Presentei “Soleando”,
o poemario de An Alfaya, editado por
Galaxia, e ilustrado por Inma de Batlle,
nun xogo a dúas mans orixinal e con certo risco.
Entre
as dúas fixeron un pacto creativo que consistiu en que cada día a ilustradora
debía enviar por whatsapp o debuxo dun sol, e antes de que caesen as doce da
noite a escritora devolvería un poema pola mesma canle. Un proceso que foi
idéntico en sentido inverso.
Así
naceu este “Soleando” que puxo un sol en cadansúa vida ao longo de mes e medio
e que, segundo afirman An e Inma, resultou moi gratificante.
Presenteino en Vigo, na libraría Librouro, no mes de outubro.
O que
dixen nese acto, podedes lelo deseguido.
Foi un
verdadeiro pracer.
Gústanme as persoas que arriscan. Gústanme as persoas que propoñen e non dormen na comodidade.
E An Alfaya é unha desas
persoas que sempre te sorprenden en cada obra súa que sae do prelo. É moi
inquieta, transita por diversos camiños e é fiel a si mesma.
Sempre lle dixen a An que
tiña que publicar poesía. Que a leva dentro e que sería bo que a deixase saír
da súa narrativa onde vive de maneira perpetua.
E, por fin, fíxoo. E xogou con Inma
de Batlle dun xeito arriscado ao que eu lle dou moito valor.
Soleando é un libro que xoga co sol. Un libro que aluma e que brilla, porque os seus raios se funden coas palabras e crean un universo de luz e vida que precisamos.
Desculpádeme se non trouxen
as lentes de sol para gozar da brillantez destes debuxos e destes versos.
Malia estes días de chuvia, eu bronceeime cos raios que desprenden
estes poemas, estas imaxes e sentín a súa dozura. Versos que, por certo, foxen
das cadeas das formas e brillan ao seu aire polo ceo.
Nótaselles libres. Uns máis longos, outros curtos e todos coherentes.
E a rima?
Pois se riman, riman. Se non, non.
A autora utiliza a rima ao seu xeito e permite que os poemas ofrezan
unha liberdade absoluta. Sábese dona dela.
E entre os debuxos de Inma e
os versos de An crean unha atmosfera poética que adoza esta sociedade tola que
non sabe cara a onde camiña.
Porque An, enchoupada de luz, vai tecendo uns poemas que se nutren do
cotián.
Nada nos resulta alleo a
todo o que os raios do seu sol poético aluman.
Hai frescura nestes poemas.
E o sol sérvelle á autora para crear un universo que é moi de seu para
os que a lemos e os que a coñecemos.
Un sol que desexa, que foxe, que fita engaiolado polas pequenas cousas.
Un sol que debuxa fíos de luz de ouro fino.
Un sol que é unha flor e chega a ter frío.
Un sol que cae do ceo, que asoma cinsento, que se desanima e que se
emociona cos agasallos da lúa.
E An desgústase ollando a
xente que camiña coa ollada esquiva e sabe que a luz do sol pode cambiar
sensacións.
Mesmo o sol é apaixonado e loce unha cor vermella de sangue.
E An cre na esperanza e como non pode ser astro, convértese en poeta
para escribirlle rimas a ese sol que Inma lle agasalla. Ou que se agasallan.
A An gústalle ese sol que xorde despois da chuvia porque lle/nos dá
vida.
Hai humor nestes versos, hai
cotidianeidade nestes poemas, hai conto nestes poemas, hai certa crítica neles
– crítica para reflexionar - , hai xogo, hai natureza viva, hai dúbidas e
ilusión.
E mesmo hai sombras que queren o sol.
E como dixen antes, hai esperanza neste Soleando, bicos para
agasallar e hai maxia porque An pranta sementes de sol na súa horta poética e
constrúe caixas de cristal onde garda os raios dese sol longo coma un río, fino
como un fío.
Sabe An que o sol é un
tesouro que garda no máis dentro dela.
Un tesouro como é a poesía porque co sol, poetizador, nomea o innomeable
e xoga a facer posible o imposible.
Sol, debuxo e poesía para un
poemario que non vai deixar endexamais de encher de ilusión as nosas vidas.
Na presentación (4) |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO