Coñecer
a Manoel DaCosta é unha satisfacción. Un luxo. Home comprometido, culto,
amante das artes e gran conversador, ademais de amigo dos seus amigos.
Sempre
ten algo que achegar e é un traballador incansable que goza coa palabra
escrita, lida e oral. Por iso é tan querido.
Dende
a súa formación na ciencia, Manoel ve o que o rodea dun xeito aberto, crítico,
á vez que positivo, no que non falla o seu compromiso coas persoas e coas
causas.
Por
iso e por moito máis, A luz das palabras recolle con o interese un proxecto literario que el
concibiu como unha triloxía, cuxo terceiro e derradeiro volume acaba de
aparecer nas librarías.
Imos
con el á Taberna do Mincha e que nolo conte.
|
Manoel DaCosta (Foto Asociación Vigo Bosco) |
Crónicas dun filósofo tabernario.
Ou de como a forza
da amizade metamorfoseou unha publicación dunha rede social nunha triloxía
literaria.
Como “de ben nacidos é ser
agradecidos”, comezo estas páxinas dando as mais afervoadas grazas a todos os lectores
que me acompañaron neste longo camiño que vai desde as primeiras publicacións
nas redes no 2014 a este “Escoite e verá!” de 2023 que pecha a triloxía
das “Crónicas”.
Dou as grazas e non fago nada de
máis, porque son dos que pensan que na nosa terra os premios deberan concederse
aos lectores e non aos escritores, que ao cabo e ao fin son os que xustifican
toda esta industria, ás veces incluso cultural. Coidémolos! Que se temos que
crer ás estatísticas son especie en risco de extinción.
E falando deses “raros peixes”
que son de vez grandes lectores e grandes escritores non hei de esquecer nos
meus agradecementos a un dos seus máis eximios representantes: ao meu
benquerido amigo Antonio García Teijeiro. Antonio foi dos primeiros en estar sempre
aí, insuflándome o necesario entusiasmo para persistir, e non afrouxar, no
empeño de levar adiante este proxecto, máis ontolóxico que escolástico, materializado
nestas “Crónicas dun filósofo tabernario” que hoxe, coa súa xenerosidade
habitual, me pide que comente neste seu caderno de bitácora para navegacións
oceánicas.
E debo confesar que agradezo o
seu encargo. Que me enche de orgullo e satisfacción, e que non teño dúbidas na
forma na que debo facer cumprido desempeño da súa amable petición. Pois, que
outra forma podería adoptar a pormenorizada descrición pedida, que a dos
propios contos que lle dan forma?
Así que, sen máis circunloquios,
alá vai o conto!
Alá polo ben afastado 2013 —o día 31 de xullo, por ser mais precisos—, os
meus compañeiros do Departamento de Enxeñería Eléctrica da Universidade de Vigo
celebraban o meu paso á situación de xubilado cunha cea, non sabería ben dicir
se de homenaxe ou alivio. Empezaba para min unha vida mais libre de obrigas e
ataduras, na que podería ser o dono do meu propio tempo. Polo menos na teoría,
que logo veu a vida a poñelo todo do revés.
Pero o que si era certo e que un pouco de tempo mais tiña para dedicar a
tres das miñas afeccións: a música, na ETRAD e no Fiadeiro, a pintura e o
debuxo, e a escrita daquela novela que todos soñamos con dar a ferro un
día. E como antes de saír a pescar cómpre aprender a remar, pensei que
sería oportuno exercitar a miña esgrima literaria cuns pequenos contos, a modo
de comentarios de actualidade ou da memoria dos meus, e que puxen nos beizos
dun vello mariñeiro da Bouzas da miña infancia ao que puxen por nome Mirequelledigo,
contracción da frase introdutoria coa que comezaba os seus relatos.
Nunha das primeiras publicacións, en novembro de 2014, o Mirequelledigo explicaba,
un tanto literariamente, a súa orixe:
Mire
que lle digo, don Manoel! Nacín dunha conversa despois dun concerto. Son
daquela fillo da música e da amizade. Son home tranquilo e pouco amigo de facer
as soltas antes de ter as cabras. As veces, cando me enche a carraxe do moito
papo que teñen algúns, deixo de ser calado coma un peto e doulle a roncha a don
Manuel, que sempre ten o seu aquel para aturarme. Estes días decidiu que xa era
tempo de sazón e que cada moucho ao seu souto. Así que aquí me tedes, que un
home é un home e un ghato é un bicho.
Fillo da música e da amizade, dicía. E acertaba porque segundo espira Mnemósine
na miña orella, foi na saída do auditorio Reveriano Soutullo de Pontareas dun
concerto do II Festival Groba onde, animando a unha boa amiga a reclamar a
atención do resto da parroquia con tal expresión cominatoria, “Miren que lles
digo!”, a eficacia do reclamo foi tal que fixo poñer ás mentes no estado de
efervescencia necesario para arrancarme a promesa de comezar de forma inmediata
a escribir as aventuras do personaxe que cociñáramos naquel pote colectivo.
Demostrada suficientemente queda, pois, a proposición.
Mnemósine, a memoria, que
reclama o seu protagonismo na triloxía. Porque diso vai, precisamente: da nosa
memoria mais recente e da mais afastada; da memoria esquecida e da memoria
secuestrada; da memoria do importante e da memoria do cotián. Porque, como nos
recorda o noso protagonista:
somos
o que recordamos, somos a nosa memoria, e cando ela marcha, xa non somos; só
estamos.
O noso mariñeiro é consciente de que a súa memoria (e a nosa) tamén ten ás
súas trampas, e que as mais das veces:
…
enfeita as lembranzas e esborrancha desgrazas e infortunios, …
E que, tamén ten unha tendencia a xuntar varios recordos de datas e lugares
diferentes, nun único relato:
Chiscos,
migallas, partículas, que a memoria xungue nunha ilusión de continuidade coma
no cinematógrafo …
Sabe, que aínda que loitemos por mellorala, con técnicas como as que no
conto das «Claves mnemónicas» se describen, a memoria decae coa idade, e aínda
as mais das veces esvaece os límites entre o real e o soñado. Por iso fala,
conta, debulla, esmiuza, e pon en marcha o mecanismo sagrado da transmisión
oral.
Porque, hora é de dicilo, os libros son un compromiso entre a memoria
histórica e a literaria. Non é Historia, con letra capital, pero gran parte das
cousas que suceden forman parte desa historia, con letra pequena, que estamos,
todos nos, empeñados en salvar do esquecemento.
Así que xogando coa memoria vivida e a memoria inventada invento unha
taberna, aínda sen nome, na zona vella de Bouzas e semento nela a un vello
mariñeiro de rostro labrado polo sal de mil ventos mareiros, que gusta, coma min,
da conversa, e que me serve tanto de narrador protagonista como de narrador
testemuña para argallar ás miñas historias.
As primeiras destas historias son mais intranscendentes, lembranzas dun
Bouzas do pasado, das xentes que respiran ao sosego dos bancos da alameda,
memoria dos xogos das nenas e nenos, a mariola, as catro esquinas, o gua e a
buxaina, o cravo e a billarda. Mais adiante xorden relatos mais persoais, mais
comprometidos, das transaccións da transición, da miseria da pobreza e da
pobreza da miseria, e aínda do drama da rotonda de Coia cun «Bernardo Alfageme»
de decorado. Pero todas elas comezan coa mesma frase propiciatoria: Mire que
lle digo, don Manoel!,
frase
que serve para chama-la atención do persoal, acalar a barafunda e o batifondo
do local, e indicar á parroquia que deben deixar con tento e delicadeza as
cuncas no mostrador de mármore para no perderse nin chío da narración.
E o número das historias vai paseniño medrando na rede social do señor
Zuckerberg. Paseniño, paseniño, porque na rede social do señor Zuckerberg a
xente non le mais aló de tres liñas seguidas. Ata que un feliz día, tomando un
café con AGT, aproveito para comentarlle a miña impresión de que unha rede
social non é mellor medio para desenvolver un proxecto literario. O certo é que
non sei se son eu o que chego a esta conclusión polos meus propios medios ou,
moito máis probablemente, é Antonio quen mo sinala, pero o caso é que el xa
pasou por esta mesma experiencia, e baixo o acertado consello e eficaz axuda do
seu fillo Antón, desenvolveu un blogue que está a ter unha grande aceptación.
Precisamente este blogue que estades a ler. Así que como “Nin moza sen espello
nin vello (eu, non Antonio) sen consello”, poño mans á obra en nun “meu dito,
meu feito” o xoves, 6 de outubro de 2016 meu blogue https://mirequelledigo.blogspot.com/ está accesible en Internet.
O blogue, tal e como apuntara AGT, resulta ser un espazo mais axeitado para
este proxecto que misteriosamente comeza a voar pola súa conta, como se o “Mire
que lle digo, don Manoel!” que da inicio a tódalas historias, viñera a ser a
fórmula dun encantamento, o meu particular “érase unha vez”, a chave que abrira
outro espazo e outro tempo no que se desenvolven as vidas das xentes, quen sabe
se reais ou inventadas, que poboan a Galicia vivida e soñada que vai dende
Santa Olalla de Verea a Celanova, do Chan do Pousadoiro a Láncara, de Arcade a
Bouzas e de Bouzas a Bantry en Irlanda, navegando esa outra Galicia salobre dos
bous do Gran Sol.
Mais “fillos criados traballos redobrados”, e ler nunha pantalla dun móbil
ou aínda dun ordenador, por grande que esta sexa, nunca foi a miña idea da
lectura. O blogue tiña que dar o seguinte paso na evolución e chegar a ser un
libro. Un obxecto material de carne de papel e sangue de tinta, cuxas
utilidades recolle a adiviñanza infantil mellor que calquera descrición
pormenorizada:
Si quieres saber, te enseño.
Te alivio si sufres daño.
Si estás solo te acompaño.
Me callo si tienes sueño.
Como lector compulsivo e coleccionista incansable de libros dende a miña
máis tenra infancia non teño outra que declararme culpable de adicción polo
cheiro do papel impreso, polo tacto das cubertas duras e a elegancia das
tipografías. Amo os libros porque hai tantos libros como persoas e tantas
utilidades dos libros como o enxeño humano atrévase a imaxinar. Porque libros
hai moitos e de utilidades varias:
Hai
libros para calzar mobles auxiliares que
se obstinan en cabecear, libros para lanzar á cabeza dun alumno que se empeña
en pasar a clase falando co compañeiro, libros de belos lombos para decorar
casas de analfabetos funcionais, libros para queimar, aínda que como advirte
Manolo Rivas ardan mal, libros para incluír no Índice de libros prohibidos, e
mesmo, libros de consumo, para presumir cos amigos. Tamén están os libros que
se rouban, os que se descoidan, os que lles prestas aos amigos e vólvelos a ver
anos despois nos seus andeis, os que che regalan no banco por un plan de
pensións, os que esqueces que tes e volves comprar para seguir sen lelos, e os
libros de reclamacións, que non entendo por que se lle segue chamando desa
forma se hai anos que son soamente follas.
Convencidos xa das utilidades dos libros en xeral, queda por intentar
explicar como se dá ese seguinte paso na evolución necesario para que un blogue
poda chegar a ser un libro, sen chegar a explicacións coma o que o novelista
Michael Crichton pon nos beizos de Ian Malcom, o experto en «matemática do
caos» de Parque Xurásico, “a vida ábrese camiño”. E a mellor explicación que se
me ocorre é que é tal milagre é o froito da complicidade, a confianza, a firme
vontade e, por que non dicilo?, do afecto entre un autor e un editor. Neste
caso unha editora: Lucila Ventoso, que viña de loitar co meu “Centros de
Transformación. Anatomía y fisiología”, un «mammóthreptos» de 1300 páxinas.
Crónicas dun filósofo tabernario (1).
Mirequelledigo.
O día 1 de decembro de 2017 coincidindo co acendido das luces de Nadal, na
extinta Librería Andel da rúa das Camelias de Vigo, «Mirequelledigo» se
presenta en sociedade. Na mesa me acompañan Lucila Ventoso, a editora, e Miguel
Angel Alonso Diz, forxador de versos e irmán querido. No acto falamos pouco do
libro. Máis ben facemos que fale o libro coa lectura de tres contos escollidos
nas voces de tres persoas moi queridas, ilustrados por tres cantigas populares
interpretadas en directo. Dixen no seu momento destas seis persoas:
Co
voso permiso vou a aproveitar este aplauso para agradecer o arte destes seis
amigos da alma que tiveron a enorme xenerosidade de acompañarme nesta foliada
das palabras e da música:
Nas
palabras:
-
A
miña netiña a quen vai dedicado este libro, Lucía Altés, a dos ollos
insondables.
-
Isabel
Blanco, a voz da poesía, do relato xusto, e a militancia polas causas xustas.
-
Antonio
García Teijeiro, alma xemelga á primeira ollada, poeta e escritor inmenso, e
aínda mellor persoa
E na
música:
-
Na
arpa e o violín, a doce e fermosa rapaza de Castrelos de dedos de veludo:
Begoña Riobó!
-
Na
zanfona, ese estraño instrumento que é coma unha caixa de zapatos cun manubrio,
un auténtico home do Renacemento: Anxo Pintos!
-
E na
voz e na percusión, o trasgo dos pes alados e dedos de lume; a voz que aloumiña,
o grande, o trouleiro: Chisco!
Para mal ou para ben o libro como obxecto material non houbera sido como
foi sen a intervención da miña editora, Lucila Ventoso, que foi a principal
responsable da escolla das ilustracións, da portada, a tipografía, o papel, o
tamaño do libro e, o que é mais importante, da decisión de manter a estrutura
aparentemente caótica na sucesión das historias, convencida de que separándoas
e poñéndoas en orde, se perdería unha das particularidades que mais lle
gustara: a de poderse ler de mais dun xeito: unha única historia; todas de
corrido; saltando de historia en historia para construír outro relato distinto;
completo ou a retrincos; de adiante para atrás ou de atrás adiante; de seguido
ou intermitentemente. Lamentablemente tamén da revisión lingüística ou da
ausencia dela, un dos defectos que máis me reprocharon os lectores.
Forman o libro 145 relatos, 30 ilustracións, un prólogo, dous índices, dúas
confesións e un parabén. Sesenta e dos deses contos teñen a Tino, o «Averomar»
como protagonista. Son polo tanto o tronco do que me gustaría fora sobreira ou
aciñeira.
Vos poño rapidamente en antecedentes: Tiniño é un rapaz orfo especialmente
dotado para a música que devece por ver o mar. Como naceu en Santa Olalla de
Verea, preto de Bande, nas terras de Celanova, para cumprir as súas arelas ten
que asociarse cun vello gaiteiro, de nome Marcial, que o levará con el, tocando
a gaita de feira en feira de romaría en romaría, ata chegares ao mar. Pero nada
na vida é chegar e encher: chegar ao mar co Marcial vaille levar mais tempo do
que pensara, aínda que algunha das reviravoltas fóralle de tanto proveito coma
a que o levou ao Chao do Pousadoiro, onde coñeceu ao señor Seivane, o
construtor de gaitas.
Un día —fasto ou nefasto depende para quen—Marcial morre, e o Tiniño herda gaita
e oficio e comeza o seu camiño cara o mar de Vigo. Antes aprende a muiñeira de
Chantada da man do insigne violinista pontevedrés Manuel Quiroga na illa do
pintor Antonio Medal, a Insuiña. No barco de Cangas coñece a un rapaz que toca
o acordeón amenizando o viaxe aos pasaxeiros que o pon en contacto co
Mirequelledigo.
E alá van o Tiniño e o Mirequelledigo por un mar de color da lousa, larga e
tendida, con vento decotío, chuvia e moito frío, camiño do caladoiro que chaman
Gran Sol. A traballar, mollados e aterecidos de frío nos bous de altura, sen
forzas nin para estibarse no leito despois de xornadas de traballo de vinte ou
trinta horas con descansos de tres o catro horas, golsando ata o primeiro leite
que mamaron, e sen pastillas de sombra de piñeiro para remediar o mareo.
Os accidentes son o pan de cada día nesta actividade. Un día o Tiniño case
que vai parar ao mar a tocarlle a gaita ás sereas por mor dun despiste nunha
manobra de largado do aparello de pesca, se non fora polo seu amigo o
Mirequelledigo que sempre anda ao quite. Tiniño rompe unha perna e teñen que
desembarcalo en Bantry, e levalo nun taxi ata o Mercy Hospital de Cork, onde
coñece unha linda enfermeira: Aileen, a de louros cabelos, coa que casa nunhas
vodas de cervexa tépeda ás que asiste boa parte da tripulación. Nun aparte o
Tiniño conta a Mirequelledigo as súas dúbidas coa nova vida que lle agarda
naquelas terras. E ao seguinte día, cando o bou colle rumbo á Bouzas o Tiniño está
ergueito na popa, ollando para o ronsel que o buque deixaba esvaecéndose pola
popa coma o seu matrimonio con Aileen!
Crónicas dun filósofo tabernario (2). A taberna do
Mincha.
O segundo libro naceu con mal pé. En decembro de 2019 eu xa teño o texto
definitivo coas correccións da miña revisora lingüística —desta volta non vou
cometer o mesmo erro— e as ilustracións. Pero decembro é mala data e xaneiro
trae a resaca das festas. Para finais de xaneiro aínda andamos corrixindo os
erros da maqueta pero eu xa vou comprometendo datas na Libraría Cartabón e no
Museo de Pontevedra para o mes de febreiro. Pero o 14 de marzo o Goberno de
España decreta o estado de alarma para a xestión da situación de crisis
sanitaria ocasionada polo COVID-19 e o non infectarse pasa a ser o único
importante. O primeiro de abril morren 950 persoas en España nun so día. Ao día
seguinte superamos os 10.000 falecidos desde o inicio da pandemia. Pero a
situación mellora e o 11 de maio de 2020, finaliza oficialmente o confinamento e
dá comezo a primeira fase da normalización coa apertura das terrazas de bares e
restaurantes. Cousas!
Pola nosa banda agardamos ata o mes de outubro para retomar o traballo. Xa
se sabe que estas cousas da cultura —aínda que sexa de cultura-filosofía
tabernaria— teñen menos presa. Menos presa, pero tendo en conta que o horizonte
é estar nos andeis, a disposición desa xente de gusto selecto e boas costumes
que aínda consideran que un libro é o mellor dos agasallos posibles, antes do
Nadal. E a entrega do libro vaise adiando semana tras semana deixándonos sen
espazo temporal para a presentación antes desa data. Ata que o día dous de
decembro aparece pola porta un transportista cun paquete amarelo. Collo a
cámara fotográfica e documento o momento. Xa teño nas miñas mans o obxecto do
meu desexo. “Preciosa portada!” —me digo. “Merda! A ilustración da contra capa
en B/N! E a foto da lapela equivocada! E a segunda lapela baleira! E falta a dedicatoria; e os agradecementos! E, e, e...” E
a cada novo “e” é como se me romperan un dedo! Cómpre facer algo. Ou non?
Desta volta son menos contos —70 no canto de 145 relatos—, pero máis longos
que os do libro anterior, co que o libro ten máis páxinas, malia ter un único
índice e ningunha confesión nin parabén. Tamén medra o número de ilustracións, pasando
das 30 anteriores as 38 deste. E a árbore da comparativa xa non é unha aciñeira
de tronco único, senón un amieiro de máis de un.
Seguindo esta semellanza o primeiro tronco o formarían os relatos que xiran
arredor da familia que forman Farruco, Fina e a pequena Sefa, que chegaron a
Bouzas dende Campobecerros para instalarse no baixo dunha casa medio derruída
da rúa dos Alfolíes, onde abriron unha máis tasca que taberna, a taberna do
Mincha, esa “derradeira trincheira da cultura popular nas que aínda se pode
falar e cantar”, onde o Mirequelledigo e os seus amigos “celebran,
inaccesibles ao desalento, o vello ritual da comunicación oral”.
O segundo tronco medraría arredor da familia do propio Paio, o
Mirequelledigo. Do seu pai «paseado» nos primeiros días posteriores ao
levantamento fascista, e moi especialmente da súa nai Peregrina, e das súas
angueiras para sobrevivir, no Bouzas da posguerra, á súa traumática viuvez
malia o seu enfrontamento coa igrexa oficial.
“Ben
certo é que o animal humano é capaz do mellor e do peor! Claro que non o mesmo
animal! Cando a miña nai chegou a casa, baldada e cos pés descompostos de tanto
correr arriba e abaixo polas rúas da vila na procura de traballo, estábanlle a agardar
os amigos do seu home, aqueles mariñeiros polos que deu a vida, cunha patela do
mellor peixe escollido do quiñón de cada uno deles.
E
mire que lle digo, don Manoel! Aquel peixe salvounos a vida, que a miña nai
colleu un pano, fixo un mulido con el, puxo a patela enriba, e aínda derreada
como estaba, saíu á rúa a vendelo polas casas nas que antes lle pecharan a
porta, para descubrir con algo de pasmo e máis de satisfacción que diante do
peixe de calidade esmorecen as ideoloxías!
Leva a patela do peixe,
miña nai, na súa cabeza.
Ábrenselle as portas dos ricos
que antes lle estiveron pechas.”
Ao resto xa non sei se chamarlles troncos ou ramallos. Vexamos! Temos tres contos
de pantasmas que ocupan 17 páxinas; os dous contos de pesca, nove; os contos para
mociñas, vinte e unha; os contos de Bouzas; os contos da Limia, ... Troncos,
troncos!
Nada como o método científico para obter conclusións discutibles! E como horas
son de ir rematando, deixo aquí a lista de agradecementos que o maquetador
deixou fora da primeira edición, e que, de non cambiar moito as cousas, ameaza
con ser a única.
Agradecementos.
Facer listas é moi arriscado; por moito que tires de
memoria sempre vas esquecer a alguén. Pero o non facelas non é moito mellor;
porque o agradecer a todos é tanto como como non agradecer a ninguén. Polo que,
sen máis xustificación, alá vai a lista:
—
Ao
meu Bouzas, que perdín xunto co meu pai alá polo ano 1959 e recuperei anos
despois grazas tamén a estes contos.
—
A
Helena Martínez Sanjuán polo seu traballo incansable na mellora do texto, tanto
baixo o punto de vista ortográfico e sintáctico, como o de devota lectora das
andanzas do noso mariñeiro.
—
Aos
meus queridos Miguel Ángel Alonso Diz, Alejo Amoedo Portela e Antonio García
Teijeiro que sempre están ao meu lado cando os necesito.
—
A
Marisé Fernández que nunha conversa na rúa deume un dos fíos argumentais do
libro. Para Xosé “Muelle” Núñez Rocha e os seus pais en cuxo homenaxe situei a
acción dese fío en Campobecerros, cuxa terra e circunstancia deume colleita
abondosa de relatos.
—
E se
de colleitas falamos a das terras da Limia tampouco foi pequena! Grazas ao
“Tavo” Ledo, ao que lle debo algunhas das máis gallofeiras. Coma non cabía
outra vindo dun Ledo!
—
Para
Xosé “Pipo” Liz, que contribuíu coa súa experiencia nese estraño corpo militar
que se chaman a se mesmos civís, e cunha fermosa canción: Meu Vigo mariñeiro
que canta cos seus Airiños do mar de Teis.
—
Ao
“Señor-e Luis-e”, un torneiro asturiano desterrado a Vigo polo franquismo, en
cuxo taller aprendín moito da loita de clases, e das unidades de medida
imaxinativas como o «pelímetro» e a «collonésima de pelímetro».
—
Ao
descoñecido vellote, ao que por non saber o seu nome din en chamar Diamantino,
ao que lle escoitei a queixa que é a cerna do conto do “radio” que funcionaba
mal.
—
Aos
meus benqueridos Raimundo Silveira e Antonio de la Cruz, cos que tantas cousas
comparto ademais de mesa, mantel e contos das “instalacións eléctricas a bordo
de buques” que só teñen graza para nos.
—
A
Laura, a nosa peixeira de confianza, que me contou as anécdotas que serviron de
inspiración a un par de contos.
—
Aos
meus antigos alumnos, e con todo amigos, de Ordes polo afecto e pola paisaxe
dos tres contos de aparecidos.
—
A
Concha e Xaime da libraría Andel por seguir crendo que o noso idioma paga a
pena.
—
E á
miña netiña Lucía, que xa está feita unha rapaciña, para quen escribín varios
contos ... por non dicir o libro enteiro.
Volvendo á evolución comercial do libro, ao final conseguimos facer unha
presentación coa Asociación Cultural Vila de Bouzas na Alameda, fronte á casa onde
vivín de neno; unha no Museo de Pontevedra, na que a ausencia de calquera
presencia institucional nos deu pe a facer unha merecida homenaxe ao anterior
director do Museo, Carlos Valle; e unha en Vilagarcía cos amigos do Faiado da
Memoria. Moitas outras quedaron en nada. Nin tan sequera da Biblioteca Pública
de Verín, que obxectivamente debera estar interesada nesta parte da súa memoria
histórica, obtivemos a máis mínima colaboración.
Crónicas dun filósofo tabernario (3). Escoite e
verá.
Pois se dixemos que o segundo libro naceu con mal pe que poderíamos dicir
do terceiro! Supoño que a esta altura os problemas da editorial eran da tal
magnitude que o mellor para eles era que non nacera. Tanto é así que o a finais
de setembro, xa desesperado, envío unha mensaxe á editora pedíndolle me aclare
se van cumprir a promesa de editar o terceiro libro das "Crónicas", pregándolle
que, se este é o caso, me propoñan unha solución axeitada para que o terceiro
poida ser igual aos dous precedentes. Despois dun tempo de agarda que me parece
eterno, pero que non chega ao mes, recibo a conformidade pedida: poderemos
pechar a triloxía. Non haberá tetraloxía pero tampouco son Wagner!
Brillantemente resolvido o problema da revisión lingüística —Helena Sanjuán
necesita todo o tempo para preparar a súa oposición e non pode comprometerse a
facelas nas datas propostas— coa afortunada incorporación ao proxecto de Begoña
Méndez "Pico", queda por puír celosamente cada un dos relatos, e
intentar mellorar a súa compresibilidade estudiando posibles redaccións
alternativas. E debo dicir que o traballo de Begoña neste sentido foi
especialmente satisfactorio, aportando coas súas aportacións unha significativa
mellora, que creo que o lector valorará axeitadamente.
Outro aspecto ao que prestei especial atención neste libro é o das
ilustracións. Mentres nos dous anteriores a parte gráfica era moito máis
«debuxo artístico» que «ilustración», val dicir expresións visuais autónomas do
texto, no volume que pechaba ás Crónicas do meu filosofo de cabeceira pretendía
intentar verdadeiras ilustracións: expresións visuais creadas en función do
texto ao que acompañaban e que lle serviran como complemento.
Ítem máis: se os debuxos artísticos dos dous primeiros libros podían ter
cada un deles a súa propia técnica e o seu propio estilo, e a maior parte deles
non estaban vinculados a un texto concreto, neste terceiro debían manter unha
coherencia técnica e estilística, empregando incluso fotografías debuxadas e
redixitalizadas unha e outra vez ata que adquiriran unha estraña mestura de
realidade transformada.
Finalmente cada un dos contos —sesenta e tres, neste terceiro libro, menos
que nos dous anteriores, para novamente máis páxinas, 316— iría
obrigatoriamente encabezado pola súa propia referencia visual e remataría nunha
copla popular, como necesario homenaxe a este noso pobo de poetas cuxos versos
encabezaron os «Cantares gallegos» de Rosalía de Castro. Na contra capa
se explica brevemente o seu contido.
Bouzas,
época actual. Unha taberna nunha das canellas da vila: «a do Mincha». Unha
baiuca que recende a polbo á feira e viño de Monterrei. Xente debruzada no
mostrador e outra pouca sentada nalgunha das mesas do local, brunidas pola
eficaz man da Sefa. Nunha destas mesas, don Paio, o «Mirequelledigo» e o seu
amanuense don Manoel degustan viño e o petisco do día, adobiado por unha das
fermosas historias con moita filosofía vital tabernaria e deducións abertas en
forma de copla ás que nos teñen afeitos das dúas entregas anteriores das
«Crónicas dun filósofo tabernario».
Se
consideramos as andainas do Tiniño o Averomar como a cerna da primeira entrega
destas Crónicas e os amores e desamores da Sefa o da segunda, podemos afirmar
que son as historias do barrio da Estación de dona Lola, a muller de don
Manoel, a parte senlleira desta terceira. Sen esquecer os episodios da batalla
de Vigo e as funestas consecuencias da derrota dos que tiñan a forza da razón
pero non a razón da forza, os contos de Xinzo de Limia, o verdadeiro
significado dalgunhas tradicións, Homero e a «numeroloxía», a invasión da
modernidade, os discapacitados morais e a posibilidade de redención. E moito da
muller, das mulleres, das mulleres de acotío, das mulleres que traballan arreo
mentres os seus homes descansan dos atafegos do día á sombra dunha «figueira de
Bengala».
Nada máis. Creo que me estendín
demasiado, pero en mans do lector intelixente está a habilidade para saltar a
parte do texto que lle pareza menos interesante. Os libros nacen con cada novo
lector no intre no que este abre ás súas páxinas, e pasan a ser tamén deles
cando os dan cabo. Poucas cousas me poderían facer mais feliz que se cumprira
aquilo de: nalgún lugar destes tres libros hai unha frase esperándoche para
facerche saber algo mais de ti mesmo.
Forte e agradecida aperta aos que
ata aquí chegaron.
Manoel da Costa
Domingo 22/10/2023