Mostrando entradas con la etiqueta cancións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cancións. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de diciembre de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (55) "Eu ben vin, virivín", de Manuel Rico Verea








TÍTULO:  Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar.




AUTOR: Manuel Rico Verea. Obradoiro Experimental de Música Tradicional.  (con Nani García).




ILUSTRACIÓNS:  David Rodríguez



EDICIÓNS  XERAIS DE GALICIA. 2018




Manuel Rico Verea (Foto, Edicións Xerais)

Cando vexo que sae do prelo un novo libro de literatura tradicional, síntome moi feliz. E se ese libro é un cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar, a satisfacción multiplícase por mil.
     

     Levo ben anos proclamando a quen me queira oír que a poesía debe entrar en voz alta nas aulas e nos fogares, que a literatura de tradición oral ten que ser o primeiro paso do alumnado á hora de tomar contacto coa poesía e que cantar con eles nas aulas (e nas casas) é unha actividade gozosa de incalculables beneficios.
    
Ilustración de David Rodríguez
     
     Por iso saúdo con ledicia o libro Eu ben vin, virivín, dun home, Manuel Rico Verea, que leva moitísimo tempo – e con acerto- traballando neste eido fundamental para a formación da rapazada e de Nani García, un músico de moi alto nivel a quen non fai falta presentar. Entre ambos crean un documento sonoro (o libro contén un CD) que aproxima aos lectores e lectoras a novas referencias musicais coas melodías do cancioneiro infantil galego. Pero o conxunto de poemas sinxelos permiten, ademais de seren cantados, seren ditos en voz alta e gozar da palabra como elemento rítmico e engaiolante.
    
Nani García
     Achegarse ao cancioneiro, como din os autores, produce “unha sorpresa polo poder evocador das pequeñas composicións rítmico-literarias, polo seu valor pedagóxico e, sobre todo, polo proceso recreador ao que se ve sometido a través do tempo”.

     O libro está ateigado de rimas, de recitados, de fórmulas máxicas, de encadeados e de cancións máis representativas do cancioneiro de tradición que nos falan do mundo dos animais:

Xoaniña voa, voa
que che hei dar
pan de broa.

Xoaniña voa, voa
vai e tráeme
alguna nova.

Xoaniña voa, voa
que teu pai
vai en Lisboa.

     Neste libro temos tamén un apartado de actividades didácticas das cancións, que permiten ao educador/a tirarlle moito proveito a cada tema. Actividades para coñecer curiosidades dos animais protagonistas, denominacións varias deses animais e nas súas páxinas  anímase a memorizar, a contar e a cantar temas fermosos e alegres. Posúe, ademais, una sinxela e marabillosa partitura e no disco hai posibilidades de interpretar en play back que o fan máis lúdico aínda.
    
Ilustración de David Rodríguez
     
     
Un libro para traballar a lingua, o ritmo das sílabas, a psicomotricidade e algo que eu defendo dende sempre: a unión e interacción de música e verso.
     
     Unha alfaia, sen dúbida, o CD que trae o volume: un documento sonoro creado polo Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado por Manuel Rico e Nani García, que fan deste proxecto un luxo para a nosa literatura e a nosa lingua.
     
      Conta ademais, cunhas vivas ilustracións de David Rodríguez, en cor, atraentes e suxestivas que envolven os textos de calor pictórica.
     

     Imprescindible.




                                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 22 de diciembre de 2017

LECTURAS E CANCIÓNS PARA OS MÁIS PEQUENOS



Non  sobran, nin moito menos, as publicacións para os maís pequerrechos. Non é nada doado escribir e debuxar libros de calidade para estas idades.
    Como estamos nas festas de Nadal e axiña virán os Reis ou o Apalpador, Versos e aloumiños, ofrécevos algunhas novidades que farán a delicia dos pequenos, sempre e cando lles transmitamos ese amor polos libros e realicemos ese acto entrañable de compartir personaxes, historias, ilustracións con eles e elas.

     


     Por exemplo, se os pequechiños han de deixar xa os cueiros, o chupete ou teñen que vencer o medo á escuridade, Emilia Rebumbio (que é o nome dun grupo de creativos que soñan e son un pouco nenos), coas ilustracións de Irene Sanjuán, dan vida aos Wombis. Editada por Galaxia, Os Wombis é unha colección de libros que contan a historia destes simpáticos animais que se embarcan en centos de aventuras para axudar os nenos e as nenas do mundo nas súas primeiras etapas.
     Tres son os volumes que acaban de aparecer: Os Wombis e a escuridade, Os Wombis e os chupetes e Os Wombis e os cueiros.


     


     Anxo Fariña é o creador de Gliz e a familia Nube. Unha familia composta por Nubenai, Nubebebé, Nubepai, Nuba e Nubo. Gliz é un pastor de nubes. Por iso coida moi ben dos que viven na súa casa. Failles a comida, dálles menciñas cando están enfermas, lelles contos cando van para a cama…e viven moitísimas aventuras. Libros de pequeño formato, con moita cor e uns personaxes tenros e aventureiros á vez. Levan estes libriños un xogo de buscar obxectos, animais… nunha páxina  e ao final do libro hai dúas para colorar e inventar, se cadra, novos personaxes.
     
Para colorar

     Saíron do prelo dous volumes: O pintor de cores e Onde está Nubebebé? Non fai falta dicir que Anxo Fariña ilustra e escribe estes libros atraentes para os máis pequenos, editados por Edicións Xerais.




     Mamá Cabra aparece felizmente nesta época. Gloria Mosquera Roel e Tomi López Serrano, coas fermosas ilustracións de María Lires, agasállannos un libo ben especial: Eu cociño, ti cociñas? Canción fermosas que son receitas, con letras de María Canosa, música de Gloria M. Roel, quen tamén é a autora da letra e da música das tres derradeiras cancións.
     Dicir a relación que existe entre este proxecto e o que desenvolven no CEIP de Sigüeiro (Oroso, A Coruña) as mestras María Salgado e Pilar Rivas. Ambas mestras levan a cabo un fermoso labor, un proxecto escolar cos nenos e coas nenas de 2º Ciclo de Educación Infantil. Eu cociño, ti cociñas? é unha proposta metodolóxica innovadora onde a cociña e a alimentación saudable se converten no medio perfecto para traballar diferentes aspectos curriculares e desnvolver as competencias básicas do alumnado.
     Ben pois a cantar, a cociñar e a gozar con ledicia deste libro-disco que, como non podería ser doutro xeito, fará a s dlicias de pequenos e maiores.

Está editado pola Editorial Galaxia  na súa magnífica colección Sonárbore.




                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

miércoles, 3 de mayo de 2017

A LUZ DAS PALABRAS (68) Luis Eduardo Aute





Por desgraza,  Luis Eduardo Aute está pero non está. Leva ben tempo facéndonos sufrir aos que o queremos e admiramos fondamente.
     
      O azar foille esquivo a unha persoa grande en todos os aspectos: comprometido coa honestidade, coa sociedade; artista pleno, dun talante intelectual á altura de moi poucos músicos ou poetas que van ateigando de soños as nosas vidas.
     
      
Luis Eduardo Aute
     
     Home xeneroso, amigo dos seus amigos, polifacético, amable, difícil de afastar dos seus principios e dunha riqueza compositiva impresionante. Un artista, como dixen,  total, co inconformismo por diante e unha lucidez inmensa.
     
     A súa obra, tanto pictórica como poética ou musical, reborda intensidade. Aute sempre atento á relidade que nos envolve e, como reflicte, no seu último disco El niño que miraba el mar, na procura dos seus soños infantís, as súas lembranzas e a necesidade de saber quen é con respecto ao que foi.

     Este home, que dixo nalgún momento que “poñemos unha máscara para poder sobrevivir”, viviu sempre de emocións.
     
     
El niño que miraba el mar

     O mar, por exemplo (nisto coincido con el), unha delas. Como di Juan Cruz: “o mar é a ollada de Aute, e é tamén o seu xeito de muiñar; é parte da súa poesía e o máis fondo do seu pasado. El mesmo afirma, diante do seu último traballo (impresionante) o seguinte: “Coido que o paso do tempo deixa as súas pegadas no mar. Non é o mesmo mar o que ves cando es neno que o que ves cando tes uns cantos anos; non o ves cos mesmos ollos”.

     

     
     Afirma tamén que “como todos nestes tempos, dáme rabia a estupidez do ser humano, a incapacidade do ser humano de ser humano no canto dunha mala besta… Coido que ao longo da vida imos matando paseniño o neno que fomos por pura supervivencia; vivimos nunha xungla, e a xungla empúrrate a ser perverso, mala xente e cínico para poder sobrevivir. Somos verdugos de nós mesmos”.

     Así é Luis Eduardo Aute:  sempre atento para continuar a súa senda. Aínda cre un pouco no ser humano, porque nos conta que”mentres quede un ser humano que considere os demais coma seres humanos e non como material negociable, o mundo pode tomar outro rumbo”.
     
Na súa casa en Madrid con Susi

      Escribiría e escribiría moito máis sobre unha persoa que quero e admiro profundamente. Mais non o vou facer. Afúndome no silencio tenso que me provoca a situación persoal dun home que sempre creu que a vida é ser competente antes que competitivo e que nunca aceptou a tiranía das queimaduras; que sempre estivo disposto a coller a guitarra porque é o que dá sentido á súa vida.

      Hoxe Luis Eduardo entra con letras maiúsculas neste noso espazo de Versos e aloumiños.
     
     E de que maneira!!!

         Hai algún tempo pedinlle manuscritas dúas cancións que me emocionan especialmente. Trátase de Quiéreme, contida no disco Intemperie   e  O neno que miraba el mar no CD do mesmo título. Eu quería poñelas neste blog-revista como algo especial na sección A luz das palabras. Arelaba que esa fose a súa contribución a este espazo de liberdade, poesía e música. El, sempre tan xeneroso, cumpriu o meu desexo e envioume ambas as dúas cancións escritas pola súa man tan amable.
     
Luis Eduardo Aute

      Levo ben tempo pensando o intre máis preciso para poñelas. Levo agardando ben tempo para que vexan a luz. Non atopaba o momento oportuno. E xa non aguanto máis. Mergullado no triste silencio que nolo envolve, quero que fale a súa voz, a súa letra, o seu espírito aberto e cheo de humanidade. Non agardo máis.

     
En Betanzos
      Podemos escoitar as dúas cancións. Podemos penetrar unha vez máis no seu mundo tan rico. Podemos conxugar o verbo emocionar(nos). Podemos seguir transformando en  paixón o que o seu enxeño nos agasalla. Podemos, en definitiva, abrazar un home que sente e sentiu a miúdo a necesidade de ver o horizonte, de ver un máis alá na nosa vida.

     

     Quérote, prezado Luis Eduardo.


      

                                "Quiéreme" é o cuarto tema deste magnífico disco: Intemperie










   "Quiéreme" (canción)


       A súa última obra é El niño que miraba el mar. Podedes escoitar a canción, que leva o mesmo título, e lela manuscrita por el.












                                                                                                 "El niño que miraba el mar"  (Canción)



           E se queredes escoitar esta última canción "en directo", podedes facelo a continuación:






                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 24 de febrero de 2017

NO DÍA NO QUE ROSALÍA DE CASTRO CUMPRIRÍA 180 ANOS




                                                                                                                                     
                                                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO



Tal día coma hoxe, hai 180 anos, naceu Rosalía.
     E dicir Rosalía é dicir poesía, denuncia, reivindicación, amor, dor, esperanza.
     Dicir Rosalía significa sentir a calor das palabras dunha muller en continua loita co que a rodeaba, co sentimento tráxico de ser galego e, tamén, de ser muller. Unha man tendida ás sensibilidades limpas ou escuras que poboan esta nosa sociedade que precisa de moita poesía para clarexar os seus comportamentos.

     Dicir Rosalía é percibir a luz dos versos tecidos pensando no ser humano. Notar a brillantez que posúen. Facer deles apoios imprescindibles para que a nosa vida sexa máis rica.
     
     Rosalía sempre estivo presente na miña obra. Dende que certas tebras foron caendo, acompañei os meus pasos de poetas. Eles e elas sinaláronme horizontes. Que fermoso acompañamento! E Rosalía de Castro (con Lorca, Otero, Hernández, Celso Emilio, Alberti, Pimentel…) faloume decote no oído para que medise os pasos, para que non desertase, para darme folgos e acadar unha existencia minimamente valiosa.
    

     Coma homenaxe fondo a unha muller excepcional sen a que non poderiamos comprender a situación  social do seu tempo. Coma homenaxe sincero a quen axudou a erguer a dignidade poética sempre ben próxima ao pobo, podedes ler un poema de Rosalía de Castro, cunha fermosa ilustración de Fausto para o libro-disco de Narf “Nas tardes escuras” (El Patito Editorial) e tres poemas escritos por min, dedicados á nosa poeta en tres dos meus libros, dous deles esgotados, pero que volverán a ter vida dentro dalgún tempo.


     E a música de Uxía, nese marabilloso libro-disco “Rosalía pequeniña” (Ed. Galaxia), poñerá o broche a esta homenaxe de Versos e aloumiños  á “nai e señora de todos/as nós”.



Rosalía de Castro. Ilustración de Fausto




Antonio García Teijeiro. (De "Na fogueira dos versos")


               Os dous poemas que veñen a continuación están contidos en " Caderno de fume" e en "Paseniño, paseniño" respectivamente.




 Son estes, dous poemarios que nos próximos meses verán a luz en novas editoriais. Rosalía, sempre viva e lembrada nos meu poemas.




  E esta fermosa flor de Xosé Cobas, unha ofrenda á nosa excelsa poeta, principio e fin de camiños poéticos polos que transitamos acotío.
Xosé Cobas. ("Paseniño, paseniño") Posición correcta.


   E a voz de Uxía que pon música aos poemas de Rosalía nun libro-disco fermoso, "Rosalía Pequeniña". Aquí escoitamos a canción, escrita pola cantante e que dá nome a esta obra editada por Ed. Galaxia.




 As ilustracións, tenras, fermosas, vivas son de Marina Seoane.








miércoles, 13 de mayo de 2015

PALABRAS DE MANUEL VEIGA NA PRESENTACIÓN DE "DETRÁS DEL HORIZONTE" de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO.

De esquerda a dereita: Edurne Baines, Manuel Veiga, Antonio García Teijeiro e Ricardo Grobas.

     O pasado xoves, 7 de maio, presentouse na libraría Librouro , en Vigo, o libro Detrás del horizonte, de Antonio García Teijeiro.
     Foi un acto moi concurrido e que contou coa editora de Belagua Ediciones, Edurne Baines, o xornalista e escritor Manuel Veiga, o fotoperiodista Ricardo Grobas e o autor Antonio García Teijeiro.

     A nota musical, ben brillante por certo, corrreu a cargo dos músicos Mandi García (voz) e Carlos Gandón (guitarra e voz), membro fundador da banda Astarot, que interpretaron con brillantez tres cancións: o poema musicado por Carlos, Longa noite de pedra , de Celso Emilio Ferreiro, a mítica e sempre emocionante Al alba, de Luis Eduardo Aute e “Señora azul”, un fermoso tema de Cánovas, Rodrigo, Adolfo e Guzmán.
 
Carlos Gandón (esq.) e Mandi García nun momento da súa actuación.(Foto Ricardo Grobas)
     As palabras de Manuel Veiga sobre Detrás del horizonte foron especialmente interesantes e proxectaron sobre o tema da guerra, tratado no libro, unha visión orixinal e moi rica en matices.
     
      De aí que, dende Versos e aloumiños, lle solicitásemos un pequeño resumo do exposto para publicalo no blog-revista. Como de costume, Manuel Veiga aceptou xenerosamente a petición e hoxe ofrecémosvos estas palabras  coas que podedes gozar a continuación.

     

     Queremos aclarar aquí que o libro presentado é a tradución feita pola profesora Alba Piñeiro do libro publicado en 2002, Trala liña do horizonte, actualmente esgotado en galego e que foi Libro asociado do Fórum de Barcelona no ano 2004. Na edición en castelán inclúe fotos de Ricardo Grobas realizadas en Albania na misión humanitaria que soldados españois levaron a cabo naquel país.

Manuel Veiga Taboada (Foto Ricardo Grobas)

                                      Relatos sobre o espanto da guerra


                                                                                                       Manuel Veiga Taboada

     
     
      Antonio García Teixeiro vén de publicar Detrás del horizonte, en editorial Belagua e en tradución de Alba Piñeiro. O tema do libro é indiscutíbel: a guerra. Pero a guerra pode ser tratada de distintas maneiras. A social que inclúe as perspectivas política, económica, ideolóxica, xornalística ou simplemente a historia de amor novelada nun ambiente bélico. E a idealista, filosófica, transcendente. A esta segunda é á que se adscribe, con toda claridade, o libro de Antonio.
            
     É certo que en Detrás del horizonte hai campos de refuxiados, desertores, tanques, bombas, carromatos, chozas etc., pero estamos sempre ante arquetipos. Incluso os personaxes aparecen mencionados simplemente cunha letra inicial. Non sabemos de que guerra se trata nin que exércitos se enfrontan nin en que lugar. Non sabemos quen ataca a quen nin de que guerrilla se fala no comezo do libro. Non estamos, pois, ante unha guerra concreta, este libro trata de todas as guerras e as súas palabras valen case tanto para a guerra do Peloponeso, entre Atenas e Esparta, como para a da ex-Iugoslavia entre Serbia e Croacia.
            
Fotografía de Ricardo Grobas contida no libro.
         Isto é así, obviamente, porque o autor quixo. A guerra é un tema  propicio aos enfoques abstractos. E isto é debido a que a desmesura e a emoción que provocan os feitos da guerra deixan moitas veces a razón en suspenso. Cando se fala de guerra saen facilmente á luz, como sucede neste libro, as palabras: loucura, irracionalidade, necidade, etc. A realidade concreta queda anulada. A desproporción da dor fáinola incomprensíbel.

  Desde o punto de vista formal, eses sucesos que van máis alá do aceptábel, do razoábel, métennos naturalmente no terreo do poético que é o xénero literario que mellor se presta á transcendencia. Por iso este libro de Antonio está moi perto do poético. Poderíamos enmarcalo dentro do que se adoita a chamar narrativa poética.
            Detrás del horizonte, máis que contarnos historias, aínda que tamén as conta, ten como fondo, como sostén, un laio, un laio de orixe bíblico, un estilo moi frecuente na nosa cultura occidental que acadou importantes exemplos en Whitman, nalgunhas obras de Octavio Paz ou en certos poemas de Manuel María. Unha expresión do texto, “o corazón da inocencia” alude a O corazón das tebras, a coñecida obra de Conrad, na que tamén latexa ese debate sobre a crueldade e o misterio da condición humana.
            
       Non hai economía neste libro de Antonio, apenas se alude aos posíbeis intereses que poden conducir a dous bandos a enfrontarse ou a un país a atacar a outro. Os datos e os personaxes concretos, que por suposto existen –sen eles sería imposíbel compoñer unha obra narrativa– operan como textura, como tecido, como material do que se serve o autor para ir bastante máis alá. A verdadeira razón de ser deste libro encóntrase nas oposicións mencionadas explicitamente: inocencia, esperanza / loucura, horror. O propio título, Detrás del horizonte, alude á parte situada máis alá e ese máis alá pode ser a paz, a liberdade, incluso o ceo ou o inferno. Vexamos tamén que nestes relatos non se mencionan máquinas de guerra concretas, polo seu nome de fábrica, como sucedería nun relato de tipo máis histórico ou xornalístico, senón que, en moitos casos, se recorre a expresións como paxaro negro, dragón, serpe maléfica, monstro de ferro, etc.
            
        Este, xa dixen, non é un libro social. A sociedade cambia, evoluciona, existe o que chamamos guerra moderna. Cambian as armas, as tácticas. Pero o que non cambia é o carácter humano e nesta dirección é na que apunta o libro de Antonio.
            
       Detrás del horizonte enmárcase así dentro dunha liña literaria e filosófica movida polo asombro e polo espanto, que busca a ética como valor absoluto e que, nese sentido, enfróntase a sabendas coa propia natureza humana. Lembremos que o principal debate cultural europeo que tivo lugar despois da II Guerra Mundial tiña como eixo a pregunta: “É posíbel a poesía despois de Auswitch?” O que significa, ten sentido escribir despois destas terras arrasadas, de tantos millóns de mortes inocentes e dos campos de concentración? Pasan os anos, pero esta é unha pregunta que permanecerá sempre, só co cambio de lugar do horror. O libro de Antonio, moitas das preocupacións de Antonio en xeral, moitos dos seus libros, enmárcanse aí, nesas preguntas éticas, nesas preguntas relixiosas, aínda que non inclúan a Deus, nesas preguntas sen resposta.       

O moito público asistente acompaña as cancións cantadas por Carlos e Mandi. (Foto Ricardo Grobas)

miércoles, 13 de agosto de 2014

ESCRIBIR POESÍA PARA OS NENOS. QUE PRACER!




Escribir poesía para os nenos.
Que pracer!
Un sabe que está a facer aquilo
que lle dita a emoción.
Dedicatoria de Tesa González para o autor.
Sabe que, sen esa emoción, os actos
creativos son fríos, non penetran na
esencia das persoas.
E aínda que non sexan conscientes, esas
persoas precisan da arte en calquera
das súas múltiples manisfestacións.


Escribir poesía  para os cativos.
Achegarlles o espírito de Lorca, Alberti,
Juan Ramón, Rosalía, Machado, Celso Emilio,
Pimentel, Curros, Manuel María e tantos  outros.
Que pracer!
Ilustración de Tesa González.
 
Salientar as pequenas cousas, levalos a recunchos
tan comúns coma marabillosos, enchelos
de cor, de auga limpa e cristalina; levalos
polas sendas da natureza, cantarlles en voz alta,

xogar con eles á rolda, convidalos a rir, a sentir,
a imaxinar, a que valoren a maxia das palabras,
a que se fixen nas miudezas, a encherlles os sentidos
de mar, de luz, de vida.
Levalos da man polo suxestivo mundo da música,
pola  musicalidade dos versos, polo ritmo dos poemas.
Que pracer!


Hei recoñecer que gozo
cando escribo poesía infantil.
Que me emociona o labor
de mestres e mestras (máis mestras que
mestres, iso é certo), de bibliotecarias,
de persoas que están convencidas
do valor da poesía na formación
dos cativos e cativas.


Un non escribe para os premios.
O premio máis marabilloso é aquel
que recibes, cando unha mestra che
dá as grazas polo que escribes.
Un premio é a ilusión dun rapaz
ou rapaza por dicirche que sabe e que
lle gustan os teus poemas.
Un premio é esa ollada infantil,
chea de tenrura, mentres recitas.
O premio está en axudar a conseguir
que os adultos lle perdan o medo
á poesía. A que os nenos sigan a
ser felices no mar poético. (Porque
o son, eh? Iso que non o dubide
ninguén).

Por iso, se a crítica celebra os teus poemarios,
faiche ilusión e, cos pés no chan, debe servir
ese recoñecemento para
seguir traballando a prol desa tarefa
ardua e  gratificante á vez.
Agradezo as críticas de Antonio Gómez
Yebra en "SUR"e das revistas PEONZA e CLIJ,
por prestaren atención a “Queda la música”.
Agradézoa, sobre todo, pola poesía
en si mesma.
Amosan esas recensións unha indiscutible
sensibilidade polo xénero poético (Gómez
Yebra é un magnífico poeta e editor).
 
Luis Eduardo Aute con "Queda la música" na Feira do Libro de Madrid.

E está ben que se fale de poesía.
Ten que saír desa invisibilidade,
que na LIX é un feito, para que
chegue a ser máis próxima aos lectores.
Quedo coa afirmación das liñas de Diego
Gutiérrez del Valle en PEONZA, cando di
que estes poemas “reclaman ser lidos
en alta voz para extraer ata
o derradeiro eco das súas vibracións
e que, dese xeito, poidan chegar
ata o oído e o corazón do lector”.
Atinadas palabras, porque eu
veño mantendo, dende hai ben tempo,
a necesidade de que a poesía
debe entrar nas aulas, nas casas,
nas bibliotecas en voz alta.



Decidín engadir, de novo, dúas cancións
do libro, postas en música polo
excepcional poeta, Juan Carlos Martín
Ramos e Lurdes López, a súa muller,
que as canta cunha sensibilidade e unha tenrura
exquisitas.


Que a poesía sexa, dunha vez  xa,
ese instrumento que marque o ritmo
emocional e dea vida
ás sonatas dos nosos soños.