miércoles, 3 de mayo de 2017

A LUZ DAS PALABRAS (68) Luis Eduardo Aute





Por desgraza,  Luis Eduardo Aute está pero non está. Leva ben tempo facéndonos sufrir aos que o queremos e admiramos fondamente.
     
      O azar foille esquivo a unha persoa grande en todos os aspectos: comprometido coa honestidade, coa sociedade; artista pleno, dun talante intelectual á altura de moi poucos músicos ou poetas que van ateigando de soños as nosas vidas.
     
      
Luis Eduardo Aute
     
     Home xeneroso, amigo dos seus amigos, polifacético, amable, difícil de afastar dos seus principios e dunha riqueza compositiva impresionante. Un artista, como dixen,  total, co inconformismo por diante e unha lucidez inmensa.
     
     A súa obra, tanto pictórica como poética ou musical, reborda intensidade. Aute sempre atento á relidade que nos envolve e, como reflicte, no seu último disco El niño que miraba el mar, na procura dos seus soños infantís, as súas lembranzas e a necesidade de saber quen é con respecto ao que foi.

     Este home, que dixo nalgún momento que “poñemos unha máscara para poder sobrevivir”, viviu sempre de emocións.
     
     
El niño que miraba el mar

     O mar, por exemplo (nisto coincido con el), unha delas. Como di Juan Cruz: “o mar é a ollada de Aute, e é tamén o seu xeito de muiñar; é parte da súa poesía e o máis fondo do seu pasado. El mesmo afirma, diante do seu último traballo (impresionante) o seguinte: “Coido que o paso do tempo deixa as súas pegadas no mar. Non é o mesmo mar o que ves cando es neno que o que ves cando tes uns cantos anos; non o ves cos mesmos ollos”.

     

     
     Afirma tamén que “como todos nestes tempos, dáme rabia a estupidez do ser humano, a incapacidade do ser humano de ser humano no canto dunha mala besta… Coido que ao longo da vida imos matando paseniño o neno que fomos por pura supervivencia; vivimos nunha xungla, e a xungla empúrrate a ser perverso, mala xente e cínico para poder sobrevivir. Somos verdugos de nós mesmos”.

     Así é Luis Eduardo Aute:  sempre atento para continuar a súa senda. Aínda cre un pouco no ser humano, porque nos conta que”mentres quede un ser humano que considere os demais coma seres humanos e non como material negociable, o mundo pode tomar outro rumbo”.
     
Na súa casa en Madrid con Susi

      Escribiría e escribiría moito máis sobre unha persoa que quero e admiro profundamente. Mais non o vou facer. Afúndome no silencio tenso que me provoca a situación persoal dun home que sempre creu que a vida é ser competente antes que competitivo e que nunca aceptou a tiranía das queimaduras; que sempre estivo disposto a coller a guitarra porque é o que dá sentido á súa vida.

      Hoxe Luis Eduardo entra con letras maiúsculas neste noso espazo de Versos e aloumiños.
     
     E de que maneira!!!

         Hai algún tempo pedinlle manuscritas dúas cancións que me emocionan especialmente. Trátase de Quiéreme, contida no disco Intemperie   e  O neno que miraba el mar no CD do mesmo título. Eu quería poñelas neste blog-revista como algo especial na sección A luz das palabras. Arelaba que esa fose a súa contribución a este espazo de liberdade, poesía e música. El, sempre tan xeneroso, cumpriu o meu desexo e envioume ambas as dúas cancións escritas pola súa man tan amable.
     
Luis Eduardo Aute

      Levo ben tempo pensando o intre máis preciso para poñelas. Levo agardando ben tempo para que vexan a luz. Non atopaba o momento oportuno. E xa non aguanto máis. Mergullado no triste silencio que nolo envolve, quero que fale a súa voz, a súa letra, o seu espírito aberto e cheo de humanidade. Non agardo máis.

     
En Betanzos
      Podemos escoitar as dúas cancións. Podemos penetrar unha vez máis no seu mundo tan rico. Podemos conxugar o verbo emocionar(nos). Podemos seguir transformando en  paixón o que o seu enxeño nos agasalla. Podemos, en definitiva, abrazar un home que sente e sentiu a miúdo a necesidade de ver o horizonte, de ver un máis alá na nosa vida.

     

     Quérote, prezado Luis Eduardo.


      

                                "Quiéreme" é o cuarto tema deste magnífico disco: Intemperie










   "Quiéreme" (canción)


       A súa última obra é El niño que miraba el mar. Podedes escoitar a canción, que leva o mesmo título, e lela manuscrita por el.












                                                                                                 "El niño que miraba el mar"  (Canción)



           E se queredes escoitar esta última canción "en directo", podedes facelo a continuación:






                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO