Categorías
- artículos colaboraciones y noticias (220)
- escaparate poético (137)
- A luz das palabras (97)
- catavento de poemas infantís (95)
- dardo poético (90)
- Caderno íntimo (21)
- descubertas fonográficas (16)
- fiestra aberta (14)
- Paseos poéticos (12)
- sentado con pessoa (10)
jueves, 30 de abril de 2015
martes, 28 de abril de 2015
XOSÉ NEIRA VILAS "APARECE" NUN ENCONTRO POÉTICO. QUE PRACER!
Estiven no
CEIP “Isaac Peral” de Ferrol hai unhas semanas. Sentinme de marabilla entre
rapaces e rapazas vivos, con ganas de participar no encontro. Alumnos moi
motivados que me recibiron con grande
agarimo.
Foi un acto rico e cheo de amor á palabra
poética.
Notei que esa palabra cobraba unha
importancia enorme no desenvolvemento da formación dos nenos e nenas que estudan
no centro.
Un alégrase de que isto ocorra. Xa hai ben
anos que só fago encontros naqueles lugares nos que hai verdadeiro interese
pola literatura. Onde traballan mulleres e homes que, con dificultades ás
veces, fan da creación literaria algo fundamental no seu quefacer cotián.
Hai que estar preto deles e eu non o
dubido.
Neste encontro todo foi felicidade. Cando
rematei, agasalláronme diversas cousas.
Con Neira Vilas e Anisia Miranda na Habana. 2008 |
Entre elas, un poema dunha alumna e un fermoso
libro do meu querido e admirado Xosé Neira Vilas, dedicado polos nenos e nenas que leron os meus libros
e que me agradecían a visita e, ademais, escriben, o feito “de conseguir que gocemos coa poesía”. Fermoso. Emocionante.
O libro, editado magnificamente por Edicións Embora, vai servirme para
ilustrar esta entrada en Versos e aloumiños. O seu título, Aquel neno.
Todos levamos, afortunadamente, un neno
dentro. E Neira Vilas leva demostrado ao longo da súa rica obra que ese neno
está presente a miúdo no que escribe.
Aquel neno, ilustrado axeitadamente
por Xosé Vizoso, recolle unha chea de textos breves, pero moi
emocionantes, nos que expresa múltiples feitos da súa vida. A vida dun neno
pobre dunha aldea galega dos anos 30 e 40 que, cos seus medos, descubrimentos,
teimas, sorpresas, etc. foi conformando un carácter que o levou a converterse
nun referente esencial da cultura galega.
Nestes pequenos relatos hai moita emoción.
Hai, tamén, vivencias propias e de tantos e tantos cativos veciños do autor.
Rapaces e rapazas de centos de parroquias de toda Galicia e, talvez, de máis
alá.
Como moi ben podemos ler na contracuberta,
Aquel
neno non só é unha memoria
persoal de Xosé Neira Vilas, senón a de tanta rapazada que percorría e daba os
primeiros pasos polas aldeas de noso.
Para rematar quero reproducir un deses
textos e, xa que logo, o poema que me agasallou, ao rematar o acto, Natalia Mera.
A literatura une. A literatura sacode. A
literatura crea complicidades.
Quero que estes textos me fagan cómplices
de todos e todas vós.
Todo
calado
HABÍA
GUERRA EN LUGARES DE LONXE. Chegaban á aldea algunhas noticias. Noticias
tristes. El preguntaba a uns e a outros. Quería saber. En vez de querérense, os
homes andaban a tiros, matándose nos montes, nas cidades, no mar. Os avións
guindaban bombas e tamén mataban e desfacían casas e de todo.Mataban a eito. Na
aldea non había eses ruídos de metralla. Na aldea, silencio na xente, que non
se atrevía a falar. Silencio en todo. Non había romarías. Non se oían as gaitas
nin a cantarola de Reis, nin estoupaban foguetes, nin repenicaban as campás, nin se escoitaban os vivas do Entroido. Só se oía o pranto
dalgún meniño, o brúo dunha vaca, o roñar dun bacoriño no cortello, o canto dos
paxaros ou a ladaíña dos grilos ou o murmurio teimoso do río.
XOSÉ NEIRA VILAS
(De "Aquel neno". Edicións Embora.2013)
Ilustración de Xosé Vizoso para o texto. |
Poñemos punto final a esta entrada co poema de Natalia Mera.
Todo un pracer.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Etiquetas:
ilustración,
literatura,
narrativa,
natalia mera,
neira vilas,
poesía,
xosé vizoso.
domingo, 26 de abril de 2015
POLAS SÚAS OBRAS LEMBRARÉMOLOS / AS... (2) Günter Grass
GÜNTER GRASS
(1927 – 2015)
Sen paraugas
Cando choveu
máis forte
unha velliña
púxose a chorar.
A patrulla
de policía berroulle
ao
pasar: Tranquilícese.
Non é a súa
culpa se chove.
Anuncio
Agora busco
algo
sen querer
atopalo.
Algo co que
poida envellecer
e decaer.
Algo con
etiqueta de calidade
e sen
regusto.
Se coñecese
a palabra exacta
poñería un
anuncio:
Busco para
min, para min só,
tamén para
días de choiva,
aínda que me
entre a sarna,
só para min…
Quizais te
presentes, buscada.
GÜNTER
GRASS
(Do libro Cinco decenios. Ed. Alfaguara)
(Versión
galega de Antonio García Teijeiro sobre a tradución de Miguel Sáenz)
Etiquetas:
günter grass.,
literatura,
poesía,
polas súas obras lembrarémolos/as
Suscribirse a:
Entradas (Atom)