Mostrando entradas con la etiqueta antonio garcía teijeiro.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta antonio garcía teijeiro.. Mostrar todas las entradas

jueves, 20 de marzo de 2025

FAÍSCAS (25) POEMA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO para o "Día Mundial da POESÍA"

 



O día 24 de marzo celébrase en todo o mundo o “Día Mundial da Poesía”.

Eu, que non son dado á celebración destes días, vou rachar o meu costume e 

para uns actos en Vigo escribín este poema.

Oxalá as persoas que teñen na man facer que a poesía chegue ao maior número 

de lectores dean o paso de valorala e achegar, en principio, ás escolas, porque, 

non teño dúbidas, a rapazada e a mocidade sempre están abertas a recibir 

sensacións positivas que os versos producen. E por aí hai que comezar.

 

 


(Biblioteca Pública Antonio Odriozola. Pontevedra)







“A orquestración das palabras, o colorido das imaxes e a contundencia dunha boa métrica outorgan á poesía un poder sen parangón. Como forma de expresión íntima que permite abrirse aos demais, a poesía enriquece o diálogo que cataliza todo progreso humano e é máis necesaria que nunca en tempos turbulentos.”

 

                                                 AUDREY AZOULAY, Directora xeral da UNESCO






                                         POESÍA

 

                     E  nun principio  foi  POESÍA

                                foi  medianoite

                                foi  alegría

E nun principio   houbo  cancións

                                houbo  poetas

                                houbo emocións

E no principio      naceu o lume

                                naceu o verso

                                naceu o fume

E no principio      falou o mar

                                falou a rosa

                                chegou a paz

E no principio      soprou o vento

                                sorriu a lúa

                                cantou o merlo

 

                    Tempo de versos.

                     Día tras día.

                     Brillo no ceo.

                     POOOO…POESÍA!

             

                                                                   Antonio García Teijeiro        


 


miércoles, 2 de agosto de 2023

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA FILbo 2023: Con Fredy Chikangana, quechua e galego da man. Audio

Adriana Campos Umbarila, moderadora, presenta o acto


Como vin repetindo sobre os actos que se desenvolveron coa miña presenza na FILbo, cada un deles está cheo de emocións moi profundas.

      No terceiro e derradeiro, celebrado no Gran salón “Raíces C”, a emoción subiu aínda máis graos ao compartilo co extraordinario Fredy Chikangana, un poeta indíxena da nación Yanakuna Mitmak, que escribe en quechua e que é unha autoridade poética sen discusión.

 

Fredy Chikangana e Antonio García Teijeiro

     O acto, que levaba por nome Escribir en la lengua materna sobre cómo la lengua crea el mundo, estivo moderado pola especialista Adriana Campos Umbarila, e resultou dun interese excepcional co auditorio cheo e interesadísimo no tema.

Era a segunda ocasión que coincidía con este marabilloso poeta (a primeira, hai anos, no Festival de Poesía de Medellín) e a comunicación entre ambos non puido ser mellor.

      Eu, ao contrario do que o título do acto sinalaba, enfoquei o tema ao revés, pois non foi a miña lingua materna a que creou o meu mundo literario (o castelán) senón que foi a lingua galega, adquirida e profundizando nela, a que asumín como nova lingua de cultura.

 

Fredy Chikangana, lendo un poema en quechua

     Lemos poemas en galego e en quechua e sentinme fondamente emocionado ao partillar ambas linguas e ao escoitar a lingua de Chikangana, ateigada de sentido e sentimento.

 

Velaquí, pois, un documento extraordinario. Un audio que fará as delicias dos e das que amamos a poesía sen límites de ningunha clase.

Que o desfrutedes.






lunes, 19 de diciembre de 2022

Unha panxoliña de Nadal composta polo grupo folk VOLTA E DÁLLE sobre un poema de Antonio García Teijeiro

O grupo de música folk "Volta e dálle"




Eu non adoito facer panxoliñas. Eu fago poemas con sabor a Nadal.
Son poemas críticos, pero cheos de esperanza.
Creo e confío nos nenos e nas nenas para que todo vaia a mellor.
Eu son dos que pensan que a mocidade ten moito que dicir na sociedade.
Son optimista no tocante á forza e ás inquedanzas sociais das mozas e dos mozos. Sempre foi así.
Dicía que eu fago poemas. E, cada vez con maior asiduidade, teño a inmensa fortuna de que músicos, intérpretes, compositoras etc. lle poñan música a eses poemas, porque eu amo fondamente a música e a fusión dela coa poesía.
Desta volta foi o grupo folk Volta e dálle quen puxeron unha fermosísima música a un destes poemas. Trátase d´A luz do Nadal e soa de marabilla, algo que me emocionou.
Así que podedes escoitalo e gozar dun traballo moi ben feito.
Grazas, amigos.

Este é o poema:


A LUZ DO NADAL

Os nenos camiñan
e xogan e brincan
na rúa calada 
que cobren de risas.

E inventan trouleiros
palabras de neve
que borran as penas
que a terra non quere.

Cantigas e risas
veñen anunciar
que peta na porta
a luz do Nadal.

Un Nadal que amose
como vai a vida.
Un Nadal que cure
con paz as feridas.
 
Un Nadal
          que abrigue.
Un Nadal
          Turrón!
Un Nadal
        que acougue
Un Nadal
          Canción!


E este é o vídeo que encherá de ledicia a toda aquela ou aquel que o escoite.
Marabilloso





















viernes, 23 de febrero de 2018

"COMA TI, ROSALÍA", POEMA PARA O DÍA 24 de FEBREIRO



O día 24 de febreiro  conmemórase o Día de Rosalía en toda Galicia con actos de diversa índole.
     A data de nacemento da gran poeta galega, o 24 de febreiro de 1837, serve para que a súa figura e a súa obra sexan loadas por todos os recunchos da nosa terra. Rosalía, vive.

         Eu mesmo recitarei en Vigo, nun acto colectivo, tras a ofrenda floral, un poema de Follas novas, un dos seus poemarios de referencia. Un poemario que sempre está ben preto de min.

     
No Teatro Nuevo Apolo, de Madrid, recitando "Coma ti, Rosalía"

     Pois ben, en maio de 2016, dentro dun concerto de Paco Ibáñez no que estaban Margarit, Atxaga e García Montero, lin un poema de homenaxe a esta muller que admiro fondamente e que é guía para todos os que amamos a poesía na nosa lingua.

     Sirva a reprodución do mesmo, aquí, en Versos e aloumiños, para homenaxear a alguén que marcou definitivamente a miña poesía en galego.
     Rosalía de Castro, Nai e Señora!





COMA TI, ROSALÍA



Diante do espello
vin agocharse as tebras
negras
ferintes
que tantas veces soterraron
os recordos
e esgazaron a memoria.
As sombras sen rostro
congregáronse
arredor das túas bágoas,
Rosalía,
e co vento chegaron novas palabras
que silenciaron o desexo de chamarte.

Mais eu sigo vendo nese espello
os teus ollos de loito
e sinto que a gorxa
Tomado do blog "A duermevela".
se enche de area
cando quero pronunciar o teu nome.
Necesito que a noite dos saloucos,
Rosalía,
pase a través da miña fiestra
e me permita roubar aqueles versos
case urxentes
que descubrín un día de miseria
no medio dun libro sen palabras.

Coma ti, Rosalía,
eu tamén fun
entrando n´a sombra,
Vin a noite que nunca s´acaba
N´a miña alma soya.

Coma ti, Rosalía,
        sinto que as sereas
do mar da negrura
me berran insolentes
e rouban do meu leito
os raios dun sol
               que non existe.
Non fuxo
          nin ando na procura dos lugares
que un día me liberen de min mesmo.

Coma ti, Rosalía,
        sinto ben dentro a loita
       de tantos rancores que matan
 e a miña man tremente
          non deixa de escribir ¡Palabras, e palabras,
                                                                        e palabras!


                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 17 de noviembre de 2017

DARDO POÉTICO (LII) "Os silencios de Hugo Mujica".



Descubrir poetas que non son de dominio público (enténdase a expresión) resulta un pracer enorme. Porque abre novos horizontes e enriquece a túa visión poética e a do cotián.
     Iso pasoume co poeta arxentino Hugo Mujica (Bos Aires, 1942) que me envolveu coa súa poesía espida, que tanto garda e que che permite perderte por esa nudez tan intensa como propicia a pensar todo o que encerra  cada verso.
Hugo Mujica

     A poesía de Mujica é un exercicio de introspección, de deterse na velocidade da vida e de ir poñendo unha base ideal para saber qué vén sendo a poesía.

     O primeiro poema que eu lin deste gran poeta levaba por título LO QUE EL BRAZO ABARCA, pertencente ao poemario Noche abierta, editado por Pre-Textos.
     

     
     Os seus versos din así:  gotea el grifo / y algo de la piedra se va en el agua, / muere / como si fuese humana. / buscamos  retener lo que en el otro / se va yendo, / lo que a veces se derrumba / pero es apenas la despedida / lo que el abrazo abarca.

     Xa non puiden renunciar a el. Logo virían Sed adentroCasi en silencio, Y siempre después el viento, Cuando todo calla (XIII Premio Casa de América de Poesía Americana), ademais da recompilación  nun volumen publicado por Vaso Roto, da súa poesía entre os anos 1983 e 2011, Del crear y lo creado.

     Nunca deixei de lelo. Converteuse nun poeta ao que volvo con algunha frecuencia, porque Mujica non escribe só con palabras, senón cuns silencios que transforman o lector. Posee o arxentino unha “voz de seu”, rcoñecible e necesaria para quen bebeu alguna vez nos seus poemas. Un poemas que abranguen  moitas facetas da vida, dende o que vai ficando esquecido ou escachado nesta vida insufrible en moitos casos ata a necesidade de escoitar ese silencio que nos fala, que moumea para que sexamos conscientes de caer no abismo da beleza e o misterio cara ao que marchamos.

     Publicado por Visor na súa elegante colección “Palabra de Honor” en 2016, chega á miñas mans un libro máis deste poeta, hoxe un dos meus favoritos, Barro desnudo.
      E nel dou de novo co poeta que coñezo e que me emociona. Volvo atopar esa nudez que tanto di e a disposición dos seus versos dun xeito que non me é allea.
     

     É o reflexo da súa rebeldía diante un mundo que lle resulta espantoso. Como di Luis García Montero, “a nudez poética de Mujica é a consecuencia de meditar a sede, renunciar ao desexo de querelo todo con ánimo de enganosa plenitude e asumir que para atopar un sentido abonda con aceptar a ferida que somos”.

VII

Inicio
 de otoño y brisa,
          a orillas del río
                     un bote solitario,
                                             una soledad mecida.

       Crear no es ni un saber
       ni una certeza,
suele ser un tal vez
                        y un presentir,

                        es la espera y la intemperie,
                                                    y a veces,
                                                     solo a veces,
                                                              lo que la ausencia trae,
                                                                                                 lo que ella inicia.

    
Hai moitos silencios na poesía de Hugo Mujica. Como en toda poesía dos poetas máis grandes. Son silencios que nos levan a sentir o que somos, o papel que desenvolvemos nesta nosa sociedade, as nosas angurias, pero tamén as nosas esperanzas. Comprender que, como seres humnaos, temos que abrirnos a un mundo ata que consigamos o sentido, aceptando a nosa función nel.
     Como di García Montero, Barro desnudo, “consegue ese silencio que é escoitana verdade de cada vida”.



Hugo Mujica



XXXVIII
          
  Deberíamos
                         conocer la vida
como la conocen los niños:
                                       jugando con ella
                                                               su ronda,
                         
                                                         o como las polillas
                                                 saben de la llama:
                                                                     dejando que le arda
                                                                                             en las alas.


                                                              
                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 19 de diciembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (4) " A lúa de Xoán " , de Carme Solé Vendrell






Título:  A LÚA DE XOÁN

Autora do texto e das ilustracións:  Carme Solé Vendrell

Editorial: Kalandraka

Colección: MareMar

Resulta un verdadeiro pracer poder gozar dun libro da categoría de  A lúa de Xoán, despois de terte emocionado con el no ano 1982.
     Non podemos menos que aplaudir a política de recuperacións que a Editorial  Kalandraka leva adiante publicando alfaias literarias que non deben desaparecer. Verdadeiros clásicos da LIX.
     E un séntese feliz de poder volver lelo/gozar en galego cunha magnífica tradución de Xosé Ballesteros.
     
     Escrito en catalán y publicado en castelán pola editorial Hymsa, A lúa de Xoán deixou pegada no seu momento e segue a deixala.
     
     Non sei se Carme Solé Vendrell, autora do texto e das ilustracións, creou unha obra para que perdurase. Non o sei, pero perdurou para desfrute de lectores que non naceran cando esta xoia viu a luz por vez primeira.
     Xoán vive feliz co seu pai, un mariñeiro de tantos que poboan os océanos, ata que este perde a saúde, queda prostrado na cama e o rapaz sae ao mar acompañado da lúa para recuperala. Vive unha auténtica aventura que, dende o punto de vista emocional, vai facer que medre o seu instinto de superación.
     
Carme Solé Vendrell

     Si, A lúa de Xoán é un conto de amor, de loita, de superación, de decisión perante as dificultades. Cun fondo autobiográfico, a prestixiosa ilustradora (gañadora dúas veces do Premio Nacional de Ilustración) artella unha narración cun enorme fondo poético tinguido de emocións que cativan os lectores.
     
     Unha historia literaria mesturada cun desenvolvemento plástico que forman un todo para impactar. Destacan a tenrura dos personaxes, a forza dos diferentes elementos da paisaxe, a combinación maxistral das cores (en páxinas dobres, ou non), que empurran o lector a mundos fascinantes que non o deixan indiferente. Todo explicado con naturalidade, frases curtas e palabras que engaiolan polo sentido realista envolto en poesía.
Dúas ilustracións do texto
     Un álbum de gran tamaño, absolutamente recomendable. Un álbum para gozar da historia e das ilustracións. Un álbum  que Carme Solé nos agasallou hai ben anos e que, coma os bos libros, non perde a vixencia endexamais.

                                                                                                                                       ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

jueves, 7 de julio de 2016

PREGÓN DA FEIRA DO LIBRO de VIGO, 2016, por ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO





     En xullo de 1997 daba eu o Pregón da Feira do Libro na Alameda da miña cidade.  En outubro do ano anterior gañara o Premio Merlín co meu poemario Na fogueira dos versos.
     Dezanove anos despois, a Federación de Libreiros pediume que lese o pregón da Feira de 2016.
     Pasaron moitos anos e as Feiras resisten, aínda que máis de un afirma que o sistema está esgotado e se deben buscar novas fórmulas.
     Talvez teñan razón, pero eu sempre estarei preto dos libreiros e libreiras, porque supón un verdadeiro exercicio democrático levar os libros á rúa. E se de manter abertas librarías dignas se trata, mellor non dicir nada.
     Así que gocei erguendo a miña voz a prol da lectura, da cultura en galego, das nosas editoriais, das nosas bibliotecas, dos nosos libros...
     Podedes lelo aquí.

     Que vos guste.





                     
                    PREGÓN  FEIRA DO  LIBRO  DE VIGO
                                                                                        

                                                                                  Antonio García Teijeiro


     
     De novo arranca a Feira do Libro de Vigo. De novo os libros preséntanse ilusionados para seren tocados, folleados, acariñados por mans sensibles e ollos espertos, porque, como di o célebre proverbio hindú, “un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que agarda; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora”.


    De novo fanse realidade os esforzos de libreiros e editores para que o libro se convirta no gran protagonista destes días. Os libros vivirán dispostos a chamar a atención das  persoas que veñen e van nunha tola andaina cotiá por este lugar tan emblemático da nosa cidade. Chamaranas con agarimo, case en voz baixa, como adoitan facer sempre, agardando as súas respostas.

Vivimos malos tempos. Os cidadáns e as cidadás avanzan despistados polos vieiros dunha sociedade -desde diversos ámbitos- pouco comprometida coa cultura. Esa cultura que, como Charles Bukowski escribe nun emocionante poema, “pode salvarche a vida”.

Repito, estamos a vivir malos tempos. Pero un ano máis, o esforzo dun colectivo, os libreiros, faise visible malia todas as penurias do día a día, para que os lectores e lectoras desta cidade e da súa contorna sintan os libros ben preto deles. Teñen moi pouca axuda os libreiros e libreiras. Viven nunha certa soidade. Aliméntanse deses clientes-amigos, militantes da literatura, que entran nas súas librarías cada semana, cada mes, para gozar da palabra escrita. Non é demasiada cousa. Son verdadeiramente admirables.
     

     Estes libreiros e libreiras amosan ao longo do ano – e de maneira especial nesta Feira- aqueles títulos que ofrecen as editoriais –son os editores outro gremio que loita por sobrevivir- e, máis concretamente, as editoriais galegas, que están a desenvolver un labor impagable escribindo acotío páxinas memorables coas súas publicacións nun volume imaxinario, absolutamente necesario, a prol do desenvolvemento cultural dun país bastante abandonado á súa sorte neste eido. Xa vai sendo hora de que se recoñeza ese labor tan complexo coma imprescindible de ambos colectivos.


     De novo arranca a nosa Feira  para que o libro conviva coas necesidades cotiás da cidadanía. E arranca con moitas limitacións pero con moita ilusión.
Porque poñer os libros na rúa é, sen dúbida, un acto do máis democrático.
Desaparecen as paredes, as portas, os atrancos e créase un espazo que anima a ser visitado sen prexuízos dende a liberdade. Non debemos esquecer, como afirmaba o escritor catalán Emili Teixidor, que “ler é vivir moito máis e moito mellor. Ler non só ocupa o meu tempo, ler cobre e engade valor á miña vida”.

     Ben sabemos que se le pouco. Que o libro carece, por desgraza, do prestixio social que lle corresponde. Que se minimiza a súa capacidade para a reflexión ou para plantear dúbidas, que se lle nega o seu papel transformador, tanto individual como socialmente, para converterse demasiadas veces en algo unicamente lúdico, de evasión, sen máis. E talvez non estea mal que sexa así, pero convén saber, tamén, que a literatura axuda as persoas a coñecerse mellor, a entender mellor a realidade, a poñer en orde as emocións ou comprender mellor as múltiples arestas da vida. Repito a palabra mellor porque está moi vencellada á esencia da boa literatura.
     Estou seguro de que a lectura nos fai máis libres, talvez máis solidarios e, sen dúbida, máis sensibles.


     Vivimos nunha sociedade máis insolidaria do que me gustaría. Priman, por riba de todo, as aparencias, o feito de ter, de posuír, de exaltar o material. Un materialismo que ten un protagonismo lamentable. Para esta doenza vén de marabilla ese espírito que temos os que amamos a literatura: ver as cores do mundo que brillan nos libros, descubrir os nosos degoiros agochados nas súas páxinas, albiscar horizontes libres de néboa. É moi satisfactorio comprobar que cun libro nas mans non perdemos a capacidade para soñar e sentir que os libros poden converterse en seres vivos. Obxectos, moitos deles, pequenos pero ateigados de mundo.
    
    
Romano Guardini
Como dixo Romano Guardini non debemos esquecer que “os libros  están alí sen moverse, sen facer ruído e, porén, dispostos a abrir en calquera intre as súas páxinas e comezar un diálogo que narra o pasado, que nos fai mirar cara ao futuro ou que invoca a eternidade, tanto máis inalcanzable canto máis sabe atraer a quen se lle achega”.


            Entre as casetas ateigadas de títulos – un séntese moi feliz de descubrir as de dúas biblioteca públicas-, os folletos, os marcapáxinas, os actos culturais que se xeran ao redor da Feira: sinaturas,  presentacións de novidades,  diversas actuacións, decote cos libros como eixe fundamental, xira unha invisible rolda de ilusións que paga a pena descubrir e deixarse levar polo seu trazado.
     

     
     Os que amamos a palabra escrita non queremos ser heroes de resistencia ningunha. Gústanos, máis ben, incluír a literatura nos hábitos cotiáns das persoas que nos rodean, en especial nos dos máis novos. Ou sexa, queremos contaxiar, un verbo que conxugo a miúdo e que resulta fundamental cando de lectura e de lectores falamos. Encántanos conseguir que se acheguen á literatura con ilusión e ledicia. Facelo con agarimo e sen imposicións, convencidos como estamos de que van gozar moito se se mergullan nas páxinas dos libros. Atoparán mundos agochados que están sen descubrir e que devecen por seren descubertos.

Porque non queremos camelias sen pétalos,
mares sen ondas,
barcos sen temón,
celebramos os libros na rúa.

Porque non nos gustan
os ollos anubrados,

nin os bicos baleiros,
nin as aves sen ceo,
celebramos os libros na rúa.

Porque desbotamos da vida
as bágoas dos nenos,
as portas pechadas,
e os muros con arames,
celebramos os libros na rúa.

Porque non queremos
que haxa frío nas estancias,
que os labios perdan o sorriso,
que a tolemia cegue a luz,
celebramos os libros na rúa.

     E  como di un bo amigo meu, escritor de éxito, ademais, non podemos nin debemos esquecer que "estamos feitos de palabras e de soños".
     Sendo fiel a esta sentenza anímovos a que percorramos a Feira do Libro con esperanza, que procuremos as palabras e que non permitamos que nada nin ninguén nos roube os nosos soños.

                                                 
                                                                                                                                                                                       Xullo, 2016.