jueves, 6 de abril de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (C) Álvaro Cunqueiro




                           
                   ÁLVARO  CUNQUEIRO  (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981)




Tamén o mar, hoxe,
Álvaro Cunqueiro
ten a ialma chea de madureza.
-Óuveselle a adolescencia
no vidro do ar
chea de anacos de vísperas
e de intactas navegacións escuras-.
Así.  Máis alá. Agora dá sombra:
¿Non che doi o canto
-redondez morna de beixo preciso-
do sol na sombra?





¿Non coñeces o mar?
-Non.
¿Nin o vento do mar?
-Non.
¿Quen eres, pois?
-Unha sombra noviña
         recén nascida e núa,
          terra adrento!






Con auga de sede vella
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Con unha herba lixeira
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con unha cantiga leda,
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con áer da primaveira,
meu amigo!
 





¡No mencer da herba mol
caieu unha estrela viva,
ai amor!

Rompeu os ollos albeiros
coma o son da miña amiga,
ai amor!

Rompeu os cabelos verdes,
neve de sal namorada,
ai amor!

Debuxo de Luís Seoane para "Poemas do Si e Non"
Rompeu seu ver de ladeira,
color de donda laranxa,
ai amor!

Rompeu a súa voz de escumas,
segredo de eclipse morna,
ai amor!

Rompeu seu andar lixeiro
e a mar longa da súa cola,
ai amor!

Rompeu a súa vida nova
e os sus relembros perdidos,
ai amor!

Rompeu a súa morte fría
e a luz crara dos seus picos,
ai amor!







   ELA
POEMA 6


Ela vestía os traxes curtos da primavera.

Andaba con paso de ribeira ou torso xacente
deixando caír os brazos todo ao longo das súas mans máis
imprevistas.

Alumna desprendida do ar
a mañán levaba a súa cor igoal que os vidros a levan a ela.

Ela seguía andando a namorar.






ELA I EL
POEMA 4


Nas fiestras das fervenzas mudáranse os ollos
distantes dos menceres.

Ela comenzaba a pórse por máis acó das mazás
conservadas en neve fría.

Ollábase o tornar do movimento nas naturezas mortas
e a casa estaba toda chea de anacos de espello
para disimular a cegueira da carne indecisa.

El tiña xa unha sorrisa meditativa
e a luz era coma un gran arbre pendurado do seu maxín.

Esto era cando ela andaba a decir verbas occipitais
e despois morreu.





(Do libro Mar ao norde / Cantiga nova que se chama riveira / Poemas do si e do non. Poesía 1932-1933, editado por Ed. Galaxia, 2004).







Vídeo no que podemos escoitar a canción "Quen poidera namorala", cantada por Luis Emilio Batallán, autor da música, sobre un poema de Álvaro Cunqueiro.