TÍTULO: As peripecias
de Extravaganzza Pérez.
AUTORA: Ledicia
Costas.
ILUSTRACIÓNS: Óscar
Villán.
EDITORIAL: Xerais. Colección: Sopa de
libros.
As peripecias de Extravaganzza Pérez nace
coma encarga para o Salón do Libro Infantil de Pontevedra no ano 2016
baixo o lema”Canta bichería”.Será dous anos despois cando chegue ás librerías
da man da editorial Xerais e na
colección Sopa de libros.
A súa autora, Ledicia Costas,
unha das voces máis sobresaíntes dentro do noso panorama literario
infanto-xuvenil, que atesoura varios dos premios máis destacados neste eido(
Merlín, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Jules Verne,
Lazarillo) achégalles aos lectores, a partir de dez anos, esta historia que vai
emocionar tanto a grandes coma a pequenos porque está constituída polos
elementos básicos para engaiolar: aventura, emoción, tenrura, agarimo e
respecto polo medio natural, onde todo un elenco de animais vai desfilar ao
longo das súas páxinas, amosándonos o seu lado máis humano.
Estravaganzza é a
súa protagonista e todo un mundo desbordante creativo da autora aparece
focalizado nesta nena de 11 anos, nada común e coa curiosidade e o amor cara
aos animais coma bandeira de presentación.
A trama comeza cando
os seus pais, dous biólogos de fama e extravagantes, deciden marchar en busca
de novas especies, pero en realidade, aínda que a súa filla non o saiba, é para
algo máis importante. Antes de emprender a súa viaxe danlle instrucións á súa
filla do que ten que facer en caso de non ter noticias deles durante dúas
semanas. Para iso entréganlle unha pequena chave dourada e mais unha caixa de
cartón que abrirá no caso de non saber deles.
A aparición dos
obxectos máxicos, as aventuras que vai vivir en cada viaxe, a desaparición dos
pais e as diferentes probas polas que pasará vencendo o medo, danlle ese
ambiente de misterio e tensión que vén adubado pola riqueza léxica, a
simboloxía das cores, o xogo de palabras e unha pátina constante de humor
intelixente, que fai que o lector axiña se identifique coa súa especial
protagonista e teña constancia da importancia e o valor da xenerosidade para
crear un mundo máis equitativo, sen prexuízos e onde todos colaboremos para
manter a natureza humana, vexetal e animal en harmonía.
As expresivas
ilustracións de Óscar Villán danlles
vida a Extravaganzza e ao seu mundo totalmente acorde co ton textual.
ALBA PIÑEIRO