Dá gusto ler os artigos de
Manuel Veiga. Están moi ben
escritos, moi ben estruturados e enfróntase o autor a temas que están aí e
sobre os que é moi san reflexionar e debater.
Por iso e por moito máis, sempre é unha
festa publicar un artigo deste escritor e xornalista, inquieto e crítico, que
coa palabra abre portas a pensar. Ademais, coas súas atinadas exposicións Manuel Veiga crea un espazo de discusión moi
necesario e que Versos e aloumiños se sente moi honrado de propoñer.
|
Manuel Veiga |
O día que comprendín para que servían as humanidades
Manuel
Veiga Taboada
Recoñezo que até hai pouco non era capaz de facer unha
defensa clara do estudo das humanidades ou, polo menos, non era capaz de facela
en poucas palabras.
Todos levamos anos notando como unha brisa fría que nos
di que as humanidades non son útiles, que tal vez no pasado tiveron moito
sentido, pero que hoxe deberiamos reducir as horas que se lle dedican para
destinalas á física, ás matemáticas, á informática, á bioloxía. De onde procede
esa brisa incómoda e constante? De certos gobernos, de certas empresas quizais
con intereses tecnolóxicos, de artigos que aparecen nos medios e de entrevistas
con expertos. Non o din de modo moi claro: fóra o latín (ben, iso si o din),
fóra a filosofía (ou menos tempo para a filosofía), para que saber de
literatura (iso quedaría para o tempo libre, aínda que mellor sempre un ensaio
que unha novela), non se atreven aínda coa historia (grazas a esa frase tópica
de que non coñecela é repetila, pero nunca deixarán de engadir outra celebre
frase: estudar historia non ten saídas). ¿E que dicir da psicoloxía nunha
sociedade que deixa os enfermos en mans case exclusivas dos produtores de
fármacos, das familias e do aparato xudicial?
E non me digan agora que o estudo de linguas si se
defende, porque non é exactamente así. Non se defenden as linguas como unha
riqueza para a imaxinación, como unha mostra patente da variedade humana, como
achegamento a outras culturas, nada diso ou case nada. O que se defende é
unicamente o inglés para facilitarlle os negocios á túa futura empresa (ou para
ser camareiro en Mallorca). E non se defende o monolingüísmo materno en inglés
porque aínda non se ve posíbel, pero algúns, de tan obsesionados, parecen case a
punto de esixir o internado dos recén nacidos lonxe das súas familias, como
fixeron en Australia cos aborixes.
|
Manuel Castells |
Pois ben, a pesar de todo isto, recoñezo que até agora
non viña encontrando os argumentos suficientes para defender o ensino das
humanidades, cando menos á mesma altura das ciencias chamadas duras. E cando me
puña a escoitar aos que defendían esta postura tiña case sempre a impresión de
estar oíndo constantes tautoloxías, algo así como o si porque si. Parecíanme argumentos tan ben intencionados como un
chisco antigos. Argumentos movidos pola inercia e por unha vacua moral. Esa era
a sensación que tiña.
E isto foi así até que, hai pouco, lin unha entrevista co
sociólogo Manuel Castells. Castells explica os avances que traerán consigo, nos
próximos anos, as novas tecnoloxías. Por abreviar, mencionarei só a atención
sanitaria non presencial, que chegará a facer posíbeis as operacións a
distancia, e o ensino: clases á hora que se escolla, posibilidade de acceder a
múltiples coñecementos, interacción en rede, etc.
Tras describir esta probábel evolución, Castells lembra
que todo isto choca, por exemplo, coa realidade actual das listas de espera ou
co escaso uso que se fai da informática básica actualmente nos centros de
ensino. E conclúe afirmando que estamos a vivir unha gran modernización
tecnolóxica en medio dun enorme atraso social.
Aí esta a clave que faltaba, díxenme. Hai un desfase
entre o desenvolvemento da ciencia e a súa asimilación. Mesmo, hai casos nos
que parece que camiñan en sentido contrario: tecnoloxías para facilitar a vida
e ideas que parecen querer retrotraernos a un pasado escuro.
Ese é o lugar onde entra a importancia das humanidades.
Iso é o que pon de manifesto que esa brisa que nos golpea case todos os días na
cara para dicirnos algo así como: “vaiamos ao útil e deixémonos de
especulacións que a nada práctico conducen”, en realidade forma parte dunha
ideoloxía equivocada, supoño que en certa medida inconsciente por parte de quen
a di, pero en todo caso altamente perigosa.
En último extremo, podería conducirnos a unha sociedade
de relacións case feudais pero con técnicas futuristas. De aí que haxa que
deter ese vento, antes de que nos faga verdadeiro dano e deterémolo explicando
para que serven as humanidades, porque as humanidades serven precisamente para
deter iso, para que a tecnoloxía traia cousas boas e non malas, porque todas as
técnicas poden ser mal utilizadas, poden ser aproveitadas por uns poucos ou por
todos, poden traer a saúde ou traer a guerra, pode curar enfermidades ou
envelenarnos.
Que sucede, por exemplo, no ensino? Pois que os
profesores non son axudados a actualizarse. En lugar diso, os gobernos
trasládanlle a eles as súas tarefas administrativas. Co obxectivo de reducir
funcionarios na propia administración, os profesores pasan a estar cada día
máis ocupados cunha burocracia inútil.
Non lles queda tempo nin ganas, nin lle poñen incentivos,
para que actualicen tanto os seus coñecementos como o método de ensinalos. De
aí que as clases de bioloxía, por exemplo, vaian sempre bastante por detrás do
que a ciencia xa sabe a día de hoxe e que se desaproveiten medios novos que serían
moi útiles para facilitar a comprensión do alumnado.
E que ocorre con eses alumnos? Pois que están
desbordados, colonizados por certas prácticas tecnolóxicas, as máis lúdicas e
tamén as máis repetitivas e improdutivas. Curiosamente, os que claman pola
utilidade insisten en modelar unha mocidade permanentemente entretida con xogos
banais.
A técnica non mellora todo o que podería as novas
xeracións, senón que en boa medida crea un vicio. É como xogar ao tute ou ás
máquinas de flipper pero con utensilios diferentes. As tecnoloxías non se
dirixen a eles, ou non o fan moitas veces, para ampliar o seu horizonte e
orientar o seu criterio, senón para convertelos en clientes adictos.
E por que todo isto está sucedendo así? Pois porque os
gobernos, dependentes en exceso de toda a contorna económica e social que as
empresas tecnolóxicas crean, non se preocuparon até agora de desenvolver o
aparato crítico suficiente que derive nunha lexislación que protexa os nosos
dereitos. E non estou a falar de restrinxir as liberdades, como algúns queren
facer coas redes sociais, senón de educar e defender os cidadáns do poderío das
empresas. Para empezar moitas delas non pagan os impostos que deberían. Elas
mesmas cren que todo lles está permitido. En segundo lugar, está a súa
tendencia a privatizar e monetarizar, así como a crear monopolios.
Neste sentido operan como empresas do século XIX, como se
a moderna lexislación protectora e defensora do individuo non fose con elas.
Son empresas da terceira o cuarta revolución industrial que pretenden actuar
recoñecendo só os dereitos sociais que había cando se produciu a primeira.
Velaí a falta de dereitos dos traballadores de Amazon que
xa provocou varias folgas ou o traballo precario que xeran moitas Apps. Comeza
a haber centos de traballadores que non saben sequera para quen traballan, nin
teñen a posibilidade de sabelo, como nunha película distópica.
Neste momento, urxe, entre outras cousas, que os gobernos
invistan en educación, en todos estes sentidos que se derivan do que vimos
falando. Pero o que están facendo é reducir gastos, aprobar recortes. Cando o
Estado se subsume, o resultado é que aumenta o atraso social. Por esa razón a
distancia, anunciada por Castells, entre tecnoloxía e mentalidades é cada vez
máis grande.
Non estamos ante un proceso causado polo azar, estamos
ante unha política ou unha ausencia de política que se pode volver perigosa,
que pode acabar debilitando a democracia e, aínda que semelle paradoxal,
reducindo o nivel de vida de gran número de persoas. Estamos condenados a que a
nosa mocidade estea formada por un pequeno número de enxeñeiros e por un número
bastante maior de repartidores en bicicleta, sen seguridade nin dereitos?
Pois ben, para coñecer, analizar, falar e decidir sobre
todo isto son necesarias, imprescindíbeis, as humanidades, a filosofía, a
historia, a socioloxía, a psicoloxía e a literatura. Grazas a elas non só
razoamos mellor senón que tamén nos coñecemos mellor como humanos, medimos as
nosas capacidade, sabemos o que nos convén e imaxinamos alternativas. Esa é a
súa utilidade. Sen elas, o mundo será un inferno tecnolóxico e as relacións
humanas unha sofisticada selva.