TEXTO DE MALORES VILLANUEVA NA PRESENTACIÓN DE “Bicos e
non balas”, de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Boa tarde
amigas e amigos,
Hoxe
convócanos a palabra, a poesía e a forza de Antonio García Teijeiro. O primeiro que debo é agradecerlle a súa
confianza e xenerosidade por escollerme para dar a benvida a este
libro-aloumiño. Xa hai uns meses que me dixo que lle gustaría quelle presentase
o seu vindeiro traballo e ese día confésovos fun moi feliz, sentinme afortunada,
pero hoxe aínda máis despois de ler Bicos
e non balas.
Este libro-aloumiño é un canto a prol da
solidariedade, da paz, da xustiza, da infancia, un libro para reparar nas
pequenas cousas, nos pequenos acenos que cambian o mundo. Unha obra que é chave
ou mesmo porta entornada para entrar nun camiño cheo de tenrura, onde se
transita entre a tristura e a esperanza.
Alborece
nesta fraga,
alborece
neste val,
mais
non alborece nunca
para
aquel que non ten pan.
Porque Antonio García Teijeiro non mira
para outro lado, sabe que non hai tregua para aqueles que sofren e pousa a súa
mirada neles, dálle voz. Debuxa nos seus versos a tristura e somos quen de ver
nitidamente os ollos dos nenos e das nenas e sentimos dor, unha dor punzante e dela
só nos salva o amor e as letras.
Un
neno fixo unha vez
un
barquiño cun xornal.
Había
tantas desfeitas
que
á auga lle sentou mal.
As
novas tanto pesaban,
que
o barco se foi ao fondo.
O
neno salvou as letras.
Con
elas creou un conto.
|
Malores Villanueva |
O mundo presentado coa súa crueza: as
guerras, a auxe do fascismo, da xenofobia, en realidade, o desprezo aos pobres,
a aporofobia que invade a sociedade e que vemos cada día nas noticias, que como
di no verso pesan tanto que nos afunden. E fronte a iso a palabra e a fantasía,
os contos para crear utopías, para soñar mundos posibles polos que loitar. Un
mundo máis solidario con aqueles que se ven obrigados a deixar atrás as súas
raíces. Os pobres tamén cantan, teñen un berro de loito, pero cantan, e a súa
voz estremécenos e sentimos frío, moito frío. Sentimos desacougo que se mitiga
cando os nenos pintan paraugas vermellos, unha casa de moitas cores, pero tamén
bolboretas en branco en negro, porque os nenos de África que non teñen nada,
teñen soños, aínda que o seu mundo llos negue. Estes días escoitamos falar dos
Menores Estranxeiros Non Acompañados, e hai quen lle chama polas siglas, MENAs,
porque así parece unha banda mafiosa e encóbrese que son nenos, nenos e nenas
como os dos poemas de Antonio García Teijeiro, nenos e nenas que chegaron nun
caiuco procurando “as fronteiras da paz”. Nenos e nenas que senten “a tristura
do desarraigamento”, nenos e nenas que son estigmatizados por ollos sen
sentimentos, por voces sen corazón. E ante tanta miseria é
Tempo
de bicos
tempo
de arrolos
tempo
de apertas
tempo
de soños.
Fronte á pólvora magnolias, que escribiu o
gran Ferrín, e fronte ás balas bicos,
escribe agora o noso Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. A
infancia no centro da súa obra e aquí está a que sofre, a que sabe o que é unha
guerra, o que significa a morte, a destrución, a miseria, o medo... Están os
nenos soldados, as nenas e os nenos refuxiados, as crianzas ás que se lle nega
a educación, o futuro, aqueles que non poden camiñar por un campo sen pensar se
haberá minas, os nenos e as nenas ós que non se lles permite ter infancia
porque precisan traballar...
A
lúa chove no río
e
bica no corazón
de
todos aqueles seres
que
perden a súa voz.
A
lúa chove no río
e
no corpo dos meniños
que
vagan de rúa en rúa
na
busca dun aloumiño.
Iso é o que debéramos darlle ós
refuxiados, ós Menores Estranxeiros non Acompañados, a todos os nenos e as
nenas que son vítimas de situacións crueis. Ante tanta indignidade que
escoitamos cada día, ante eses discursos aporofóbicos, están as palabras, as
palabras como armas para loitar contra as inxustizas e contra os que queren
apropiarse dos significados.
Así pois, este máis ca un libro, é unha
arma poderosa coa que loitar, non é un adoquín, un paralelepípedo, é un
artefacto cheo de esperanza para cambiar o mundo, para que os nosos nenos e
nenas, que tamén sofren, sexan solidarios, recoñezana situación inxusta dos
demais e sexan quen de reparar esa tristura con aloumiños e miradas cómplices. Como
dixo Agustín Fernández Paz, o único
que nos queda é o amor.
Nestes poemas
está Antonio García Teijeiro en estado puro, como poeta, como lector, pero
tamén como persoa. Un recoñece nestas páxinas as pegadas de Curros, de Celso Emilio Ferreiro, de Aute,
de Bob Dylan, de Ferrín, de Iglesia Alvariño e de tantas
lecturas que el acumula, porque para escribir cómpre ler e para transmitir
tanta emoción cómpre sentila e ser boa xente, como el é.
Dicía Gabriel
Celaya que a poesía é unha arma cargada de futuro e se está nas mans de
Antonio García Teijeiro esta poesía é o noso futuro e ten que chegar a todas as
casas. El pide a paz e danos a palabra, porque agora son nosas, desta sociedade
que está necesitada de referentes reais.
Grazas Antonio por facer esta antoloxía
poética na que mostras o teu compromiso inquebrantable coa sociedade. Grazas
por facernos reflexionar e soñar e grazas por invitarme a compartir mesa
contigo e con Paz, a miña querida amiga Paz, a paz é o que buscan estes versos
e na lectura de Paz acadan de seguro toda a súa proxección, poucas veces os
nomes das persoas din tanto, eu só vou engadir que a quero e que estou desexando
escoitala. Bicos e non balas é un
libro-aloumiño e entre Antonio e eu hai moito cariño, espero que hoxe o sentise
e vós tamén. Este libro permítenos “tocar a tenrura que viste de seda as vidas máis duras”, agora está
nas nosas mans.