viernes, 28 de junio de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (83) "Un peixe é un peixe", de Lio Lionni.

 




 “Un peixe é un peixe”

 

Autor e ilustracións: Leo Lionni

 

Tradución de Xosé Manuel González “Oli”.

 

Editorial: Kalandraka. 2024

 

 

 

Que se pode dicir de Leo Lionni? Pois que é un artista infinito, que ama o ser humano, que a través da personificación de animais demostra o seu compromiso cos comportamentos positivos das persoas.

Que sinala. Que conmove. Que fascina. Que coñece como ninguén sentimentos que fan ás persoas mellores. Que é un grande artista ético e estético.

 Quen non ama Nadarín ou Frederick.

 Que fai poesía coas súas ilustracións e relatos, tan curtos coma intensos.


Leo Lionni

Un peixe é un peixe non defrauda e segue a liña literaria e ética dos seus moitos libros.

Unha vez máis emocióname esta fábula preciosa, ben contanda, extraordinariamente ilustrada que nos fai pensar. Sempre reflexiono coas historias que plantea Leo Lionni.

Un peixe e un cágado (que se converte en ra) constrúen unha fonda amizade.

 

A ra chouta polo mundo e cóntalle ao peixe que viu cousas incríbles. E fálalle das vacas. E dos homes, mulleres e nenos que atopou nese mundo para ela descoñecido.

Coas palabras da ra, enche de luces, cores e imaxes sorprendentes que deixan o peixiño cavilando: el desexa descubrir ese mundo marabilloso.

E, soñando cos paxaros, o peixiño decidiu ver aquilo que lle contaran.

Sacode a cola e sae da auga.

Axiña dá cunha realidade que non agardaba.

Unha historia, moi colorida e engaiolante na ilustración, que nos fai reflexionar sobre a identidade, o coñecemento e a aceptación dun mesmo.

 

                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 


martes, 18 de junio de 2024

JOSÉ ÁNGEL IRIBAR E A SOCIOLOXÍA DO DEPORTE (VÍDEO-CONVERSA) CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



O director deste blog, Antonio García Teijeiro, di sempre que el non ten ídolos, nin no deporte nin en ningún outro eido.

Agás nun caso, xa que todas as regras contan coa súa excepción: o de José Ángel Iribar Kortajarena, o gran porteiro do Athletic Club. E nun recente artigo dentro do suplemento cultural Estela, do Faro de Vigo, reflexiona sobre as razóns polas que Iribar ten sido para el, dende ben cativo, un deportista e unha persoa especial. Ditas razóns comezan con cuestións futbolísticas, pero non se deteñen aí, senón que se fan extensivas a consideracións sobre a personalidade de Iribar, que transcende o terreo de xogo. Levo escoitando o nome de Iribar de boca de Antonio dende neno, e aínda que eu non o teña visto xogar en persoa (son novo de máis para iso), o gardameta vasco tense convertido para min nunha figura cáseque lexendaria.


José Ángel Iribar



E por iso, aproveitando o artigo de Antonio e unha visita estival miña a terras galegas, sentei con el en Gondomar e durante uns corenta minutos, estivemos a falar das razóns da admiración que sente por Iribar. A conversa, abofé, levounos por diversos vieiros que van máis aló do Txopo (literatura e deporte, a comercialización do deporte no século XXI, os valores educativos que cómpre manter no deporte, etc.) pero que dalgún xeito están inspirados pola súa figura e a súa actitude perante o deporte e a vida. Deixamos aquí abaixo o vídeo, que pode atoparse tamén en Anton G.-F., a miña canle de YouTube.

 


                                                                               ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




lunes, 10 de junio de 2024

FAÍSCAS (20) Micro Aberto, un acto de celebración do Día das Letras Galegas, no Corte Inglés, en Vigo.

 



O pasado xoves, día 16, celebrouse o acto Micro Aberto, na libraría d´O Corte Inglés, en Vigo, co gallo do Día das Letras Galegas, adicado este ano á poeta Luísa Villalta.

 




Un grupo de escritoras e escritores lemos fragmentos ou poemas das nosas obras respectivas, ademais dalgún texto ou poema da escritora galardoada.

An Alfaya, Susi de la Torre, María Alonso Seisdedos, Reka Refojos, Xulio Teixeira, Mar Mato, Rexina Vega, Juan parcero e quen isto escribe, Antonio García Teijeiro, puxéronse diante do micrófono e foron lendo textos para o público asistente.

Antes da lectura, tres compoñentes da Asociación Cultural e musical "O Fiadeiro" deleitaron o público con dúas fermosas danzas.



Tamén tivemos o pracer de escoitar un par de pezas musicais recuperadas de Villalta, unha delas, instrumental, e a outra na que escoitamos a súa voz cantando.

Un verdadeiro tesouro musical e emocional.

 

Eu lin o poema Estación, do libro En concreto, de Luísa Villalta e dous poemas contidos na antoloxía Bicos e non balas, editada por Galaxia. Un deles pertencente ao poemario Na fogueira dos versos e o outro incluído en Petando nas portas de Dylan.

 

Como tiven a sorte de que mos gravasen, aquí están, en Versos e aloumiños, para que os veades se vós cómpre.