Mostrando entradas con la etiqueta poesía infantil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesía infantil. Mostrar todas las entradas

jueves, 24 de marzo de 2022

ENCONTROS 2022 (1) No IES de SANXENXO (BALTAR)

 



O mércores, día 23 de marzo, visitei o IES de Sanxenxo (Baltar) para conversar e vivir unha xornada poética arredor do mar cos alumnos e alumnas dos tres Primeiros de ESO deste centro.


Foi un acto de fondo espírito lírico, no que eu fun presentando a Triloxía do mar, formada polos poemarios En la cuna del mar, Poemar o mar e Palabras do mar.



Con Rafael Alberti como referencia, faleilles do meu encontro coa poesía, a importancia da mesma na miña vida e o desexo profundo de escribir versos e de facer partícipe o alumnado da súa importancia na formación dos seres humanos.



Linlles uns poemas de Marinero en tierra, do poeta gaditano, varios poemas da triloxía, fixemos algunha proposta lúdica oral e escribimos un par de poemas conxuntos no encerado da aula.



Houbo preguntas arredor da miña traxectoria poética e a mañá foi pasando, insistíndolles a necesidade da poesía nas súas vidas.


Un banzo máis nesa escaleira interminable de acadar que os poemarios estean nas aulas e que a lírica ocupe un lugar importante na docencia de hoxe en día.




jueves, 17 de febrero de 2022

DARDO POÉTICO (LXXX) "No xardín do poeta", un poemario de Antonio García Teijeiro que conversa con Lorca".

 



Teño nas mans o primeiro exemplar adiantado do poemario No xardín do poeta, un libro polo que levaba devecendo hai ben tempo.

Este poemario foi adiado por mor da pandemia e as súas secuelas no eido editorial

 


No xardín do poeta é unha homenaxe clara, definitiva, a ese gran poeta que é Federico García Lorca, a cuxa traxectoria tanto lle debo.

 

En todo o libro, os versos do poeta de Fuentevaqueros teñen unha presenza continua. E con eses versos, co seu espírito, nacen os meus, continuación literaria da fondura lorquiana e pasean felices por un xardín lírico despois de dialogar cos do gran Federico.

 


E atopamos nese xardín marabilloso, ao que accedín pola necesidade de ulir as súas flores, poemas de formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, lúdicos, que intentan ser brillantes e, sobre todo, vitais, porque son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida.

 




Pero o poemario non sería tran atrente sen a ollada lírica, tenra, intelixente do seu ilustrador, Víctor Rivas.

Víctor non puido captar mellor o que agochaban e mostraban os poemas deste libro. De aí que as súas ilustracións procuran -e conseguen- fundirse co pensamento poético destes versos para crear criaturas que danzan con eles e danlle unha segunda vida.

 




Estou moi satisfeito co resultado final deste libro, No xardín do poeta, e agradezo a Edicións Xerais o agarimo e o coidado que puxeron dende o primeiro día na elaboración deste poemario tan querido por min e que ve a luz na colección Merlín.











martes, 22 de junio de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXIX) "Nomes", de Xoán Carlos Domínguez Alberte

 




XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE (Escudeiros. Ramirás. Terra de Celanova, 1966)

 

 

FLOR DE ABELEIRA

 

 Nas flores sen abelás

das abeleiras do Abelaire

zoan as abellas que veñen

Xoán Carlos Domínguez Alberte
da Abilleira e zúganlle

o doce co que han facer o mel.

 

   Se fose que outra vez

as abellas voasen á Abilleira

   das abeleiras do Abelaire

o doce das flores que zugasen

   sería o mel das colmeas

   das abellas da Abilleira.

 

   A Abelaire na Abilleira,

   A Abilleira no Abelaire.

 

    Un doce con recendo

  co perfume das flores das abeleiras,

co sabor do mel das mellores colmeas.

 

 

 

LUGARES CON SABOR

 

 

Para os de Filgueira

ou os das Figueiras

os seus nomes son os mellores

e non lles digo que non.

 

De non che andar con xeito

os chumbos énchennos

as mans de agullas finas

que se cravan na pel.

 

Os do verán son grandes e carnosos,

e, quitando a cor violeta das béveras,

                                  ao madureceren,

      cando repelan neles os paxaros,

pasan do verde outono ao verde oliva.

 

                 Logo están os da vendima,

                 que son doces coma o mel,

por iso comen tanto neles as abellas,

                  e espapallan o líquido

do seu licor na boca entre a saliva.

 

Para as nenas e os nenos,

os mellores, e digo que si,

Ilustración de Ana G. Buhigas
que xa non digo que non,

son os da miña aldea,

onde sempre hai a esgalla.

 

Dende a fartura das froiteiras

celmosas no Figueiral

deica o frescor cristalino

das beiras con sombra

da Corga de Figueiró.

 

Nomes con sabores de bocados

cativos para morder,

picar e repelar.

 

E aínda por riba se lle chama

              chimpafigos a alguén

                  que é un bulebule

ou que é rebuldeiro e espilido de máis.

 




(Do libro Nomes, editado pola Editorial Galaxia, 2021)










 

 

(Do libro Nomes, editado pola Editorial Galaxia, 2021)

 


sábado, 12 de junio de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXVIII) "V de Bestiario", de Ramón Caride

 





RAMÓN CARIDE OGANDO  (Cea, Ourense, 1957)

 

 

O boiseñor que pía

pía e pace sen xeito

anda piando a eito

no medio do silveiro

manxa e non dá feito

Ramón Caride (Foto de Anxo Cabada)

 

 

Lampopa e lamproa

lamproa e lampopa

segundo se poñen

que sempre se opoñen

nunca se compoñen

 


 

Crocogrilo grilea

grilea sen parar

regrilea e grilea

éche unha boa lea

remata por cansar

 

Sandía de día

sabe que rabea

após do solpor

sandía tolea

sannoite alcatrea

Ilustración de Lois G. Magariños

 

 

Moicego o morcego

paréceche un crego

colgado da roupa

vendendo nas rúas

mentres papa moscas

 

 

 

(Do libro V de Bestiario, editado por Edicións Embora, 2020)

 



miércoles, 28 de abril de 2021

DARDO POÉTICO (LXXII) "Nubes de papel", un poema en dúas linguas

 



Estaba sentado nunha butaca e vin, a través da fiestra, unhas nubes no ceo que 

me chamaron a atención.

Semellaban de papel. Movíanse amodo e brillaban como se tivesen a prata duns versos 

que parecían moi vivos.

Sentín caer, como chuvia, un mundo de letras de cores.

Chovía a cachón.  Pero non era unha choiva habitual.

As nubes ulían a poesía. Decateime de que, talvez, era un aviso, un sinal.

Daquela, comecei a escribir este poema en galego e, deseguido, fixen a versión en 

castelán.

Velaquí o resultado.






NUBES DE PAPEL

 

Hoxe vin

              no ceo

nubes de papel

fervenzas

                de letras,

soños en tropel.

E nacían versos,

versos no papel,

versos como plantas,

belido verxel!

Versos entre flores

de cen mil colores.

Versos pola area

borraban as penas.

O ceo, calado.

Corazón mollado.

Nubes de papel,

versos sen cordel.



E  esta é a versión en castelán:



NUBES DE PAPEL

 

Hoy he visto

         nubes.

Nubes de papel

y lluvias

         de letras,

letras en tropel.

Y nacían versos

versos en papel,

versos como plantas

¡qué bello vergel!

Versos entre flores

de cien mil colores.

Versos en la arena

borraban las penas.

El cielo, callado.

Corazón mojado.

Nubes de papel,

versos sin cordel.


 

                                                                                        Antonio García Teijeiro



martes, 1 de diciembre de 2020

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXVI) "Oficios e profesións poemas son", de Concha Blanco.

 




                                      CONCHA  BLANCO  (Lires, Cee, 1950)

 

 

 

CANTEIRO

Concha Blanco (Foto Edit. Galaxia)
 

Canta miña pedra, canta,

ao compás deste punteiro,

canta miña pedra, canta,

faille compaña ao canteiro.

     

 CANTIGA POPULAR

 

 

Colle o paoferro, canteiro,

as cuñas e o martelón,

tampouco esquezas o pico

porque che vai facer falta

para traballar o granito.

De pedra é o cruceiro,

o Pazo de Cotón,

a Fonte Penín,

o hórreo do avó.


Tamén son as casas

e o paredón.

O “latín dos canteiros”

é moi singular,

o “verbo dos arxinas”

é o seu falar.

Brindo polos canteiros,

como me gusta o que fan!

 

 

LABREGA

 Leira empezada, medio traballada.

REFRÁN POPULAR

 

Érguese ao mencer o día

sen saber ben que facer,

é o sol, a chuvia ou neve

quen din o rumbo a coller.

Sempre teñen as labregas

vacas, porcos que manter

tamén ovellas, galiñas…

por iso é que a labrega


tamén gandeira ha ser.

Fai unha vida moi especial

e non por iso é ideal.

Non ten horarios

na súa xornada

de sol a sol

cada semana.

No campo están

os seus recursos,

que elas conseguen

gañar a pulso.

Cavar, sementar, sachar

patacas, allos, cebolas,

que son os froitos da terra

que coidan estas persoas.

Viven en casas

que están na aldea

á que hai pegadas

sempre unha leira,

tamén con hórreos

e outros pendellos

que non están mal.

Nisto consiste

a arquitectura rural.

Son poucas labregas

que cambiarían

a súa aldea pola cidade

ou unha vila.

 

 

 

ESCRITORA

Hai que saber vivir do conto

EXPRESIÓN POPULAR

 

 Colle un pincel

e ponse a pintar,

pintar con palabras

que ben se lle dá.

Non é un pincel

que é unha pluma

cargada de tinta,

de tinta e dozura.

Ela pintou un verso

con moito amor

enchéndoo todo

de moita cor.

Unha veces chora,

outras veces ri,

o mellor da obra

é como o di.

Sempre o meu desexo

foi ser escritora.

Xogar coas palabras,

cambialas de sitio

subir e baixar,

trocalas por outras,

facelas bailar.

O que eu non quero

é velas sufrir

por iso con cóxegas

sempre as fago rir.

 

 * Ilustracións de María Brenn

 

(Do libro Oficios e profesións poemas son, editado por Embora.2020)

  

sábado, 28 de noviembre de 2020

Javier Fernández Jiménez escribe sobre poesía na revista dixital "Espacio C. Gestión cultural"

 

Javier Fernández Jiménez  


Sempre resulta moi agradable que se lembren de un e que o valoren. Por iso non teño máis que agradecer a Javier Fernández Jiménez polo artigo sobre poesía que publicou na revista dixital Espacio C. Gestión Cultural no número de outubro.

     Javier Fernández, escritor, axitador cultural, home de mil inquedanzas vive para a literatura e, dende o seu espazo radiofónico, Menudo Castillo, fai participar á rapazada para achegarlles a palabra literaria dun xeito afectivo e directo. A lectura, como eixe principal dos proxectos de Javier.

     Versos e aloumiños recolle o artigo publicado e agradece o esforzo de Javier Fernández Jiménez por falar dun xénero -a poesía- tan minoritario como absolutamente necesario.








martes, 19 de noviembre de 2019

DARDO POÉTICO (LXII) "SOLEANDO", UN XOGO POÉTICO ENTRE AN ALFAYA E INMA DE BATLLE




Presentei  “Soleando”, o poemario de An Alfaya, editado por Galaxia, e ilustrado por Inma de Batlle, nun xogo a dúas mans orixinal e con certo risco.
     Entre as dúas fixeron un pacto creativo que consistiu en que cada día a ilustradora debía enviar por whatsapp o debuxo dun sol, e antes de que caesen as doce da noite a escritora devolvería un poema pola mesma canle. Un proceso que foi idéntico en sentido inverso.

