Mostrando entradas con la etiqueta arte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta arte. Mostrar todas las entradas

miércoles, 20 de julio de 2016

NOVO LIBRO DE "poemigas" de LUIS EDUARDO AUTE: "EL SEXtO ANIMAL".




Non vou descubrir aquí a Luis Eduardo Aute (nin o intento, claro) porque de moitos é ben coñecido.
     
     E digo de moitos xa que a meirande parte da xente quedou ancorada na súa canción Al alba e pouco máis. Mais diso falaremos noutro momento.
     Porque Aute é moitas cousas: pintor, músico, poeta, cineasta, debuxante e un coñecedor da linguaxe excepcional.
     
     Di Fernando Beltrán que este tipo, topo incansable que baixo a súa propia marca, como se di agora, traballa dende hai décadas no seu diván de letras “socavando, excavando, recabando” na entraña máis agochada de cada sílaba o nólaba –o vaia vostede saber que última palabra inventada- (…)
     
     E di isto no limiar ao seu sexto volumen de poemigas, un xénero novo de lírica de garda. Tras aquel AnimaLhada que, se non estou trabucado, comezou unha serie de volumes de palabras rabuñadas, combinadas, guindadas contra o establecido cheas dun contido tan crítico coma enxeñoso.
     

     Aute, ben sabemos os que o coñecemos, non é unha persoa compracente. É un artista que amola, que arrisca e que mantén unha liña ben nidia nos mares treboentes dunha sociedade que o incomoda. E Aute acusa, axita e, a través da súa música ou da linguaxe, sinala desvaríos.

     Por iso, saudamos aquí con moita ledicia o seu libro EL SEXtO ANIMAL, editado por Espasa, para que desfruten todos aqueles e aquelas que admiran o artista nado en Manila, desta volta mediante ese sentido aguzado dos vocábulos que inventa. Palabras coma dardos que chegan ben fondo ao lector.

     


Velaquí algunhas das novas poemigas:


CUANDO EL TIEMPO SE TUMBA

El tiempo lo cura todo
y pone a todo en su sitio:
Fotos e debuxos en mármore do autor
la tumba.



NI MEDIO LLENO NI MEDIO VACÍO

Algunas veces me urge
una inaplazable necesidad de vaciarme
de contenido, cada vez que me lleno
de incontenido
vacío.



FINCIPIO

El único fin
del principio
del fin
es que el fin
tenga, finalmente,
principios.



LA NADA DEL TODO EXISTE

I.                   Como no le pasa un hilo por la cabeza
y es la mismísima Nada con piernas,
podría decirse que es
ni-hilista del Todo.

II.                Allí donde no existe la Poesía
sólo existe
la más prosaica
Nada.



MOVILIDAD

En vista de la masiva expansión
de móviles,
estaría bien acordar
(quienes todavía conservamos algún móvil
en la vida)
uno común:
movilizarnos todos en masa

Contra nuestro propio

inmovilismo.

viernes, 13 de noviembre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS (47) Beatriz Fraga


Se algún día volvo ser neno e teño que comezar a miña escolarización, pedirei a quen corresponda que Beatriz Fraga sexa a miña mestra de Educación Infantil. Removerei ceo e terra para conseguilo.

     Estiven na súa clase de E.I. no CEIP García Barbón en Vigo e puiden constatar o clima de agarimo que existía naquel espazo educativo.
Beatriz  Fraga

     Beatriz Fraga é unha muller encantadora. Unha muller encantadora que escribe moi ben. Unha muller encantadora que adora o seu traballo. De aí que leve ben anos arredor do mundo literario infantil. As súas traducións ao galego de obras como Pinocchio e Heidi ou das lendas indias norteamericanas recollidas no libro Dadahwat son testemuño do que digo.

     Pero  alguén como Beatriz Fraga, que tanto ama os nenos, tiña que escribir algo moi próximo a eles. Así naceu o personaxe de Marcelo o morcego (Ed. Galaxia), un conto en prosa rimada, ateigado de humor e de crítica a certos papeis que as persoas desenvolven nesta sociedade nosa tan inxusta. Delicioso.

     En decembro de 2012 viu a luz un libro fermoso de relatos, O Rei Portador e outras historias (Euseino?Editores), que nos transporta ao desexo de contar historias. Un libro do que xa se falou neste blog-revista. Un libro no que a autora volve contar historias para que non queden fixadas no pasado, para que formen parte do presente. Mitos, lendas, relatos que trazaron o perfil da nosa civilización. Unha pequena xoia...
Con Bea Fraga na súa aula dee E.I.

     Ben, pois Beatriz Fraga tiña que estar na sección A luz das palabras. Pedinlle varias veces as súas verbas e cumpriu. Envíanos un texto orixinal, cheo de sabedoría e que nos transporta polo mundo das artes.

     Un texto intelixente, curioso, que vai facer as delicias de quen se achegue a el.


     Estamos moi contentos en Versos e aloumiños de publicar estas palabras cheas de luz.





"Rinoceronte". Oudry





                                Clara, máis alá dun cadro

 “…hai que achegarse sen desgusto á observación sobre cada animal, porque en todos hai algo de natural e de fermoso”
                                                                       Aristóteles. Das partes dos animais

A necesidade de acceder ás riquezas de Asia fixo que un novo espírito se apoderase de británicos, holandeses, portugueses e españois, que percorreron o planeta en procura de novos horizontes. Esta época deuse en chamar a era dos descubrimentos e abrangueu desde o século XV ata o XVII. Trátase dun periodo caracterizado polas viaxes ás Indias e polas descubertas xeográficas, cartográficas, científicas e culturais periodo que se vería nutrido polas descricións literarias de navegantes e viaxeiros. Todo isto, unido ao espírito renacentista, fixo que se iniciase a arte de coleccionar plantas, animais e minerais. Foi así como xurdiron os primeiros gabinetes de curiosidades.

     Artistas como o alemán Alberto Durero (1471-1528) e o italiano Leonardo da Vinci (1452-1519) estudarán e debuxarán a anatomía dos animais, contribuíndo cos seus traballos ao progreso do coñecemento. Entre eles, non debemos esquecer a figura de Ulisse Aldrovandi (1522-1605), primeiro profesor de historia natural da Universidade de Boloña e debuxante naturalista.
Alberto Durero

     Nobres e reis iniciaron coleccións de animais vivos trasladados desde outras latitudes e que ubicaron nos seus xardíns e palacios; de aí naceu o termo de “casa de feras” ou ménagerie. Unha das máis coñecidas ménageries, foi a creada por Luis XIV en Versalles en 1663 e deseñada por Louis Le Vau (1612-1670). Cun elenco de animais peculiares, recompilados por medio das comisións reais, dos regalos diplomáticos e das adquisicións, foi un dos primeiros gabinetes de curiosidades existentes. 
   
     Estes “zoos palacegos”, símbolo de poder, aínda que non foron concibidos con fins didácticos, conseguiron ser fonte de investigación científica.

     Cando se creou a Académie Royale des Sciences, en 1666, moitos naturalistas  decatáronse das posibilidades que tiña a ménagerie para o estudo dos animais, non só como axuda aos traballos de campo, para tomar notas e facer bocetos, senón como ferramenta de investigación, tamén polo seu valor para o estudo anatómico fornecido polos animais que non sobrevivían.
Academie Royale des Sciences en 1698

     As ménageries serviron de fonte de inspiración para as artes plásticas; moitos pintores visitáronnas asiduamente para inspirase nos seus traballos tal como se fosen enciclopedias visuais. Pintores e artistas empregaron os animais como modelos para os seus estudos. Estas pinturas resultaron ser verdadeiros documentos que reproducían especimes descoñecidos para a maioría da xente fornecendo material para o campo da historia natural, florecente nese momento.
Unha menagerie

     Anteriormente, unicornios e bestas foran pintados, imaxinados como fantasías zoolóxicas, nos bestiarios medievais pero estes novos retratos, feitos con “modelos posando”, dotarían á pintura de veracidade e nalgúns casos de “sentimentos” por chamalo dalgún xeito.  Converxían así a idea aristotélica acerca da consideración moral dos animais da que dou conta nos seus escritos.

