Mostrando entradas con la etiqueta manuel veiga.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta manuel veiga.. Mostrar todas las entradas

lunes, 25 de noviembre de 2019

"O DÍA QUE COMPRENDÍN PARA QUE SERVÍAN AS HUMANIDADES", artigo de MANUEL VEIGA





Dá gusto ler os artigos de Manuel Veiga. Están moi ben escritos, moi ben estruturados e enfróntase o autor a temas que están aí e sobre os que é moi san reflexionar e debater.
     Por iso e por moito máis, sempre é unha festa publicar un artigo deste escritor e xornalista, inquieto e crítico, que coa palabra abre portas a pensar. Ademais, coas súas atinadas exposicións  Manuel Veiga crea un espazo de discusión moi necesario e que Versos e aloumiños se sente moi honrado de propoñer.




Manuel Veiga




O día que comprendín para que servían as humanidades


Manuel Veiga Taboada


Recoñezo que até hai pouco non era capaz de facer unha defensa clara do estudo das humanidades ou, polo menos, non era capaz de facela en poucas palabras.

     Todos levamos anos notando como unha brisa fría que nos di que as humanidades non son útiles, que tal vez no pasado tiveron moito sentido, pero que hoxe deberiamos reducir as horas que se lle dedican para destinalas á física, ás matemáticas, á informática, á bioloxía. De onde procede esa brisa incómoda e constante? De certos gobernos, de certas empresas quizais con intereses tecnolóxicos, de artigos que aparecen nos medios e de entrevistas con expertos. Non o din de modo moi claro: fóra o latín (ben, iso si o din), fóra a filosofía (ou menos tempo para a filosofía), para que saber de literatura (iso quedaría para o tempo libre, aínda que mellor sempre un ensaio que unha novela), non se atreven aínda coa historia (grazas a esa frase tópica de que non coñecela é repetila, pero nunca deixarán de engadir outra celebre frase: estudar historia non ten saídas). ¿E que dicir da psicoloxía nunha sociedade que deixa os enfermos en mans case exclusivas dos produtores de fármacos, das familias e do aparato xudicial?

     E non me digan agora que o estudo de linguas si se defende, porque non é exactamente así. Non se defenden as linguas como unha riqueza para a imaxinación, como unha mostra patente da variedade humana, como achegamento a outras culturas, nada diso ou case nada. O que se defende é unicamente o inglés para facilitarlle os negocios á túa futura empresa (ou para ser camareiro en Mallorca). E non se defende o monolingüísmo materno en inglés porque aínda non se ve posíbel, pero algúns, de tan obsesionados, parecen case a punto de esixir o internado dos recén nacidos lonxe das súas familias, como fixeron en Australia cos aborixes. 

     
Manuel Castells
Pois ben, a pesar de todo isto, recoñezo que até agora non viña encontrando os argumentos suficientes para defender o ensino das humanidades, cando menos á mesma altura das ciencias chamadas duras. E cando me puña a escoitar aos que defendían esta postura tiña case sempre a impresión de estar oíndo constantes tautoloxías, algo así como o si porque si. Parecíanme argumentos tan ben intencionados como un chisco antigos. Argumentos movidos pola inercia e por unha vacua moral. Esa era a sensación que tiña.
E isto foi así até que, hai pouco, lin unha entrevista co sociólogo Manuel Castells. Castells explica os avances que traerán consigo, nos próximos anos, as novas tecnoloxías. Por abreviar, mencionarei só a atención sanitaria non presencial, que chegará a facer posíbeis as operacións a distancia, e o ensino: clases á hora que se escolla, posibilidade de acceder a múltiples coñecementos, interacción en rede, etc.

     Tras describir esta probábel evolución, Castells lembra que todo isto choca, por exemplo, coa realidade actual das listas de espera ou co escaso uso que se fai da informática básica actualmente nos centros de ensino. E conclúe afirmando que estamos a vivir unha gran modernización tecnolóxica en medio dun enorme atraso social.
Aí esta a clave que faltaba, díxenme. Hai un desfase entre o desenvolvemento da ciencia e a súa asimilación. Mesmo, hai casos nos que parece que camiñan en sentido contrario: tecnoloxías para facilitar a vida e ideas que parecen querer retrotraernos a un pasado escuro.

     Ese é o lugar onde entra a importancia das humanidades. Iso é o que pon de manifesto que esa brisa que nos golpea case todos os días na cara para dicirnos algo así como: “vaiamos ao útil e deixémonos de especulacións que a nada práctico conducen”, en realidade forma parte dunha ideoloxía equivocada, supoño que en certa medida inconsciente por parte de quen a di, pero en todo caso altamente perigosa.

     En último extremo, podería conducirnos a unha sociedade de relacións case feudais pero con técnicas futuristas. De aí que haxa que deter ese vento, antes de que nos faga verdadeiro dano e deterémolo explicando para que serven as humanidades, porque as humanidades serven precisamente para deter iso, para que a tecnoloxía traia cousas boas e non malas, porque todas as técnicas poden ser mal utilizadas, poden ser aproveitadas por uns poucos ou por todos, poden traer a saúde ou traer a guerra, pode curar enfermidades ou envelenarnos.

     Que sucede, por exemplo, no ensino? Pois que os profesores non son axudados a actualizarse. En lugar diso, os gobernos trasládanlle a eles as súas tarefas administrativas. Co obxectivo de reducir funcionarios na propia administración, os profesores pasan a estar cada día máis ocupados cunha burocracia inútil.
Non lles queda tempo nin ganas, nin lle poñen incentivos, para que actualicen tanto os seus coñecementos como o método de ensinalos. De aí que as clases de bioloxía, por exemplo, vaian sempre bastante por detrás do que a ciencia xa sabe a día de hoxe e que se desaproveiten medios novos que serían moi útiles para facilitar a comprensión do alumnado.

     E que ocorre con eses alumnos? Pois que están desbordados, colonizados por certas prácticas tecnolóxicas, as máis lúdicas e tamén as máis repetitivas e improdutivas. Curiosamente, os que claman pola utilidade insisten en modelar unha mocidade permanentemente entretida con xogos banais.
A técnica non mellora todo o que podería as novas xeracións, senón que en boa medida crea un vicio. É como xogar ao tute ou ás máquinas de flipper pero con utensilios diferentes. As tecnoloxías non se dirixen a eles, ou non o fan moitas veces, para ampliar o seu horizonte e orientar o seu criterio, senón para convertelos en clientes adictos.

      E por que todo isto está sucedendo así? Pois porque os gobernos, dependentes en exceso de toda a contorna económica e social que as empresas tecnolóxicas crean, non se preocuparon até agora de desenvolver o aparato crítico suficiente que derive nunha lexislación que protexa os nosos dereitos. E non estou a falar de restrinxir as liberdades, como algúns queren facer coas redes sociais, senón de educar e defender os cidadáns do poderío das empresas. Para empezar moitas delas non pagan os impostos que deberían. Elas mesmas cren que todo lles está permitido. En segundo lugar, está a súa tendencia a privatizar e monetarizar, así como a crear monopolios.

     Neste sentido operan como empresas do século XIX, como se a moderna lexislación protectora e defensora do individuo non fose con elas. Son empresas da terceira o cuarta revolución industrial que pretenden actuar recoñecendo só os dereitos sociais que había cando se produciu a primeira.

     Velaí a falta de dereitos dos traballadores de Amazon que xa provocou varias folgas ou o traballo precario que xeran moitas Apps. Comeza a haber centos de traballadores que non saben sequera para quen traballan, nin teñen a posibilidade de sabelo, como nunha película distópica.

     Neste momento, urxe, entre outras cousas, que os gobernos invistan en educación, en todos estes sentidos que se derivan do que vimos falando. Pero o que están facendo é reducir gastos, aprobar recortes. Cando o Estado se subsume, o resultado é que aumenta o atraso social. Por esa razón a distancia, anunciada por Castells, entre tecnoloxía e mentalidades é cada vez máis grande.
Non estamos ante un proceso causado polo azar, estamos ante unha política ou unha ausencia de política que se pode volver perigosa, que pode acabar debilitando a democracia e, aínda que semelle paradoxal, reducindo o nivel de vida de gran número de persoas. Estamos condenados a que a nosa mocidade estea formada por un pequeno número de enxeñeiros e por un número bastante maior de repartidores en bicicleta, sen seguridade nin dereitos?

     Pois ben, para coñecer, analizar, falar e decidir sobre todo isto son necesarias, imprescindíbeis, as humanidades, a filosofía, a historia, a socioloxía, a psicoloxía e a literatura. Grazas a elas non só razoamos mellor senón que tamén nos coñecemos mellor como humanos, medimos as nosas capacidade, sabemos o que nos convén e imaxinamos alternativas. Esa é a súa utilidade. Sen elas, o mundo será un inferno tecnolóxico e as relacións humanas unha sofisticada selva.    

jueves, 23 de febrero de 2017

GÚSTANOS A LECTURA OU GÚSTANNOS CERTOS LIBROS CONCRETOS? , novo artigo de Manuel Veiga Taboada




Un novo artigo de Manuel Veiga. Un novo motivo para reflexionar. Un novo espazo para definir gustos e apreciacións culturais.
     Os artigos deste magnífico escritor sacoden os lectores e lectoras. Non deixan indiferente a ninguén. Semellan desconcertar a aqueles que non están avisados sobre o peculiar carácter crítico do que Manuel Veiga desenvolve neles.
     Son artigos para pensar. E, tras pensar, darle a razón completamente ou en parte. E tamén para estar en desacordo.
     En Versos e aloumiños estamos ben orgullosos destas colaboracións que, para nós, posúen un valor extraordinario.
     E os lectores e lectoras deste blog-revista, encantados polo enfoque deste home intelixente que escribe textos intelixentes.

     Leámolo unha vez máis e ordenemos os nosos criterios.

                       Foto de Antonio Gutiérrez

           Gústanos a lectura ou gústannos certos libros concretos?

                                                                                                          
                                                                                                           Manuel Veiga Taboada


Hai poucos días, encontreime cunha muller, de certa idade, que me dixo que non lle dedicaba ningún esforzo aos libros, pero que, a cambio, lle gustaba moito a ópera. Quedei sorprendido. Pouco despois, puiden ler, na contraportada de Faro, as declaracións dun psiquiatra que afirmaba que, debido á internet, agora a xente le menos ou non le nada. E, por último, case o mesmo día, a miña filla de dezaseis anos confesoume que a ela e ás súas amigas lles gustaban moito as series e que ver series equivalía hoxe a ler libros.

     
     Non discutín ningunha destas apreciacións, pero sentinme incómodo. Incómodo porque cada vez desconfío máis das xeneralidades. Comprendo que é válido realizar contundentes afirmacións a prol do amor, das viaxes, da lectura, da liberdade, etc., pero creo que estas mesmas palabras nos soan cada vez máis baleiras e, en bastantes casos, dan a impresión de servir de coartada. Ademais, que significan en realidade? Parece difícil encontrar alguén que diga que non lle gusta a música, o cine ou as viaxes. Ler, é certo, custa un pouco máis.

     Todo isto pode acabar parecéndonos superficial. Acaso, cando falamos de amor, non pensamos nun momento concreto, nunha persoa concreta. Entendémonos, sobre todo, a través de circunstancias particulares. Son elas as que de verdade conseguen que sintamos e que nos identifiquemos con algo. Proust dicía que unha obra de arte debe ser individual, aínda que ao principio non captemos a súa beleza.
 
Marcel Proust
     A min gústame a palabra “situacionismo”. Creo que os humanos vivimos situacións, entendemos a vida a través delas. Gústannos algúns libros, algunhas películas, certas cancións. Segundo o momento, o estado de ánimo e a calidade da obra.

     Por suposto, as abstraccións son importantes. A capacidade para elaborar conceptos xerais é unha característica dos seres humanos que os fai superiores a outras especies. Pero estou en contra de utilizar os valores xerais como desculpa ou como explicación que apenas explica nada.


     
     Volvendo ao inicio. Calquera das tres experiencias que mencionei daría pé, sen dúbida, a un debate. É máis, estes debates están moi de actualidade. Pero creo que serven para aclarar pouco, precisamente porque son demasiado xerais. Por exemplo, eu diríalle á miña filla que prefiro certos libros a certas series e tamén viceversa. Hai películas que son mellores que as novelas que as inspiraron. E tamén hai moitos exemplos nos que ocorre o contrario.


     Non me nego a facer comparacións. Aínda que, con frecuencia, resultan inxustas, tamén se pode aprender algo delas. Pere Gimferrer escribiu un libro ilustrativo no que compara o cine e a literatura. Comparando unhas artes con outras, uns medios e outros, descubrimos certos secretos técnicos que despois nos axudarán a desfrutalas. A ópera é unha arte moi completa e, polo tanto, un logro difícil. O psiquiatra, entrevistado en Faro, esquece que na internet o que facemos, fundamentalmente, é ler. Outra cuestión sería determinar en que aspectos a escritura virtual vai modificar o estilo da escritura e da lectura en papel. Tamén a novela substituíu, no seu momento e en certos usos, a poesía. Ou tal vez sería mellor dicir que a prosa restoulle espazo á versificación.


     Son todos eles aspectos interesantes. A realidade case sempre é máis accesíbel en termos concretos. A nosa intelixencia permítenos filosofar, pero é o concreto o que nos fai sentir.  

jueves, 26 de enero de 2017

Manuel Veiga pregúntase en voz alta quen protexe a infancia da presión consumista.






Pon sempre o dedo sobre a chaga. É reflexivo. Ten criterios de seu e dunha amplitude  ben grande.
     Dá gusto conversar con el. Ten moito que aportar a esta sociedade que anda tan despistada. Preocúpalle o ser humano. Faise preguntas, busca respostas. Sacode a realidade. Ama a literatura.
     
     Manuel Veiga Taboada, de novo en Versos e aloumiños. Coa súa prosa, tan limpa coma punxente,  expón a súa preocupación pola falta de protección que a infancia ten diante do brutal consumismo no mundo que vivimos.
     Nada sobra. Nada falta. Unha vez máis un texto intelixente.

     Leámolo coa atención que merece.


                                                                     Manuel Veiga Taboada (Fotografía de Antonio Gutiérrez)


                          Quen protexe a infancia da presión consumista?

                                                                            
                                                                                          Manuel Veiga Taboada


Creo que foi nos anos sesenta cando os dereitos da infancia, sobre todo a través das Nacións Unidas, comezaron a ser proclamados e defendidos en todas as esferas públicas. O camiño percorrido durante o século XX foi longo e importante, marcado sobre todo pola eliminación do traballo infantil e polo ensino obrigatorio. Tamén pola importancia que se lle empezou a dar á alimentación dos menores (até ese momento a persoa privilexiada da familia era o pai, coa xustificación de que realizaba un maior esforzo físico).
        
     Chegada a década dos setenta, comezou tamén a terse en conta, non só a cantidade, senón tamén a calidade dos alimentos que consumían os nenos. Eu tiven aínda compañeiros de primaria que almorzaban con viño e que incluso tomaban unha ou dúas copas de augardente antes de chegar a clase. Dicíase que daba enerxía e axudaba a entrar en calor.
        
     A mellora xeneralizada da economía e do nivel cultural deu lugar igualmente a unha evolución dos xogos. Hoxe xa non se cre que os nenos do meu tempo xogásemos libremente con escopetas de balotes ou con arcos que disparaban frechas afiadas de metal, feitas con varas de paraugas, e que o máis común era organizar dous bandos e enfrontarse a pedradas, sen que mediase discusión ningunha, simplemente por divertimento.
        
     As xeracións un pouco anteriores á miña xogaban coa pólvora que quedaba nos foguetes das festas xa usados ou machucando o contido dalgunha bala que encontraran pola casa e que trouxera algún familiar da guerra. En cada parroquia ou barrio había cando menos un neno que perdera un ollo ou varios dedos.
        
     Na actualidade, a protección da infancia céntrase na prevención e condena dos abusos sexuais, sobre todo sobre as nenas, moitas veces cometidos por familiares. E, nun número menor de casos, tamén sobre nenos que conviven en seminarios, colexios ou entidades deportivas.
        
     Este problema, moi presente nos medios, recibe ás veces un tratamento exacerbado e sensacionalista. Por ter lugar en esferas privadas ou semiprivadas resulta difícil case sempre coñecer os feitos e polo tanto xulgalos. O que prima, en todo caso, é a protección do menor, sobre a presunción de inocencia. Un asunto xuridicamente delicado.
        
     Sen embargo, a sociedade actual non protexe os nenos noutro aspecto importante e sobre o que non sería difícil lexislar. Refírome ao consumismo.
        
     Coñezo a nais que limpan casas e aforran para comprarlles aos seus fillos vídeo consolas. Pero os aparatos e a oferta cambian constantemente. Os nenos, seducidos pola publicidade, acaban converténdose en tiranos fronte os seus proxenitores que se senten desprazados.
        
     Os agravios comparativos entre uns nenos e outros e a presión ambiental que se xera acaban adquirindo tons moi graves, sen que o asunto pareza preocupar ás institucións. O Estado non se atreve a afrontar o problema do consumismo –limitando, por exemplo, a publicidade dirixida aos nenos– para non danar os beneficios de certas empresas.
        
     No caso das familias formadas por inmigrantes, o problema é xa acentuado, en moitos casos irreversíbel. Moitos deses nenos formarán dentro de cinco ou dez anos, esa xeración de delincuentes que xa existe en Francia. Fillos de inmigrantes sen futuro, aditos ao consumo desde que naceron. Sometidos a unha presión tan forte como a que xeran as drogas máis coñecidas.
         Pero tamén as familias integradas e con máis medios económicos e culturais teñen un problema. A presión consumista sobre os menores de idade xera distorsións sobre os valores a respectar, a educación do esforzo e a capacidade de concentración.
        

     As institucións públicas deberían considerar o consumismo extremo como unha adición e tomar medidas para protexer a infancia, de modo parecido, por exemplo, a como se limita a publicidade e o consumo de alcohol. 





lunes, 25 de enero de 2016

"NON ME MANDES LER ESE LIBRO", UN NOVO ARTIGO DE MANUEL VEIGA SOBRE O TEMA DA LECTURA



Manuel Veiga
Nas  múltiples conversas que mantemos Manuel Veiga e mais eu, a literatura e a lectura en xeral ocupan unha porcentaxe ampla do noso tempo. É un pracer, xaora.
     
     Mais tamén falamos da actualidade, de fútbol (se cadra), de educación, de política e de todo o que nos vén á mente por unha ou varias razón. Un pracer que nos gusta cultivar.
     Porén non debemos negar que todo o que se refire aos libros, aos proxectos lectores, ao nivel literario da mocidade, ao xeito de trasladar o fenómeno da lectura á xente, a actitude desta etc. ten decote unha certa preferencia nos nosos faladoiros.
     
     De aí que abuse do meu amigo instándoo a que escriba sobre estes temas para Versos e aloumiños.
     
     El, xenerosamente, vai agasallándonos con textos dunha lucidez extraordinaria. Textos intelixentes  que provocan reflexión. Textos que non deixan indiferentes.
     
