domingo, 15 de noviembre de 2015

"ALEGRÍA", UNHA MOSTRA DE AMOR POLA PALABRA ESCRITA E POLA POESÍA FEITA CANCIÓN.




Alegría é unha festa. Unha festa de cor, de música, de palabras.

     Alegría é un libro-disco cheo de luz, envolto en ilusión e dunha felicidade que contaxia.

     O seu autor, o brasilego Sérgio Tannus, é dende hai algún tempo un nome imprescindible dentro da música de calidade pensada para os pequenos.
Este multi-instrumentista, autodidacta, virtuoso cantautor presenta en Sonárbore (Que extraordinaria colección da Editorial Galaxia!) unha historia optimista escrita por el, na que Alegra, unha eiruga pequerrecha que, malia o seu nome, non é divertida, emprende unha viaxe chea de fascinantes aventuras e novas amizades, grazas ás que descubrirá que outra realidade é posible.


     Música e literatura camiñan da man na procura da felicidade e, a través de trece composicións musicais relacionadas con pasaxes e personaxes da historia, farán comprender ao lector que as pequenas cousas lle permiten gozar máis do que parece e que un se debe aceptar como é.

     A música ten unha calidade excepcional.

     As cancións chegan a quen as escoita como frechas optimistas que convidan a cantar, a repetir versos, a moverse, a bailar. E os nenos e nenas serán acariñados polas nubes, polas sandaliñas que lle permitirán andar na liña do horizonte. Comprenderán o mosquito inaudito, coñecerán a Menta polenta, dubidarán cantando o que queren ser, axudarán a facer unha máquina do amor (fermosa chiscadela a Ruí) e sumaranse ao coro de cantores de personaxes do conto cos versos de Final:
        
           
            O amor é calor,
         bolboreta que visita a flor,
         fai mudar, transformar,
         a eiruga libre para voar.

    
     Un libro para sentir o pracer da palabra en música. Da palabra utilizada para chegar dentro, case sen se decatar, de quen a escoita ou le. Unha música que peta na porta das persoas para entrar e permanecer dentro delas. Historia e cancións, convertidas nun todo, para demostrar que cando alguén se dirixe ao mundo infantil ten que facelo con respecto e dando o mellor de si mesmo.


     E Sérgio Tannus faino. O seu traballo é un exemplo de amor pola música e pola palabra escrita ou contada.

     Isto é Alegría. Porque á intelixencia con que escribe texto e cancións,  se suman grandes personaxes do noso panorama musical como Uxía, Isaac Palacín, Magín Blanco, Xoán Curiel, Quim Farinha, Jara Ortiz ou Santi Cribeiro, entre outros.

     As ilustracións, moi suxestivas, cheas de colorido, complementan un todo verdadeiramente atraente para quen se achega á obra. Luís Borbolla fai un traballo que lle acae perfectamente ao espírito do libro.


     Debemos salientar as palabras de Sérgio Tannus nunha das primeiras follas do libro-disco. Son unha declaración de principios:
           
        ...doulle grazas á vida e ao universo pola oportunidade de levar eses conceptos de esperanza, optimismo, amizade e alegría aos cativos de Galicia e do mundo. Conceptos tan esquecidos e pouco valorados nos turbulentos días de hoxe...

     Así é. Todo isto e moito máis podemos atopar en Alegría, un paso adiante no marabilloso proxecto que é Sonárbore, unha colección da que todos nos sentimos orgullosos.

      Deseguido podedes ver o booktráiler do libro-disco. Así podedes facervos mellor a idea do que acabades de ler.




                                                                                                                         ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO.