Si, o lector está de acordo en que, ás veces, non importa quen conta
a historia senón, como diría Melina – unha das personaxes marabillosas do libro
-, se a historia contada é fermosa.
Neste caso abofé que si o é. A filla do minotauro, a novela xuvenil
de Marilar Aleixandre, gañadora do
Premio Raíña Lupa en 2017 é unha historia fascinante dende o principio ao
final.
O
lector gozou dunha obra orixinal onde as haxa, que mestura tempos tirados
da mitoloxía cos tempos da 2ª Guerra Mundial. Toda ela funde situacións,
narracións e personaxes,dende os textos de Homero, Agostiño de Hipona, Ovidio,
Leonhard Euler, Tucídides, Apolodoro, Arquímedes ou Virxilio que encabezan 18
capítulos e un epílogo con momentos desenvolvidos na década dos anos 40 do
pasado século.
E o
lector queda atrapado na tensión narrativa dunha novela de aventuras protagonizada
por un mozo – Antelmo – e unha moza – Miranda – que con outros personaxes
tirados fundamentalmente da Odisea e da Metamorfose, se dedican a salvar obras de
arte da rapina de mafiosos e depredadores de patrimonio.
O lector emociónase a miúdo
lendo o que Marilar Aleixandre vai tecendo con sabedoría e coñecemento do que é
unha trama rica e ben calculada.
O
lector sente a crítica que os feitos expresan na narración: o papel da
muller na sociedade, a necesidade de coidar o patrimonio coma algo
imprescindible nesa sociedade, a falta de valoración do que moitas persoas
arriscaron e pagaron, mesmo coa morte, para acadar bens para a humanidade, o
poder da mafia cuxa maldade vai más aló do coñecido vulgarmente e tantos outros
temas, como as violacións das mulleres, as folgas pola explotación e morte de
nenos e nenas.
E goza o lector cando le, cun ton moi da literatura oral, feitos tan
coñecidos literariamente como o Cabalo de Troia, a historia de Penélope, a do
Cíclope Polifemo, o Labirinto do Minotauro, a viaxe áerea de Dédalo e Ícaro ou
a construción do vehículo, chamado Daedalus, que en abril de 1988 cruzou voando
de Creta a Atenas, cun ciclista aos pedais.
Causou asombro ao lector esta novela tan ben estruturada e ateigada de sorpresas
literarias tan acaídas.
Novela centrada en Sicilia
e que, na loita contra a cosa nostra, fai dicir a Antelmo suspirando que “a loita contra a mafia e os traficantes non
acaba hoxe, mais gañamos unha pequena batalla”.
Ten razón, pensa o lector, porque toda a narración é unha loita sen fin contra
inimigos moi difíciles de derrotar, pero que, lonxe de quedarse cos brazos
cruzados, hai persoas de ben que levan a afouteza ata o final.
E treme de emoción o lector cando le “que as persoas valentes non son quen non teñen medo, senón as que
actúan a pesar do medo” e quédase coa reflexión de que moitos dos perigos
se salvan por amor.