martes, 29 de junio de 2021

FIESTRA ABERTA (6) Poemas e debuxos de Manoel DaCosta Pardo

 





Conversar con Manoel DaCosta Pardo resulta sempre un pracer. É un home aberto, agradable, cheo de inquedanzas. Un home que ama a cultura e que fai dela unha das razóns para respirar.

     Ten un magnífico blog, publicacións técnicas de altura, dous libros de contos con ese mariñeiro cheo de mar nos seus ollos e que se chama Mirequelledigo, pinta e debuxa de xeito maxistral, ama a música (mesmo toca algún instrumento), sabe moito de cine e é un conversador ben rico.

     Pedímoslle para Fiestra aberta, uns poemas e uns debuxos. A súa voz ten que escoitarse e el, amable coma sempre, agasallounos con estas pezas moi curiosas e ateigadas de boa poesía crítica.




Manoel DaCosta Pardo





A FORMIGA NO CARREIRO


Na porta do meu sepulcro

contemplo aos vivos pasar.

Non estou so, que outros defuntos

están comigo a axexar.

Ricos no seu mausoleo,

famosos no panteón,

e nos funerarios túmulos,

heroes de pedra e cartón.

Baixo unha sinxela cruz

os sen terra están na terra.

Miserentos e sen luz.

En nichos, a crase media.

De pedra e mármore algúns,

tixolo e cemento os mais;

outros un foxo na terra.

Nin a morte nos fai iguais!

Na porta do meu sepulcro,

contemplo aos vivos pasar.

Son formigas sen carreiro,

Que ninguén orientará.

Extraviadas e perdidas,

non ven nada, non oen nada;

Voltas e voltas en circos,

Sen deterse a cavilar.

Cavilar no que desexan,

que desexan no corazón.

Se a vida ten sentido,

Entendemento ou razón.

Na porta do meu sepulcro

Contemplo aos vivos pasar.

Teño covas onda os ollos

Furados no meu nariz,

aínda quédame a queixada

Para escorda-la a rir.





CANDO EU NON ESTEA


Cando eu non estea.

Estarei aínda vivo,

nos teus adentros.

Cando eu non estea.

Seguirei sendo eu,

no teu pensamento.

Cando eu non estea.

Porfiarei gravado,

Na túa retina.

Cando eu non estea.

a brisa do mar,

levará meu recendo

Cando eu non estea.

Soará miña voz,

na música do vento

Cando eu non estea.

Vivirei para sempre

no teu mol interno.




ESPERTEI UNHA MAÑÁ


Espertei unha mañá,

espreguiceime no baño

E ao mirarme no espello

vexo na prata, de esguello,

o reflexo

dun bocexo

que non coñezo de ren.

Cecais son os mesmos ollos,

birollos,

o mesmo mesto bigote,

as mesmas cellas e orellas.

E as guedellas …

Mais hai algo que me inqueda,

algo antes non albiscado.

Non podo estar trabucado!

No espello está reflexado,

claramente debuxado, relatado, escriturado.

Amolado,

déixame esta descuberta.

Teño as pálpebras abertas?

Esperto estou con certeza,

ou se me foi a cabeza?

O caso é que, de verdade,

dito así, de vagariño,

fochicando có maimiño

nos furados do nariz

é a cara dun cadavre!

 

Abro a billa do lavabo,

Na procura da auga fresca

Para esnacar o aldraxe,

da imaxe

deses ollos lagañosos,

receosos

do proído do xabón.

Un aguillón

na ferida

da conciencia aterecida

na procura de razóns,

e os pantalóns

Ula os teus devezos?

comestos!

Ula os teus degaros?

tronzados!

Ula as túas arelas?

gabelas!

Ula os teus roteiros?

esgueiros!

Ben. Ben. Ben.

Espertaches de mañá

e ao mirarche no espello

(artefacto do envés)

asaltouche unha pregunta:

tes a cara de cadáver,

ou de perfecto burgués?

 

 


 






VAITES


Vaites vate! Vaites, vaites!

Que o teu verso é disparate

E nos meus miolos bate

Como as campás do abate.

Vaites vate! Vaites, vaites!

Que o teu xenio se desate

En cousas de mais quilate

Que o poema é un combate

Non ouveo de primate.

Vaites vate! Vaites, vaites!

A outra cousa dedicate

Non quererás que te relate

Como sufrirás o embate

Sen ninguén que che contrate.

Vaites vate! Vaites, vaites!

Fártasme co teu dislate

Que estás louco de remate

Déronche o xaque mate!

Iso non admite debate.

Vaites vate! Vaites, vaites!

A poesía, mi cuate,

Non da para mercar un iate

Salvo que sexas magnate

Ou campión de karate.

Vaites vate! Vaites, vaites!

Voume, logo sen recate

Antes que reciba un cate

Que me lancen un tomate

Ou necesite rescate.

 






PARA SABER MÁIS DE MANOEL DaCOSTA


Resulta moi complicado resumir en menos de trescentas palabras a actividade deste enxeñeiro das instalacións eléctricas e da palabra, que aparcou durante uns anos a práctica intensiva de literatura e pintura para cultivar ás súas innegables dotes de docente na EEI de Vigo, e as nulas de xerente dunha empresa de electricidade.

Manoel di de se mesmo que é un esgrevio aprendiz de todo e mestre de nada, aínda que os seus amigos, que lle queren ben, non concordan con esta apreciación. Lector compulsivo de literaturas propias e alleas, ocasional vate, conferenciante, cineasta superochista en importantes certames internacionais e en festas partidarias, aceptable ilustrador e pintor de balcón, practicante dende mozo da procura de petróglifos, aplicado alumno do ciclo medio de percusión da ETRAD, e de canto e pandeireta na A.C.F. O Fiadeiro, esgrevio cortador de xamón e eficaz preparador de churrasco en festas varias, Manoel é ademais membro de colectivos varios como Faladoiro64 ou O Leonardo enmascarado, e mantén coas dificultade propias desta hiperactividade algúns blogues de intereses varios.

Aínda que a súa partida de nacemento certifica que naceu na Coruña, e así o recollemos no íncipit deste bosquexo biográfico, máis certo é que se de algo exerce é de boucense de pro. E como boa proba disto sitúa nesta fermosa vila as reflexións do noso mariñeiro con moita mar nos ollos, ao que deu en chamar Mirequelledigo, e que agora, coa necesaria complicidade da súa editora e a non menos indispensable dos lectores, dá a tinta e papel ás súas novas venturas e desventuras.

martes, 22 de junio de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXIX) "Nomes", de Xoán Carlos Domínguez Alberte

 




XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE (Escudeiros. Ramirás. Terra de Celanova, 1966)

 

 

FLOR DE ABELEIRA

 

 Nas flores sen abelás

das abeleiras do Abelaire

zoan as abellas que veñen

Xoán Carlos Domínguez Alberte
da Abilleira e zúganlle

o doce co que han facer o mel.

 

   Se fose que outra vez

as abellas voasen á Abilleira

   das abeleiras do Abelaire

o doce das flores que zugasen

   sería o mel das colmeas

   das abellas da Abilleira.

 

   A Abelaire na Abilleira,

   A Abilleira no Abelaire.

 

    Un doce con recendo

  co perfume das flores das abeleiras,

co sabor do mel das mellores colmeas.

 

 

 

LUGARES CON SABOR

 

 

Para os de Filgueira

ou os das Figueiras

os seus nomes son os mellores

e non lles digo que non.

 

De non che andar con xeito

os chumbos énchennos

as mans de agullas finas

que se cravan na pel.

 

Os do verán son grandes e carnosos,

e, quitando a cor violeta das béveras,

                                  ao madureceren,

      cando repelan neles os paxaros,

pasan do verde outono ao verde oliva.

 

                 Logo están os da vendima,

                 que son doces coma o mel,

por iso comen tanto neles as abellas,

                  e espapallan o líquido

do seu licor na boca entre a saliva.

 

Para as nenas e os nenos,

os mellores, e digo que si,

Ilustración de Ana G. Buhigas
que xa non digo que non,

son os da miña aldea,

onde sempre hai a esgalla.

 

Dende a fartura das froiteiras

celmosas no Figueiral

deica o frescor cristalino

das beiras con sombra

da Corga de Figueiró.

 

Nomes con sabores de bocados

cativos para morder,

picar e repelar.

 

E aínda por riba se lle chama

              chimpafigos a alguén

                  que é un bulebule

ou que é rebuldeiro e espilido de máis.

 




(Do libro Nomes, editado pola Editorial Galaxia, 2021)










 

 

(Do libro Nomes, editado pola Editorial Galaxia, 2021)

 


sábado, 12 de junio de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXVIII) "V de Bestiario", de Ramón Caride

 





RAMÓN CARIDE OGANDO  (Cea, Ourense, 1957)

 

 

O boiseñor que pía

pía e pace sen xeito

anda piando a eito

no medio do silveiro

manxa e non dá feito

Ramón Caride (Foto de Anxo Cabada)

 

 

Lampopa e lamproa

lamproa e lampopa

segundo se poñen

que sempre se opoñen

nunca se compoñen

 


 

Crocogrilo grilea

grilea sen parar

regrilea e grilea

éche unha boa lea

remata por cansar

 

Sandía de día

sabe que rabea

após do solpor

sandía tolea

sannoite alcatrea

Ilustración de Lois G. Magariños

 

 

Moicego o morcego

paréceche un crego

colgado da roupa

vendendo nas rúas

mentres papa moscas

 

 

 

(Do libro V de Bestiario, editado por Edicións Embora, 2020)

 



lunes, 7 de junio de 2021

FAÍSCA (10) "Na procura dos trazos humanos e poéticos do mar"

 




Sen dúbida o mar é unha das lembranzas máis significativas na miña vida. Os meus primeiros medos diante desa masa enorme de auga permanecen na miña memoria xunto co pracer que, unha vez superado ese inicial temor infantil, me produciu sempre ao mergullarme nas súas augas cristalinas.

Teño para min que as miñas veas son de auga salgada. Amo o mar fondamente. Sinto auténtica emoción perante as súas flutuacións, os seus bicos deitados na area, o seu recendo fresco e intenso, os ronseis máxicos que van deixando as embarcacións que o sucan acotío, as ondas que chiscan os seus ollos para que nos deixemos abanear docemente nos seus brazos de escuma.

 


Por todo isto e por tantas outras cousas, a miña obra sempre estivo tinguida de mar. Porén, faltaba algo: dedicarlle un libro completo a esta miña paixón mariñeira. Foi tanta a emoción sentida, cando me puxen a iso, que o mar, calmo ou tempestuoso, me levou a escribir tres poemarios dirixidos á rapazada, Un deles, Poemar o mar, atinguiu un recoñecemento inagardado e conveteuse no referente esencial do meu proxecto salgado. Quixen presentar os poemas deste libro como unha homenaxe a un espazo que me conmove decote. 



     O mar nas súas múltiples facetas lúdicas, pero tamén tráxicas. Un mar que ronca, que molla os versos, que chora por dentro e cala por fóra, que ten trenzas, pero que tamén é berce de naufraxios. e vítima da inmundicia deitada pola maldade do ser humano. E tratei de facelo cunha linguaxe rica, fresca e con imaxes suxestivas.

Intentei con estes poemas fundir a emoción mariña coa emoción poética e facer partícipe ao lectorado da forte capacidade que o mar posúe como eixe creativo.

 

Ilustración de Xan López Domínguez para "Poemar o mar"

Porque se pode falar do mar de moi distintas maneiras. Cando eu me enfronto a poetizalo, intento fuxir da creación dun catálogo dos elementos e dos seres vivos que o forman. Intento conxugar os sentimentos mariños cos meus sentimentos persoais e darlles capacidade poética. 


Procuro crear un todo e ir amosando o espírito do mar coma un personaxe que temos aí  para velo e escoitar as súas verbas, que nos agarda, que nos chama, que nos ama e que forma parte da nosa vida. Unha personificación, en definitiva, chea de trazos humanos, recoñecibles, na busca dun respecto grande por parte do lector, cun contido lúdico e fondo á vez.

 

                                                                                                                    Antonio García Teijeiro


Ilustración de Xan López Domínguez ("Poemar o mar")