martes, 3 de noviembre de 2015

OS MURMURIOS DO can CAN (6)





Leva algún tempo queréndome comentar cousas que ocorren ao noso arredor.

     Non lle fago moito caso e amólase un pouco. Sabe que estou indo á praia a ler e bañarme e enfurrúñase porque non lle presto a atención que require.

     Ten razón. Hoxe sentei onda as rochas sobre as que apareceu e decidín falar con el á volta.

     Púxose moi contento. E case sen darme tempo para nada,
           o can Can díxome que…


… está feliz de que lle adiquen o Día das Letras Galegas a Manuel María. Pediume que lle contase as veces que eu estiven con el. Conteille que compartimos unha mesa redonda con ocasión dos Premios Xerais e que demos un recital conxunto nun colexio de Vigo.
    


     “Xa che direi máis cousas sobre isto”. Non o convencín moito, pero linlle uns versos do poeta da Terra Chá e escoitou moi atento.


O vento que ven do mar
é un airiño lixeiro.
A Chaira ven enxugar
seu acento mariñeiro.

Aínda non ten modales
e non sabe ser sotil.
¡Roxe nos carballales
nos amenceres de Abril!

O vento que ven do mar
hase facer vento fino
cando deprenda a cantar
dos beizos dun estornino.





     …  sabe que son amigo de Paco Ibáñez. Así que me preguntou polo día no que el e José Agustín Goytisolo xantaron na nosa casa. Mirade que é curioso, eh? E faleille das vieiras que preparou Susi. Encantáronlle ao poeta. Estaban exquisitas. E conteille as imitacións de Bogart que facía cos cigarros e da súa teoría do Padre Apeles, tan popular por aquela época… Logo, collín o libro da poesía completa, editada por Lumen, e lemos algúns poemas coma este:


Ahora vives todos los días
sin añoranza. Frente al agua
la imagen lila del encanto
se borró; ya no está el delfín
la chica oscura y perdidiza
que te besó bajo la espuma.
Junto a la orilla un niño corre:
salta las olas y te mira.
Realidad es el mar de hoy.
El mar de antes ya no existe.
  



…foi moi feliz na presentación do libro “Muros de aire” de An Alfaya. Que como a quere moito, estivo nun recuncho do café Badía escoitando o que alí se dicía. Quere saber se xa pode ler a novela. Díxenlle que dentro de moi pouco poderá lela. Que remate agora co libro de Clara Do Roxo, “A mamá que perdeu as cóxegas” (Ed. Galaxia)




… lle está a gustar moitísimo o libro en cuestión. Que me agradece que llo dese e que, ás veces, se sente ben triste na lectura do conto. Cre que a autora, Clara Do Roxo tiña moi claro o que quería contar. Que lle encanta a historia de Vera e o seu agarimo pola nai. Que ten aventura, sentimento, investigación e solucións. Aínda non o rematou. Eu díxenlle que chegue ao final e logo comentarémolo.  Magnífico libro. Recomendable.



…está moi contento porque lle deron o Premio Nacional de LIX a Ledicia Costas, polo súa enxeñosa historia “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Que lle encantou cando o leu, que se esmendrellaba de risa co que alí sucedía e que saboreou algunha das receitas que no libro atopou. Que o pasou de marabilla na presentación na “Casa do Libro” e  que o merecía. Comentoume ademais que as ilustracións de Víctor Rivas eran moi simpáticas e expresivas.





… nunca me agradecerá dabondo  que lle puxese preto do coxín onde dorme os poemarios de Juan Cobos Wilkins. Que folleou todos eles e que se perdeu polos versos enfeitizado.  Que está abraiado, ademais, coa xenerosidade do autor, porque sabe que estamos en contacto con el e é unha persoa incrible.
     
     Quixo lerme uns versos que dicían:
          
          
                 Cuando sólo te amabas
          a ti mismo, el río
          no fluía.
                      Y crecer, escribir,
          si era, fue crear
          sin memoria de desamor o muerte
-          pero insaciable, pero voraz:
autófago –
 el otro Paraíso.




… lle sorprendeu o dobre vinilo de Warren Haynes. Xa o coñecía como líder do grupo Gov´t Mule, pero que este traballo en solitario é fascinante.  Ashes & Dust é unha obra variada, moi preto do que vén chamándose “americana”, cuns temas que van directamente ao corazón. Unha xoia, di el, e eu confirmo as súas palabras.




… sabe que vai aparecer, nas “Bootlegs Series” de Bob Dylan, o volumen 16. Leva por nome The cutting edge e inclúe tomas falsas, cancións, ensaios e versión alternativas das sesiós de tres dos grandes álbums do xenio de Duluth: Bringing It All Back Home, Highway 61 Revisited e Blonde on Blonde. Algo verdadeiramente excepcional.



Dime que me agradece a lectura do libro de Juan J. Vicedo Escuchando a Dylan, o que lle permite transitar polas cancións que conforman ese período fantástico que vai de 1962 a 2013. Unha obra que non é fría. Unha visión persoal de alguén, o autor, que leva escoitando a Dylan toda unha vida.

  


     
     … lle interesan os aforismos de Benjamín Prado, publicados por Hiperión baixo o título de “Más que palabras”. Leos aos poucos e lévaos con el cando vai ata o parque para ver se hai algunha cadela que lle fai caso. Senta  diante dunhas sebes e reflexiona sobre esas frases máxicas que conteñen tanta reflexión sobre a vida e os comportamentos dos humanos.
     
     E di en voz alta:  Estoy deseando que me partas el corazón y salgas de él por la grieta.



     
     …  lle gusta ler haikus. Do libro “Década”, a recompilación da poesía do escritor Andrés Neuman, entre 1997 e 2007 (Acantilado), quedouse cunha serie deles. Uns son mariños (Gotas de sal) e os outros son urbanos (Gotas negras).
     
     Recítame un de cada.
                               
                                
                                                                                 Atardecer.
                                                                                 Se sumerge su antorcha
                                    y el mar es humo.


     

     
                                                                Contra los postes
                                                                el tronco de la lluvia
                                                                se hace astillas.

                                                         
                                                                                                          

 …  se emocionou na presentación, na libraría Cartabón, do libro de Manuel Seixas, Interferencias.  Díxome que vira unha foto na que estabamos Noa, Manuel e mais eu e que lle parecera moi suxestiva. E que, cando leu unha entrevista no Faro de Vigo co autor, ficou impresionado.
     Hei dicir que estou moi feliz do reencontro porque quero moito a Manuel Seixas e o can Can sábeo.




Está que non para. Fala e fala e vólveme un pouco tolo. sempre ten cousas que dicir, que descubrir, das que fachendear.
     Dígolle que xa lle chegou e que falaremos en pouco tempo. Que teño moito que facer.
     Non acepta as miñas verbas con agrado, pero é consciente de que non vou ceder.
     


Daquela, moi agarimoso, dime que lle quere dedicar unha canción a Helena Pérez. Di que é a súa amiga e pídeme que poña unha canción de Jacque Brel para ela. Concretamente, “Ne me quitte pas”.

     Acepto encantado o mandado e aquí queda.
     Unha versión en vivo que pon a pel de galiña.