     Artistas da época, coma Pieter Boel (1622-1674), e Nicasius Bernaerts (1620-1678) pintaron animais para Luis XIV. Aínda que entre os maiores expoñentes na arte de “retratar” animais, cómpre salientar a Jean-Baptiste Oudry (1686-1755), pintor, gravador e deseñador de tapices. Oudry demostrou a súa mestría e sensibilidade á hora de captar a anatomía e o “carácter” do animal. Bo exemplo diso son os cadros titulados Leopardo (1741, óleo de 131x160 cm), Casuario (1947, 162x127 cm), León, (1752, 307x258 cm, no que representa ao xa extinto león Atlas) e Rinoceronte (1749, 310x456 cm). Esta última obra é un magnífico cadro no que nos imos deter deseguido.
Luis  XIV


     Oudry e a pintura de animais

     A ménagerie pictórica de Jean-Baptiste Oudry foi ideada como un espectáculo decorativo para o Xardín do Rei, coñecido como Xardín Real das plantas medicinais, un xardín botánico de París creado por Guy de La Brosse en 1635. Os cadros de Oudry finalmente non acabaron nas paredes do edificio do xardín e Oudry atopou outro comprador, Christian Ludwing II, Duque de Mecklenburg-Schwerin, para o seu León e para o cadro Rinoceronte.
A obra de Oudry titulada Rinoceronte plasma un rinoceronte procedente da India. Pero detrás do cadro hai unha historia. O rinoceronte femia fora acollido polo director da Compañía das Indias Orientais Holandesas, Albert Sichterman, despois de que a nai da cría morrera. 
Douwe Mout van der Meer

     Regalada, ou vendida, en 1740 a Douwe Mout van der Meer, este  levou o rinoceronte a Holanda. A Chegada a Róterdam do animal, en 1741, acadou unha enorme popularidade, desatando unha especie de “moda” dos rinocerontes. Exhibida en Antuerpen, Bruxelas e Hamburgo, Douwe Mout van der Meer deixou a Compañía das Indias Orientais para facer unha xira co seu rinoceronte femia. Bautizado polos alemáns co nome de Clara, o animal superou a fama do rinoceronte de Durero (1515).

     
Desembalaxe do cadro para a Exposición do Staatliches Museum Schwering.
     
     O mesmo ano da chegada de Clara a Europa, Georges-Louis Leclère (1707-1788), conde de Buffon, convenceu á Imprimiere Royale para editar os primeiros volumes da súa Histoire naturelle (1749-1789). No volume 11, que non sería publicado ata 1764, Buffon fai unha descrición pormenorizada de Clara. O estudo do naturalista aparecía acompañado dun gravado de Jean-Charles Baquoy (1721-1777) feito a partir dun debuxo no que Jacques de Sève (1742-1789) reproducía o cadro de Oudry.
Mentres que Durero representou a dureza da pel do rinoceronte  cubrindo o animal cunha especie de armadura, no cadro de Oudry Clara semella estar recuberta por unha codia de auténtica pel dura e brillante.
Jean-Baptiste Oudry

     No cadro de Oudry, o animal adopta as convencións do retrato señorial, xa que o animal parece estar posando para o pintor. De fondo, unha paisaxe lene, imaxinada, coa que quizais se trate de suxerir o hábitat, aínda que máis ca iso semella ser un fondo teatral para enfatizar a figura que posa.

     O artista no só pinta a anatomía do animal e as súas peculariedades senón que o dota de “personalidade”. Non hai máis que miralo aos ollos para decatarse de que Clara tamén nos mira. O suposto “contacto visual” entre a protagonista e o observador dá paso á escopofilia ou contemplación pracenteira. O azaroso da proximidade coa besta exótica e perigosa non é tal, senón que o observador sente empatía pola retratada.


     O cadro, de tres por catro metros e medio, plasma a envergadura dun gran rinoceronte, a ilusión da presenza real do animal, a proximidade do mesmo sen foxos ou gaiolas que o afasten de quen o contempla. Ergueitas as orellas, e cunha mirada confiada, Clara transmite serenidade.

                                                                                                                               BEATRIZ  FRAGA

viernes, 11 de septiembre de 2015

"PAISAXES DO AZAR": UNHA EXPOSICIÓN DE SABAS PINTADAS POR XULIO GARCÍA RIVAS.

Xulio García Rivas diante de dúas sabas na casa do Ferreiro   (Foto de Ángel Utrera)


Hai algún tempo, o meu amigo Xulio García Rivas chamoume para dicirme que se tiña sabas vellas non fixese farrapos con elas. Díxome que as necesitaba. Que estaba a pintar nelas.
     Quedei abraiado e el comentoume as vantaxes que pintar sabas tiña, ademais de ser unha idea moi orixinal. Escoitei atento as explicacións do meu amigo e pensei que se el comentaba iso era algo que debía ter en conta.
   E así foi. Cando no seu estudio da Coruña,vin unha pintada, emocioneime. Posuía unha vida extraordinaria. Arte viva, pura maxia.
     
     Unhas datas atrás, Xulio cumpriu un dos seus soños: expoñer na súa terra natal. Así que en Borraxeiros e n´Agolada, brillaron, por fin, as sabas de Xulio García Rivas. Foron para el dous actos emocionantes. Porque, non o esquezamos, Xulio é un ser ben sensible, apracible e dunha bondade que contaxia.

     Pedinlle para Versos e aloumiños que escribise un texto sobre as súas sensacións nesa xornada inesquecible na que estivo tan ben acompañado por persoas que o queren como merece. Fíxoo con moita ilusión, como todo o que el crea.

     
     Incluímos, ademais, un documento moi fermoso: uns comentarios poéticos de Xosé Vázquez Pintor sobre algunhas das sabas expostas. Textos que levan por nome “Como unha luz”.


Con Ángel Utrera.


PAISAXES DO AZAR. Pintura sobre tea de saba.

“ O azar é un salto co que nos poñemos fóra do alcance de nós mesmos “
John Cage.

“ A maior perfección é de  aparencia  imperfecta pero a súa acción é inesgotable

Lao Tse. Tao Te King. Fragmento . XLV.

As pinturas pertencen a unha serie de obras realizadas sobre sabas . O título das obras débese a que estas sabas utiliceinas para protexer o piso do estudo das manchas e salpicaduras producidas ao pintar. Pero un día díxome a voz do azar que alí , naquelas sabas salpicadas, había Paisaxes e Xardíns que eu podería descubrir se escoitaba o misterio do seu espírito . A paisaxe xurdiu da propia pintura e dos soños xerados polos corpos que habitaron os espazos da noite incendiada de cores , beixos, amores, aloumiños,  soños, emocións, luces, claroscuros, auga, vento e treboadas nos beizos da natureza.
Foto de familia en Borraxeiros

     En todas estas pinturas o Azar é un  elemento compositivo fundamental aínda que tratase dun Azar  no que a improvisación , no sentido da música de Jazz, e a capacidade de suxerir das manchas e salpicaduras que caen aleatoriamente nas teas axudan a que os trazos  das brochas e pinceis configuren as paisaxes e xardíns  que encontro nas sabas.

Os nenos e nenas gozaron das sabas e Xulio con eles. (Foto de Ángel Utrera)

 Interésame moito a pintura sobre sabas porque, debido a que a saba carece de imprimación, a pintura seca inmediatamente permitindo sobrepintar con capas moi  leves , diluídas e gran cantidade de auga. Ademais de requirir traballar rapidamente, con espontaneidade,  e sen a posibilidade de retocar ou corrixir cunha técnica semellante á da Acuarela. Para min é determinante que a pintura se realice cun movemento  e trazo  directo para que a emoción de mente e man ao pintar  sexa a verdadeira realidade da obra  . Comparto o que nos di  o meu admirado Joan Hernández Pijuan : “ Mis cuadros son golpes de emoción :  ¡ Paf…. Y se acabó! “. Tamén quero mencionar aquí, xa posto a facer citas de amores pictóricos a Caspar David Friedrich : “ A tarefa do paisaxista non  é a fiel representación  do aire, da auga, das rochas e das árbores  senón que é a súa alma , o seu sentimento o que ten que reflectirse “. Friedrich xunto con Turner son , dos pintores europeos , os que teñen un concepto da paisaxe máis semellante ao espírito da Estética Taoísta.
Presentación. Fernán Vello, Xulio, Pepe Cáccamo e Vázquez Pintor. (Foto de Ángel Utrera)
                                                                                          
     A Exposición realizouse en Agolada e Borraxeiros  porque me pareceron  dous dos espazos que mellor encaixaban co espírito destas pinturas sobre saba, como  me dicía  Alicia que sempre me falaba do ben que quedarían estas sabas nos Pendellos e Borraxeiros.  A Casa do Ferreiro dentro do recinto dos Pendellos posúe  un encanto intimista e máxico, ademais de ser a Casa máis fermosa dos Pendellos que foi restaurada con   sensibilidade e respecto a construción orixinal. O local da Asociación Nós de Borraxeiros , no meu lugar natal  da Guillerma,  foi anteriormente sede do Concello de Agolada e posteriormente escola á que asistín de neno sendo a mestra a miña tia Adela. Quero destacar  a axuda na montaxe da exposición de Anxo Barreiro, do meu fillo Xavier  e dos meus curmáns  Agapito   e  Xosé Luis.


A Asociación Nós  de Borraxeiros está dirixida por Marga Negro e Sonia López,  unhas mozas  que están realizando xunto co seu equipo un traballo admirable organizando durante todo o ano actividades de moito interese cultural para os veciños da parroquia de Borraxeiros . 
Xulio entre Sonia López e Marga Negro.

Estes dous espazos teñen para mín un grande valor emotivo. Se “a infancia é  a patria do home” ( Rilke ) estes lugares, especialmente Borraxeiros, son a miña verdadeira patria.
O día 12 de Agosto presentouse a exposición na Casa do Ferreiro coincidindo coa   Feira Tradicional do 12 en Agolada e dentro da celebración da XIX Feira de Artesanía organizada polo Concello e coordinada por Inma Galego.
Intervención de Miguel Anxo Fernán Vello. (Foto de Ángel Utrera)

No acto de presentación participaron os meus queridos e admirados Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello e Xosé Vázquez Pintor.  A continuación dirixímonos cara a Borraxeiros, que está a só catro kilometros  de Agolada. Alí no espazo da antiga escola e rodeado da miña familia e dos veciños de Borraxeiros vivín o momento de máis fonda emoción. Xosé Vázquez Pintor deu lectura a un poema que lle dedicou a Alicia miña compañeira no camiño da Arte e da Vida, que xa non está con nós. A Pintor tamén lle custou dar cabo á lectura e non puido conter algunhas bágoas. Démonos un grande abrazo como irmáns que somos da Terra do Medio.  
Para completar o día  fixemos unha pequena xira turística. Visitamos o Pazo de Borraxeiros (s.XVII)   e a Igrexa de Ventosa (S.XIII) na que puidemos admirar un baldaquino con unha marabillosa colección de escultura. Xornada inesquecible chea de intensas emocións para gardar na memoria e no corazón para sempre.

                                                                                     Xulio García Rivas


Xosé Vázquez Pintor na presentación. (Foto de Ángel Utrera)

                


                         "Coma unha luz".  Xosé Vázquez Pintor




1.   Coma unha luz, como unha matria en pétalos do amor en alza, para que eu soñe  en parte cos algúres da mañá  cediña, sempre (XARDÍN DO AZAR ).



2.   A cor da terrabarro e as esencias da vida en aturuxo coma fíos de raíz e pranta cara as cumes do finito que me agarda feliz.(XARDÍN DE CAMELIAS ).



3.   A vertical da liña permanente e azul o agarimo mailo xeito de soñar os cumes da esperanza.( ÁRBORE II )



4.   A bidueira preta vai en obra cara aos cumes de benvida: informe e corredor das tantas permanencias. ( ÁRBORE  )




5.   As cores do vagar e da frieira  cando o gris agarda para que a nube baixe e sermos Gallaecia no profundo da benvida que senta en xove de mil anos. Sempre. (PAISAXE )




6.   No corredor da lúa  desce o azul para que a flor da vida   espelle dende o profundo das distancias. As cores da noite en luz vermella e punto branco.( A LÚA CON FLOR PARA LAOTSÉ ).

lunes, 24 de agosto de 2015

DARDO POÉTICO (XXIV). Poema de Xosé Vázquez Pintor para Alicia.



     Falei de Alicia Alonso Romero máis dunha vez.
     
     Quixen a Alicia Alonso Romero moitas veces.
     
     Máis ben, quíxena sempre.
     
     
     
Alicia no estudio de Xulio (A Coruña)
A súa intelixencia, a súa amabilidade, a súa tenrura, a súa capacidade para amar as persoas, a súa vea artística, as súas ganas de vivir contaxiaban a todo aquel que estivese ao seu redor.
     
     Con Xulio García Rivas escribiu fermosas páxinas e fermosos lenzos de convivencia, de amor xeneroso, de mutua ilusión compartida.
     
     Xulio, Alicia e Xavier estiveron sempre moi preto de nós. Dende Tui ata á Coruña, pasando por Vigo, fixemos decote travesías de afecto de difícil definición.

     Os seus escritos, os seus debuxos, as súas habilidades manuais definiron a Alicia coma unha muller viva, chea de inquedanzas e motivadora para os que estabamos con ela.

     Xulio non sería o que é hoxe (descúlpame, irmán) sen o coidado de Alicia, sen a súa visión das cousas, sen o seu apoio, a súa paciencia. Falo dende o punto de vista do pintor. E Xulio constantemente ao seu lado nos bos e nos difíciles momentos que tiveron que soportar.

     
Xulio, Alicia, Alba e Susi na Coruña.
     Alicia adoraba os seus amigos.
     Un deles, o prestixioso narrador e poeta Xosé Vázquez Pintor. Unha longa amizade uníaos. Era amigo dende idades temperás de García Rivas. Nunca perderon o contacto e, se o perderon polas cousas da vida,non tardaron en retomalo. Non se afastaron afectivamente endexamais.
     
     Vázquez Pintor naceu en Melide. Xulio, en Borraxeiros e aquí, precisamente, fraguou unha amizade cando ambos eran mozos.

     
Vázquez Pintor (dereita) e Xulio Gª Rivas (esquerda)


     Hoxe, ambos admíranse mutuamente. Son dúas persoas de prestixio: un co pincel e outro traballando coas palabras.

     Cando Alicia faleceu, Xosé Vázquez Pintor enviou a Xulio e Xavier un poema fondo, cheo de afecto e de emoción. Xulio comentoumo e eu pedinllo para publicar en Versos e aloumiños.
     
     Unha xoia de poesía comprometida cos sentimentos máis íntimos do ser humano.

     Aquí está para que o poidades saborear.

     
     Palabra de amor.


                                                                                         (Dous acrílicos sobre lenzo, "O mar de Alicia" II e III de Xulio GªRivas)

ALICIA

Sempre estás na beiramiño de noso cando eras
filla do sorriso e voz tan limpa coma en alba
medraba para sempre na casa e no obradoiro
de Tide onde volos tres erades meus amigos
que teño coma ouriolos nas árbores da vida.
Souben que te foras para onde nada se perde
e agora estás aló na garita dos milenios

na sendistancia daquela voz e na memoria
que ben sabes que persiste no alenmar e río
senlleiro e caudaloso
onde din Alicia, coma en rosa permanente.


Xosé Vázquez Pintor
Cangas, 8 de maio 2015
Co noso cariño sempre



                                                                                                                     ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO