jueves, 5 de noviembre de 2015

"DE CRISTAL", de Silvestre Gómez Xurxo, ou cando os relatos se converten en PURA EMOCIÓN.

Gústame moito ler relatos. Coido que na nosa sociedade actual esta sorte de xénero literario non se valora dabondo. Coma o teatro, coma a poesía. Literatura é para demasiadas persoas sinónimo de novela. E non hai quen os afaste desa idea tan simple e tan trabucada.

     Repito: gústame moito ler relatos.

     Cando me poño a remexer libros na libraría e dou cun volume de contos, detéñome, ábroo, folléoo e comezo a ler algún. Gozo con isto. Procuro neles que teñan algo especial, que me inquieten ou que me envolvan en atmosferas sedutoras.

     Iso foi o que me ocorreu co libro De cristal (Edicións Xerais. Fóra de Xogo), de Silvestre Gómez Xurxo. Interesoume dende as primeiras liñas que lin, algo que me ocorre con cada libro deste prestixioso autor. Unhas liñas que, xa dende o principio, me atraparon. Un comezo que me transportou aos moitos encontros que os escritores e escritoras realizamos nos centros educativos.

     Nesas primeiras páxinas conta o autor como unha alumna de 4º de Primaria, á que lle encanta O marabilloso Mago de Oz  propón ao escritor que fala con eles que escriba un conto cun mago e un home de cristal. Sobre este feito, Gómez Xurxo fai unha serie de reflexións ben interesantes sobre algunhas fontes do acto de escribir.E esta introdución está chea de agarimo literario.
 
Silvestre Gómez Xurxo
     Deseguido, atopámonos con cinco relatos dunha orixinalidade enorme. Cinco relatos que teñen un denominador común: a emoción. Si, son emocionantes e debo dicir que un deles (O ratiño branco) me emocionou ata límites extraordinarios. Talvez foi o momento ou o estado de ánimo, pero goceino e sufrino moi intensamente. Acerto indubidable do autor.
Hai máis puntos en común, xaora, entre eles, pero a emoción marca, alomenos para min, a súa lectura.
     Nestas historias hai loita para intentar saír dos infernos, para non deixarse vencer polo mal, para acadar a liberdade, para atinguir a felicidade por medios diferentes aos que provocan as cousas materiais, para enfrontarse ao maltrato animal, para canear o destino.

     E todos os relatos posúen unha estrutura que me parece orixinal e acertada: trátase da relación comportamento animal co que comezan e comportamento humano co que se desenvolven e rematan. No medio, unhas reflexións que moito teñen que ver coa historia contada.Fondura e claridade. Razóns para pensar. Como a boa literatura.

     En definitiva: relatos ben narrados, estruturados cunha grande intelixencia e moi equilibrados á hora de expresar as sensacións dos seres humanos.

     Encantoume este libro. Gocei con el, sufrín con el e permitiume reflexionar, un verbo que, coma amante da literatura grande, me resulta imprescindible para sentirme intimamente vencellado ao feito literario.

     Parabéns a Sivestre Gómez Xurxo por presentarnos un libro, dende o meu punto de vista, absolutamente necesario.




                                                                                             
Engadimos  a esta reseña, a "Muiñeira da Moa", coa letra de Silvestre Gómez Xurxo e música de Paulo Nogueira, músico de Treixadura. Esta muiñeira, para agradable sorpresa do escritor, foi estreada na presentación do libro De cristal.
     Foi case unha improvisación da mesma, pero é un testemuño magnífico que dá realce a este texto que Versos e aloumiños publica con enorme pracer.

                                                Treixadura estreando a Muiñeira da Moa.


                                                                                              ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO