miércoles, 28 de febrero de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO "CABRONARIO", DE CELSO EMILIO FERREIRO NO "CLUB FARO DE VIGO".

Da esq. á dereita, Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro.


O venres, día 23 de febreiro, presentouse no Club FARO DE VIGO (Auditorio do MARCO), o poemario (case) inédito de Celso Emilio Ferreiro.

Foi un acto entrañable e reivindicativo.

Alí estabamos Xavier Ferreiro, fillo do poeta celanovés, Xabier Romero, director de Editorial Elvira/Luscofusco) e mais eu para falar destes poemas, recompilados nun libro.

Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro, antes de comezar o acto. (Foto José Lores. FdV)


O Cabronario é un volume precioso, que contén corenta e cinco poemas en castelán e catro en galego, que Celso escribiu nos anos 50/60 e 70, con Franco e o sistema como albo dos seus dardos envelenados e directos.



Poemas que lía na clandestinidade aos seus amigos, loxicamente impublicables na época, agás Al César enano, que viu a luz nun folleto alá en Caracas.

Poemas de resistencia cultural, persoal e política, contra unha ditadura represora, cruel que abafou España durante corenta anos.




Unha cuberta moi acaída ao contido do libro, obra de Xavier Magalhães e un Limiar (Limiar Cabreante) obra de Xavier Ferreiro, no que explica os poemas, clarexa certos personaxes e contextualiza o conxunto dos versos que nel podemos ler.

Poemas ferintes, feroces, maldicentes que expresan o estado de ánimo do poeta nese tempo tan negro da nosa historia.

 

O audio que segue a estas palabras é a presentación completa do acto e o recitado/lectura de varios poemas do libro.

Que vos preste, porque paga a pena escoitalo.

 




martes, 20 de febrero de 2024

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXXIX) "Garabitolas", de Xoán Babarro

 





                        XOÁN BABARRO (Calvelo de Maceda, 1947)

 

 

SOÑOS DE PEIXES PARA MARA

 

Mara, mara,

miña estrela,

vai a lúa

polo mar.

A marea

arrola os peixes;


Xoán Babarro

no seu colo

veñen…van…

E eles dormen

caladiños

nun palacio

de cristal.

Durme, Mara,

durme, estrela,

que han vir conti-

go soñar.

 

 

OS SOÑOS DE XIÁN

 

Alelís

e alalás

pintan soños

nas ventás

con raiolas

de rubién

e recendos

de azafrán.

Ai, que din…!

Ai, que dan…!

Que estes soños

son de Xián!

 

 

ESTE GATIÑO CORTOU AS UÑAS

 

Este gatiño cortou as uñas.

Este gatiño non arrabuña.

Ilustración de María Lires
Este gatiño nunca ten medo.

Este gatiño ten moitos dedos.

Este gatiño…, moitos enredos!

Os cinco dediños

dicían adeus:

os cinco xuntiños…

Son meus! Sonche meus!

 

 

UN RAPOSIÑO DO ALTO DA SERRA

 

Un raposiño do alto da serra,

risas e risas, xogaba coa terra,

ás carreiriñas coma unha formiga,

cóxegas… cóxegas na túa barriga!

 

 

(Do libro Garabitolas, editado por Edicións Xerais, na col. Merlín) e ilustrado por María Lires. 2023)

 



martes, 6 de febrero de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (80): "Sobremesas sobre versos", de Raquel Castro

 




Fermoso libro o que teño nas mans. Un libro diferente que conxuga narrativa, poesía e…gastronomía!

Emocionoume o contido do mesmo pola súa sensiblidade, polos afectos que viven nel e pola humanidade e intelixencia do seu discurso.

Con este volume, Sobremesas sobre versos (Galaxia. Col. Árbore.2023. Ilustracións de Diana Pastoriza) , Raquel Castro gañou a primeira edición do Premio de Literatura Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022.

Sempre tiven a Raquel Castro como unha autora inqueda, diversa, cargada de sensibilidade e que, sobre todo no que nos ocupa, escribe moi ben. Esta licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, que traballa no ensino secundario, é unha incansable autora teatral, cuxas obras escritas para representar posúen unha calidade extraordinaria. O seu labor a prol do teatro é admirable, pero non abandona nunca os demais xéneros.

E aquí, neste precioso libro, Sobremesas sobre versos, demostra a súa capacidade para chegar a través da palabra narrativa e a palabra poética aos lugares máis fondos do ser humano.

A historia comeza cando a pandemia nos pechou nos fogares e comprendemos a importancia da liberdade. Pechada a autora nun piso, cos aplausos no balcón, vivindo a dureza dun confinamento que nos colleu co pé cambiado, intentaba, pegando o nariz á xanela, ver máis alá das catro paredes que a retiñan.

Era incapaz de cociñar. Estaba desilusionada.

Ao tempo, a avoa comezou a esquecer. Quixo esquecer o mundo que nos esquecía e pechouse nos recordos que a facían feliz.

O mal do mundo, quizais. Pero talvez o mal da avoa levou a autora de Vigo a Visuña. Deixou a cidade e marchou ao CAMPO, con maiúsculas. E recuperou veigas, altas montañas que case tocan o ceo e auga que nace nos recunchos. E alí comezou a respirar.

A avoa púxose maliña. Era costureira de profesión e poeta mais reposteira por vocación.

E disto vai o fermoso libro con que Raquel nos agasalla. Unha tenra historia na que se contan feitos que sucederon ao longo dos tempos e que , no día a día, volver asomar a cabeza. E unha avoa que, como outras, comeza a despoboarse de saberes e recordos.

E o libro, entre parágrafos narrativos,  preséntanos en verso  diversas receitas de sobremesas deliciosas que, aos larpeiros coma min, nos enchen a boca de auga.

Dende filloas con mel ata a crema doce, pasando polas orellas de entroido, polos churros, pola xelea de amorodos ou o leite fritido, entre outros manxares, imos vendo os ingredientes e a preparación dos mesmos.

Receitas rimadas que soan directas e limpas. Escritas con claridade e enxeño poético deitan dozura no seu amplo sentido da palabra.

Coma exemplo do que digo, vexamos a receita dos CHURROS:

 

Ingredientes

 

Medio litro de leite

mais unha cullerada de aceite,

Raquel Castro
de auga bota a metade,

do sal unha presa á túa vontade,

de fariña poñamos

uns trescentos setenta gramos,

con azucre e canela

atrae o churreiro a súa clientela.

 

 

Preparación

 

Fervemos o leite

con auga, sal e aceite.

Bota fariña ao ferver

sen deixar de remexer.

Cando a masa estea pastosa

e sen grumos escumosa,

deixámola arrefriar

para podela traballar.

Logo métea enteira

nunha manga pasteleira,

mentres nunha tixola grande

tes quente aceite abundante.

Vas a manga apertando

e os churros vas cortando.

Cando estean douradiños

poñelos enfeitadiños

de azucre branco ou moreno

cada un no seu desexo.

Chocolate ou canela

como sexa a comedela.

 

Que vos parece? Non pode ser máis orixinal.

Un libro, pois, atraente que fará as delicias do lectorado e, ademais, fará auga na boca de todas as persoas que se perden polas larpeiradas.

 

 

 

                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO