jueves, 27 de noviembre de 2025

CONFERENCIA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NAS "XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES E PROXECTOS DE LECTURA/ XORNADAS TÉCNICAS BIBLIOTECARIAS" EN ALBACETE. NOVEMBRO 2025.

Antonio García Teijeiro contesta preguntas do público



Foi unha honra e un enorme pracer ditar unha conferencia na XIII Xornada de Bibliotecas escolares e proxectos de lectura/ XX Xornadas  Técnicas bibliotecarias (Binomio Fantástico) o día 19 de novembro en Albacete.

As miñas palabras, dirixidas a docentes, bibliotecarios/as de bibliotecas escolares e públicas, levaban o título de La poesía, sin ninguna duda, cambió mi vida.

Traté de convencelos -se non estaban xa convencidos- de que a palabra poética podía ser unha ferramenta esencial para darlle un sentido especial ás nosas vidas.





Unha hora de poemas en voz alta, de reflexións de vida e de emocións, seguida de preguntas que me fixeron estar moi satisfeito.

Creo na poesía, creo nas artes como elemento importante de modificar comportamentos máis libres, comprometidos e gozosos para o ser humano.

Unha experiencia fermosa que me proporcionou unha ledicia intensa e que, seguro, non vai caer no baleiro.



Teño que agradecer aquí o trato recibido por todas e todos os asistentes e organizadores destes dous días tan necesarios para a formación de profesionais máis cultos e preparados.

Un recordo especial para o meu amigo Javier Rosa, verdadeiro motor de todo isto e quen tivo a culpa de eu estivese alí.

 

As Xornadas foron retransmitidas en directo por streaming e están gravadas na canle da organización.

 




Os lectores e lectoras de Versos e aloumiños poden ver a miña intervención a partir do minuto 41 do vídeo que está a continuación.

Oxalá lles guste.












viernes, 21 de noviembre de 2025

CONFERENCIA DE ANTON GARCÍA-FERNÁNDEZ ARREDOR DE 'POEMAR O MAR'

Nos máis de vinte anos que levo a vivir e a exercer a miña actividade docente universitaria nos Estados Unidos, aínda non tivera disposto da oportunidade de presentar unha ponencia nunha das moitas conferencias académicas nas que adoito participar cada ano arredor da obra de meu pai. A ocasión presentouse hai pouco máis dunha semana no marco da conferencia anual da South Atlantic Modern Language Association, que se celebrou destavolta no hotel Wyndham Buckhead, na cidade de Atlanta, no estado de Georgia.




Ata alí conducín unhas cinco horas e media dende Tennessee para participar na conferencia, cunha presentación titulada "Los motivos marinos como elementos de creación poética en Poemar el mar, de Antonio García Teijeiro". Foi unha ponencia moi especial para min e verdadeiramente emotiva, na que só revelo cara ao remate do texto quen é realmente o autor destes versos mariñeiros que en 2017 mereceron o Premio Nacional de LIX, para sorpresa de toda a audiencia presente na sala. Por intres así, nos que teño ocasión de partillar a obra literaria de meu pai cun público que non a coñece e tamén de amosar o orgullo que sempre espertan en min os seus poemarios, paga a pena toda unha carreira docente e académica no medio universitario. Deixo aquí abaixo a gravación en vídeo da ponencia por se os lectores/as de Versos e Aloumiños teñen interese en botarlle un ollo.


ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


miércoles, 5 de noviembre de 2025

Gravación da conversa entre Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona arredor do "Elogio del amor", no Club FARO de VIGO





No Elogio del amor, o novo libro de Rafael Narbona, o autor preséntanos a súa visión do que constitúe o amor.

Narbona interpreta este sentimento nas súas distintas vertentes, recorrendo ao seu imaxinario relacionado coa cultura popular en forma de películas, música, libros e fitos históricos xeracionais, pero tamén facendo referencia a súa propia experiencia vital e aos pensadores que deron forma ao seu pensamento.

É un libro que nos permite entender que o amor, máis alá da súa connotación romántica, é forza impulsora necesaria para ser felices e dar felicidade.

Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona antes do acto (Foto José Lores)

Rafael Narbona (Madrid, 1963)  foi profesor de filosofía e actualmente é un  dos críticos literarios e xornalistas culturais máis prestixiosos de España. (El Cultural, Revista de libros y Lengua…).

Anteriormente publicou, tamén en Roca editorial, un marabilloso libro: Maestros de la felicidad, do que La Vanguardia afirmou que é un ensaio luminoso e perfecto e Jorge Freire escribiu que “ensina, deleita e entretén, estimula a pensar e contaxia a pasión pola filosofía”.

 

Pois ben, o pasado mércores, 15 de outubro, Elogio del amor foi presentado en Vigo, dentro do marco do Club FARO, cunha numerosa asistencia de público.


Conversando sobre o libro. (Foto José Lores)

O autor, mantivo unha interesantísima conversa co escritor vigués Antonio García Teijeiro, que Versos e aloumiños gravou e que ofrece aos seguidores e seguidoras aquí embaixo.

Gozade dunha conversa moi gratificante.

 





Unha vista do numeroso público asistente ao acto (Foto José Lores)