viernes, 12 de abril de 2024

Pequena crónica de "POLAVILA DOCAMPO" na memoria de Xabier P. Docampo. Vídeo intervención de Antonio G. Teijeiro

 




O pasado venres, día 5 de abril, no Fórum Metroplitano, A Coruña, tivo lugar un acto fermosísimo: POLAVILA XABIER P. DOCAMPO, na memoria do grande escritor, Xabier Docampo, que ese día cumpriría 78 anos.

Amigas e amigos, institucións, asociacións e particulares foron a base dunhas horas de intensa emotividade, nunha gala baixo a dirección de MªÁnxeles Roca, Paula Carballeira e Chus Fernández.

Unha exposición bibliográfica sobre o querido autor, coas adhesións recibidas das bibliotecas escolares, unha sesión de contacontos para público familiar (Vouche contar un conto) ou a lectura pública e continuada de Catro cartas, un dos seus libros, por parte de amizades de Xabier.

 

Lectura de "Catro cartas"

E a partir das 20:00, comezou a Gala PolaVila Docampo, no auditorio, conducida maxistralmente por Paula Carballeira, Isabel Risco e Lois Pérez.


Paula, Isabel e Lois

Iniciouse cun pequeño vídeo no que escoitamos unhas palabras de Xabier. Emocionante velo e escoitalo.

Xabier P. Docampo


Tras a presentación a cargo das presentadoras (+Lois), Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín falaron do homenaxeado con moito agarimo e emoción.

 

Xavier, Fina e Paco

Deseguido, Daniel Puente Bello, fillo do escritor, leu os poemas do libro Mans, apoiado nunhas marabillosas fotografías súas, nun emotivo silencio.

 


Dores Tembrás, Antía Otero e Antonio García Teijeiro (Yolanda Castaño non puido asistir) leron poemas das súas obras.

 

Dores, Antonio e Antía


De novo, lecturas de textos de Xabier, nas voces de amizades como Francisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco.

 

Chisco, Mercedes, Irene e Concha

A marabillosa Gala rematou cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, Antonio Reigosa, María da Pontragha e Paula Carballeira.

Uxía, a nosa gran cantora, puxo a súa voz para emocionarnos coas súas cancións. Xunto a boa parte dos participantes e co público posto en pé cerrouse o acto cantando entre todos "O carro" de Manuel María (Fuxan os ventos).


Uxía

E o cartel marabilloso, que anunciou esta homenaxe, foi obra do enorme ilustrador Xosé Cobas.

Un acto inesquecible para os que alí estivemos na honra e na lembranza dunha persoa irrepetible. Imposible esquecer o que ese serán vivimos.

Parabéns ás organizadoras, porque o seu labor foi lucido e eficiente.

 


 


No vídeo que segue a estas palabras, podedes ver a miña intervención emocionada con dous poemas de Se falases de min (Cando caen as follas) e de Poemar o mar.






O acto serviu para atopar e abrazar os amigos e amigas, porque as distancias entre nós 

non nos permiten un contacto directo. Nestas situacións a emoción e os afectos 

estiveron presentes en boa parte dos reencontros.


Mercedes Queixas, Ánxeles Roca, AGT e Antonio Reigosa