martes, 29 de agosto de 2023

FAÍSCAS (12) "Como se achega setembro, algo de educación"

 




Intentando ordenar -algo que nunca consigo- a miña enorme biblioteca persoal, dou cun libro que, publicado en 2015, me agasallaron e fíxome moi feliz.

     Falo de La nueva educación. Los retos de un maestro de hoy. O seu autor, César Bona, un dos cincuenta mellores mestres do mundo segundo o Global Teacher Price (non creo nada nestas distincións globais de “o mellor…”, pero deixémolo así).


     As teorías de César Bona son compartidas por min dende hai xa ben tempo. Un dos seus puntos máis importantes consiste na implicación do ou da docente co seu alumnado. Afirma Bona que o mestre non debe acomodar os alumnos e alumnas a uns plans de estudo, porque todo educador debe adaptarse ao motor imparable do neno/a. Imprescindible motivar, estimular a súa creatividade e aguilloar a súa curiosidade. Chámaos habitantes do presente, algo máis ca os adultos do futuro.

     O educador é para César Bona un ser privilexiado que pode impartir e compartir os seus coñecementos en tribu.

      Estas e moitas afirmacións que se poden ler no libro, non resultan alleas a eses e esas docentes que levan moito tempo poñendo en práctica, con ilusión e intelixencia, estes e outros presupostos necesarios para que o alumnado desenvolva a súa capacidade tanto intelectual coma afectiva (non é así, admirada María Rosa Serdio, poeta e mestra exemplar?) na etapa de formación.

     

                                        María Rosa Serdio. (Foto Rev. Arena y cal)


     Pero non está de máis recordar estes puntos, tan lóxicos como esquecidos demasiadas veces.

E convén recordalos nestes momentos da involución que a dereita extrema e a ultradereita queren impoñer ao acceder á educación (que terrible!) e á cultura en concellos e autonomías deste país. PP e Vox están propoñendo unha volta atrás en dereitos fundamentais no proceso educativo que me aterran. Pin parental, ideoloxía ultraconservadora, mentiras, manipular contidos, eliminar outros, atacar a igualdade, machucar a liberdade docente e tantas e tantas barbaridades que dan medo.

     

César Bona


     Non o esquezamos: xogámonos moito no eido educativo para permitir estas involucións que empobrecerán o presente e o futuro de xeracións que precisan de amplitude de horizontes para que a súa formación os faga máis cultos, máis abertos e máis libres.

     Como di César Bona, refiriéndose aos estudantes, "estes deben saber que se propoñen algo e loitan por iso, poden conseguir ser moi fortes nas situacións adversas e terán moi claro que deles e delas depende que o mundo sexa un lugar mellor”.

      Axudémolos, pois, a que o entendan, o interioricen e acaden estes obxectivos.

 

                                                                                                                          Antonio García Teijeiro

 

 


sábado, 12 de agosto de 2023

CONMEMORACIÓN DO LANZAMENTO DAS BOMBAS DE NAGASAKI E HIROSHIMA NUN ACTO EN VIGO. (Recitado de dous poemas)

Antonio García Teijeiro lendo dous poemas da súa autoría


“Aquela mañá o ceo en Hiroshima estaba moi despexado.

O sol quentaba con gran forza. Os sete ríos de Hiroshima fluían silandeiros.

Os tranvías ían amodo.

Malia guerra.

Tokio, Osaka, Nagoya e outras cidades, foran bombardeadas. Só permanecía Hiroshima.

Os seus habitantes dicían con temor: “axiña nos tocará a nós”.

Para evitar que o lume se propagase, derrubaron edificios e ensancharon rúas.

Colleron auga e prepararon os lugares que servirían de refuxio.

Ninguén saía sen protexer a súa cabeza cunha carapucha. E sempre levaban con eles unhas poucas menciñas.

Miichan estaba almorzando cos seus pais.

O arroz tiña unha cor rosada porque estaba mesturado con batatas que lles trouxera un parente do campo.

-Mmmm…que rico-dixo Miichan coa boca chea.

-Está moi bo- afirmou seu pai sorrindo.

Miichan tiña só sete anos.

6 de agosto de 1945.

8.15 horas.

De súpeto sucedeu.

Escoitouse un ruído enxordecedor e un horrible resplandor atravesou o ceo.

Era unha luz laranxa; non, unha luz moi branca, cegadora, ameazante, coma se cen lóstregos estralasen á vez “ (…)

 


Así comeza o libro da pintora xaponesa Toshi Maruki, o terrible e emocionante libro O escintileo de Hiroshima, no que achega aos lectores e lectoras mozas o sufrimento dunha familia xaponesa producido polo lanzamento da bomba atómica en Hiroshima en 1945.

 

Sempre lle lin ao meu alumnado esta dura e, á vez, emocionante historia da crueldade humana.

Así, en case todos os meus poemarios para a xente nova fun deixando versos que describen o horror e loita pola paz ao longo dos anos, porque as guerras nunca deixaron de producirse en moitos lugares do mundo.

Velaquí dous deles, nun vídeo no acto que se celebrou o pasado mércores de agosto en Vigo para conmemorar a traxedia bélica e actuar para que non se repita endexamais.








miércoles, 2 de agosto de 2023

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA FILbo 2023: Con Fredy Chikangana, quechua e galego da man. Audio

Adriana Campos Umbarila, moderadora, presenta o acto


Como vin repetindo sobre os actos que se desenvolveron coa miña presenza na FILbo, cada un deles está cheo de emocións moi profundas.

      No terceiro e derradeiro, celebrado no Gran salón “Raíces C”, a emoción subiu aínda máis graos ao compartilo co extraordinario Fredy Chikangana, un poeta indíxena da nación Yanakuna Mitmak, que escribe en quechua e que é unha autoridade poética sen discusión.

 

Fredy Chikangana e Antonio García Teijeiro

     O acto, que levaba por nome Escribir en la lengua materna sobre cómo la lengua crea el mundo, estivo moderado pola especialista Adriana Campos Umbarila, e resultou dun interese excepcional co auditorio cheo e interesadísimo no tema.

Era a segunda ocasión que coincidía con este marabilloso poeta (a primeira, hai anos, no Festival de Poesía de Medellín) e a comunicación entre ambos non puido ser mellor.

      Eu, ao contrario do que o título do acto sinalaba, enfoquei o tema ao revés, pois non foi a miña lingua materna a que creou o meu mundo literario (o castelán) senón que foi a lingua galega, adquirida e profundizando nela, a que asumín como nova lingua de cultura.

 

Fredy Chikangana, lendo un poema en quechua

     Lemos poemas en galego e en quechua e sentinme fondamente emocionado ao partillar ambas linguas e ao escoitar a lingua de Chikangana, ateigada de sentido e sentimento.

 

Velaquí, pois, un documento extraordinario. Un audio que fará as delicias dos e das que amamos a poesía sen límites de ningunha clase.

Que o desfrutedes.