Mostrando entradas con la etiqueta audio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta audio. Mostrar todas las entradas

jueves, 19 de febrero de 2026

A EMOCIÓN DUNHA CONFERENCIA COMPARTIDA NA FIL DE GUADALAJARA EN MÉXICO

Con Marta Estévez na presentación da conferencia

A conferencia Una experiencia viva para introducir la poesía en la escuela, que impartín na FIL de Guadalajara, foi unha excusa marabillosa para calibrar as emocións que a poesía produce en todas aquelas persoas que fan da sensibilidade unha manera de vivir e sentir a vida.



Poesía en voz alta. Poesía compartida. Poesía que seduce. Poesía que transmite e nos fai moito mellores.

Un motivo máis sentín para facer dos versos o epicentro dos sentimentos nas persoas.

A xente detíñase, escoitaba, estaba seducida pola beleza das palabras. Sentaba e escoitaba e participaba e emocionábase.

A poesía cobraba vida e dáballela ás persoas que se introducían nela. Había moito de catártico, de emocional, de sentir máis alá dos versos e de recoñecerse tan fráxiles como estimulados a non deixar de vivir.

Son experiencias que cativan, que nos fan ver con otros ollos -os do corazón- todo o que nos rodea.



Entre o balbordo da Feira, sentímonos illados e cubertos por emocións multicolores. Era a propia vida dicindo en voz alta que precisabamos do recollemento poético para saborear os días.

Que fermosas vivencias arredor dos grandes poetas recitados para cada un de nós!

Era a demostración da forza e o contido de poemas moi belos que sacudía a nosa alma. Era o amor e a dozura compartida sen prexuízos.

 


Ben, pois esa emoción, ficou recollida no audio que se pode ler de seguido.

Versos e aloumiños ofrece ca gravación dun acto realmente marabilloso.




m


miércoles, 5 de noviembre de 2025

Gravación da conversa entre Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona arredor do "Elogio del amor", no Club FARO de VIGO





No Elogio del amor, o novo libro de Rafael Narbona, o autor preséntanos a súa visión do que constitúe o amor.

Narbona interpreta este sentimento nas súas distintas vertentes, recorrendo ao seu imaxinario relacionado coa cultura popular en forma de películas, música, libros e fitos históricos xeracionais, pero tamén facendo referencia a súa propia experiencia vital e aos pensadores que deron forma ao seu pensamento.

É un libro que nos permite entender que o amor, máis alá da súa connotación romántica, é forza impulsora necesaria para ser felices e dar felicidade.

Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona antes do acto (Foto José Lores)

Rafael Narbona (Madrid, 1963)  foi profesor de filosofía e actualmente é un  dos críticos literarios e xornalistas culturais máis prestixiosos de España. (El Cultural, Revista de libros y Lengua…).

Anteriormente publicou, tamén en Roca editorial, un marabilloso libro: Maestros de la felicidad, do que La Vanguardia afirmou que é un ensaio luminoso e perfecto e Jorge Freire escribiu que “ensina, deleita e entretén, estimula a pensar e contaxia a pasión pola filosofía”.

 

Pois ben, o pasado mércores, 15 de outubro, Elogio del amor foi presentado en Vigo, dentro do marco do Club FARO, cunha numerosa asistencia de público.


Conversando sobre o libro. (Foto José Lores)

O autor, mantivo unha interesantísima conversa co escritor vigués Antonio García Teijeiro, que Versos e aloumiños gravou e que ofrece aos seguidores e seguidoras aquí embaixo.

Gozade dunha conversa moi gratificante.

 





Unha vista do numeroso público asistente ao acto (Foto José Lores)


lunes, 26 de mayo de 2025

CONVERSA ARREDOR DE 'SENTADO DIANTE DA FIESTRA' NA LIBRARÍA LIBROURO (con Mª Xosé Porteiro e X. Romero)

Un momento da conversa guiada pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro


Coincidindo co aniversario da Revoluçao dos Cravos, o 25 de abril, na Librería Librouro tivo lugar un acto fermoso arredor do libro Sentado diante da fiestra, editado pola Editorial Elvira.

De novo, María Xosé Porteiro e Xabier Romero conversaron comigo sobre os múltiples temas que os artigos recollidos no libro gardan no seu interior.

Conversa distendida que resultou moi agradable para os asistentes e que rematou, cantando entre todos, a canción insignia da revolución, Grândola Vila Morena, cun caravel na man. Uns momentos moi emocionantes.

 

Noa García Garrido participando no acto

Nun intre do acto, unha asistente, Noa García Garrido, leu un fermoso poema coma homenaxe á miña obra, algo que lle agradecín moi fondamente.

 

Estamos a vivir un tempo moi gris e estes actos nos reafirman no concepto de LIBERDADE; unha liberdade que podemos perder, a pouco que nos despistemos.

 



O acto foi gravado en audio e, para todas as persoas que o desexen, Versos e aloumiños ofréceo cunha enorme satisfacción e agarimo aquí embaixo.


(Dedicado ao meu prezado amigo, João Pedro Mésseder, un loitador incansable)





jueves, 30 de enero de 2025

Conversa arredor de "Sentado diante da fiestra" na Asociación Évame-Oroza. Xaneiro 2025

 



Que o libro Sentado diante da fiestra dá moito para conversar é un feito.

Así o considerou Xabier Romero, director da Editorial Elvira e presidente da Asociación Évame-Oroza e decidiu que fixésemos unha palestra arredor dalgúns temas que se tratan nesta compilación de artigos.


Os tres participantes no acto

Isto levounos á sede da Asociación a María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e activista cultural (á que tanto quero), ao propio Xabier e a min para conversar.

Foi un acto entrañable, dirixido por Mª Xosé, no que interveu Susi Fernández, a miña muller, e algúns dos presentes entre o público.

Moi feliz por estar máis dunha hora falando da miña vida, dos meus obxectivos, de cultura, da sociedade e de literatura, esa arte que tanto nos encanta.

 

O acto foi recollido en audio e, embaixo, está reproducido para todos e todas as seguidoras deste blog-revista.






 


miércoles, 15 de enero de 2025

O TROBAPAZ REVIVIU en XANEIRO de 2025 no SALÓN do LIBRO de Madrid.

Os participantes no acto do Trobapaz no Salón do Libro de Madrid


O pasado día 9 en Madrid viviuse o reencontro do TROBAPAZ, despois de moitos anos. Poemas en varias linguas e co tema pricipal: a PAZ e a denuncia da CRUELDADE DA GUERRA.

Alí déronse cita os cinco poetas que leron e escoitaron os seus poemas en cinco linguas: Miquel Desclot (en catalán), Antonio García Teijeiro (en galego), Juan Kruz Igerabide (en éuscaro), Ana María Romero Yebra (en castelán) e Abdul Hadi Sadoun (en árabe).

 

Tras o saúdo e benvida de Isabel Molina, Presidenta do Consejo General del Libro e da coordinadora do acto, Sara Moreno, comezaron a lectura os cinco poetas citados.

No mesmo proxecto lector, leron poemas dos cinco poetas Vanesa Pérez-Sauquillo (inglés), Pilar González (chinés) e Mihaela Gutiérrez (romanés).

Foi un acto fermoso da unión das distintas linguas do Estado español e de tres máis que enriqueceron o espírito poético común e que o público seguiu con respecto e ledicia.

Ao remate da sesión, os poetas asinaron e dedicaron o libro aos asistentes. Un libro que fora editado en 2009.

 

Como vén sendo habitual, o acto foi gravado en audio e Versos e aloumiños, unha vez máis, ofrécellelo a todos os seguidores deste blog-revista.

Está deseguido.








Despois de rematar as diferentes lecturas, cada autor e autora leu un novo poema.

Antonio García Teijeiro leu o poema:

 

and you turn and run farther

                                       when the fast bullets fly

 

Cando recibiu a orde

       de atacar

o neno decatouse

       de que era Nadal

       e perdeuse nas sombras.

Colleu o fusil

       descargouno

       soterrouno

                       baixo a neve

       e guindou as balas

                       contra o ceo.

Desapareceron entre as nubes.

                       Non soubo delas xamais.

Non tardaron as folerpas en

                       acariñar a súa faciana.

Eran grises

                       azuis

                       vermellas.

Ulían a lume.

       Ulían a paz.

Ao lonxe    nun órgano

       alguén tocaba unha panxoliña

                       alguén tocaba

                                       Silent night.

 

O home, coa súa guitarra foi rematando pouco a pouco a canción

       e agachaba a cabeza

                       mentres dicía case para si:

... Señores da guerra,

cando as balas comezan a sucar o aire

dades a volta e saídes correndo...

 

Lectura que foi introducida pola satisfacción persoal da concordia entre linguas 

e pola denuncia do xenocidio que se está a producir en Palestina.

 

Embaixo está a gravación en vídeo da lectura, aínda que falta a súa 

reivindicación.









martes, 30 de abril de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DE "Maestros de la felicidad", de RAFAEL NARBONA no CLUB FARO DE VIGO + Vídeo con reseña de A.G:T.

 

Un momento da conversa entre Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona


O pasado 10 de abril no Club FARO DE VIGO tiven a fortuna de presentar unha persoa e un libro excepcionais.

O prestixioso escritor, crítico literario e periodista cultural, que foi profesor de filosofía, Rafael Narbona mantivo comigo unha interesantísima conversa arredor do seu libro Maestros de la felicidad. De Sócrates a Viktor Frankl, un viaje único por la historia de la filosofía, editado por Roca Editorial.

 

Rafael Narbona no CLUB FARO

Maestros de la felicidad é , ante todo, un libro sobre a esperanza. Pretende confortar, serenar e curar; ou sexa, exaltar a vida.

Cando rematas de ler esta marabillosa obra, un sente o optimismo e a forza interior para abandonar os intres máis escuros e chegamos a comprender a lucidez nos nosos actos.

É un percorrido polas distintas etapas da historia da filosofía dende o punto de vista do autor, de quen descubrimos emocionantes fragmentos da súa vida que nos animan a superar os atrancos que sufrimos dun xeito optimista como el foi superándoos a través dos anos.

A conversa foi gravada en audio e Versos e aloumiños preséntaa completa para desfrute das e dos nosos lectores.
















Podedes ver ademais o vídeo cunha reseña miña sobre Maestros de la felicidad, que fixen para a canle de Antón García Fernández, incluída na sección El envés de la página.











miércoles, 28 de febrero de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO "CABRONARIO", DE CELSO EMILIO FERREIRO NO "CLUB FARO DE VIGO".

Da esq. á dereita, Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro.


O venres, día 23 de febreiro, presentouse no Club FARO DE VIGO (Auditorio do MARCO), o poemario (case) inédito de Celso Emilio Ferreiro.

Foi un acto entrañable e reivindicativo.

Alí estabamos Xavier Ferreiro, fillo do poeta celanovés, Xabier Romero, director de Editorial Elvira/Luscofusco) e mais eu para falar destes poemas, recompilados nun libro.

Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro, antes de comezar o acto. (Foto José Lores. FdV)


O Cabronario é un volume precioso, que contén corenta e cinco poemas en castelán e catro en galego, que Celso escribiu nos anos 50/60 e 70, con Franco e o sistema como albo dos seus dardos envelenados e directos.



Poemas que lía na clandestinidade aos seus amigos, loxicamente impublicables na época, agás Al César enano, que viu a luz nun folleto alá en Caracas.

Poemas de resistencia cultural, persoal e política, contra unha ditadura represora, cruel que abafou España durante corenta anos.




Unha cuberta moi acaída ao contido do libro, obra de Xavier Magalhães e un Limiar (Limiar Cabreante) obra de Xavier Ferreiro, no que explica os poemas, clarexa certos personaxes e contextualiza o conxunto dos versos que nel podemos ler.

Poemas ferintes, feroces, maldicentes que expresan o estado de ánimo do poeta nese tempo tan negro da nosa historia.

 

O audio que segue a estas palabras é a presentación completa do acto e o recitado/lectura de varios poemas do libro.

Que vos preste, porque paga a pena escoitalo.

 




lunes, 16 de octubre de 2023

PRESENTACIÓN DE "En voz baja", de Antonio García Teijeiro, NA ASOCIACIÓN ÉVAME OROZA.

Arantxa Amatriain en plena conversa



O pasado mes de setembro tivo lugar na Asociación Évame Oroza a presentación do libro En voz baja, editado pola Editorial Elvira.

 

Xabier Romero presenta o acto

En voz baja
é a tradución ao castelán da novela En voz baixa, editada por Edicións Xerais en 1998. A tradución e mais o epílogo correron a cargo de Antón García Fernández, catedrático da Universidade de Tennessee, en Martin. Susi Fernández leu un texto do tradutor escrito especialmente para esta presentación.

 

O acto consistiu nunha conversa entre o autor, Antonio García Teijeiro, a profesora e tradutora, especialista en LIX, Alba Piñeiro e a editora Arantxa Amatriain, que departiron amigablemente durante case unha hora arredor da novela e dos seus fíos socio-literarios.  O acto foi introducido polo director da editora, Xabier Romero.

 

Alba Piñeiro nunha das súas interesantes intervencións

Resultou unha velada moi atraente, na que se descubriron determinados aspectos da historia, poñendo ao descuberto algunha curiosidades, e na que se leron diversos fragmentos.

 

AGT conversa con Arantxa e Alba

Un gran traballo editorial, moi coidado en todos os puntos, cunha capa fermosísima do gran pintor Xulio García Rivas, que tamén asistiu ao acto.

 

Susi Fernández le o texto que o tadutor enviou para o acto

Para todas e todos aqueles que teñan curiosidade polo que alí se dixo, está este audio que contén o na palabra o acontecido ese día na Asociación.






lunes, 24 de julio de 2023

PRESENTACIÓN DE 'SE FALASES DE MIN' EN BUEU



O pasado xoves, día 15 de xuño, tivo lugar a presentación en Bueu do 

libro Se falases de min, publicado pola Editorial Elvira.

     É este un libro especial para min pois conta coa participación de amigos moi especiais como Paco Ibáñez, Jordi Sierra i Fabra, Xulio García Rivas e Alberto e Andrés Cunha.

     A cargo destes dous músicos extraordinarios correu a parte musical do acto, que foi presentado polo editor Xabier Romero.

     


     Versos e aloumiños ofrece as miñas palabras sobre a xestación do volume, as cancións dos irmáns Cunha, algún recitado e breves palabras do editor. Por un erro técnico perdeuse unha parte da intervención deste e a fermosísima canción que os músicos interpretaron: Cantares, de Joan Manuel Serrat/ Antonio Machado.

      

Os irmáns Cunha durante o acto

     Quede, pois, aquí o testemuño dun acto precioso que tivo ao 

incansable Fernando Miranda como promotor do mesmo.