lunes, 12 de junio de 2023

DE NOVO, PACO IBÁÑEZ CANTA EN VIGO E ENCHE DE EMOCIÓN O AUDITORIO DO MAR.

 

Paco Ibáñez durante o concerto, acompañado de Mario Mas (Foto de Susi Fernández)



De novo, Paco Ibáñez en Vigo. De novo volveu emocionar a tantos fieis seguidores que non o abandonamos nunca, porque forma parte das nosas vidas.

Próximo, crítico (ai, a teima do inglés!), irónico, agarimoso e ocorrente.

Feliz de sentir o cariño do público. Cheo de anécdotas, fixo rir á xente, animounos a cantar e encheu de emoción as butacas do Auditorio do Mar.

       Dezasete cancións interpretou neste concerto (tres delas en galego: Pomba, Que ocorre na terra? e a canción sobre o poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, co título de Chove). Dúas máis en éuscaro, acompañado polo excelente acordeonista vasco, Joxan Goikoetxea.


Antonio García Teijeiro lendo a Oroza. (Foto de María Luisa Abad)
     

Brillou ao seu lado, coma sempre, o extraordinario guitarrista Mario Mas, man dereita do trobador, que fixo as delicias da concorrencia pola súa mestría e o seu agarimo polo artista.

       Despois, repasou moitos dos seus clásicos e puidemos gozar con Lorca, Machado, O Arcipreste de Hita, Quevedo, José Agustín Goytisolo ou Rafael Alberti entre outros.

       Por certo, especialmente emotiva foi a canción final deste último, A galopar, co público cantando entregado e eu compartindo con Paco e os músicos o escenario para poñer punto final a un memorable concerto.

       

Compartindo escenario con Paco Ibáñez (Foto de Anxo Cabada)


     A actuación de Paco Ibáñez en Vigo celebrouse grazas  ao empeño da Asociación Évame -Oroza e, en especial, do seu presidente Xabier Romero.

 

       Houbo un acto previo de homenaxe a Carlos Oroza, un dos grandes poetas orais da poesía española, no centenario do seu nacemento, coa proxección dun vídeo e a lectura dalgún dos seus poemas máis significativos e un a elo dedicado pola miña parte.

 

Todos galopando (foto de Susi Fernández)

       Ninguén saíu defraudado do Auditorio. A calidade humana e artística de Paco Ibáñez brillou, unha vez máis, moi preto do mar vigués.