lunes, 20 de enero de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (67) "O lobo de area", de Asa Lind







TÍTULO: O lobo de area.


AUTORA: Asa Lind.



ILUSTRACIÓNS: María Elina.


EDITORIAL: Kalandraka. Colección: SETELEGUAS.





A editorial Kalandraka achégalles aos lectores novos pero tamén a todos aqueles que se deixan levar polo poder evocador das palabras, esta fermosa historia da escritora e xornalista sueca Asa Lind, que gañou o Premio Nils Holgersson (outorgado polas bibliotecas de Suecia) no 2003 e que agora, grazas á tradución ao galego de Antón Lado podemos gozala na nosa lingua.

     O lobo de area, preséntanos a Zackarina, unha nena que vive cos seus pais nunha casa á beira do mar. A súa é unha vida normal aínda que, ás veces, lle gustaría pasar máis tempo cos seus pais, compartir xogos, conversas, lecturas...pero o ritmo vertixinoso da sociedade actual non fai posible os seus desexos. Para paliar a tristura, o enfado e mesmo o aburrimento, acubíllase no mar e no seu máxico e misterioso amigo invisible: o lobo de area. Amigo que a axudará a entender o estraño mundo dos adultos e a poñerlles nome a certas emocións como o enfado, a ledicia, a frustración pero tamén a tenrura, a complicidade da amizade ... coma partes integrantes do ser humano.  
     
Asa Lind
A través de 15 capítulos curtos con cadanseu título suxestivo ( “Non fan máis que traballar e traballar”, “Demasiada leria”, Zackarina e a escuridade”...) a autora mergúllanos na grandeza do universo infantil, capaz de captar incongruencias no mundo dos adultos, á vez que nos abre a porta á reflexión da visión da realidade baixo a ollada da protagonista. A linguaxe coidada, poética, directa e expresiva, non exenta de humor( como corresponde á desbordante imaxinación da protagonista) permite que chegue a todos os lectores.

     As  delicadas  ilustracións de María Elina danlles vida a Zackarina e ao lobo de area e están en sintonía co ton textual.


Páx.22: “...E ese é o verdadeiro sentido do traballo,que despois te sentes feliz cando descansas e fas o que che dá a gana.”
Páx.55: _” Que todo salta e brinca dentro do corpo cando se está medrando, coma flocos de millo por todas as partes!-dixo o Lobo de Area-.Sábelo ti e seino eu...Pero os adultos xa non medran, e esqueceron como era.”
Páx.70: “ Coa boca chea de puré de patacas, explicoulle a papá que tanto el coma ela eran anacos de universo, igual ca calquera estrela, e que o infinito non era para nada algo afastado, porque existía en todas as partes e en todo o tempo.”
Páx.100: “ A última raiola do sol desapareceu no mar. As escuridades que levaban todo o día descansando nas sombras baixo as árbores estiráronse e saíron dos seus agochos.”

                                                                                              ALBA PIÑEIRO