Isabel Blanco é
unha muller forte fronte á adversidade. Unha loitadora pola xustiza social.
Alguén que cre na dignidade da muller nun mundo que intenta minimizala e,
mesmo, degradala. Isabel é un ser sensible que emociona cos seus actos e tamén
coa súa literatura. Porque Isabel cre na literatura coma fonte de vida.
Por tantas cousas Versos
e aloumiños quería tela nesta “luz das palabras” para que alumase todo
o posible este espazo aberto a todas e todos os artistas que teñan algo que
dicir.
Pois xa está aquí, felizmente
entre nós, con catro relatos curtos que, como non!, nos falan do día a día e
das mulleres.
Grazas, Isabel, polas túas
verbas.
|
Isabel Blanco |
A Eloísa
levárona a Cuba o ano do gris e das cunetas. Viaxou no ventre de Felisa
arrolada polas ondas do mar. De volta ao norte, décadas despois, nada puido
acalmar a súa alma caribeña. A tenda de comestibles de Fructuoso ( a Felisa
gústaballe máis chamala de ultra- mar- inos) era a súa aliada. E non había
brétema nin poalla que puidera con aquilo.
(Relatos
mínimos de ultra- mar)
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
A historia de Benedicta foi sempre
unha sucesión de desamores e anxinas de peito, de mares revoltos e desvaríos,
de prórrogas forzosas e metas inalcanzabeis. Ata que prantou a nogueira no
xardín traseiro da casa. Tres noces ó día quítanlle as penas pasándoas de boca
a boca co xardineiro.
AMANDA
Á pequena Amanda dixéronlle que o amor era vermello e
tépedo, feroz e tráxico, e que viría vestido de rosas, de medias laranxas e de eternidade.
Á moza Amanda contáronlle que o amor era o
destino, a posta de longo, o frechazo, as flores, o anel, os valses, o pranto e
os cacharros, a casa ordenada, os chans limpos, os cueiros, o leite en po e o
tendal.
E a volta a empezar cando todo se derrubaba.
E Amanda, que o crera todo “a pies juntillas”,
desprendeuse daquela farsa na primeira ocasión
que o amor —aquel amor que lle contaran de posta de longo e de frechazo, de flores,
de anel, de valses, de pranto e de cacharros, de casas ordenadas e chans
limpos, de cueiros, de leite en po e de tendais— feriulle as carnes e as ganas de querer.
Amanda desprendeuse para
sempre daquela farsa coma quen abandona un obxecto usado e inservible.
De sabelo antes, Amanda non tería perdido o tempo nin tería
gastado todos os seus aforros, nun amor que non era nin vermello nin tépedo.
Nun amor, que non era.
A
CEA DE NADAL
Na casa de Ernestina o Nadal era coma o bolero de Ravel,
unha obra en obsesionante crescendo. A chegada as nove en punto ó son das campás
da igrexa de San Miguel. Os saúdos. Os abrigos sobre a cama dos avós. As bolsas
cos regalos agachadas no cuarto de servizo. Os traxes de papel de seda. As
coroas de charón. A árbore de plástico cos adornos e festón dourado. O
nacemento co río e a ponte, o castelo de Herodes, a estrela anunciadora e as
montañas de papel. Os Reis Magos e as figuras de neve debuxadas nos cristais. A
fotografía de familia antes de sentarse. Pa-ta-ca, pa-ta-ca¡. A mesa co mantel branco
e o centro de acivro e velas vermellas. O patriarca na cabeceira. As mulleres
nas cadeiras preto da porta para atender o forno e servir. Os entrantes e a
primeira mostra dos ciumes de Teresa, a irmá pequena de Ernestina, a que herda a roupa e os libros e durme na
cama de abaixo. O marisco en bandexas redondas e a envexa atrapada nas verbas non ditas. A
pescada con patacas. O viño branco, unha, dúas, tres copas. Un aplauso para a
cociñeira¡ Ernestina érguese e saúda. Teresa mira e cala. Ela non cociña. A
carne con guarnición. Viño tinto, unha, dúas, tres copas. As sobremesas e o
cava. O brinde. Unha, dúas, tres copas. Os puros e os cigarros e a tensión
bailando entre o fume. O socialismo e Deus, os rusos, os negros, os inmigrantes
que veñen quitar o traballo. A xuventude de agora que non é como a de antes nin
idea teñen dos reis godos. O Concilio de Trento e a pederastia na Igrexa. Golpe
na mesa.
Cambio de tercio.
Os chistes. De maricóns. Unha risa. De
putas. Outra risa. De monxas violadas. Máis risa. De borrachos e tatexos.
Gargalladas. Un pouco tatexa é Teresa.
Máis gargalladas.
Cambio de tercio.
A guitarra de Ernestina e as
panxoliñas. Que bonita voz tes Ernestina. Ti non cantes irmanciña. Se cantas
chove. Unha risa. Mais se cantas non tatexas¡ Gargalladas.
O garfo crávase na gorxa de Ernestina.
O sangue pinga na guitarra, tinguindo as cordas.
Teresa,
de pé, pregunta se alguén vai tomar café.
Se queres saber algo máis de Isabel...
En castelán
·
Historias de
almas inquietas (2012). Reeditado en 2014 por Belagua
·
Los mundos
ajenos (2014). Belagua
·
La muerte de
Marilyn y otros relatos (2019).
Belagua
En galego
·
María Vinyals.
Un talento Rebelde ( 2018 ) Belagua. Deputación de Pontevedra.
·
As receitas de
Rosaura (2018). Ilustracións de Luz Beloso. ( Belagua )
·
Rosaura e o
mar (2018). Ilustracións de Luz Beloso. ( Belagua)
·
Rosaura,
cesteira de Mondaríz (2018).
Ilustracións de Luz Beloso. Belagua
·
Verbas Cum.
Poemario ilustrado pro Irene Silva Xiardez
(Belagua 2015)
Poesia visual
-
Idea e creación da mostra Rompe, xoga en igualdade (2018)
da Deputación de Pontevedra.
- Exposición de poesía visual Amores que matan non son amores (2018).
Colaboracións
- O director de coros e compositor vasco Javier Busto compuxo música
para tres poemas :
"Vestida de frores" (Vebas
Cum)
"Poesía del deseo"
(inédito)
"Gosto dos bicos" (inédito).
-
Idea orixinal
do guión Manuela Romasanta da curtametraxe do mesmo nome de Roberto
Oliveira.
-
Publicación
Colectiva Poesía do Condado 2016
-
Idea das Campañas
do Xoguete Non Sexista e Non Violento da
Deputación de Pontevedra 2018, 2019 e 2020 ).
·
1º premio no
Concurso literario de Relatos Curtos Dunas, de Nigrán ( 2010).
·
1º premio no
Certame de narrativa breve “Carolina Planells” de Paiporta (Valencia) ( 2011).
·
1º premio no
II Concurso de Relato Corto «Mujer, Discapacidad y Empleo», convocado por la
Secretaría de Política Social de CC OO de Almería.(2012).
·
Finalista
Poetry Slam 2016 Vigo
·
Premio Certame
de Poesía Xogos Florais 2017 Concello de Ponteareas.
·
2º Premio
Certame de Poesia Pazo da Saleta. Novembro 2017
·
2ª Premio
Certame de Microrelatos Ozoco 2018
·
3ª Mellor
libro de literaruta infantil 2017 “ As Receitas de Rosaura “ premios Fervenzas
Literarias.
·
7ª Mellor
libro de literatura infantil 2018 " Rosaura e o mar" premios
Fervenzas Literarias.
·
Finalista no
XIII Certame de Microrelatos Cabezas del Villar ( Ávila) 2020
·
1º Premio I
Concurso de Relatos Ilustrados de Nadal 2020 ( Ponteareas)