Mostrando entradas con la etiqueta anton garcia-fernandez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta anton garcia-fernandez. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de mayo de 2025

UNHA CONVERSA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO PODCAST 'O ENVÉS DA PÁXINA'

Co gallo da recente publicación do seu último libro, Sentado diante da fiestra (Ed. Elvira), tiven a oportunidade hai unhas semanas de parolar co meu pai, Antonio García Teijeiro, nun novo episodio do meu podcast literario O Envés de Páxina. Aínda que en principio esta escolma de artigos xornalísticos aparecidos no suplemento Estela do Faro de Vigo era a excusa para o programa, a nosa conversa axiña nos levou por vieiros que só tiñan que ver co libro de xeito tanxencial, e entre outros temas, falamos da infancia de Antonio, da súa visión da poesía e o seu achegamento ás aulas, da música que encerra o mar, da relación entre deporte e literatura e do papel que, a xuízo de Antonio, debe ter a poesía en particular e a literatura en xeral nesta sociedade que nos tocou vivir no século XXI. 
Amodiño, a conversa foise facendo, de xeito natural, máis e máis íntima, e Antonio mesmo chegou a dicir cara ao remate que nalgúns intres esqueceu que el era meu pai e eu o seu fillo. Nese sentido, o meu obxectivo coa entrevista cumpriuse completamente. Deixámosvos a conversa completa no vídeo que aparece aquí abaixo e agardamos que vos pareza interesante.



ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


martes, 18 de junio de 2024

JOSÉ ÁNGEL IRIBAR E A SOCIOLOXÍA DO DEPORTE (VÍDEO-CONVERSA) CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



O director deste blog, Antonio García Teijeiro, di sempre que el non ten ídolos, nin no deporte nin en ningún outro eido.

Agás nun caso, xa que todas as regras contan coa súa excepción: o de José Ángel Iribar Kortajarena, o gran porteiro do Athletic Club. E nun recente artigo dentro do suplemento cultural Estela, do Faro de Vigo, reflexiona sobre as razóns polas que Iribar ten sido para el, dende ben cativo, un deportista e unha persoa especial. Ditas razóns comezan con cuestións futbolísticas, pero non se deteñen aí, senón que se fan extensivas a consideracións sobre a personalidade de Iribar, que transcende o terreo de xogo. Levo escoitando o nome de Iribar de boca de Antonio dende neno, e aínda que eu non o teña visto xogar en persoa (son novo de máis para iso), o gardameta vasco tense convertido para min nunha figura cáseque lexendaria.


José Ángel Iribar



E por iso, aproveitando o artigo de Antonio e unha visita estival miña a terras galegas, sentei con el en Gondomar e durante uns corenta minutos, estivemos a falar das razóns da admiración que sente por Iribar. A conversa, abofé, levounos por diversos vieiros que van máis aló do Txopo (literatura e deporte, a comercialización do deporte no século XXI, os valores educativos que cómpre manter no deporte, etc.) pero que dalgún xeito están inspirados pola súa figura e a súa actitude perante o deporte e a vida. Deixamos aquí abaixo o vídeo, que pode atoparse tamén en Anton G.-F., a miña canle de YouTube.

 


                                                                               ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




miércoles, 22 de mayo de 2024

FAÍSCAS (19) Hiromi Kawakami e a soidade compartida, por Antón García-Fernández







Tsukiko ten 38 anos e leva unha vida solitaria. Considera que non está dotada para o amor.

Ata que un día encontra nunha taberna o seu vello mestre de xaponés.

Entre ambos estabelécese un pacto tácito para compartir a soidade.

Escollen a mesma comida, procuran a compaña do outro e cústalles separarse, aínda que ás veces intenten escapar o un do outro.

 


A partir dese encontro casual na taberna a relación entre estes dous personaxes vai evolucionando dende a amizade ata o romántico e sensual co paso do tempo e desas citas que non sempre son tal nas que ámbolos dous se comunican tanto a través da linguaxe verbal coma do silencio ou da comida e a bebida que a cotío comparten en bares e restaurantes.

"A de Kawakami é alta literatura", díxome Antonio cando soubo que eu lera esta novela que el xa coñecía e xa tiña lido. E ten razón: alta literatura na súa aparente simplicidade e na mestría que Kawakami amosa á hora de debuxar o mundo interior e a psicoloxía dos seus personaxes.

 

Na miña canle de YouTube hai pouco publiquei este vídeo en castelán no que comento un chisco máis en profundidade esta novela, que dende aquí recomendo a toda a comunidade de Versos e aloumiños.

                                                                                                                                                                                                                          ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ



 







lunes, 18 de diciembre de 2023

A OBRA POÉTICA DE LUIS PIMENTEL NO PODCAST "EL ENVÉS DE LA PÁGINA" (con ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO)



Despois de tratar no mes de outubro a poesía de Álvaro Cunqueiro no podcast El Envés de la Página, para o episodio do mes de novembro decidimos escoller un poeta que comparte xeografía con Cunqueiro: o lucense Luis Pimentel, autor dunha obra poética breve pero intensa tanto en castelán como en galego. Desta volta, Antonio e mais eu conversamos sobre as características da poesía pimenteliana, co seu gusto pola música, o axexo da noite, a influencia de Rosalía e a obsesión pola morte, especialmente a dos máis cativos. O episodio, como foi o caso no de Cunqueiro, está ilustrado co recitado dalgúns dos poemas máis relevantes compostos por Pimentel. Deixámolo aquí abaixo por se pode interesar aos lectores e lectoras deste blog.

 

                                                      ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




martes, 21 de noviembre de 2023

A POESÍA DE ÁLVARO CUNQUEIRO NO PODCAST "EL ENVÉS DE LA PÁGINA" con Antonio García Teijeiro





Dende hai xa varios anos, levo publicando na miña canle de YouTube un podcast (ou videocast, como tamén se lle podería chamar) dedicado aos libros e á literatura titulado, nun requebro cunqueiriano, El Envés de la Página.

     Recentemente convencín ao dono deste blogue de que participase nel comigo, unha vez ao mes, nunha serie de episodios centrados arredor da poesía de diferentes autores e autoras que para el fosen de referencia.

     Nun principio, como adoita ser o caso, el non estaba seguro: "Que o programa é en castelán e eu síntome máis cómodo falando en galego", foi o primeiro dos obstáculos que puxo. Compréndoo, abofé, pero o programa é en castelán porque, no contexto dunha canle que ten suscritores en diversos países castelanfalantes, a idea é facilitar que os contidos cheguen o máis lonxe posible e ao meirande número de oíntes posible.

     Amais, a idea é que unha grande parte dos escritores e escritoras tratados nestes episodios sexan galegos. Con ese argumento irrefutábel finalmente convencino e o resultado é este primeiro episodio, gravado o pasado mes de outubro, no que parolamos en profundidade sobre a poesía de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un dos aspectos menos coñecidos e menos celebrados do gran autor mindoniense.

     Por se vos interesa, deixamos o programa aquí abaixo, agardando que, se tedes a oportunidade de velo, o disfrutedes. E podemos asegurarvos que non é máis ca o primeiro de moitos episodios semellantes que virán no futuro.

                                                       ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




martes, 26 de mayo de 2020

"I CONTAIN MULTITUDES": NUEVA SORPRESA DE BOB DYLAN EN FORMA DE CANCIÓN

Tan solo unas tres semanas después de la publicación de "Murder Most Foul", tema de casi 17 minutos de duración sobre el que ya hablamos en estas páginas, Bob Dylan sorprendió a propios y a extraños compartiendo en YouTube un nuevo tema, "I Contain Multitudes", que puede escucharse aquí. Mucho más breve que la anterior (poco más de 4 minutos en esta ocasión), esta nueva canción, sin embargo, tiene varios puntos en común con ella, tanto en su contenido letrístico como en esa instrumentación minimalista que arropa a la perfección la voz de un Dylan que por momentos canta y por momentos recita sobre el acompañamiento musical. De nuevo nos encontramos ante una pieza con múltiples referencias musicales y culturales (Walt Whitman ya en el título, Edgar Allan Poe, Ana Frank, Indiana Jones, Carl Perkins, los Rolling Stones, etc.) en la que Dylan nos habla de sí mismo, presentándose como "un hombre de contradicciones, un hombre de muchos humores" y reflexionando sobre ideas que siempre le han interesado, como la verdad, la muerte, la mediatización de la información por parte de los medios de comunicación o la creación de un personaje como modo de protección ante el mundo que nos rodea. Tras escuchar la canción repetidas veces, Antón García-Fernández ha publicado un vídeo en su canal de YouTube en el que ofrece un comentario crítico sobre esta nueva canción dylaniana. Por si os interesa verlo, os lo dejamos al final de esta entrada. Ya casi octogenario, Bob Dylan sigue estando de actualidad y en plena forma creativa, lo cual nos alegra enormemente a quienes amamos su música.



lunes, 27 de enero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (10) "Infamia", de Ledicia Costas



O lector senta na butaca e abre o libro que ten entre as mans. O último de Ledicia Costas. Infamia (Xerais, 2019), di a capa. Título que xa atrapa a atención. A primeira novela para adultos da autora, din os anuncios e os críticos. Aínda que, ben mirado, calquera bo libro infantil e xuvenil é tamén un libro para adultos. 

     E o lector mergúllase nese mundo literario que recoñece porque resulta ficar preto do mundo real no que el creceu e viviu durante moitos anos. A chuvia que non cesa. O frío que se mete pola pel e entre os ósos. A universidade semellante a aquela na que estudou el.

     
E o lector desfruta coa trama deste thriller psicolóxico. Aínda que, ben mirado, non está diante dun thriller psicolóxico, senón dunha novela coral, desas que adoitan describirse coma de personaxes. Porque en Infamia non se trata realmente de atopar o asasino nin de saber quen cometeu os crimes estarrecedores e infames que nela se narran. O que verdadeiramente importa é comprender os personaxes que desfilan polas súas páxinas, todos eles con anceios e angurias, cun presente e cun pasado, e quen sabe se cun futuro. O que interesa é descubrir eses segredos inconfesables que se agochan nos lugares máis íntimos e profundos e cos que temos que aprender a convivir.

     O lector avanza con rapidez na lectura da obra. As páxinas van pasando case sen que el se dea de conta. E tamén pasan as horas sen que se decate. 

     Fóra, do outro lado da fiestra, chove arreo e vai frío. Infamia é unha novela para ler na butaca preto da ventá e da cheminea, porque é unha novela de inverno, de inverno galego. Arredor dos seus personaxes van mesturándose o agora e o antes, o aquí e o entón, os sucesos do pasado que determinan o presente. É unha historia que fala de asasinatos crueis, de abuso de menores no seo da Igrexa, de acoso laboral e social. Pero tamén fala da soidade das persoas, das dificultades do amor, dos soños e das esperanzas que caen esnaquizados por sucesos que os individuos non poden controlar. É unha novela que nos permite coñecer mellor á autora a través dos seus personaxes. 

     
E cando o lector chega á derradeira páxina, pecha o libro e póusao na mesiña que está ao seu carón. Entón olla pola fiestra e ve que alá fóra segue a chover. Con forza e sen descanso, coma en Merlo.

           
                              
                                                                         


                                                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

viernes, 27 de septiembre de 2019

CONFERENCIA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA UNIVERSIDADE DE MARTIN, TENNESSEE: A poesía como xeito de vida (Poetry as a Way of Life)

Foto: Jana McFarlin
Na tarde de onte, 26 de setembro, no auditorio do edificio de Humanidades da Universidade de Tennessee en Martin, Antonio García Teijeiro, presentado por Antón García-Fernández, ditou unha conferencia arredor da súa obra diante dunha audiencia moi interesada formada por profesores e alumnado do departamento de linguas estranxeiras do centro universitario.

Foto: Casey Langley
A conferencia, a xeito de conversa bilingüe co presentador da mesma, tratou de achegar aos presentes as diversas formas de enfrontarse á obra literaria dun autor que leva escribindo máis de trinta anos. O acto consistiu, ademais, nun recital poético en castelán e galego, con introducións explicativas en inglés a cargo de García-Fernández. Houbo, finalmente, unha rolda de preguntas por parte da audiencia que podería ter sido aínda máis longa se se tivese disposto de máis tempo. Todo o acto desenvolveuse nun clima de cordialidade, de respecto e de agarimo pola palabra poética.


Foto: Casey Langley

Para todos aqueles e aquelas que non puideron estar presentes e que desexen coñecer como se desenvolveu a conferencia, deixamos aquí abaixo a gravación completa en vídeo dunha velada inesquecible e moi especial.