Mostrando entradas con la etiqueta marilar aleixandre. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta marilar aleixandre. Mostrar todas las entradas

sábado, 30 de noviembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (7): "A filla do Minotauro", de Marilar Aleixandre




Si, o lector está de acordo en que, ás veces, non importa quen conta a historia senón, como diría Melina – unha das personaxes marabillosas do libro -, se a historia contada é fermosa.

     Neste caso abofé que si o é.  A filla do minotauro, a novela xuvenil de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Raíña Lupa en 2017 é unha historia fascinante dende o principio ao final.

    

     O lector gozou dunha obra orixinal onde as haxa, que mestura tempos tirados da mitoloxía cos tempos da 2ª Guerra Mundial. Toda ela funde situacións, narracións e personaxes,dende os textos de Homero, Agostiño de Hipona, Ovidio, Leonhard Euler, Tucídides, Apolodoro, Arquímedes ou Virxilio que encabezan 18 capítulos e un epílogo con momentos desenvolvidos na década dos anos 40 do pasado século.


     E o lector queda atrapado na tensión narrativa dunha novela de aventuras protagonizada por un mozo – Antelmo – e unha moza – Miranda – que con outros personaxes tirados fundamentalmente da Odisea e da Metamorfose, se dedican a salvar obras de arte da rapina de mafiosos e depredadores de patrimonio.

     O lector emociónase a miúdo lendo o que Marilar Aleixandre vai tecendo con sabedoría e coñecemento do que é unha trama rica e ben calculada.

     O lector sente a crítica que os feitos expresan na narración: o papel da muller na sociedade, a necesidade de coidar o patrimonio coma algo imprescindible nesa sociedade, a falta de valoración do que moitas persoas arriscaron e pagaron, mesmo coa morte, para acadar bens para a humanidade, o poder da mafia cuxa maldade vai más aló do coñecido vulgarmente e tantos outros temas, como as violacións das mulleres, as folgas pola explotación e morte de nenos e nenas.

     E goza o lector cando le, cun ton moi da literatura oral, feitos tan coñecidos literariamente como o Cabalo de Troia, a historia de Penélope, a do Cíclope Polifemo, o Labirinto do Minotauro, a viaxe áerea de Dédalo e Ícaro ou a construción do vehículo, chamado Daedalus, que en abril de 1988 cruzou voando de Creta a Atenas, cun ciclista aos pedais.

     Causou asombro ao lector esta novela tan ben estruturada e ateigada de sorpresas literarias tan acaídas.
Novela centrada en Sicilia e que, na loita contra a cosa nostra, fai dicir a Antelmo suspirando que “a loita contra a mafia e os traficantes non acaba hoxe, mais gañamos unha pequena batalla”.

     Ten razón, pensa o lector, porque toda a narración é unha loita sen fin contra inimigos moi difíciles de derrotar, pero que, lonxe de quedarse cos brazos cruzados, hai persoas de ben que levan a afouteza ata o final.

E treme de emoción o lector cando le “que as persoas valentes non son quen non teñen medo, senón as que actúan a pesar do medo” e quédase coa reflexión de que moitos dos perigos se salvan por amor.



lunes, 9 de marzo de 2015

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XLV) Marilar Aleixandre







MARILAR  ALEIXANDRE   (Madrid, 1947)



Marilar Aleixandre
alalá do abruñeiro


Son teimudo resistente
entre sebes ventureiro
nin vento nin temporais
someten este abruñeiro

hai galego, hai galego
hai galego por mil anos

non hai espiñas sen flores
sen falantes non hai lingua
contra o desleixo florecen
palabras de Rosalía

hai galego, hai galego
hai galego por mil anos





regueifa dos muíños
 

Os muíños do río
isca, isca!,tangaraños
estragades a paisaxe
poñendo medo aos paxaros
coa vosa estraña aliaxe

os muíños eólicos
calade a boca, antigallas
ninguén sabe temperar
a teixedeira coa capa
xa non ides laborar

os muíños do río
do río somos memoria
do tremiñado ao reducio
o noso son é un canto
o voso un balbordo sucio

os muíños eólicos
somos high-tech renovables
máis galegos que a muiñeira
Ilustración de Óscar Villán
sodes pezas de museo
envolveitos nas silveiras

foliada
por que habedes praguear?
irmáns na auga e no vento
imos comer a regueifa
co voso acompañamento




haikai dobre en xaneiro

desempenada
a garza en Bradomil
un de xaneiro

en gris e branco
interroga na ponte
días por vir





(Do libro Ovella descarreirada. Col. Milmandas. Edicións Xerais de Galicia. 2014).