Mostrando entradas con la etiqueta canción. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta canción. Mostrar todas las entradas

martes, 18 de febrero de 2025

PACO IBÁÑEZ CANTA NO TEATRO CAMPOS ELÍSEOS DÚAS CANCIÓNS DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

PACO IBÁÑEZ


Escoitar a Paco Ibáñez cos seus noventa anos nas costas é algo difícil de explicar con palabras.

Os seus concertos son encontros coa xente que o admira, que o quere, que estivo sempre ao seu carón. Todo encontro, coa naturalidade do tempo vivido coas súas cancións, sempre nos presenta ese Paco amable, loitador, humanista, agarimoso, crítico, artista, enorme compositor e trobador dos poetas de todos os tempos. Cada concerto convértese en algo entrañable e máxico.

Iso ocorreu o sábado día 15 de febreiro, no Teatro Campos Elíseos de Bilbao.

Cun público absolutamente entregado, Paco Ibáñez cantou arredor de 18 cancións, entre as que se atopaban homenaxes á terra vasca (3), á nosa Galicia (3) e ao seu referente indiscutible Georges Brassens (2). Tamén soaron Miguel Hernández, Antonio Machado, Francisco de Quevedo, García Lorca, José Agustín Goytisolo, coas popularísimas El lobito bueno e Palabras para Julia, Rafael Alberti etc.

Compartindo escenario con Paco nun concerto en Vigo


Eu tiven a fortuna de escoitar na súa voz dúas cancións: Que ocorre na terra? -como case sempre- e a estrea de O vento dorme. Non puiden sentirme máis emocionado. Sempre me parecerá un milagre escoitar a Paco en galego cantando dous poemas meus por el musicados. A xenerosidade do mestre.

Se a isto lle engadimos unha terceira canción no noso idioma, Chove, de Celso Emilio Ferreiro, temos que salientar o agarimo que lle ten a esta nosa Galicia.

 

Celso Emilio Ferreiro

Cuns músicos extraordinarios como Mario Mas (guitarra) que guía as interpretacións, Joxan Goikoetxea (acordeón), Pep Pascual (efectos especiais) e Pep Bou (poesía visual), o espectáculo adquire un nivel de moitísima altura.

E que dicir da voz marabillosa de Soleá Morente interpretando Nana de la mora, de José Ángel Valente. Deixou engaiolado todo o auditorio.

 


En fin, máis de hora e media de emoción sen límites, que nos deixaron cheos de serenidade e vida. Un concerto memorable.

Versos e aloumiños presenta  o vídeo coas dúas interpretacións dos meus poemas. Védeo e escoitádeo. Sentiredes a fonda mestura da poesía coa música.






jueves, 22 de junio de 2023

PACO IBÁÑEZ E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO AUDITORIO MAR DE VIGO

 


Para non ser repetitivo, non vou falar máis do memorable concerto de Paco Ibáñez no Auditorio Mar de Vigo.

Nin tampouco da emoción que eu sinto cando o escoito interpretar as cancións baseadas nos meus poemas.

      Pero Versos e aloumiños ten a obriga de gardar momentos sonoros coma estes, que se poden escoitar co paso do tempo.

       Velaquí, no vídeo, dous momentos emocionantes para min con Paco no escenario.

Un deles, cantando eu a canción Pomba, na que o mestre me deixou só, a capela, con Paco facéndome unha segunda voz. Esqueceu de tocar a guitarra, moi pendente da letra.

No outro, a interpretación musical do poema Que ocorre na terra?, tan paseado polos escenarios de medio mundo en galego.

      Para que poidan ser desfrutados polos seguidores e seguidoras deste blog-revista, aquí quedan rexistrados nun vídeo excepcional.

Sede, iso si, comprensivos coa miña interpretación porque eu non sei cantar; porén, quen lle di que non ao mestre?







* Grazas a Helena Pérez polo envío de ambos os dous vídeos.

lunes, 12 de junio de 2023

DE NOVO, PACO IBÁÑEZ CANTA EN VIGO E ENCHE DE EMOCIÓN O AUDITORIO DO MAR.

 

Paco Ibáñez durante o concerto, acompañado de Mario Mas (Foto de Susi Fernández)



De novo, Paco Ibáñez en Vigo. De novo volveu emocionar a tantos fieis seguidores que non o abandonamos nunca, porque forma parte das nosas vidas.

Próximo, crítico (ai, a teima do inglés!), irónico, agarimoso e ocorrente.

Feliz de sentir o cariño do público. Cheo de anécdotas, fixo rir á xente, animounos a cantar e encheu de emoción as butacas do Auditorio do Mar.

       Dezasete cancións interpretou neste concerto (tres delas en galego: Pomba, Que ocorre na terra? e a canción sobre o poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, co título de Chove). Dúas máis en éuscaro, acompañado polo excelente acordeonista vasco, Joxan Goikoetxea.


Antonio García Teijeiro lendo a Oroza. (Foto de María Luisa Abad)
     

Brillou ao seu lado, coma sempre, o extraordinario guitarrista Mario Mas, man dereita do trobador, que fixo as delicias da concorrencia pola súa mestría e o seu agarimo polo artista.

       Despois, repasou moitos dos seus clásicos e puidemos gozar con Lorca, Machado, O Arcipreste de Hita, Quevedo, José Agustín Goytisolo ou Rafael Alberti entre outros.

       Por certo, especialmente emotiva foi a canción final deste último, A galopar, co público cantando entregado e eu compartindo con Paco e os músicos o escenario para poñer punto final a un memorable concerto.

       

Compartindo escenario con Paco Ibáñez (Foto de Anxo Cabada)


     A actuación de Paco Ibáñez en Vigo celebrouse grazas  ao empeño da Asociación Évame -Oroza e, en especial, do seu presidente Xabier Romero.

 

       Houbo un acto previo de homenaxe a Carlos Oroza, un dos grandes poetas orais da poesía española, no centenario do seu nacemento, coa proxección dun vídeo e a lectura dalgún dos seus poemas máis significativos e un a elo dedicado pola miña parte.

 

Todos galopando (foto de Susi Fernández)

       Ninguén saíu defraudado do Auditorio. A calidade humana e artística de Paco Ibáñez brillou, unha vez máis, moi preto do mar vigués.

 


lunes, 19 de diciembre de 2022

Unha panxoliña de Nadal composta polo grupo folk VOLTA E DÁLLE sobre un poema de Antonio García Teijeiro

O grupo de música folk "Volta e dálle"




Eu non adoito facer panxoliñas. Eu fago poemas con sabor a Nadal.
Son poemas críticos, pero cheos de esperanza.
Creo e confío nos nenos e nas nenas para que todo vaia a mellor.
Eu son dos que pensan que a mocidade ten moito que dicir na sociedade.
Son optimista no tocante á forza e ás inquedanzas sociais das mozas e dos mozos. Sempre foi así.
Dicía que eu fago poemas. E, cada vez con maior asiduidade, teño a inmensa fortuna de que músicos, intérpretes, compositoras etc. lle poñan música a eses poemas, porque eu amo fondamente a música e a fusión dela coa poesía.
Desta volta foi o grupo folk Volta e dálle quen puxeron unha fermosísima música a un destes poemas. Trátase d´A luz do Nadal e soa de marabilla, algo que me emocionou.
Así que podedes escoitalo e gozar dun traballo moi ben feito.
Grazas, amigos.

Este é o poema:


A LUZ DO NADAL

Os nenos camiñan
e xogan e brincan
na rúa calada 
que cobren de risas.

E inventan trouleiros
palabras de neve
que borran as penas
que a terra non quere.

Cantigas e risas
veñen anunciar
que peta na porta
a luz do Nadal.

Un Nadal que amose
como vai a vida.
Un Nadal que cure
con paz as feridas.
 
Un Nadal
          que abrigue.
Un Nadal
          Turrón!
Un Nadal
        que acougue
Un Nadal
          Canción!


E este é o vídeo que encherá de ledicia a toda aquela ou aquel que o escoite.
Marabilloso





















jueves, 6 de abril de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (C) Álvaro Cunqueiro




                           
                   ÁLVARO  CUNQUEIRO  (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981)




Tamén o mar, hoxe,
Álvaro Cunqueiro
ten a ialma chea de madureza.
-Óuveselle a adolescencia
no vidro do ar
chea de anacos de vísperas
e de intactas navegacións escuras-.
Así.  Máis alá. Agora dá sombra:
¿Non che doi o canto
-redondez morna de beixo preciso-
do sol na sombra?





¿Non coñeces o mar?
-Non.
¿Nin o vento do mar?
-Non.
¿Quen eres, pois?
-Unha sombra noviña
         recén nascida e núa,
          terra adrento!






Con auga de sede vella
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Con unha herba lixeira
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con unha cantiga leda,
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con áer da primaveira,
meu amigo!
 





¡No mencer da herba mol
caieu unha estrela viva,
ai amor!

Rompeu os ollos albeiros
coma o son da miña amiga,
ai amor!

Rompeu os cabelos verdes,
neve de sal namorada,
ai amor!

Debuxo de Luís Seoane para "Poemas do Si e Non"
Rompeu seu ver de ladeira,
color de donda laranxa,
ai amor!

Rompeu a súa voz de escumas,
segredo de eclipse morna,
ai amor!

Rompeu seu andar lixeiro
e a mar longa da súa cola,
ai amor!

Rompeu a súa vida nova
e os sus relembros perdidos,
ai amor!

Rompeu a súa morte fría
e a luz crara dos seus picos,
ai amor!







   ELA
POEMA 6


Ela vestía os traxes curtos da primavera.

Andaba con paso de ribeira ou torso xacente
deixando caír os brazos todo ao longo das súas mans máis
imprevistas.

Alumna desprendida do ar
a mañán levaba a súa cor igoal que os vidros a levan a ela.

Ela seguía andando a namorar.






ELA I EL
POEMA 4


Nas fiestras das fervenzas mudáranse os ollos
distantes dos menceres.

Ela comenzaba a pórse por máis acó das mazás
conservadas en neve fría.

Ollábase o tornar do movimento nas naturezas mortas
e a casa estaba toda chea de anacos de espello
para disimular a cegueira da carne indecisa.

El tiña xa unha sorrisa meditativa
e a luz era coma un gran arbre pendurado do seu maxín.

Esto era cando ela andaba a decir verbas occipitais
e despois morreu.





(Do libro Mar ao norde / Cantiga nova que se chama riveira / Poemas do si e do non. Poesía 1932-1933, editado por Ed. Galaxia, 2004).







Vídeo no que podemos escoitar a canción "Quen poidera namorala", cantada por Luis Emilio Batallán, autor da música, sobre un poema de Álvaro Cunqueiro.




martes, 28 de febrero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (14) "Aire", de María Fumaça







TÍTULO:  Aire
AUTORES/AS:  María Fumaça   
ILUSTRACIÓNS:  P.Pastor
EDITORIAL:  Galaxia.  Colección:  Sonárbore



Gústanme moito os trens. Cada día máis. Pero se teño que elixir un soamente, quedo cun tren especial. Un tren festeiro que me fai feliz cada vez que subo nel. Un tren que viaxa polas músicas do mundo para poñer un punto de alegría no espazo da rapazada, que precisa do seu traqueteo.

      Estou a referirme ao tren da familia María Fumaça. Si, este tren non deixou de viaxar, dende hai uns anos, en ningún momento. É un tren de ilusións, de optimismo. Un tren que canta en múltiples e variadas voces.
     
     Acaban de presentar o seu terceiro traballo, Aire. Un traballo que, coma os anteriores, xira no marabilloso universo de Ruí Sío. Un Ruí  que nos fai medrar (e aquí inclúome) día a día e que nos demostra  que a diversidade funcional non é un impedimento para acadar a felicidade. E como a familia di : “El lévanos polo camiño da inclusión demostrando en cada actuación que é o mellor maquinista do mundo e que nos emociona co seu canto coma ninguén”.
     
"María Fumaça" nunha actuación.
      Aire é un traballo, de novo, exemplar. Éo  tanto dende o punto de vista musical coma poético. Consta de 18 cancións (moitas delas son verdadeiros poemas ou formas poéticas que se recitan en voz alta perfectamente) con músicas diversas e dunha calidade excepcional.
     
     Temas cheos de humor , de actitudes positivas diante da vida, de ironía, de tradición popular (“Dona Matílica” ou “Pedro Chosco”), de ricas formas musicais ( por exemplo, magnífico “Rocanrol”). Temas nos que o lúdico aparece perfectamente conxugado entre a letra e a música. Temas que nos presentan os produtos da horta de Balbina, que nos animan a xogar cun barco de xoguete (adaptación dun poema de Manuel María), que podemos ser malotes, coñecer un neno caníbal (Uf, que medo!), cantar en inglés (“Just you and me”), desfrutar cunha marioneta… ademais de dicir unha nana, xogar a imaxinar nas pompas que fai o xabón no baño ou subir ao tren porque somos pasaxeiros do ben.

     

     
     Magnífica e orixinal a canción de Magín Blanco, “Apertando”, chea de humor e enxeño.Unha canción que se desenvolve nun lugar moi habitual e da que nos sentimos moi próximos.
     
     Pero quero facer fincapé nun tema emocionante. Un tema que te sobrecolle pola intensidade musical e vocal que posúe. Por unha interpretación marabillosa de matices. Refírome á “Suite en Ruí Maior”, interpretada por Ruí Sío (voz e cortina), Sérgio Tannus (viola caipira) e Magín Blanco (guitarra).  Esta “suite” consegue absorberte e é capaz de crear unha atmosfera dun intimismo ben profundo que se agradece. Unha auténtica alfaia.
     
     Salientar, unha vez máis, todo o talento que ten a familia María Fumaça. Moitas persoas aportando esforzos cunha alegría que emociona. Nomealos a todos resulta imposible. A morea de instrumentos utilizados é inmensa. Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Santi Cribeiro, Chus Domínguez, Ana Senlle, Tatán, Serginho Sales, Isaac Palacín, Antonio Castillo… e as voces de Ainhoa González, Manuel Sío (o avó), Erea Palacín, Irea Navós, Raquel Domínguez (gaita incluída), Carlos Blanco e tantas outras.

     

     
     Música e poesía na escola, na casa, nos concertos, na vida. Música para medrar por dentro, para ser felices, para compartir sensacións e facer que prevaleza o dereito á diferenza, para loitar por acadar un mundo sen barreiras, solidario no que a marxinación estea marxinada  ata que desapareza.
     
     Aproveito, unha vez máis, para felicitar a Editorial Galaxia  por crer nestes proxectos tan ricos e por manter no seu catálogo (e medrando) unha colección coma “Sonárbore” tan prestixiosa coma necesaria.
     
     Non esquezo as ilustracións, obxectos marabillosos e vivos, en constante movemento, de P. Pastor, todo un exemplo de expresividade, de cor, tan acaídos para un libro-disco coma Aire. Entran nun dialogo aberto coas cancións e cos lectores/oíntes, ademais de transportalos nas viaxes musicais propostas.
      
     Aire é un traballo imprescindible para seguir soñando en liberdade. Contén, ademais,  un DVD karaoke.
     
     Como podedes comprobar, non lle falta nada. Parabéns.


                                                                                                       
                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

domingo, 9 de octubre de 2016

DARDO POÉTICO (XXXIX) A emoción de "Palabras para Julia" de José Agustín Goytisolo




O poema foi eclipsado pola canción. Semellaba non pertencer máis que a Paco Ibáñez. Foi unha canción que deixou pegada (e segue a deixala) en todas aquelas persoas que amamos a poesía en música.
     Escoitábase en círculos progresistas da época e transcendía a círculos máis grandes. Era un verdadeiro himno.
     Emocionaba. Puña a pel de galiña. Cantábase cunha intensidade difícil de definir.
     


     Serviu, co paso dos anos, para coñecer un poeta máis que interesante: José Agustín Goytisolo. Sobre todo cando Paco Ibáñez popularizou “Me lo decía mi abuelito” e “Érase una vez…” (si, a do “lobito bueno”).

     Coñecín literariamente a José Agustín grazas a Paco. E volvo a el de cando en vez. O seu intimismo conmóveme.
     
José Agustín Goytisolo

     Emocioneime cando lin a narración da morte da súa nai, Julia Gay, no ano 1938, nunha entrevista que Horacio Vázquez Rial lle fixera para a revista Quimera. : “Mi madre murió el 17 de marzo de 1938, en el Paseo de Gracia, en un bombardeo de la aviación, italiana, creo… Los aviones venían desde Palma de Mallorca, entraban por Sitges, daban la vuelta a la Sierra de Collcerola y descrestaban el Tibidabo (…) Mi madre murió a causa de una bomba. Parece ser que por la onda expansiva y no por la metralla(…) Había ido a Barcelona para comprar cosas para mi padre y para mí, porque el 19 de marzo era nuestro santo…”
     Por iso me conmoveron tanto os poemas elexíacos dedicado á súa nai e este feito marcou o seu carácter e boa parte da súa obra.

De la mujer que amo he aprendido
la canción del silencio. Ahora sé
lo que tú me decías sin palabras.


Pero “Palabras para Julia” non está dedicada á súa nai, non.
“Palabras para Julia”  está dedicada  á súa filla. É este un poema-canción que se une a outros poemas que Goytisolo considera “letras para cantar”. 
     Está contido nun libro editado por Laia en 1979 e reeditada nesta mesma editorial en 1982 ( tivo dúas reedicións en Lumen posteriormente, 1992 e 1994).
     
     Un libro dividido en catro partes, con textos xa publicados agás o que dá título ao libro que é inédito. Nesta manda de poemas observamos un interese de Goytisolo por unha poesía que se axusta aos esquemas da lírica tradicional e da canción popular, algo que aparece moitas veces ao longo da súa traxecoria poética.
Vázquez Montalbán

     Manuel Vázquez Montalbán afirma no prólogo do poemario que José Agustín aspira coa súa poesía a la construción dun novo humanismo e aspira, así mesmo, a ser unha alternativa á barbarie latexante nun mundo no que as guerras sofisticadas arruinaron calquera humanismo realista.

     Tu destino está en los demás
     tu futuro es tu propia vida
     tu dignidad es la de todos
                                              
                                        dille José Agustín a Julia, a súa filla. Non como un consello, segue a dicir Vázquez Montalbán, senón coma unha proposta de reconstrución da razón humana. A ideoloxía non é un valor engadido en toda proposta estética. A ideoloxía é un dos materiais sometido ao rigor do tratamento poético.

     Concordo con Vázquez Montalbán en que Goytisolo é un gran poeta intimista, que se revela nos seus versos familiares: a nai desaparecida, a muller en cuxos brazos quere morrer, á moza á quen axuda a aceptar a vida malia o seu propio escepticismo:

     tendrás  amor,  tendrás  amigos 
                                             segue a dicirlle a Julia nos anos sesenta, debuxándolle o único programa vital sensato ao alcance dun pai, e que mesmo hoxe pode parecernos excesivamente ambicioso.

     Non esquecerei endexamais o xantar na nosa casa de Paco e José Agustín. Coñecelo persoalmente foi un pracer auténtico (xa escribín disto noutra ocasión) e tanto a miña muller coma min levámolo moi dentro. Non foi un encontro calquera.
Xantar na nosa casa. Con Paco, José Agustín e Susi.

     Paco Ibáñez, a quen o poeta lle adicou o poemario, non canta todas as estrofas. Ben sabemos que as cancións e os poemas son próximos pero non exactamente iguais en moitos casos.
     
     De aí que poñamos o poema completo (non se coñece en toda a súa extensión) e logo un vídeo no que Paco Ibáñez interpreta tan emotiva canción.
     
     Unha canción, un poema que reflicte a idea de Goytisolo (e que tantos compartimos) con    relación ao peso relativo do poder da palabra, a proposta de utilizala  para ensinar a vivir.


     Nin máis, nin menos.


Paco Ibáñez con Julia Goytisolo



PALABRAS PARA JULIA  (poema)


Tú no puedes volver atrás
porque la vida ya te empuja
como un aullido interminable.

Hija mía es mejor vivir
con la alegría de los hombres
que llorar ante el muro ciego.

Te sentirás acorralada
te sentirás perdida o sola
tal vez querrás no haber nacido.

Yo sé muy bien que te dirán
que la vida no tiene objeto
que es un asunto desgraciado.

Entonces siempre acuérdate
de lo que un día yo escribí
pensando en ti como ahora pienso.


Un hombre sólo una mujer
así tomados de uno en uno
son como polvo, no son nada.

Pero yo cuando te hablo a ti
cuando te escribo estas palabras
pienso también en otra gente.

Tu destino está en los demás
tu futuro es tu propia vida
tu dignidad es la de todos.
 
Otros esperan que resistas
que les ayude tu alegría
tu canción entre sus canciones.

Entonces siempre acuérdate
de lo que un día yo escribí
pensando en ti como ahora pienso.

Nunca te entregues ni te apartes
junto al camino, nunca digas
no puedo más y aquí me quedo..

La vida es bella, tú verás
como a pesar de los pesares
tendrás amor, tendrás amigos.

Por lo demás no hay elección
y este mundo tal como es
será todo tu patrimonio.

Perdóname no sé decirte
nada más pero tú comprende
que yo aún estoy en el camino.

Y siempre siempre acuérdate
de lo que un día yo escribí
pensando en ti como ahora pienso.




Dedicatoria de Goytisolo a Susi no libro "Palabras para Julia y otras canciones". 1997




                                              Paco Ibáñez canta "Palabras para Julia". Palau de la Música. 2002


                                                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO