Mostrando entradas con la etiqueta entrevista. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta entrevista. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de mayo de 2026

ENTREVISTA - CONVERSA ENTRE ANTONIO VENTURA E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO "VI ENCUENTRO INTERNACIONAL DEL LIBRO ILUSTRADO" (Cantabria)

Un momento da entrevista de Antonio Ventura a Antonio García Teijeiro



Os días 23/24/25 de abril de 2026 celebrouse en Cantabria o VI Encuentro Internacional del Libro ilustrado, organizado polo Grupo Peonza en Unquera.

Baixo o nome de Misterios de Tejos, houbo durante estes tres días unha enorme actividade consistente en encontros en centros educativos e residencias de maiores, conferencias, palestras, actuación musical e conversas.

Neste último apartado tiven a satisfacción de ser entrevistado polo escritor e editor Antonio Ventura, a quen xa coñecía dende bastante tempo e que publicara con el dous libros na colección Sopa de Libros da editorial Anaya: Os nosos versos e Caderno de fume.




O acto non puido ser máis entrañable. Antonio preguntoume pola miña obra, pola miña vida, lin varios poemas e rematamos o acto lendo a Celso Emilio Ferreiro.

Eu lin en galego o poema Longa noite de pedra e Ventura fíxoo en castelán.

Foi un acto entrañable que chegou ao público con emoción.

Aquí, embaixo, está o audio da conversa para todas e todos aqueles que lles interese.

Como é costume en Versos e aloumiños gravouse coa fin de que quen o desexe poida escoitar a entrevista na súa totalidade.








jueves, 1 de mayo de 2025

UNHA CONVERSA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO PODCAST 'O ENVÉS DA PÁXINA'

Co gallo da recente publicación do seu último libro, Sentado diante da fiestra (Ed. Elvira), tiven a oportunidade hai unhas semanas de parolar co meu pai, Antonio García Teijeiro, nun novo episodio do meu podcast literario O Envés de Páxina. Aínda que en principio esta escolma de artigos xornalísticos aparecidos no suplemento Estela do Faro de Vigo era a excusa para o programa, a nosa conversa axiña nos levou por vieiros que só tiñan que ver co libro de xeito tanxencial, e entre outros temas, falamos da infancia de Antonio, da súa visión da poesía e o seu achegamento ás aulas, da música que encerra o mar, da relación entre deporte e literatura e do papel que, a xuízo de Antonio, debe ter a poesía en particular e a literatura en xeral nesta sociedade que nos tocou vivir no século XXI. 
Amodiño, a conversa foise facendo, de xeito natural, máis e máis íntima, e Antonio mesmo chegou a dicir cara ao remate que nalgúns intres esqueceu que el era meu pai e eu o seu fillo. Nese sentido, o meu obxectivo coa entrevista cumpriuse completamente. Deixámosvos a conversa completa no vídeo que aparece aquí abaixo e agardamos que vos pareza interesante.



ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


lunes, 1 de febrero de 2021

ARREDOR DOS MEUS LIBROS (I): Antonio fala da súa poesía infantil publicada entre os anos 1988 e 1999


A produción literaria de Antonio García Teijeiro esténdese ao longo de máis de tres décadas e comprende obras en diversos xéneros (poesía, narrativa, divulgación pedagóxica, etc.), tanto en galego como en castelán, por non falar de traducións a outras linguas. Nesta nova serie de vídeos, Antonio conversa co seu fillo, Antón García-Fernández, arredor dos seus libros máis salientables. A idea é simplemente que Antonio lembre algunhas anécdotas e partille algunhas impresións persoais encol de cada libro e do seu proceso de composición.

A primeira entrega da serie está adicada á poesía infantil e comprende unha conversa duns cincuenta minutos de duración, dividida en dúas partes. A primeira delas abrangue os anos entre 1988, cos primeiros poemarios infantís de Antonio (Coplas, Nenos e Aloumiños), e 1995, xusto antes da publicación de Na fogueira dos versos. Podedes vela e escoitala aquí:




A segunda retoma a conversa no intre da aparición de Na fogueira dos versos en 1996 e chega ata finais da década dos noventa. Nesta segunda parte, Antonio fala da importancia que para el tivo este libro e lembra a emoción que lle supuxo ler algúns dos seus poemas perante unha audiencia internacional na Universidade de Padua co gallo do galardón Pier Paolo Vergerio. Podedes atopar esta segunda parte da conversa aquí:



Agardamos que vos pareza interesante e prometemos que este proxecto terá continuidade ao longo dos vindeiros meses. A intención é que Antonio chegue a falar practicamente de todos os libros que compoñen a súa xa extensa bibliografía.


                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

martes, 9 de junio de 2020

ENTREVISTA DE MONTSE DOPICO A ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO EN "PRAZA PÚBLICA"





 

"A LIX segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición escolar, caería en picado"


venres 3, abril 2020

Antonio García Teijeiro foi un dos autores que máis se implicaron, a través das redes sociais para adaptarse ás circunstancias do confinamento, na celebración do Día da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Tamén é un dos veteranos da mesma en Galicia. Falamos con el de toda a súa traxectoria na creación de narrativa e, sobre todo, poesía para a infancia. 

Publicou vídeos no Facebook para celebrar o Día da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Que hai que celebrar e que non deste día en Galicia?
Eu non son moi partidario dos “días de”, pero creo que é necesario para visibilizar un xénero normalmente bastante esquecido e maltratado. Temos unha LIX de alto nivel, fundamental para a formación dos nenos e nenas, e hai que concienciarse de canto lle achega á cultura galega. Precisamos que os xornais poñan o acento nela no día a día, por exemplo. A LIX é unha literatura forte, necesaria, transformadora… Unha literatura que fai que a cultura galega teña un pulo especial. Eu é algo que noto cando viaxo: o respecto que hai pola literatura galega. E iso prodúceme, claro, unha enorme satisfacción…


Por que di que é unha literatura maltratada? A aposta das editoras por ela, por exemplo, é moi forte. 

 As editoras fixeron unha aposta clarísima pola LIX porque é literatura que se vende, fundamentalmete polas prescricións dos colexios. Falta que haxa compra sen esa obrigatoriedade… Falo de maltrato porque non se lle dá a importancia que debería dárselle, por exemplo, a nivel mediático. Ou porque se considera, moitas veces, unha literatura de segunda, é dicir, non é tan valorada socialmente. Mesmo hai escritores que renegan da LIX, o que é moi triste...
A LIX é básica para a formación de futuros lectores e lectoras. A LIX é unha necesidade porque a lectura é unha necesidade. Eu sei, pola miña experiencia como docente, que a literatura axuda a transformar comportamentos, actitudes… Pero teño moitas anécdotas sobre pais que, por exemplo, dicían que non ían gastar en libros porque, unha vez lidos, xa non valían para nada. Falo de maltrato porque se rebaixa o valor social e cultural da LIX.

Na súa experiencia como mestre puido comprobar, segundo comentou en varias entrevistas, que á rapazada si lle gusta a poesía. Que pasa entón para que despois queden poucos como lectores?
Eu manteño que cando un docente é motivador, cando é un mediador que cre no que fai, cando é evidente que lle gusta… consegue atraer ao alumnado para a lectura. E non pasa só cos rapaces máis pequenos: tamén cos da ESO. Cando ven que o que dis é auténtico, que cres profundamente niso, déixanse levar pola paixón pola poesía. Durante moito tempo a poesía foi considerada algo “cursi”. Había un rexeitamento cara ela.

                                                                              Antonio García Teijeiro © Distrito Xermar / Arquivo AELG

 O meu reto como docente foi acabar con esa etiqueta para que o alumnado asuma a poesía como algo natural e non como algo alleo a eles, ridículo… Para iso, mostráballes diferentes maneiras de facer poesía, e hoxe ademais xa hai moitos máis poetas que se ocupan de que a rapazada teña boa poesía para ler. O problema é que non hai aínda mediadores suficientes facendo este traballo de campo. E tamén que ás veces os poetas optan por unha escrita complicada e egocéntrica para demostrar que son moi cultos… E a LIX precisa sinxeleza, que non simplicidade.


A que se refire cos mediadores? A todos os axentes que achegan o libro á rapazada?

Principalmente ao profesorado, que debe crer no que fai e non terlle medo á poesía. Mais houbo moitos avances nisto: a min hai bastante xente que me pide vídeos, por exemplo. Hai profesores que non presentan a poesía como un traballo escolar, senón que transmiten un interese real por ela. Ás veces eu podo ser crítico cos docentes porque considero que non len o suficiente, pero cada vez hai máis que se preocupan moito disto. Eu tiven rapaces que non eran moi bos academicamente pero que nos obradoiros de poesía eran outros, outra persoa. A poesía é moi importante para eles: provoca reflexións se se escolle ben, ademais do pracer enorme que produce entender as palabras... O que eu procuraba como profesor era que lesen poesía e que a escribisen.


Escolleu un poema de ‘Poemar o mar’, o libro co que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, para o Día da LIX. Por que é, como di no post, un poema de esperanza? Cal é o vínculo entre ‘Poemar o mar’ e Rafael Alberti?


A miña relación con Rafael Alberti foi do que máis me marcou como poeta. Estiven dez anos en contacto con el. Era un creador poliédrico, xeneroso… Teño moi boas lembranzas do tempo pasado con el: escoitar a súa voz, recibir os seus debuxos... O primeiro poemario completo que lin na miña vida foi o seu ‘Marinero en tierra’. O mar sempre fora moi importante para min, desde pequeno. O mar sempre me enfeitizara: a súa linguaxe poética extraordinaria a nivel visual ou sonoro… Sempre me sentín en diálogo con el e ademais nos momentos difíciles ía miralo e escoitalo. Pero ao ler este poemario de Rafael Alberti pensei que eu tamén quería ser poeta do mar.
O mar está presente dalgunha maneira en todos os meus libros, que son máis de 50. Pero chegou un momento en que quixen tratar o tema dunha maneira máis directa. Fíxeno a través dunha triloxía: a primeira entrega está en castelán e é ‘La cuna del mar’. E as outras dúas, en galego, son ‘Palabras do mar’ e ‘Poemar o mar’. O que quería era personificar o mar, dar unha visión humana del, que tiña moito que ver coa esperanza, a crítica, a reflexión… Hai cousas desagradables que están aí, coma os naufraxios, ou un tema que me interesa moito que son os meniños considerados “raros”... E quen me ía dicir a min, despois de quedar prendado de ‘Marinero en Tierra’, que ía acabar escribindo unha triloxía sobre o mar e gañando o Premio Nacional, coma Alberti con este libro que tanto me influíu. A poesía acabou sendo para min, de feito, unha forma de vida. Fun deixando a narrativa un pouco máis de lado para centrarme na poesía.


En ‘Bicos e non balas’, o seu último poemario publicado -antoloxía de poemas, en realidade- fala moito da pobreza ou da guerra desde a perspectiva da infancia. Di Juan Carlos Martín no limiar que vostede escribe pola xustiza social, pola igualdade, pola solidariedade e polo respecto á diferenza. Identifícase con esa definición da súa poesía?


Nos meus poemarios, que son uns 25 polo menos, sempre considerei que debía incluír algúns poemas que saísen do aspecto lúdico e que puidesen ter relecturas…. Eu tiven dúas paixóns: a docencia e a literatura. E dando aulas en colexios de barrios de Vigo vese moi ben que hai moitos rapaces que viven situacións moi difíciles.
Sempre me preocuparon os rapaces, os seus problemas, e iso levoume tamén a falar das inxustizas que sofren aquí e fóra de aquí: os nenos soldado, por exemplo, que é unha das maiores barbaridades que permite a humanidade. Os nenos sofren pobreza e fame, pero tamén fame afectiva: eu vin nenos abandonados polos pais e polas circunstancias da vida. E penso que a poesía non pode cambiar o mundo, a nivel global, pero no nivel máis próximo, no pequeno mundo que temos arredor, si pode mudar cousas.
E podemos facer unha poesía viva, lúdica, humorística… e que á vez teña un aspecto de crítica social. ‘Bicos e non balas’ fala da paz non só como o oposto á guerra, senón como o contrario da violencia, que adopta moitas formas, e da inxustiza. Fala de situacións reais, deixando lugar para a esperanza. Eu estou en contra da poesía excesivamente amable, simple, feita só para pasar o tempo… Temos que facer poesía para nenos pero non infantilizar os nenos. Non rebaixar a calidade. Ten que ter un valor lúdico e crítico.
                                                           Antonio García Teijeiro, en Vigo © Distrito Xermar / Arquivo AELG

Criticou vostede varias veces esa poesía “facilona”, que banaliza os temas de sempre da literatura… Mais, como creador, non pensou no risco de caer algunha vez vostede mesmo nela?

Esa poesía “facilona” nunca estivo entre os meus intereses. Si que busco que o que fago teña un aspecto lúdico, humorístico… Pero non iso. Eu dou cursos, obradoiros, conferencias… e sempre arrisco cando critico ese tipo de poesía. É verdade que escribín cousas que hoxe non escribiría, pero é que fun evolucionando ao longo dos 30 anos que levo, como é normal. Mais, aínda ollando os meus primeiros libros, non creo que haxa unha poesía infantilizante. E o que me tranquiliza é que sempre tentei ser honesto, coherente co que pensaba e dicía. Se o conseguín ou non, xa non me corresponde dicilo a min. Pero, cos meus acertos e os meus erros, sempre tiven obsesión por facer poesía que perdurase no interese, no gusto das persoas, que non fose poesía de ocasión.
Cunqueiro aconsellárame xa que escribise continuamente se non quería ser un escritor de ocasión. E, cando boto a vista atrás, hai cousas que me gustan e cousas que non -de feito, non me gusta relerme porque son moi crítico comigo mesmo, e se releo comezo a pensar todo o que cambiaría- pero estou orgulloso de ter sido coherente co meu propio discurso. Nunca quixen facer poesía para vender. Aínda que, mira, por exemplo, ‘Na fogueira dos versos’, que é do 1996 e gañara o Premio Merlín, segue a venderse agora. Perdurou, segue a interesar.


Fala de Alberti, de Cunqueiro… Hai moito diálogo con outros autores nos seus libros, e sobre todo naqueles nos que o presenta de xeito máis directo, como en ‘Na fogueira dos versos’, precisamente, ou en ‘Lueiro de papel’.
Cando nos encontros dos que falaba antes me preguntan cal é a base da miña escrita eu digo que hai tres factores. Un é a propia vida, porque a literatura é vida. Alberti dicía que hai que ser poeta na rúa, tendo os ollos abertos ao mundo. O segundo factor son os libros e o terceiro é a música. Sen a poesía e a música non podería vivir. Son un lector ávido, impenitente. E escribín moitos poemas a partir do que me transmitían outros poetas. Uns versos, unhas estrofas... que me permiten dinamizar a miña escrita establecendo un diálogo con outros autores. A poesía é diálogo con outros autores e cos lectores. Non se pode ser un bo escritor sen ler moito.
Cando comecei a escribir, con 14 ou 15 anos, o que facía non era realmente poesía: eran berros. Daquela, no franquismo, vivía de costas á poesía, que era tabú. Eu escribía porque precisaba expresarme. Eran berros de liberdade, de ganas de romper coa realidade. Foi a partir de comezar a ler literatura, primeiro en castelán e despois en galego, cando empecei a descubrir o que é a poesía. E desde entón nunca deixei de ler. Nin de establecer un diálogo con outros autores, a partir da súa influencia en min, que primeiro era íntimo e despois se volveu un diálogo en alto, público. O diálogo é fundamental para min. Teño, de feito, un libro feito en diálogo coa poesía de Lorca que vai saír agora.


Citou algunha vez, precisamente, a Lorca como referente para escribir poesía para nenos. A súa poesía popular, as súas imaxes, a súa rítmica, a súa frescura… E di sempre que a poesía para a rapazada debe ter musicalidade, ritmo, boas imaxes… Ten outros referentes, que non son só, aínda que tamén, claro, da literatura galega, aínda tendo a súa voz propia. Cales son? E, por certo, como sabe un cando é un bo lector?

Eu comecei a ler en castelán antes ca en galego. O meu primeiro referente foi a literatura popular. A literatura de tradición oral sempre está aí, co seu aspecto lúdico, de frescura, de viveza… Paco Ibáñez musicou uns poemas meus de ‘Paseniño, Paseniño’ e leva un poema meu por todo o mundo, feito do que estou moi orgulloso.
Cando eu lle daba as grazas polo que fixo el dicíame que grazas a min, que a miña poesía levaba implícita a musicalidade. Pois esta musicalidade vén da poesía popular. E despois están todos os outros referentes: non podo esquecer a Lorca, coa súa poesía extraordinaria, nin a Manuel María ou a Alberti. El e outros poetas influíron moito en min mais, si, como dis, o obxectivo é sempre ter unha voz propia.
Lorca escribe unhas imaxes extraordinarias cun léxico moi normal: é moi directo, moi lúdico… Está cheo de luz, de cor, de música… Como lector son exixente comigo mesmo. Non me conformo coa literatura fácil. Hai autores aos que che custa chegar, pero logo chegas e está moi ben. E un bo lector fai ese esforzo e despois ten a recompensa da satisfacción de entender, de chegar a onde quería.

                                             Ilustración de Marcos Viso nunha reedición de 'Paseniño, Paseniño' © Xerais


Cita moito a Celso Emilio Ferreiro, fixo algunha antoloxía da súa obra... E supoño que o seu discurso sobre o aspecto social da súa poesía terá que ver con el. 


Celso Emilio sostivo unha loita moi forte contra a inxustiza. E eu tiven a sorte de convivir con Moraima, o cal me axudou a entendelo mellor. Celso foi, si, un dos poetas que me sacudiron. Pasoume con Celso, con Blas de Otero, con Gabriel Celaya… Como dicía antes, comecei a entender o que era a poesía ao lelos a eles e a outros autores. A miña formación fora en castelán, e con Celso uníanme outras cousas, como unha poesía social moi vencellada á cuestión do idioma e da situación de Galicia. Celso Emilio axudoume a entender cousas. Tentei aprender da súa forza, das súas imaxes… a chegar a un xeito de expresión que non fosen só berros de xustiza a liberdade.
Eu formárame de costas á historia de Galicia, sen coñecer a poesía galega… Na miña xeración roubáronnos Galicia, o idioma, a cultura, a historia… Só nos falaban dunha Galicia folclórica. E a min doíame esa desnaturalización de Galicia, tiña un conflito entre o que era e o que quería ser, aquilo que precisaba berrar. Celso Emilio foi o elemento que precisaba para darlle ese toque social á miña poesía…


Nos versos que vostede escribe para nenos hai procura dunha linguaxe directa, sinxela. Non demasiadas figuras literarias: algunhas imaxes, metáforas… E unha métrica clásica, moitas veces. 

A métrica clásica é fundamental: non somos máis modernos e innovadores por afastarnos dela. Pero nos últimos poemarios meus tamén hai moito poema que non rima, que non ten métrica… O que procuro é, como dixen, a reflexión, e tamén a beleza, pero sen demasiado ornamento. Vivimos nun mundo de fealdade. E a beleza está nun solpor, nun mar enfurecido… Hai que ter sensibilidade para vela.
A min non me interesa o aspecto pedagóxico e didáctico da literatura, pero si tento non ser escuro e buscar o camiño do fermoso. Pódese romper a métrica, a rima, a medida, e ir a conceptos vitais… Hai distintas maneiras de facer poesía e todos vamos evolucionando. Eu levo xa moitos anos e tento facer cousas diferentes, non repetirme. Cando me deron o Premio Nacional unha das cousas que valoraron foi a riqueza léxica, que non implica ter que usar palabras complicadas. A sinxeleza é fundamental.


Unha das críticas fundamentais que recibe a LIX galega, e supoño que máis a da súa xeración, é precisamente a de ser didáctica. Non é difícil, en efecto, ver didáctica nela. E non sei por que esa necesidade de desmarcarse tanto da didáctica, mentres sexa sobre todo poesía. Se cadra o relevante é se ten calidade ou non e non se é didáctica. 

O que eu tento evitar é unha poesía ao servizo da didáctica. Mais que a LIX teña un fondo didáctico é inevitable. Se queres levar á reflexión… Pero trátase de que o lector non sinta que lle estás ensinando, senón que el mesmo chegue ás súas conclusións, que chegue á reflexión dun xeito natural. Se estou falando de nenos que o pasan mal o que escribo vai ter seguramente un aspecto didáctico, queira ou non. Mais a cuestión é que o obxectivo fundamental sexa a poesía en si, e non que os nenos aprendan. O obxectivo é que sintan, pensen, desfruten… que medren con ela. Os poemas teñen que ter, sobre todo, valor literario, valor estético. É dicir, non facer poesía “para”. A literatura é arte e a arte debe prevalecer.
Algo que repite tamén moito é a importancia de acadar unha poesía que emocione. Mais, por emocionar, tamén pode emocionar unha película mala. Que emoción busca vostede?

A poesía ten un factor emocional moi grande. O que busco é que, nun determinado momento, os poemas provoquen a calor necesaria para que nos sacudan por dentro, para que toquen as nosas fibras sensibles. Hai poesía fría, á que lle falta a calor necesaria para acariñar internamente os sentimentos das persoas. Cunha palabra ben escollida, coa contención necesaria, pódese tentar conseguir iso. A palabra ten que tocar no noso interior, temos que sentila dentro. Temos que buscar a beleza das palabras, das imaxes. É dificil explicalo. Eu leo a Miguel Hernández, ou a Rosalía de Castro, e sinto esa calor. Miguel Hernández é capaz de expresar algo que me conmove, con autenticidade e sen pretensións lacrimóxenas. Hai nel autenticidade, cunha palabra non impostada, que me chega dentro. Une o sentimento e a escolla da palabra axeitada…


Saíu xa varias veces o tema da música. Ten vostede unha enorme colección de discos… E varios dos seus libros teñen moito que ver coa música. Con Bob Dylan, por exemplo. 


Foi a primeira ferramenta que tiven para romper co que non me gustaba. A aparición dos Beatles, por exemplo, coa súa actitude ante a realidade, foi algo moi importante para a nosa xeración. Despois os Rolling Stones, despois Bob Dylan… Eu tentei aprender inglés para entender a Bob Dylan… Mais eu entrei realmente na poesía a través dos poemas musicados. Paco Ibáñez, Joan Manuel Serrat… Así coñecín a Miguel Hernández, a Blas, a Celaya, a Valente… Agora para escribir escoito música clásica ou jazz. Mais gústame o rock, o blues… Toda a música que me sacude interiormente. Son un melómano, sen ser un experto en música. E supoño que toda esa influencia tamén se mete na miña literatura, na miña procura da musicalidade… Pero é algo inconsciente.



Cando vostede e os outros autores a autoras da súa xeración comezan a publicar case non había nada para nenos e nenas… Eran mestres e escribían para a escola… 

 Os meus primeiros poemarios foron ‘Coplas’, ‘Nenos’ e ‘Aloumiños’, do 1988. Despois publiquei ‘A chave dos soños’, a miña primeira obra de narrativa. Carlos Casares, que era outro referente para min, dixera que lle encantara… Entón estabamos con Árbore, que levabamos entre María Victoria Moreno, David Otero e eu. Mais si, naquel tempo eramos todos mestres: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Paco Martín, Helena Villar, Fina Casalderrey… e outros.
Procurabamos unha literatura que nos gustase a nós e aos rapaces. Foi unha época moi ilusionante, na que faciamos unha literatura que non había e que se precisaba nas aulas. Pouco máis había que ‘Memorias dun neno labrego’, o que fixera Manuel María… Ademais estabamos moi pendentes da LIX que se facía en Europa: Roald Dahl, Christine Nöstlinger, Gianni Rodari… Estábanse publicando cousas moi innovadoras. E nós liamos moitos literatura, didáctica da literatura… Estabamos conectados cos movementos de renovación pedagóxica. Tiñamos moita ilusión e era unha maneira de facer país. E penso que a literatura de hoxe lle debe moito a eses comezos pedagóxicos e literarios.


Outra das críticas habituais cara a LIX é que se publica demasiado. Cousas de pouca calidade ás veces, que poden afastar os rapaces da literatura. Supoño que pasa -o de publicar quizais de máis- como en calquera outra literatura…

 Si, claro, coma en todos os sitios. Hai quen di que da cantidade sae a calidade, e eu non sei se si ou se non. Mais eu penso que si lles falta criterio a algúns docentes para saber cal é a boa literatura e cal é a literatura facilona. E non vale facer caso do que di o comercial. Hai moita comodidade, dentro das lecturas que se prescriben, e moito descoñecemento. Hai literatura infantil e xuvenil de calidade e outra que non a ten, pero a literatura tampouco é allea ao negocio. Haberá libros que sobran, e non digo que non sobren unha parte dos meus se cadra. Pero si que penso que falta formación. Non entendo que en Maxisterio non exista unha materia de literatura infantil e xuvenil. Ao final, o que aprenden é debido á vontade dalgúns profesores e profesoras coma Blanca Roig…
Mais non pode ser que os mestres non lean, que vivan de costas á literatura. Eu atopei xente que non coñecía a Rodari, por exemplo…, que estudaba para ser mestre de Primaria. Tería que haber unha estrutura seria, con bibliotecarios que fosen dinamizadores dos centros, cuns mestres que coñecesen os clásicos… E si que hai moito conformismo e comodidade á hora de prescribir libros. E eu non serei o mellor poeta do mundo, pero si fixen un esforzo moi grande por levar a poesía a todos os sitios. Cada vez hai máis mestres e mestras que se preocupan de ler e ter formación, moitas veces pouco valorados nos seus centros… E eu supoño que algo contribuín a isto, cos meus obradoiros, nos encontros de bibliotecas escolares…

Algo do que se fala moito, pola contra, é da repercusión da nosa LIX fóra de Galicia. Os Premios Nacionais, as inclusións no IBBY e en White Ravens…

Si, claro. Eu gañara o Premio Pier Paolo Vergerio no 1998, por ‘Na fogueira dos versos’, antes de gañar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Que fose un libro en galego produciume moita satisfacción. E ter lido nas Universidade de Padua, en galego, con aquel silencio, aquel agarimo… Temos os Premios Nacionais, o IBBY, o White Ravens, os Lazarillo… Moitos recoñecementos. Hai un grupo de persoas que se están tomando en serio isto, que seguen a tradición dos grandes da LIX galega coma Agustín Fernández Paz ou todos os que antes citaba… É unha literatura moi valorada fóra de Galicia. 


Mais, sendo comprensible por ser unha literatura nunha lingua minorizada, tantas veces desprezada, ás veces tanto discurso sobre o bos que somos e sobre a explosión da LIX soa a inseguridade, a complexo… Quero dicir, que se cadra a nosa poesía, en xeral, non só a infantil, non é peor ca outras, pero tampouco mellor. É unha máis, dentro das literaturas en linguas minorizadas, con obras de maior e peor calidade. 

 Eu creo que temos que valorar a nosa literatura e que non temos nada que envexar. Pero non digo que sexa mellor. Nin mellor nin peor, quero dicir. Sexa unha lingua minorizada ou non, porque en todas as literaturas hai obras mellores e peores. Mais si que é certo que durante moito tempo houbo moitos prexuízos… E si estou de acordo en que non ten sentido andar a facer competicións. Nin dicir que somos os mellores do mundo nin acomplexarnos. Hai boa e mala literatura como en todos os sitios. Só que nós comezamos a normalizar, estamos aínda en proceso. Hai de todo e non todo é marabilloso. Houbo unha explosión da LIX e iso si é real, pero non esquezamos que segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición da escola, a LIX caería en picado. Hai que ser realistas e cautos. Facémolo ben, pero non somos o centro do mundo. 


viernes, 13 de diciembre de 2019

Entrevista con Antonio García Teijeiro no Faro de Vigo: "Á RAPAZADA HAI QUE QUITARLLE PRESIÓN"

Co gallo da recente publicacion da antoloxia Bicos e non balas, Antonio Garcia Teijeiro foi entrevistado na seccion Faro Educa do Faro de Vigo por Selina Otero. Unha entrevista interesante e chea de boas preguntas na que, amais deste novo libro, Antonio ten a oportunidade de falar de temas como a paz, os adolescentes e a lectura, internet e as novas tecnoloxias ou os valores presentes na nosa sociedade actual, entre moitos outros. Na edicion en papel soamente apareceu unha pequena parte da entrevista, a que pode accederse na sua totalidade a traves desta ligazón. Agardamos que vos resulte de interese.



jueves, 7 de noviembre de 2019

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO CÍES PODCAST, OUTUBRO DE 2019

Hai uns días, Antonio García Teijeiro pasou polos estudios do CÍES Podcast que dirixen e presentan en Vigo os xornalistas Rafa Valero e Guada Guerra. Nesta ocasión, a interesante e sempre agradable conversa entre os tres xirou arredor da recenta visita de Antonio aos Estados Unidos, onde, entre outras cousas, pronunciou unha conferencia sobre a súa obra poética na Universidade de Tennessee en Martin. Neste novo episodio do podcast, Antonio falou tamén dos seus dous últimos libros, Bicos e non balas e Vento, ventiño, venteiro, que chegaron ás librarías recentemente. A conversa pódese escoitar nesta ligazón, a partir do minuto 29. E os lectores e lectoras de Versos e aloumiños que seguides o CÍES Podcast, estade atentos porque Antonio comezará no mes de novembro unha colaboración mensual no programa.




                                                                             ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

viernes, 26 de julio de 2019

EL DECÁLOGO POÉTICO DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

La Fundación Jordi Sierra i Fabra, con sedes en Barcelona y en la ciudad colombiana de Medellín, lleva ya varios años publicando una revista digital sobre literatura infantil y juvenil que se titula La Página Escrita y cuyos contenidos son más que recomendables para quienes estén interesados en la LIJ. Una de sus secciones presenta un decálogo elaborado por un/a autor/a en el que se detalla su filosofía literaria, su modus operandi a la hora de crear sus obras y muchos otros temas relevantes. Hace tan sólo unos meses (La Página Escrita 26, enero 2019, págs. 50-51), Antonio García Teijeiro fue el encargado de aportar su propio decálogo, y en él condensa todo el quehacer poético que viene llevando a cabo desde hace décadas. Podéis leer el decálogo completo aquí, pero por si os interesa, os dejo al final de esta entrada un vídeo con una conversación a lo largo de la cual Antonio va profundizando en cada uno de los puntos que componen el decálogo. Esperamos que os resulte interesante y que os ayude a comprender mejor, si cabe, la concepción de la poesía infantil y juvenil que tiene Antonio y que trata de plasmar en sus poemarios.




                                                                                     ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

lunes, 10 de junio de 2019

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO Y JUAN CARLOS MARTÍN RAMOS HABLAN SOBRE "VERSOS Y VICEVERSOS"

Publicado hace tan solo unos días, Versos y viceversos (Editorial Kalandraka) es un poemario que nace de la profunda amistad que une a Antonio con el poeta Juan Carlos Martín Ramos, así como de la mutua admiración poética que se profesan ambos. De ese modo fue surgiendo poco a poco, casi sin ellos darse cuenta, la idea de colaborar en un proyecto literario conjunto: Antonio utilizaría versos de Juan Carlos como base para crear nuevos poemas, y Juan Carlos haría lo propio con versos de Antonio, estos últimos todos en lengua gallega. El resultado es este poemario compuesto originalmente en castellano y que el propio Antonio—cosa más que inusual en él—tradujo al gallego y que se ha publicado también en esa lengua como Versos e viceversos, un título que, por cierto, nos recuerda a los juegos de palabras comúnmente utilizados por Luis Eduardo Aute. Resaltar, también, las delicadas ilustraciones del gran Juan Ramón Alonso en perfecta conexión con los poemas.


Antonio y Juan Carlos.
Recientemente, Antonio y Juan Carlos tuvieron la oportunidad de presentar el volumen en las ferias del libro de Fuenlabrada y Madrid, así como de participar en un vídeo en el que charlan animadamente acerca de la génesis de la obra y de otros temas relacionados con ella. La conversación tuvo lugar en casa de Juan Carlos en Ugena (Toledo) y se completa con la interpretación de dos poemas a cargo de Lurdes López, compañera de Juan Carlos, acompañada por el propio Juan Carlos a la guitarra. El vídeo está disponible en el canal de YouTube de Antonio y puede verse también aquí, al final de esta entrada. Esperamos que lo disfrutéis.




                                                 ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

jueves, 28 de febrero de 2019

UNHA CONVERSA EN PROFUNDIDADE CON IVÁN FERREIRO

Que Iván Ferreiro é unha referencia da música española a partir dos anos 90 é algo que non dubida ninguén. Ao longo dos trece anos que formou parte da banda Los Piratas, conxunto esencial dentro diso que os críticos dan en chamar indie, e despois a través dos varios discos que leva publicados en solitario dende 2005, o cantante e compositor vigués foi atopando unha voz de seu e dando vida a un universo musical sólido e de innegable calidade. Ferreiro vén de gravar hai ben pouco un novo disco, Cena recalentada, un tributo moi persoal á música de Golpes Bajos, unha banda moi adiantada ao seu tempo que tivo un papel moi salientable durante esa "movida" musical e cultural que nos anos oitenta xurdiu na cidade de Vigo.


Coa axuda do seu amigo Pablo Novoa e outros membros da formación orixinal do grupo, Ferreiro pasa as composicións de Golpes Bajos polo seu propio tamiz musical, reactualizándoas e presentándoas a toda unha nova xeración de fans. Coa excusa da publicación deste novo disco, propuxen a Iván gravar unha conversa en profundidade para un episodio do meu podcast Discos Memorables, na que tocariamos unha chea de temas diferentes, dende os seus comezos na música ata a xénese deste novo proxecto, pasando pola súa etapa en Los Piratas e comentando a súa concepción da música e da composición e mesmo evocando algunhas das lembranzas que lle suxiren todos os seus discos en solitario. O pasado 4 de xaneiro, coa xenerosidade que o caracteriza, Iván acolleume na súa casa e alí, no mesmo estudio no que el traballa diariamente na súa música, gravamos unha conversa dunha hora e media á que asistiu tamén o director deste blog-revista e que ofrecemos agora no vídeo que aparece aquí abaixo a quen estea interesado. Foi un pracer conversar con Iván e estou moi agradecido polo seu tempo e a súa participación.




                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

viernes, 29 de mayo de 2015

AS "VIVENCIAS" DE PACO IBÁÑEZ, O SÁBADO DÍA 30 en VIGO.

Un verdadeiro luxo contar coas "Vivencias" de Paco Ibáñez en Vigo.
Malia a negativa do alcalde Vigo a recibirnos para falar do tema, o trobador máis importante deste país dará o seu concerto no Teatro García Barbón (non son quen de chamalo doutro xeito) este sábado día 30 de maio.

E Paco vai cantar en galego. 
Interpretará tres cancións sobre poemas de Antonio García Teijeiro e o fermosísimo poema "Chove" de Celso Emilio Ferreiro.

Unha honra que este home, que abriu as portas da poesía a varias xeracións (e segue con elas abertas), cante no noso idioma.

Paco Ibáñez fará un percorrido por toda a súa obra, tan extensa como exquisita.
 Cincuenta anos de vida activa coa guitarra nas mans contémplano e demostra, día a día, que as súas cancións posúen unha vixencia infinita.

Cumpridos os oitenta anos mantén a independencia de sempre e consegue chegar aos corazóns de persoas de todas as idades. As cancións de Paco Ibáñez soan por moitas escolas e son unha canle impprescindible para achegar a poesía ao alumnado. 

É un artista necesario.
É un home sen par.



O mércores, 27 de maio, o xornalista Jorge Lamas facíalle para "La Voz de Galicia" a seguinte entrevista.




Esta é a canción que Paco Ibáñez quere compartir co público asistente ao concerto.


Fermosísima a pintura, esa pomba multicolor, que Xulio García Rivas  creou para este acontecemento.