martes, 28 de diciembre de 2021

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXI) Rompente

 




ROMPENTE (Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño). Entre 1976 e 1983 durou este proxecto rompedor.


 

 

Grupo Rompente: Romón, Reixa e Avendaño, de esq. a dereita.




soño

 

imaxínote no sur

 

lonxe

 

 

onde os ventos se alentexan

 

e arabizan

 

 

imaxínote distante

 

pero á par

 

 

ó alcance do meu soño

 

 


nun tempo

 

espello

 

 

doutro tempo

 

 

e soño


 

 

que un día volves

 

 

como saída do nada

 

aparecida

 

 

por riba de desmontes

 

 

e valgadas

 

 

 

 

 


Canto tempo ten

o tempo

e a que hora é

agora?

 

Estupor

Interesante


Incomprensible

 

Non o estupor

O tempo

A hora

 

 Imaxes

 

Vexo

Non imaxino

imaxino non

Nada

O que pasou pasou

O pasado continuo é unha mentira

Inventada polos ingleses

Vivimos atrasados

 

Atropelados na cuneta

Eran outros tempos

Descabezados

 

Un zapato absurdo

Escorado na estrada

Tomando notas

Dubidando

A big data non dubida

 

Acurrala

 

 

 

 


Un, dous, tres…dez

 

Que intenta dicir a muda?

 

Entre unha desorde de miradas e acenos



 

aproveito o seu bo humor

 

propoño, cámara na man

 

fotografala.

 

Decontado ergue a man

 

e ponme un cinco

 

Comprendo,

 

cinco pesos por fotografía

 

 

                      (Enriqueta Lúnez)

 

 

Todo pobo indíxena sabe que a súa propia imaxe

 

Debalde ou por cinco pesos

 

É unha embaixada da súa cultura

 

As metrópoles son xordomudas

 

 

 

                                         (Do libro Que hostia din os rumorosos?, editado por Editorial Elvira. 2021)

 

 

 



miércoles, 22 de diciembre de 2021

Fragmentos dun poema de "Poemar o mar", sobre unha ilustración de Xosé Cobas, para desexar o lectorado ve "Versos e aloumiños" o mellor para o ano 2022.

 



Agora que sobrepasamos as 500.000 visitas,Versos e aloumiños ten

unha vida moi esperanzadora e seguiremos abertos ás vosas 

propostas e aos vosos comentarios. 

Dende este blog-revista, queremos desexarvos un ano 2022 no que a 

saúde, o sentidiño e a cultura estean presentes e axuden a afastar 

eses malos ventos, infectados de involución e fascismo que están

a soprar ao noso redor.

Paz e poesía.


miércoles, 15 de diciembre de 2021

NOVOS POEMAS DE NADAL... PERO ALGO CRÍTICOS

 




É Tempo de Nadal. Luces, moitas luces talvez para que sintamos a ledicia que se nos nega ao longo do ano.

Ou talvez non.

Nadal, días de felicidade, impostada?

Ou de felicidade real?

Tempo de panxoliñas.

Tempo de agasallos.

Hai quen o revive con ilusión cada ano.

E hai quen o odia anos tras ano.

Non hai unanimidade sobre o sentimento destas datas tan sinaladas.

Versos e aloumiños agasállavos cunhas panxoliñas -realmente poemas- co Nadal de protagonista.

Lédeos, se vos apetece, e sede felices.

Todo o felices, iso si, que nos permitan as circunstancias.

E nunca deixedes de reflexionar para que o Nadal só sexa un negocio.






NADAL PARA TODOS?

 

Canta unha nena.

Chora unha flor.

Chora un arume.

                 Canta un pastor.

 

Canto de nena.

Pranto de flor.

Pranto de arume.

Canto e dolor.

 

Un Neno nace

na escuridade.

Un neno vaga

pola cidade.

 

¿Por que o meniño

vive na rúa?

¿Por que mendiga?

¡Ninguén o axuda!

 

Cálidos soños.

Fríos tellados.

Nenos que tremen.

Corpos xeados.

 

                  Soños laranxas.

Cálidos fríos.

Rin os pequechos.

Bailan os ríos.


 Branca mentira.

Luz irreal.

Non para todos

chega o Nadal.


 

O NENO DORME

 

O Neno ten unha estrela

no medio e medio dos ollos;

esa estrela é a que nos di

                 que o Neno repara en todo.

 

O Neno debuxa risas.

A estrela pinta colores.

O Neno desfai as sombras.

A estrela recolle os soles.

 

O Neno ten caraveis.

Xa vén o sono chamalo.

A estrela recorta lúas.

A estrela ten que arrolalo.


 

O Neno ten unha estrela

que caeu sobre o portal;

unha estrela que nos di

que o Neno xa dorme en paz.


 


O NENO NACE

 

Neva nos ollos.

                 Chove no sol.

O Neno nace.

Luz de cartón.

 

Os anxos cantan.

E un reiseñor

preto do Neno

borda unha voz.

 

Río na noite.

                 Auga veloz.

Ecos ó lonxe.

Si – la – re – do.

 

Ondas de nubes.

Calma e farol.

O Neno inventa

soños de amor.

 



MAR DE XENTE / MAR DE AMORES



               … mar sen auga     

                 mar de amores      

                 mar que arrola   

                 mar con flores  


 

                 mar afago

                 mar tremente

                 mar murmurio

                 mar de xente

 

                 mar sen rochas

                 mar sen verbas

                 mar de sombras

                 mar de apertas

 

                 mar – estrela

                 mar – canción

                 mar – azucre

                 mar – turrón


 

                 mar sen ondas

                 mar besbello

                 mar sen barcos

                 mar inquedo

 

                 mar que danza

                 mar sen lodo

                 mar que bica

                 mar de todos

 

                 mar de cores

                 mar lanzal

                 mar persoas

                 mar… Nadal!

 

 

 

 

 

     NA LÚA

 

 

Chove na lúa.

Roda de estrelas,

de homes, mulleres,

nenos e nenas.

 

Pingas de prata


que alivian penas.

Fume, agarimo,

cores, miseria.

 

Vén o Nadal.

Ai, como chega!

Sente na pel

ventos de guerra.

 

Bicos na lama.

Risas de seda.

Man sobre man.

Calan as tebras.

 

Neve na lúa.

Roda de estrelas.

Chega o Nadal.

Ai, como chega!

Luz e esperanza

planta na Terra.

 

                                                                                                                                        Antonio García Teijeiro



martes, 14 de diciembre de 2021

DARDO POÉTICO (LXXVII) "Coa poesía de Álvaro Cunqueiro e homenaxe poético de Antonio G. Teijeiro"

 




Sempre sentín unha fonda admiración pola literatura de Álvaro Cunqueiro. Non agochei endexamais que ler os seus libros recollidos nun volume chamado Semblanzas, na súa obra en galego completa (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes), me abriron a porta, hai xa ben tempo, da narrativa galega.

Pero cando descubrín a súa poesía, fiquei abraiado pola súa maneira de utilizar o verso e por enviarme directamente á poesía trobadoresca que tanto me gusta.

     

Álvaro Cunqueiro. Faro de Vigo



De entre os cinco poemarios de Cunqueiro, teño especial predilección por Dona do corpo delgado, publicado inicialmente no ano 1950 e que a colección Dombate da editorial Galaxia fixo unha reedición en 2003.

Este poemario vén sendo o froito da soidade e dun período extraordinariamente creativo na súa vida. Son poemas escritos cunha calidade táctil, cálida e suave e, malia todo, amarga.

Versos á amada nos que recrea maxistralmente a linguaxe e o mester da poesía medieval, arrequecidos pola inmensa sabedoría do autor, pola súa capacidade para nos achegar a aura nostálxica da ausencia.

Este libro de poemas é unha verdadeira alfaia única, nacida do pracer da palabra e da sensualidade requintada, mostra dun sentir veraz, fondamente humano.


Velaquí un fermoso poema deste libro:

 

        Agora trobo o vento e máila lúa fría,

         non o cervo do monte que a ágoa volvía.

 

         Agora trobo o mare e máila nao veleira,

         non a amiga que canta só da abelaneira.

 

         Agora trobo a lúa e máilo vento irado,

         non o cervo do monte, meu amigo pasado.

        

         Agora trobo a nao e máila mar maior,

         e non aquela amiga, miña branca señor.

 

Calquera dos poemarios de Álvaro Cunqueiro son unha mostra da modernidade do autor, que fusiona xéneros con mestría e, cunha linguaxe aparentemente sinxela e popular, consegue escribir unha poesía fonda e reflexiva, capaz mesmo de levarnos polos personaxes da literatura universal e os seus mitos.

 


No meu libro Al hilo de la palabra, editado por Hiperión dediqueille un poema para que os nenos e as nenas -e adultos, en xeral- soubesen que existía este encantador de ilusións, un home que leva a literatura galega aos cumios máis altos dunha literatura universal que precisa da súa obra.

 

Este é o poema cunha linda ilustración de Fernando Gómez:





jueves, 9 de diciembre de 2021

PROFES QUE ESCRIBEN, por Raquel Castro

 




Non hai moito tempo que Versos e aloumiños publicou unha magnífica obra teatral, unha delicia, de Raquel Castro.

Así que non imos abundar aquí sobre a interesante traxectoria desta autora que enche de teatro e de ilusións o panorama da nosa LIX.

     Raquel enviounos un texto magnífico sobre “profes que escriben”. Pareceunos tan interesante que decidimos publicalo para deleite dos e das nosas seguidoras.

     Gozade con el porque paga a pena.

     Unha vez máis, prezada Raquel, moitas grazas.


Raquel Castro



Profes que escriben


Hai un par de anos, ía polo corredor do meu instituto abríndome paso entre alumnos e alumnas que, coma min, facían cambio de aula. De súpeto, unha alumna, á que eu non lle daba clase, encarou comigo.

- Ola, ti es a profe que escribe, non?

Ao principio non souben que contestarlle. Dicirlle que si, antollóuseme un alarde  e responderlle cunha frase tipo “ Todos os profes escribimos” unha parvada, que a rapaza non merecía, despois de que se atrevese a falarme no corredor. E, entón, respondín cunha pregunta e saín do paso.

- E iso?

- Porque lin o teu último libro e gustoume moito. Díxome ela.


Aquela mañá andei radiante polo instituto. Fixérame inmensamente feliz que unha alumna, á que non lle daba clase, se tivese achegado a un libro meu e, por suposto, que lle gustase. Se o libro lle dixera algo a aquela rapaza, xa valera a pena escribilo.


Agustín Fernández Paz

Coñecín a Agustín Fernández Paz cando comecei a traballar no ensino público, el xa era un escritor e un profesor consagrado e eu tiña que substituílo por un mes. Conservo del, escritos a man, dez folios onde me dá instrucións de como afrontar as clases con cada grupo. Tamén conservo, xa no curso seguinte, o recordo dunha conversa , xantando no Carballiño, na que me dixo que tiña a sorte de ter as dúas profesións que máis lle gustaban: profesor e escritor. Ser profesor permitíalle estar sempre en contacto coa xente nova, en contacto con aqueles e aquelas para quen escribía. Certo que tamén me dixo que ser profesor lle daba de comer e lle permitía dedicarse a ser escritor, profesión que lle daba moita satisfacción, pero da que non se podía vivir.


Agustín non é o único exemplo de profesor que escribe para lectores e lectoras da idade do seu alumnado. Poderiamos citar tamén a Fina Casalderrey, a Helena Villar Janeiro ou a Antonio García Teijeiro entre os máis prolíficos. O contacto coa xente nova fai que se  vexa a súa problemática de forma directa, de primeira man e, tamén, permite coñecer os seus gustos literarios e os ocos que quedan por encher, aínda, canto a temáticas e a xéneros no mundo editorial.

      Eu traballo con adolescentes. Esas persoas que, como adultos, acostumamos  mirar con certa condescendencia. Aos problemas da xente nova non lles damos importancia e clasificámolos baixo etiquetas tan pouco acertadas coma  está na idade do pavo” ou “xa lle pasará, está na idade da bobeira”  para non darlles importancia á infinidade de problemas que xorden cando unha persoa pasa da nenez á idade adulta.

Fina Casalderrey


Moitos destes problemas teñen que ver con presións sociais ou familiares que, ás veces, non son directas, mais iso non implica que non estean no aire, na atmosfera que respiran de forma sutil, esperando para colárselles nalgún oco do seu cerebro.

Que pode levar a unha adolescente a pecharse no seu cuarto? Que ocorre na cabeza das mozas que no canto de saír e divertirse, se agochan e tentan pasar desapercibidas, como se a vida non fose con elas? Este é o problema que tento enfrontar en Dormente, a miña última peza teatral.

Helena Villar Janeiro

Non é a primeira vez que boto man dos contos tradicionais para achegarme aos lectores e lectoras. Gústame darlles a volta aos contos, aos contos que nos contaban de nenas.  Aínda que pareza que hai distancia entre a Dormente e as mozas do século XXI, só tedes que consultar nas redes, como é un príncipe ou unha princesa dos nosos días. Como se pode falar así? Temos que ser princesas ou príncipes?

Antonio G. Teijeiro
Sabedes como debe ser unha princesa do século XXI? Unha das primeiras entradas do buscador dinos que as princesas de hoxe deben ser seguras e crer en si mesmas, intelixentes, responsables e, ademais, non abandonarán nunca os seus obxectivos, esforzaranse sempre, preocuparanse polos demais, mirarán o lado positivo das cousas, coidaranse e serán valentes. A priori podemos pensar que son calidades positivas, se as comparamos con aquelas que tiñan as princesas dos contos tradicionais das que o seu espertar dependía do bico dun príncipe, mais eu se teño que posuír todas esas calidades xa me dá algo, o nivel de esixencia é tanto que me asfixia. 


En A formiga fóra do carreiro, outra peza teatral, tento amosarlles o importante que é escoitar o teu corazón á hora de escoller. Nesta idade tómanse decisións constantemente e non é nada fácil: inglés ou francés, mates ou latín, a roupa que poñer, as actividades ás que anotarse, falar co rapaz ou rapaza que che gusta, caer ben, ir ao bacharelato ou facer un ciclo, seguir estudando ou poñerse a traballar, atrévome e falo galego ou non me complico e falo castelán.



Si, porque falar galego nos nosos institutos é un acto de valentía. A rapazada que fala galego cóntase cos dedos das mans e aqueles e aquelas que chegan falando galego, apártano nun caixón e, chegado o Nadal, xa son castelán falantes de cara á galería, que todo o pode. Disto fálolles en A vendedora de palabras, unha das primeiras pezas que publiquei.




Escribir converteuse nunha necesidade para poder traballar co meu alumnado nas aulas de teatro calquera tema. Un xeito de comunicación activo e directo que me achega á rapazada, porque me axuda a escoitalas e escoitalos sen filtros e aprendo cada día coas súas experiencias.

Escribir obedece, tamén, e penso que as autoras e autores arriba mencionados senten o mesmo, á necesidade de facer lectores e lectoras, de que a mocidade se achegue ás bibliotecas, colla libros e os devore. A lectura, que tantos beneficios nos aporta, non está de moda entre os máis novos. Cando un alumno ou unha alumna len moito, máis alá das lecturas “obrigatorias”, celebrámolo coma un acto heroico, porque non é o habitual, por iso escribir literatura infantil e xuvenil convértese nunha especie de obriga para as profesoras e profesores que desexamos atopar o tema, o fío que os enrede coma gatiños detrás do novelo.


Di Ursula K. Le Guin en The Wave in the Mind : Talks and Essays on the Writer, the Reader, and the Imagination O que ocorreu cos contos e cos poemas logo da invención da imprenta é algo estraño e terrible. A literatura perdeu a voz. Agás no escenario, quedou en silencio. Gutenberg púxonos un bozo.”

 

 


 

Raquel Castro, 23 de agosto de 2021