     Así naceu este “Soleando” que puxo un sol en cadansúa vida ao longo de mes e medio e que, segundo afirman An e Inma, resultou moi gratificante.

     Presenteino en Vigo, na libraría Librouro, no mes de outubro.
     O que dixen nese acto, podedes lelo deseguido.
     Foi un verdadeiro pracer.


Na presentación (1)


             “SOLEANDO”, UN XERUNDIO QUE NOS QUECE POR DENTRO


Gústanme as persoas que arriscan. Gústanme as persoas que propoñen e non dormen na comodidade.
E An Alfaya é unha desas persoas que sempre te sorprenden en cada obra súa que sae do prelo. É moi inquieta, transita por diversos camiños e é fiel a si mesma.
     Sempre lle dixen a An que tiña que publicar poesía. Que a leva dentro e que sería bo que a deixase saír da súa narrativa onde vive de maneira perpetua.
E, por fin, fíxoo. E xogou con Inma de Batlle dun xeito arriscado ao que eu lle dou moito valor.

    
Soleando é un libro que xoga co sol. Un libro que aluma e que brilla, porque os seus raios se funden coas palabras e crean un universo de luz e vida que precisamos.

     Desculpádeme se non trouxen as lentes de sol para gozar da brillantez destes debuxos e destes versos.
Malia estes días de chuvia, eu bronceeime cos raios que desprenden estes poemas, estas imaxes e sentín a súa dozura. Versos que, por certo, foxen das cadeas das formas e brillan ao seu aire polo ceo.
Nótaselles libres. Uns máis longos, outros curtos e todos coherentes.
E a rima?
Pois se riman, riman. Se non, non.
A autora utiliza a rima ao seu xeito e permite que os poemas ofrezan unha liberdade absoluta. Sábese dona dela.
Na presentación (2)

     E entre os debuxos de Inma e os versos de An crean unha atmosfera poética que adoza esta sociedade tola que non sabe cara a onde camiña.
Porque An, enchoupada de luz, vai tecendo uns poemas que se nutren do cotián.

     Nada nos resulta alleo a todo o que os raios do seu sol poético aluman.
     Hai frescura nestes poemas.
E o sol sérvelle á autora para crear un universo que é moi de seu para os que a lemos e os que a coñecemos.
Un sol que desexa, que foxe, que fita engaiolado polas pequenas cousas.
Un sol que debuxa fíos de luz de ouro fino.
Un sol que é unha flor e chega a ter frío.
Un sol que cae do ceo, que asoma cinsento, que se desanima e que se emociona cos agasallos da lúa.
Na presentación (3) An le un poema.

     E An desgústase ollando a xente que camiña coa ollada esquiva e sabe que a luz do sol pode cambiar sensacións.
Mesmo o sol é apaixonado e loce unha cor vermella de sangue.
E An cre na esperanza e como non pode ser astro, convértese en poeta para escribirlle rimas a ese sol que Inma lle agasalla. Ou que se agasallan.
A An gústalle ese sol que xorde despois da chuvia porque lle/nos dá vida.

     Hai humor nestes versos, hai cotidianeidade nestes poemas, hai conto nestes poemas, hai certa crítica neles – crítica para reflexionar - , hai xogo, hai natureza viva, hai dúbidas e ilusión.
E mesmo hai sombras que queren o sol.
E como dixen antes, hai esperanza neste Soleando, bicos para agasallar e hai maxia porque An pranta sementes de sol na súa horta poética e constrúe caixas de cristal onde garda os raios dese sol longo coma un río, fino como un fío.

     Sabe An que o sol é un tesouro que garda no máis dentro dela.
Un tesouro como é a poesía porque co sol, poetizador, nomea o innomeable e xoga a facer posible o imposible.

     Sol, debuxo e poesía para un poemario que non vai deixar endexamais de encher de ilusión as nosas vidas.



Na presentación (4)


                                                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO