Un momento da entrevista de Antonio Ventura a Antonio García Teijeiro
Os
días 23/24/25 de abril de 2026 celebrouse en Cantabria o VI Encuentro
Internacional del Libro ilustrado, organizado polo Grupo Peonza en
Unquera.
Baixo
o nome de Misterios de Tejos, houbo durante estes tres días unha
enorme actividade consistente en encontros en centros educativos e residencias
de maiores, conferencias, palestras, actuación musical e conversas.
Neste
último apartado tiven a satisfacción de ser entrevistado polo escritor e editor
Antonio Ventura, a quen xa coñecía dende bastante tempo e que publicara
con el dous libros na colección Sopa de Libros da editorial Anaya:
Os nosos versos e Caderno de fume.
O
acto non puido ser máis entrañable. Antonio preguntoume pola miña obra, pola
miña vida, lin varios poemas e rematamos o acto lendo a Celso Emilio
Ferreiro.
Eu
lin en galego o poema Longa noite de pedra e Ventura fíxoo en castelán.
Foi
un acto entrañable que chegou ao público con emoción.
Aquí,
embaixo, está o audio da conversa para todas e todos aqueles que lles interese.
Como
é costume en Versos e aloumiños gravouse coa fin de que quen o desexe poida
escoitar a entrevista na súa totalidade.
Antonio García Teijeiro contesta preguntas do público
Foi unha honra e un enorme
pracer ditar unha conferencia na XIII Xornada de Bibliotecas escolares e
proxectos de lectura/ XX Xornadas
Técnicas bibliotecarias (Binomio Fantástico) o día 19 de novembro en
Albacete.
As miñas palabras, dirixidas
a docentes, bibliotecarios/as de bibliotecas escolares e públicas, levaban o
título de La poesía, sin ninguna duda, cambió mi vida.
Traté de convencelos -se non
estaban xa convencidos- de que a palabra poética podía ser unha ferramenta
esencial para darlle un sentido especial ás nosas vidas.
Unha hora de poemas en voz
alta, de reflexións de vida e de emocións, seguida de preguntas que me fixeron
estar moi satisfeito.
Creo na poesía, creo nas
artes como elemento importante de modificar comportamentos máis libres,
comprometidos e gozosos para o ser humano.
Unha experiencia fermosa que
me proporcionou unha ledicia intensa e que, seguro, non vai caer no baleiro.
Teño que agradecer aquí o
trato recibido por todas e todos os asistentes e organizadores destes dous días
tan necesarios para a formación de profesionais máis cultos e preparados.
Un recordo especial para o
meu amigo Javier Rosa, verdadeiro motor de todo isto e quen tivo a culpa de eu
estivese alí.
As Xornadas foron
retransmitidas en directo por streaming e están gravadas na canle da
organización.
Os lectores e lectoras de
Versos e aloumiños poden ver a miña intervención a partir do minuto 41 do vídeo
que está a continuación.
O pasado domingo, día 7 de
setembro, foron presentados na Feira do Libro de Porto os libros Máis aló do
horizonte e Honorata e a casa das palabras gardadas, de Antonio
García Teijeiro e Ánxela Gracián respectivamente.
Antonio García Teijeiro falando
O acto, moi entrañable,
consistiu nunha conversa dos autores co editor de Trinta uma linha, João
Manuel Ribeiro.
Un dos momentos en que fala Ánxela Gracián
Ambos libros, escritos en
galego, están editados por esta editorial e o diálogo resultou moi atractivo,
ademais de entrañable.
Nas próximas datas verán a
luz en portugués.
Versos e aloumiños
gravou en audio o acto e preséntao aquí en baixo para todos aqueles e aquelas
que seguen este blog-revista.
Vivimos tempos escuros e
convulsos. Invasións, guerras, bombardeos e un xenocidio insufrible en Gaza,
diante da indiferenza dos políticos do mundo.
Por iso son moi feliz de que
a Editora portuguesa Trinta por uma linha edite o meu libro Máis
aló do horizonte, unha novela claramente antibélica que aplaude a
figura tan denostada do COVARDE.
Un mozo decide fuxir da
guerra e do horror que o afogan. camiña cara a ningures, buscando un lugar chamado
PAZ. Na súa fuxida, chega a unha casa abandonada onde atopa unha misteriosa carpeta
con relatos e imaxes doutra guerra.
A memoria e a esperanza
cruzan o seu camiño.
Sempre me gustaron os textos
comprometidos en que o intimismo e as aventuras interiores dos personaxes teñen
unha presenza real.
Todo o conmovedor axuda a
sermos máis reflexivos e sensibles diante das moitas cambadelas que nos pon a
vida.
Procuro a reflexión nos meus
textos, sexan en prosa ou en verso; sexan literarios ou xornalísticos.
Isto é algo que nos fai
seguir medrando por dentro decontino.
Máis aló do horizonte non
é un libro oportunista. Non. A guerra está aí e a loita pola liberdade, os
traumas da violencia e a procura desesperada dun futuro mellor e que non doa
debe ser primordial como seres humanos.
O libro está ilustrado magnificamente
polo ilustrador brasileiro Júlio Castro.
O libro “Os
ecos do vento/ Los ecos del viento” entro na Lista da OEPLI, 2024.
Estou moi
satisfeito de estar nesta listaxe.
Un
poemario que bebe nas palabras de grandes poetas mulleres de España e de
América Latina.
Unha homenaxe a
todas elas é á súa poesía.
Por iso, gravei
a toda présa este vídeo lendo catro poemas do poemario, marabillosamente
ilustrado por Noemí Villamuza e editado con elegancia e agarimo pola Editorial
Kalandraka.
Que o libro Sentado
diante da fiestra dá moito para conversar é un feito.
Así o considerou Xabier
Romero, director da Editorial Elvira e presidente da Asociación Évame-Oroza
e decidiu que fixésemos unha palestra arredor dalgúns temas que se tratan nesta
compilación de artigos.
Os tres participantes no acto
Isto levounos á sede da
Asociación a María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e activista
cultural (á que tanto quero), ao propio Xabier e a min para conversar.
Foi un acto entrañable,
dirixido por Mª Xosé, no que interveu Susi Fernández, a miña muller, e
algúns dos presentes entre o público.
Moi feliz por estar máis
dunha hora falando da miña vida, dos meus obxectivos, de cultura, da sociedade
e de literatura, esa arte que tanto nos encanta.
O acto foi recollido en
audio e, embaixo, está reproducido para todos e todas as seguidoras deste
blog-revista.
Os participantes no acto do Trobapaz no Salón do Libro de Madrid
O pasado día 9 en Madrid
viviuse o reencontro do TROBAPAZ, despois de moitos anos. Poemas en varias
linguas e co tema pricipal: a PAZ e a denuncia da CRUELDADE DA GUERRA.
Alí déronse cita os cinco
poetas que leron e escoitaron os seus poemas en cinco linguas: Miquel
Desclot (en catalán), Antonio García Teijeiro (en galego), Juan
Kruz Igerabide (en éuscaro), Ana María Romero Yebra (en castelán) e Abdul Hadi Sadoun (en árabe).
Tras o saúdo e benvida de Isabel
Molina, Presidenta do Consejo General del Libro e da coordinadora do acto,
Sara Moreno, comezaron a lectura os cinco poetas citados.
No mesmo proxecto lector,
leron poemas dos cinco poetas Vanesa Pérez-Sauquillo (inglés), Pilar
González (chinés) e Mihaela Gutiérrez (romanés).
Foi un acto fermoso da unión
das distintas linguas do Estado español e de tres máis que enriqueceron o
espírito poético común e que o público seguiu con respecto e ledicia.
Ao remate da sesión, os
poetas asinaron e dedicaron o libro aos asistentes. Un libro que fora editado
en 2009.
Como vén sendo habitual, o
acto foi gravado en audio e Versos e aloumiños, unha vez máis,
ofrécellelo a todos os seguidores deste blog-revista.
Está deseguido.
Despois de rematar as diferentes lecturas, cada autor e
autora leu un novo poema.
Antonio García Teijeiro leu
o poema:
and you turn and run farther
when the fast bullets fly
Cando recibiu a orde
de
atacar
o neno decatouse
de que
era Nadal
e perdeuse
nas sombras.
Colleu o fusil
descargouno
soterrouno
baixo
a neve
e
guindou as balas
contra
o ceo.
Desapareceron entre as nubes.
Non
soubo delas xamais.
Non tardaron as folerpas en
acariñar
a súa faciana.
Eran grises
azuis
vermellas.
Ulían a lume.
Ulían
a paz.
Ao lonxe
nun órgano
alguén
tocaba unha panxoliña
alguén
tocaba
Silent night.
O home, coa súa guitarra foi rematando pouco a pouco a
canción
e agachaba a cabeza
mentres dicía case para
si:
... Señores da guerra,
cando as balas comezan a sucar o aire
dades a volta e saídes correndo...
Lectura que foi introducida
pola satisfacción persoal da concordia entre linguas
e pola denuncia do
xenocidio que se está a producir en Palestina.
Embaixo está a gravación en
vídeo da lectura, aínda que falta a súa
De esquerda a dereita, Manuel Bragado, Noa García, Antonio GT e Xabier Romero (Foto de Pablo Hernández)
O luns día 16 de decembro,
presentouse no Club FARO, no MARCO, en Vigo, o libro Sentado diante da
fiestra, de Antonio García Teijeiro.
Unha edición marabillosa, ao
coidado de Arantxa Amatriain e Rubén Romero, que Editorial
Elvira, no seu selo Luscofusco, tirou do prelo cun agarimo e
unha elegancia admirables e na que teñen unha presenza salientable as pinturas
de Xulio García Rivas.
Sentado diante da fiestra é
un monllo de 51 artigos publicados por García Teijeiro no suplemento Estela,
do decano da prensa nacional e un deles, á marxe da revista, co gallo do
centenario do Real Club Celta de Vigo.
Participaron nesta
charla-coloquio, ademais do autor, Manuel Bragado, que falou do libro e
de AGT, Xabier Romero, que presentou o acto como responsable da
editorial e a xornalista Noa García (filla do autor) que foi a
responsable da entrevista.
Noa e AGT
Resultou un acto fermoso que
foi seguido polo numeroso público asistente e respirouse un aire de
reivindicación da palabra literaria, da necesidade de pensar, da fuxida do
pensamento único, da preguiza intelectual que se está instalando na sociedade e
moitos temas e anécdotas de García Teijeiro.
A música, a poesía, a
lectura literaria, o xornalismo narrativo e literario tamén saíron á palestra
nun acto do que o público saíu moi satisfeito.
A charla-coloquio foi
gravada en audio e, loxicamente, Versos e aloumiños ten o pracer
de ofrecelo a todo aquel que queira saber o que alí se dixo.
Así pois, embaixo destas
liñas está a gravación para que poida ser escoitada.
Sempre me gustou ir falar ás
Escolas de Maxisterio, hoxe Facultades de Educación. Coido que o alumnado que
estuda para ser mestra ou mestre debe ter un coñecemento profundo dos libros
que se publican para elixir as mellores obras coas que compartir nas aulas cos
pequenos a maxia da lectura.
Non é moi doado. Sinto que
falta esa inquedanza cultural nas novas xeracións, que se le menos do que se
debería e que hai que actualizarse nun eido tan importante.
Falándolle ao alumnado
E se falamos de poesía (e de
teatro) as eivas que existen son inmensas. De aí o meu interese para enchelas de
contido.
Non pode ser. A poesía gusta
aos rapaces e rapazas se hai alguén que os motive. A figura do mediador/a faise
imprescindible para contaxiar ese amor pola literatura.
Dáme medo que sexan as
editoriais, a través dos comerciais, quen
marquen as prescricións nas escolas. A calidade debe primar sobre outros
obxectivos que pouco (ou nada) teñen que ver coa paixón pola lectura.
E se o alumnado non le,
estamos perdidos.
O venres, 25 de outubro,
estiven na Facultade de Educación e Traballo social en Ourense.
Alí, dentro dunhas xornadas –
Ciclo de Literatura infantil e xuvenil. Lecturas dende a diversidade-
falei deste tema para moito alumnado e tamén lle comentei a necesidade da
poesía na escola.
Un programa moi interesante
no que estiveron escritores e ilustradores como Carlos Labraña, Érica
Esmorís, María José Floriano e Pablo Otero, baixo a dirección entusiasta de
Isabel Mociño, Carla Míguez e María González.
Tamén fun entrevistado por
alumnas na radio da Facultade, que me preguntaron sobre múltiples temas, tanto
persoais coma literarios.
Un momento da entrevista radiofónica
A miña conferencia, con
lectura de poemas meus incluídos, foi gravada e Versos e aloumiños
recóllea no audio que vén deseguido.
Outro momento da charla
Agardo que resulte
interesante para todas esas persoas que cren na poesía como unha ferramenta de
formación intelectual dende xa as primeiras idades.
Da esquerda á dereita: Paco Abril, Lorena Fernández e García Teijeiro
Como indica o cartel, o
encontro dentro do programa de librerías Afinidades Electivas,
celebrouse en Xixón un acto marabilloso arredor da literatura (conto e poesía)
e a súa relación coa infancia.
Tivo lugar na librería La Oreja Verde, que
dirixe unha muller creativa, eficiente e amante da cultura como é Ana López
Chicano.
Antonio García Teijeiro e Ana López Chicano
Paco Abril, un
artista total, un estudoso da literatura, activista cultural, escritor
necesario, organizador de proxectos arredor da lectura, guionista, articulista,
creador plástico e moitas cousas máis é un referente da LIX española e interveu
xunto a Antonio García Teijeiro para falar das súas obras respectivas.
Paco Abril no acto
O acto estivo presentado e
moderado por unha muller extraordinaria, Lorena Fernández, violinista e
especialista en didáctica da música e da pedagoxía, que desenvolveu o seu labor
dunha maneira rica e acaída ao que alí se expuso.
Foi un tempo
espectacularmente afectivo, crítico e cheo de literatura.
Houbo lectura de contos, de
poemas e o público saíu entusiasmado.
Antonio G. Teijeiro le un poema de "Poemar o mar"
Canto se botan en falta
momentos así! Minutos para construír, para salientar a palabra literaria, para
animar a que se lea poesía, para que se conten contos, para valorar o libro
como ferramenta esencial nos tempos que corren.
Falouse de todo isto e máis.
As propias experiencias coa literatura de fondo estiveron presentes e o clima
que se respirou na librería foi de emoción, interese e agarimo.
Paco Abril mostra un suplemento cultural que dirixía
Temos que felicitarnos
porque proxectos coma este sexan promovidos polo Ministerio de Cultura e porque
as librerías sexan o lugar que os acollan.
Nas bibliotecas e nas
librerías o libro é o protagonista do lugar, está próximo ao lectorado e
convértese en protagonista que, co seu silencio aparente, está a chamarnos para
que nos acheguemos a el e poidamos gozar da literatura.
Como non podería ser doutro
xeito, Versos e aloumiños non dubidou da necesidade de gravalo en
audio e de poñelo á disposición das e dos interesados para que poidan vivir a
maxia alí creada.
Antonio García Teijeiro, Alberto Cunha e Andrés Cunha na Librería Versus
Foi un acto fermosísimo o
vivido na Librería Versus, unha librería de referencia en Vigo,
que Sabela leva con gran paixón e moitísima intelixencia e dedicación.
Feliz, moi feliz de volver
aos seus andeis e mesas ateigados de bos libros.
Mesturar música e poesía é
algo sublime.
Exaltación da palabra
escrita, oral e enchela de música.
A conversa entre Antonio
García Teijeiro e Alberto Cunha, con Andrés Cunha á guitarra
foi emocionante.
Noa García Garrido le un poema de seu despois de expór a súa experiencia docente
Había moito agarimo no que alí se dixo e cantou: recitado de
poemas, cancións admirables (Cantares, de Serrat, Aí vén o
maio, de L.E. Batallán, Se falases de min, de Paco Ibáñez…),
exposicións de experiencias poéticas no ensino e moitas cousas máis: Alba
Piñeiro e Noa García Garrido contaron algunhas cousas das que fan no
solitario día a día nos seus centros.
Alba Piñeiro lendo un poema cun alumno
Son moi grandes os irmáns
Cunha. Teñen un corazón que non lles cabe no peito. Loitando pola Asociación
Cultural de Casablanca, facendo barrio. Pura humanidade.
Eu sentinme moi feliz polo
ambiente que alí se creou e o público quedou enormemente satisfeito e desfrutou
do acto.
Alberto Cunha interpretando unha canción con Andrés á guitarra
Versos e aloumiños non
podía permanecer á marxe. A velada foi gravada en audio e aquí embaixo podédela
escoitar e, seguro, gozar.
O pasado venres, día 5 de
abril, no Fórum Metroplitano, A Coruña, tivo lugar un acto fermosísimo: POLAVILA
XABIER P. DOCAMPO, na memoria do grande escritor, Xabier Docampo,
que ese día cumpriría 78 anos.
Amigas e amigos,
institucións, asociacións e particulares foron a base dunhas horas de intensa
emotividade, nunha gala baixo a dirección de MªÁnxeles Roca, Paula
Carballeira e Chus Fernández.
Unha exposición
bibliográfica sobre o querido autor, coas adhesións recibidas das bibliotecas
escolares, unha sesión de contacontos para público familiar (Vouche contar
un conto) ou a lectura pública e continuada de Catro cartas,
un dos seus libros, por parte de amizades de Xabier.
Lectura de "Catro cartas"
E a partir das 20:00,
comezou a Gala PolaVila Docampo, no auditorio, conducida maxistralmente
por Paula Carballeira, Isabel Risco e Lois Pérez.
Paula, Isabel e Lois
Iniciouse cun pequeño vídeo
no que escoitamos unhas palabras de Xabier. Emocionante velo e escoitalo.
Xabier P. Docampo
Tras a presentación a cargo
das presentadoras (+Lois), Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín falaron
do homenaxeado con moito agarimo e emoción.
Xavier, Fina e Paco
Deseguido, Daniel Puente
Bello, fillo do escritor, leu os poemas do libro Mans,
apoiado nunhas marabillosas fotografías súas, nun emotivo silencio.
Dores Tembrás, Antía Otero e Antonio
García Teijeiro (Yolanda Castaño non puido asistir) leron poemas das súas
obras.
Dores, Antonio e Antía
De novo, lecturas de textos
de Xabier, nas voces de amizades como Francisco Fernández Naval, Mercedes
Queixas, Irene Penas e Concha Blanco.
Chisco, Mercedes, Irene e Concha
A marabillosa Gala rematou
cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, Antonio Reigosa, María
da Pontragha e Paula Carballeira.
Uxía, a
nosa gran cantora, puxo a súa voz para emocionarnos coas súas cancións. Xunto a boa parte dos participantes e co público posto en pé cerrouse o acto cantando entre todos "O carro" de Manuel María (Fuxan os ventos).
Uxía
E o cartel marabilloso, que
anunciou esta homenaxe, foi obra do enorme ilustrador Xosé Cobas.
Un acto inesquecible para os
que alí estivemos na honra e na lembranza dunha persoa irrepetible. Imposible
esquecer o que ese serán vivimos.
Parabéns ás organizadoras,
porque o seu labor foi lucido e eficiente.
No vídeo que segue a estas
palabras, podedes ver a miña intervención emocionada con dous poemas de Se
falases de min (Cando caen as follas) e de Poemar o mar.
O acto serviu para atopar e abrazar os amigos e amigas, porque as distancias entre nós
non nos permiten un contacto directo. Nestas situacións a emoción e os afectos
estiveron presentes en boa parte dos reencontros.
Mercedes Queixas, Ánxeles Roca, AGT e Antonio Reigosa