jueves, 30 de octubre de 2014

ESCOITANDO A CELSO EMILIO NA TABERNA DO GALO.



     Tan centrado estiven sempre na poesía de Celso Emilio Ferreiro que tardei en reparar na súa prosa.
      
     Certo que, hai xa ben tempo, lin A fronteira infinda e non me pareceron frouxos eses relatos.Mesmo podo afirmar que me pareceron tremendamente orixinais. Máis aí quedei. Seguín coa lírica ferreiriana, cos seus artigos e deixei para calquera momento A taberna do Galo, unha das dúas obras en prosa de Celso Emilio.
      
      E ese momento chegou uns días atrás, a propósito do traballo que Antón García-Fernández está a artellar en inglés sobre o poeta celanovés na Universidade de Tennessee en Martin. Fíxome algúns comentarios, rimos os dous (ai, esa Casa da Collona) e decidín ler este texto curto e formalmente  desordenado.
      
     Que ben o pasei!  Chea de humor, ironía, agudeza na creación dos personaxes que aparecen, autobiografía e imaxinación desbordante, A taberna do Galo fíxome gozar coa súa lectura.
      
Antón García-Fernández coa súa nai en Martin (TN)
     Esta é unha obra curta, editada por Edicións Castrelos no ano 1978, que vén sendo unha parte, uns capítulos dun libro que non rematou Celso Emilio, Memorias de nunca, que a morte do poeta en 1979 frustrou.
      
     El mesmo confesou nunha entrevista, aparecida en La Región, “que estou escribindo en prosa unhas memorias que partindo de feitos reais que me ocurriron a min ou a outros, desenrolo unha narrativa moitas veces inventada que, ao final, pode constituír unha novela, pero que de momento non sei ben o que vai ser”.
      

     E polas circunstancias, A taberna do Galo apareceu como libro e, case seguro, que o escritor participou na súa edición.
      
Celso Emilio Ferreiro
     Lendo estes capítulos vemos claramente a alternancia de biografía e autobiografía de Ferreiro, escrita nun ton humorístico e cun enxeño literario enorme. Ateigada de refráns, de vivencias persoais, con referencias a outros intelectuais ( a carta que aparece de Pepe Velo está chea de emoción e conmove moitísimo), de textos que escribiu nos xornais, de personaxes cos seus alcumes, uns inventados, outros reais, A taberna do Galo é unha obra que reflicte ambientes da súa vila natal e que se nos fai curta.
      
     Mágoa que non vivise máis tempo e puidese rematala.
      
     En Versos e aloumiños, imos presentar algúns destes personaxes, tal como Celso Emilio os retratou.
      
     Riamos e gocemos da ironía e o humor feitos literatura.

    
Ilustración de Pedro Rico para a versión castelá d´A taberna do Galo.

     ALGÚNS PERSONAXES DA VILA COS SEUS ALCUMES

    
     O CAGATINTAS. Foi o derradeiro amanuense da vila. Vivía de escribir cartas prá xente iletrada, que daquela era a maioría da vila. Tímido e suave no falar, traía sempre no peto un tinteiro de corno e unha pluma metida nun canuto de sabugueiro. Os días de feira puña mesa con recado de escribir na praza das pitas. Cando estaba bébedo, cousa frecuente, escribía en prosa rimada, que lle acaía moi ben ás cartas de namorados.


     O RATIÑO. Levaba os petos cheos de codias de pan, que andaba a ratoar decote, roendo sen descanso para darlle gusto a unha fame que lle viña de antigo. Pedía esmola. Por lúas púñase un chisco tolo e berraba: ¡Dívolo o ratiño, estamos perdidiños! Despois engadía en voz baixa: Dende que veu Franco. Entre codia e codia contaba historias de amor coas mozas máis linaxudas da vila. Cada rato ten o seu burato, dicía aludindo ás imaxinarias mulleres que o distinguían cos seus favores.


     A PERONA. Muller carnosa e tetuda, de pernas coma eixos de carro. Moi metida na igrexa, dicían que nos seus tempos mozos fora barragana dun abade mitrado de non sei qué mosteiro.

     O CONA EN DULCE. Estivo en Venezuela, onde os seus paisanos puxéronlle o alcume porque gastaba moitas finezas e bicamáns coas clientas da súa tenda. Era un pouco sarasa, ademais.


     O PACO DA PUTA. Home corrente e vividor. Certa vez púxolle o Alcalde unha multa por escándalo público a consecuencia dunha talanquera faltona. cando foi pagar ao municipio, o Alcalde díxolle que lle perdoaba a sanción se lle prometía non beber máis. Prometido –dixo o Paco, bicando os dedos en forma de cruz-. Pasadas dúas semanas, o Alcalde atopouno na rúa novamente bébedo e faltón. Eu prometinlle non beber máis, -dixo como desculpa- pero non lle prometín beber menos. ¡A ver se nos entendemos!


     O CHANCARRASTRA. Preguiceiro, desaliñado. Por desdeixado nin sequera amalloaba as chancas. Non daba golpe. Dicía: Se o traballo fora cousa boa, seguro que xa o terían acaparado os ricos.

     Ata aquí unha mostra, breve pero significativa, do abano de seres que poboan A taberna do Galo.
     
      Unha lectura recomendable que animo a ler.

                                                                                                        
                                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 27 de octubre de 2014

OS MURMURIOS DO can CAN (2)



     Levaba ben tempo amolado comigo. Ata tal punto que non me falaba como nel era habitual. Ladraba. E iso en Can era raro. Como sabedes é un personaxe que le (e le ben), que lle gusta opinar, que vive entre libros e está atento a cada novidade que poña eu no andel ou a cada conversa que teña con calquera persoa que pague a pena.
      
     Si, o can Can é moi esixente.
     E tiña medo de que non lle dese bóla.
     Nada máis lonxe da miña intención. Encántame parolar con el, coñecer as súas opinións, sentir os seus desexos preto.
     Fíxenlle saber que todo chega no seu momento e xa está feliz.
     Os murmurios do can Can están vivos e débovolos contar.
     Así que podedes escoitalo, se vos prace.

      


     
     O can Can dinos musitando que…



  lle encantou o libro de Pessoa que me agasallou o meu amigo Jose Figueiredo co poema Tabacaria de Pessoa, nunha fermosa edición, con debuxos de Pedro Sousa Pereira, da editorial Clube do Autor, S.A. (Lisboa, 2013). Un poema, Tabacaria, asinado por Álvaro de Campos que é, sen ningunha dúbida, un dos poemas máis admirados da lingua portuguesa.
     
      
     Velaquí o seu comezo:
         


Nâo sou nada.
Nunca serei nada.
Nâo posso querer ser nada.
Á parte isso, tenho em mim todos os sonhos do mundo (…)




… que está feliz de volver a ler, nunha edición coidadísima , o magnífico libro que fixeron Gloria Sánchez e Pablo Otero (ilustracións), A raíña de Turnedó. Kalandraka  tírao do prelo dezaoito anos despois e dá gusto velo, lelo, tocalo, ulilo. Un orixinal planteamento poético, entre poema acumulativo e teatral, que segue cativando o lector. Can gozou da súa lectura.
      
     Din así algúns versos:

     Miñas donas,
                meus señores…
                       
                        Este é o xardín
                        da raíña de Turnedó.

 Aplaudan:  Plis-Plas! Plis-Plas!



Miñas donas,
               meus señores…
                             Este é o mato do xardín
                             da raíña de Turnedó.

Exclamen:  Oooooooooooh!
                                                                                               (E segue acumulando versos)



… que se sente o can máis feliz do mundo ao ver un dos libros clásicos da LIX, “O homiño vestido de gris e outros contos” do meu amigo Fernando Alonso, vertido ao galego. Feliz pola recuperación deste libro, xa lexendario e de permanente actualidade, na edición da editorial  Kalandraka. Feliz, tamén, pola magnífica tradución de Ramón Nicolás, quen segue dando pasos seguros dentro do mundo da literatura infantil. Tanto a edición galega coma a  castelá son un verdadeiro luxo e resulta imprescindible facerse con elas.





… que xa está desexando ler  a nova entrega (a terceira) da serie de cómic para os primeiros lectores, Marcopola. A Illa remeira. (Edicións Xerais de Galicia). Creada, debuxada e escrita por Jacobo Fernández Serrano, o número tres leva por nome Dragoneta! Nela, o alquimista Brisgovius deu coa apócema máxica. Xa ten lista a beberaxe que fará da malvada Demoneta un ser invencible capaz de voar e cuspir lume pola boca.
     Isto é parte do que Can leu na contracuberta e xa está disposto a seguir gozando coa serie deste grande ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, ademais de escritor, un dos artistas de referencia da LIX galega que é Jacobo.




… felicítame o can Can porque acaba de ver tres novidades na miña colección dylaniana. 
     
Ademais dun dobre vinilo con cancións dos primeiros 60, chamoulle a atención o debuxo que Yuya Martínez  me agasallou hai un tempo, o coxín coa figura do artista, galano de Alba Piñeiro e da bolsa que Olga Darriba encargou para min a través de internet. Encantáronme as tres cousas e Can movía o rabo de satisfacción.





 Para Yuya, Olga e Alba, é este vídeo do gran Bob Dylan, como agradecemento polos seus agasallos relacionados co xenio de Duluth.

                                  Bob Dylan canta "Knockin´on heaven´s door" nun concerto "Unplugged".

… tamén me comentou (tiven que detelo para que non seguise falando) que lle encanta escoitar a Leonard Cohen. Porque moumea, arrastra os versos, dá profundidade ao contido das cancións. Porque lle gustan os coros femininos que conteñen os temas e a atmosfera que crea coa súa voz e a música, ambas complementadas dun xeito maxistral. Cancións que emocionan.
     De aí que estea, díxome, moi feliz coa aparición do novo disco do canadense, Popular problems, que escoita no meu despacho. El, que vive entre libros, aparca a lectura para deixarse arrolar polos temas de Cohen. E dime (eu non sei se mente) que nunca esquecerá o concerto que deu Leonard Cohen en Castrelos. Andaba polo parque un chisco despistado e, cando escoitou a música, coouse entre as cadeiras e ficou pampo. Nun recanto, deitado no chan, asistiu a unha actuación memorable. Dende aquela, intenta escoitar todo o que pode deste artista ao que adora.


    

     Que non siga, dígolle. Que deixe outras noticias para a próxima entrega. Que, a partir de agora, vai participar en Versos e aloumiños regularmente. Isto alégrao e sorrí. Teño tanto que contar…!, exclama.
      
     Antes de despedirse de min faime unha comenda: busca unha canción de Andrés Calamaro e dedícalla da miña parte a Noa e dille que a quero moito. E repítemo con insistencia.
                                           Andrés Calamaro, no Orfeo Superdomo en Córdoba canta "Cuando no estás".
                                                                                                                                                                        A Noa con todo agarimo.
      
     Prométollo e ao fin despídese de min, desta vez si, cun poético guau, guau, para, deseguido, continuar cun libro de Bernardo Atxaga, Días de Nevada, que lle está encantando.
     O noso can Can le de todo o que considera literatura.
     É un gran lector.
        

    E volve ao balcón co libro nas mans aproveitando que neste intre non chove.

jueves, 23 de octubre de 2014

CONSULTAS MÉDICAS: UNHA AVENTURA SEN ELA.



   

Fun ao médico. Normalmente acompáñame Ela. Tranquilízame moito. Desta vez non puido vir. Fun eu só. Que raro me sentín sen Ela.


     Fun para ver uns resultados. Non me gusta visitar as consultas dos médicos. Sonvos moi, pero que moi covarde. Asústanme certas realidades  da saúde propia e impresióname a enfermidade nos demais. Menos mal que está Ela.
      
     Este ano encheuse a nosa vida  de malas novas.
     Sufrín moito este ano. E o anterior. E o outro…, pero este ano!!!
     Dixen que son un covarde neste eido. Sono. Os hospitais cáenme enriba. Pásoo mal neles.
      
     A isto chámanlle hipocondría.  Ai, Woody Allen, que preto estou de ti!
      
     Ben, pois como nesta ocasión non veu Ela comigo, subín no autobús cos nervios por dentro. Exercicio profundo de dominio. Botei man de Paul McCartney e, sentado no bus, coma un ye-yé (que diría don Adolfo) deixeime levar pola voz do exbeatle que soaba no mp4.
      
Paul McCartney
     Cheguei con tempo. As consultas estaban ateigadas de persoas, hipocondríacas ou non, que agardaban para entrar e escoitar o que os médico tiñan que dicirlles. Como cheguei con tempo e ía bo, sentei fóra, mentres Paul  cantaba as cancións que escribiu en solitario.
      
     Aquilo era unha barafunda. Xentes moi prexudicadas, con caxatos, cadeiras de rodas, muletas etc. subían e baixaban dos vehículos que os traían ou que os ían buscar. Pasos curtos, torpes, axudas, coches mal aparcados, bucinas. Persoas de idade, atendidas por fillos ou fillas, papeis nas mans como bandeiras que sinalaban citas para máis adiante. Un mundo cheo de curvas con destinos variados.
      
ELA
      Cando se achegaba a hora da miña consulta, conseguín sentar diante da porta que me correspondía e abrín o poemario. Eu pensaba nela. Botábaa de menos pero quería demostrar ao mundo que son quen de asumir sen compaña unha visita a un especialista.
      
     Ela sempre na miña mente. Ela.
      
    

      

     Así que non escribín poema ningún. Abondou con reler unha das catro partes –a primeira – para ver e sentir que Ela estaba aí. Cedinlle gustoso a palabra a este mestre de Antioquia (Colombia). El dicía todo o que eu non sería capaz de dicir con tanta beleza. Ela, a muller que sostén a miña imperfección feita persoa, era a destinataria do meu cariño, a través da literatura de Jaramillo.  El falaba. Eu sentía. Pura conmoción íntima e sentimental ( de sentimento, entendede ben).
 
Darío Jaramillo no Festival de Poesía de Medellín.
      
Este foi un dos poemas que lin nese momento:


Algún día escribiré un poema que no mencione el aire
                                                                  ni la noche;
un poema que omita los nombres de las flores, que no
                                                tenga jazmines o magnolias.
Algún día te escribiré un poema sin pájaros ni fuentes, un
                                                   poema que eluda el mar
y que no mire a las estrellas.
Algún día te escribiré un poema que se limite a pasar
                                                         los dedos por tu piel
y que convierta en palabras tu mirada.
Sin comparaciones, sin metáforas, algún día escribiré
                                                   un poema que huela a ti,
un poema con el ritmo de tus pulsaciones, con la
                                      intensidad estrujada de tu abrazo.
Algún día te escribiré un poema, el canto de mi dicha.



      
      Cun mínimo retraso entrei. Nervios. O médico que consulta o ordenador. Fálame de porcentaxes. De posibilidades. Queda no aire a decisión para dentro de catro meses. na nova revisión. Sinto unha dobre sensación de alivio e de retrasar o inevitable.
     

      Cando saio do hospital chamo a Ela. Sabía moito máis do me me dicía. Mentiume polo meu ben. Non me gusta que me engane, aínda que sexa polo meu ben. Ela. Ela. Sempre aí, ben preto. Si, Ela.
      

     Collo un autobús que me deixa na Praza de España, mentres escoito o concerto para violín de Brahms. Execútao a gran Anne Sophie Mutter.
      
     Xa na casa, volvo onda Ela. Penso nela. E agardo a súa chegada.
      
Anne Sophie Mutter
     

      E leo estoutro poema de Darío Jaramillo:


Ese otro que también me habita,
acaso propietario, invasor quizás o exiliado en este cuerpo
                                                           ajeno o de ambos,
ese otro a quien temo e ignoro, felino o ángel,
ese otro que está solo siempre que estoy solo, ave o
                                                                            demonio,
esa sombra de piedra que ha crecido en mi adentro y en
                                                                           mi afuera,
eco o palabra, esa voz que responde cuando me preguntan
                                                                                   algo,
el dueño de mi embrollo, el pesimista y el melancólico y
                                             el inmotivadamente alegre,
ese otro,
también te ama.


     Ben o sabe ela. Quen lle escribe. Quen é transportado por outros poetas que escriben. Ese. Ese mesmo. Ela sabe que a ama.

                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO