min ser a persoa que se encarga nela deste xénero poético tan importante coma invisibilizado.

    

Unha vista da sede da Fundación en Barcelona



A Fundación Jordi Sierra i Fabra e o Taller de Letras de Medellín, obra deste enorme escritor e mellor persoa que é Jordi, levan promovendo a lectura para a mocidade dende as máis diversas esferas.

     Recoñecida mundialmente é unha iniciativa exemplar, na que se debían ver as diversas institucións, acostumadas a mirar para outro lado en cuestións de cultura.

 

       Dito isto, queda aí embaixo unha das múltiples seccións da publicación, curiosa e divertida, como é “C@ntando las 40 a...”e, desta volta, tocoume a min.

 

      Unha maneira agradable de coñecer a persoa a quen se lle pregunta. Eu contestei con toda a sinceridade do mundo.

 

E, se vos apetece, aquí tedes as respostas a este xogo.






martes, 14 de marzo de 2023

REMUÍÑO DE LIBROS (79): "Non cantan os paxaros neste bosque", de Carlos Negro

 




TÍTULO: Non cantan paxaros neste bosque.

 

 

AUTOR: Carlos Negro.

 

 

EDITORIAL: Xerais. Colección: Fóra de xogo.


 

 Non cantan paxaros neste bosque é una obra narrativa dun autor destacado sobre todo no eido poético, tendo acadado diferentes premios importantes na LIX , non só coma escritor senón tamén coma mediador, polo seu labor de achegamento da poesía ao público xuvenil a través de recitais e de obradoiros. Recibindo o Premio de Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido no 2017. Estou a falar de Carlos Negro, un autor que domina e ben coñece, a palabra e o seu valor como axente transformador nas actitudes vitais.


     O libro estrutúrase en nove relatos curtos  con cadanseu título premonitorio ás historias que agochan os variados personaxes en diferentes épocas, idades e espazos narrativos. O fío condutor de todos eles é o medo nas distintas perspectivas de situacións que viven os protagonistas.


     Así observamos medo á perda dun ser querido, medo á ausencia, ao illamento por ser diferente, ao acoso, á falta de liberdade, á perda da identidade, á realidade externa pero tamén á interna. En definitiva, medo aos soños, ás pantasmas e ao misterio dos pesadelos que nos acompañan. Por iso o libro é unha porta aberta á reflexión, onde a palabra atinxe o seu valor tanto oral coma escrita. Non hai mellor xeito que enfrontarse aos temores para poder vivir e pechar a porta da mera existencia prendida e escravizada a un medo.

 ******************************************************************************************************

Páx.88: “ Cada época elabora os seus propios ritos, aínda que no fondo de cada ser humano, as paixóns seguen a conservar a mesma esencia que en épocas pretéritas…”

Páx. 91: “Atende. Fuxe da calquera gaiola de cristal na que te pretendan encerrar. A resignación é a peor das condenas”.

Páx.107: “ E quizais esa era a mellor ensinanza que lles podía ofrecer: debían aceptar que a vida é un relato que acontece, e que non sempre se explica. E cando ese relato deriva en literatura, case sempre deixa una porta entreaberta, a físgoa pola que asoma, coma un intruso, o misterio.”

 

                                                                                                    ALBA PIÑEIRO

 

 

 


lunes, 6 de marzo de 2023

DARDO POÉTICO (XCII) Poemas envoltos en jazz, de Antonio García Teijeiro

 



Lonxe de ser unha música estática, o jazz é un xénero musical en constante evolución. Dende o jazz máis clásico ao free e á fusión, o jazz segue interesando a moitos melómanos que non poden fuxir do meigallo que as notas de saxos, de pianos, trompetas, fiscornios, baterías, órganos, timabais, clarinetes e demais instrumentos deixan no máis fondo dos amantes desta música expansiva e ateigada de vizosas improvisacións.

 


     Estase a lamentar, entre os seguidores do jazz, que as novas xeracións non o escoitan. Que hai magníficos músicos mozos cheos dunha creatividade enorme e dun magnetismo musical que conmove. Os máis pesimistas temen que se convirta en música académica, de estudo, pero non de emocionar en vivo en concertos memorables.

     Non vou negar que este temor é fundado; porén, un aínda cre na maxia da música e desexa que as cousas vaian por canles máis optimistas.

     

     Como o catedrático da Universidade de Tennessee, Antón García Fernández, afirma, hai unha conexión evidente entre jazz e poesía. Tardaron os poetas en decatarse da profundidade deste xénero pero hai xa mostras sólidas de que o jazz, como boa música que é, prendeu no discurso poético dos escritores, amén do gran Cortázar, case un precursor literario, con páxinas memorables arredor do xénero jazzístico. O profesor García Fernández deu, na Universidade, en Martin, unha fermosa conferencia sobre este tema, deixando ben claro a súa opinión, sen dúbida moi acertada.

 


    Eu sentinme atraído polo jazz nun momento determinado da miña vida e tiven a necesidade de escribir algúns poemas que evocan a grandes instrumentistas, figuras do ceo musical jazzístico.

     Son algúns deles os que deixo aquí embaixo, para que os poidades saborear e co desexo fondo de que os digan algo. Pertencen ao poemario Na agonía dos outonos en silencio (Ed. do Castro, 2002)


Amor con Saxo

        con sexo

        con desexo

                                           Seres

        beixos

        medos

Sexo

      e

        Saxo

Sexo de saxo

Solo de saxo




nun recanto da vida

        Johnny Hodges reclama a mirada de

quen non cre nas intencións inocentes

Johnny Hodges
                                                   dun saxo.

a través dos cristais opacos

a emoción perdida dunha muller sen roupa

        desvía do seu labirinto

as testemuñas secas da dor ben coñecida.

The very thought of you pérdese sentimental

entre as sabas dun leito castigado polos fracasos.

 

 

 

  

soa sereno Lester Young.

Lester Young
                                  mergúllase nas pucharcas do fume

These foolish things, esa tenra melodía

                               que busca borrar a paisaxe ferinte

daqueles que se aforcan sen máis

no ritmo monótono do medo.


 


Nunha radio, as notas de More than you know

                 devoran a friaxe dos xestos

 

Coleman Hawkins
                                        erótica mansedume

    sobre o leito ocupado

        por un solo de Coleman Hawkins

nunha noite en que dous seres

        chegaron a comprender

a inutilidade de matar o amor.


 


sempre sentiu a culpa

de tela querido fondamente.

Charlie Parker
                                       culpable ou non

amouna no conflicto perenne

de quen non deixa de convivir

coa catástrofe.

ó fondo Charlie Parker tocaba

Don’t blame me, funesto presaxio

dos turbios desexos

que alguén deixaba morrer

sobre o negro tapete da indiferencia.




¿chega a ser inútil un beixo

Ben Webster
                           nos labios desa muller que se volve romántica

cando Ben Webster ataca  desde dentro

as primeiras notas de Once in a while?