Ilustración de Luz Beloso |
A Versos
e aloumiños encántalle presentar proxectos que estean vencellados
coas artes e, sobre todo, coa literatura.
Coa literatura e a plástica.
Espazos comúns que se resolven de
marabilla cando quen levan adiante eses proxectos son persoas tan preparadas e
entusiastas coma Miguel A. Alonso Diz
e Luz Beloso ou Luz Beloso e Miguel
A. Alonso Diz, que tanto ten.
Sabía deste proxecto e interesoume moito.
Por iso lle pedín ao escritor que me escribise un texto para dalo a coñecer a
través deste espazo. Actividades así deben ser coñecidas e valoradas.
E así foi. O resultado é este.
Parabéns polo que están a realizar estes
artistas. Teñen un obxectivo común: que a creatividade das persoas estea viva
acotío. Que vaia medrando e non morra endexamais.
E conseguen magníficos resultados.
Miguel Ángel e Luz Beloso |
Pasear por versos e aloumiños
coma se estivese na miña propia casa. Iso é posible porque a realidade é esa.
Non pode ser doutro xeito cando a persoa que alimenta e coida este espazo chámase
Antonio García Teijeiro. Alma xenerosa da nosa terra.
Canto ten feito pola poesía, pola lectura, polo noso idioma...
Recíbeme cunha gran aperta. Nos seus brazos un non se sinte pequeno, sinte
que medra; e comeza a conversa sobre os
nosos últimos proxectos.
Un deses proxectos é o chamado “ALONSO
BELOSO Taller de imaxinación”.
Do 9 ao 31 de outubro tivemos o pracer de organizar unha exposición na sala
Apo’strophe de parte das ilustracións e os textos de “O cullarapo Croque”, “A nena
á que non deixaban ser feliz” e “O
soño de Esther”. Exposición que xa estivo en Redondela, Santiago e que no
ano 2016 visitará A Coruña ou Allariz.
O meu querido Antonio interésase polo proxecto e comezo a falar…
A idea xurdiu da necesidade de achegar aos cativos e cativas a linguaxe da
arte en diversas formas: pintura, escultura, literatura...
Empregando como vehículo condutor os nosos libros, e grazas a xenerosidade
de persoas como: o escultor Henrique Prado, os pintores Manuel Cerviño e Miguel
Ánxo Macías, Luz Beloso que me deu os orixinais e neste caso, José Manuel Ucha,
Sara Pérez Bello e Álvaro que dan vida a sala
Apo’strophe sita na Praza Elíptica.
Non concibo cada disciplina como compartimentos estancos. Todo está
relacionado.
O noso obxectivo é sobre todo estimular a curiosidade, a creatividade, a imaxinación
e o pensamento crítico. Empregando sempre unha linguaxe adaptada, realizando
actividades divertidas e alimentando a súa vez as mentes e as almas dos máis
pequenos/as, e non tan pequenos/as.
Ver, sentir, medrar na arte debe ser algo normal. É importante que os
rapaces e rapazas estean acostumados a asistir a este tipo de actos. Formar
almas sensibles á beleza do mundo.
Sorprendémonos cando xa adultos, non valoran ningún tipo de arte. Non leen,
non visitan exposicións, non son sensibles as cousas importantes da vida… eu
non me sorprendo.
Que outra cousa poden facer e ser se dende cativos/as non se alimentan ben?
O resultado é o que hai. Un enorme deserto onde medran pequenos oasis aquí
e acolá. Distantes, illados, case incomunicados nalgúns casos.
Partindo deste pensamento esta foi a nosa proposta. E por suposto na nosa
lingua, cuxa música é a que agarima con máis forza á miña alma.
- Seguimos camiñando – dígolle ao mestre, sabedor da enorme sorte que supón
para min telo coñecido.
Encher os días de luz é doado cando un latexa ao carón de almas coma a súa.
Chega a despedida e a promesa dun novo encontro.