viernes, 18 de octubre de 2024

PACO ABRIL E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO DIALOGAN SOBRE LITERATURA NA LIBRERÍA "LA OREJA VERDE" EN XIXÓN

 

Da esquerda á dereita: Paco Abril, Lorena Fernández e García Teijeiro


Como indica o cartel, o encontro dentro do programa de librerías Afinidades Electivas, celebrouse en Xixón un acto marabilloso arredor da literatura (conto e poesía) e a súa relación coa infancia.

Tivo lugar  na librería La Oreja Verde, que dirixe unha muller creativa, eficiente e amante da cultura como é Ana López Chicano.

 

Antonio García Teijeiro e Ana López Chicano

Paco Abril, un artista total, un estudoso da literatura, activista cultural, escritor necesario, organizador de proxectos arredor da lectura, guionista, articulista, creador plástico e moitas cousas máis é un referente da LIX española e interveu xunto a Antonio García Teijeiro para falar das súas obras respectivas.

 

Paco Abril no acto

O acto estivo presentado e moderado por unha muller extraordinaria, Lorena Fernández, violinista e especialista en didáctica da música e da pedagoxía, que desenvolveu o seu labor dunha maneira rica e acaída ao que alí se expuso.

Foi un tempo espectacularmente afectivo, crítico e cheo de literatura.

Houbo lectura de contos, de poemas e o público saíu entusiasmado.

 

Antonio G. Teijeiro le un poema de "Poemar o mar"

Canto se botan en falta momentos así! Minutos para construír, para salientar a palabra literaria, para animar a que se lea poesía, para que se conten contos, para valorar o libro como ferramenta esencial nos tempos que corren.

Falouse de todo isto e máis. As propias experiencias coa literatura de fondo estiveron presentes e o clima que se respirou na librería foi de emoción, interese e agarimo.

 

 

Paco Abril mostra un suplemento cultural que dirixía

 Temos que felicitarnos porque proxectos coma este sexan promovidos polo Ministerio de Cultura e porque as librerías sexan o lugar que os acollan.

Nas bibliotecas e nas librerías o libro é o protagonista do lugar, está próximo ao lectorado e convértese en protagonista que, co seu silencio aparente, está a chamarnos para que nos acheguemos a el e poidamos gozar da literatura.

 


Como non podería ser doutro xeito, Versos e aloumiños non dubidou da necesidade de gravalo en audio e de poñelo á disposición das e dos interesados para que poidan vivir a maxia alí creada.