     Neste intre temos dous magníficos.
     Este que ides ler é o primeiro deles.

     Lédeo, reflexionade e codificade  no que nel se di.




“Non me mandes ler ese libro”


Manuel Veiga Taboada


Cando tiña dez anos, a miña filla sorprendeume un día coa seguinte frase: “Non me mandes ler ese libro, porque teño ganas de lelo, e, se ti me mandas, xa se me quitan”.
        
        Entendín o que me quería dicir, porque, en maior ou menor grado, moitas persoas sentimos iso algunha vez. Pero ela acababa de formulalo dunha forma demasiado clara e precisa como para pasala por alto.
        
           Dalgún modo, esta idea alude ao principio de pracer, formulado pola psicanálise, e que, máis ou menos, di así: transgredir a norma produce un pracer que perdemos se abolimos a represión.
        
           Este concepto, tamén coñecido como plus de pracer, creo que explica, en parte, a sensación de fracaso que ás veces experimentamos despois de participar nunha campaña de lectura.
        
           Hai moitos anos, cando estaba na universidade, mandáronme ler Rayuela. Entraba como materia de exame. Lembro que “lin” a novela nunha noite, saltando, por suposto, a maioría das páxinas. A idea superficial que logrei con esa lectura foime suficiente para aprobar, pero na miña cabeza non quedou absolutamente nada do libro, creo que nin sequera cheguei a coñecer a existencia dun personaxe chamado “A Maga”.
        
           

            
           Pero, resultou que Rayuela estaba moi de moda naquela época, falaban dela os amigos, as revistas. E así, poucos anos despois e levado esta vez pola curiosidade, tomei o libro de novo e gocei de cada unha das súas páxinas. Desa lectura, recórdoo todo. Fora de excursión ao Caurel, levaba o libro na mochila. Lembro a imaxe da Maga e de Oliveira xogando a encontrarse casualmente polas rúas de París.
        
O Caurel
           
           A profesora que nos mandara ler Rayuela trataba, como sucede moitas veces hoxe en día nos institutos, de recomendarnos algo que nos gustase, algo que pululaba polo noso ambiente, pero aínda así non funcionou.



O libro que si me gustaba


Lembro, en cambio, que, en Primaria, cada ano e nada máis recibir os libros do novo curso, lía de cabo a rabo o Senda, da editorial Santillana, que recollía unha escolma de lecturas, baseada en fragmentos de obras clásicas. Era atractivo porque contaba historias, e, ademais, o mestre non o esixía.
        

            
        Demasiadas veces, os profesores esquecen que a literatura non é algo abstracto, senón unha representación da vida. Por iso, creo que as campañas de lectura resultan case sempre demasiado teóricas, falan do acto en si de ler, pero non nos fan pensar nunha experiencia, real ou imaxinaria.

  O ser humano, adolescentes por suposto incluídos, no fondo non ten ningún interese en cumprir coa idea, ben vista socialmente, de ler libros, nin se sente motivado polo xénero de novelas de detectives ou piratas, nin sequera polos crimes ou tesouros en xeral, senón só por un crime concreto e por un tesouro determinado. Así é o noso carácter.

  Xa escoito esa voz ao fondo: “Pois, a min si que me interesa a novela policial”. Iso é o que pensas, respondo, porque tes a facultade de razoar e es capaz de presentar este asunto dunha forma teórica, pero calquera novelista ou calquera psicólogo, dirache que non, que a ti o que che interesou foi unha novela policial en concreto ou un detective en concreto, e buscas outra igual que che produza a mesma ou parecida satisfacción.   
        

Mellor que un programa, unha cesta de cereixas


Non son profesor, pero creo que sería útil preguntarlle a cada alumno como é a súa vida e que é o que lle interesa e, a partir de aí, suxerirlle textos voluntarios, ás veces só partes cortas dun libro coas que o alumno ou alumna se poida sentir vinculado. Pode ser suficiente, como punto de partida, para conseguir que realice unha auténtica lectura literaria que, non o esquezamos, é aquela que proporciona pracer.  
        

           
        Xa sei que, na práctica, as cousas son máis complicadas. A certas idades, un nin sequera ten claro o que lle gusta. Demasiadas veces é a publicidade comercial a que nos guía cara o falso sentimentalismo ou as supostas sensacións fortes. Aquí entra o papel do profesor, tamén co seu criterio, para indagar, intuír e abrir camiños que poden acabar sorprendéndoo a el mesmo e ao propio alumno.

  Penso, en fin, que a literatura debe ir chegando a nós por asociación libre, como as cereixas que se van enganchando unhas a outras, máis que por un programa de lecturas.
        
           

     
      Son inútiles, entón, os programas? Ao meu modo de entender, os programas e as clasificacións literarias teñen un papel parecido ao dos mapas. Son necesarios, pero ti non decides viaxar a un país porque che gusta o seu mapa. Se queres ir a Berlín non é porque te sentes suxestionado polo plano da cidade, aínda que é case seguro que, unha vez alí, acudas moitas veces a internet para consultalo. É máis, será bo que o consultes, sobre a marcha, se non queres perderte. 

miércoles, 1 de julio de 2015

"O meu avó non era moi amigo de lavar a cabeza", novo artigo de MANUEL VEIGA

Manuel Veiga na Libraría Librouro. (Foto de Ricardo Grobas)


Sempre adoita escribir textos punxentes.

Enche de ironía cada parágrafo que escribe.

O seu humor fai cóxegas aos lectores.

Aprovéitalle todo o que le (que é moito).

A súa cabeza rara vez está quieta.

A orixinalidade dos seus artigos resulta algo evidente.

Distingue perfectamente entre escribir literatura e facer xornalismo.

De quen estamos a falar?

Como bos lectores e amigos de Versos e aloumiños sabedes de quen falamos.

Si, si. Exactamente.


De Manuel Veiga, xaora.



Estación de Monforte de Lemos


O meu avó non era moi amigo de lavar a cabeza

Manuel Veiga Taboada


O meu avó, Xesús, non era moi amigo de lavar a cabeza. Dicía que lavala era a principal causa da caída do cabelo e de feito conservou unha boa mata, con non moitas cañas, até morrer, aos 75 anos. Como traballaba no ferrocarril, sempre acumulaba algo de carbonilla. A miña avoa Ramona, que era moito máis limpa, lavaba as almofadas sobre as que o meu avó deixaba cada noite marcado un círculo. Ás mañás, despois de mollar a cara, pasaba a man pola fronte e as tempas. Iso era suficiente. A pesar de todo, o seu pelo nunca parecía sucio.
Museo do Ferrocarril. Monforte de Lemos.

O meu avó dispuña dunha caseta no Depósito. Alí gardaba a leña para quentarse durante o inverno. Tamén tiña auga, mais ao parecer non a usaba para o seu aseo, posto que a familia sempre o vía chegar a casa coas mans negras. Tampouco na casa as lavaba para comer nin o facía despois. Nada máis engulir o último bocado, saía a tomar café ao Círculo Victoria. Durmía coa mesma camisa que vestira durante toda a xornada. Segundo a miña avoa, estaría disposto a levar a mesma roupa durante todo o ano. Era ela, por suposto, a que puña as mudas ao seu alcance. Os domingos vestía de traxe.

Foto antiga da rúa Cardeal en Monforte onde estaba o Círculo Victoria.

Tampouco se bañaba no río. Iso levaba a toda a familia a pensar que non lle gustaba a auga. Cando ía á praia á Coruña, só se desprendía dos zapatos e dos calcetíns e non se achegaba nunca á beira, salvo que tivese que levarlle unha toalla a algunha das súas dúas fillas ou a calquera dos seus netos. A única excepción a isto era a dos pes que se lle puñan moitas veces encarnados e só por iso os lavaba con frecuencia.


Praia de Orzán (A Coruña)