miércoles, 15 de octubre de 2014

QUE BEN, PATRICK MODIANO! UNHA CONVERSA NA CUCHUFLETA.



    
     Fóra, chovía. E moito. O meu paraugas, un elepé de Glenn Gould coas Variacións Goldberg de J.S. Bach, de 1955,(memorables) e unha bolsa con dous cedés ocupaban as miñas mans, cando soou o teléfono móbil.Collino como puiden e non conseguín non mollarme.
     

      Era Manuel Veiga. Viñéronme algunhas cousas á cabeza, mais ao escoitar a súa voz tan agarimosa borráronse de súpeto. Manolo, o meu amigo, anuncioume que lle deran o Premio Nobel a Patrick Modiano, un deses autores de cabeceira que descubrín hai xa ben de anos na antiga colección de narrativa de Alfaguara
    


Corría o ano 1983 e caeu nas miñas mans  Une jeunesse (Unha xuventude). Vaia descuberta! Dende aquela, cada libro de Modiano entraba na miña casa para que eu gozase dese mundo literario tan persoal que deita nas súas obras. A segunda, tamén na mesma colección, Une ronde de nuit (Unha ruada de noite). Logo, viñeron moitas máis. Non hai moito, o mes pasado, rematei  Un cirque passe (Un circo pasa.Edit.Cabaret Voltaire), novela publicada en 2013 que me fascinou. Teño na mesa de noite, agardando para ler, outra novela do escritor francés, Quartier perdu (Barrio perdido) , editada pola mesma editorial, e xa estou preparado para gozar dese universo que tanto me apaixona. Aproveito para aconsellar a quen queira achegarse a este autor a Triloxía da Ocupación (Anagrama) e Dora Bruder (Seix Barral).
    


Patrick Modiano
      Penso na obra de Patrick Modiano, que se desenvolve en moitos dos seus libros, no distrito XVI dese París interior pasado pola peneira do onírico e das lembranzas. Autor, Modiano, obsesionado polas pegadas doutras persoas na vida e impresionado dende sempre polas desaparicións e as ausencias. Algo que lle interesou decote e que forma parte da atmosfera da meirande das súas novelas. Un escritor aparentemente fácil de achegarse a el, pero que agocha espazos literarios moi ricos, tanto no que di como no que cala, ou o que deixa, para que o lector pase a ser parte activa da lectura.
      
Bob Dylan
     Como lle dixen a Manuel Veiga, alégrome infinito que lle concedesen o Nobel de Literatura, xa que a Bob Dylan non llo darán endexamais.
      
     Quedamos máis tarde na Cuchufleta para falar deste e doutros temas. Estaba moi molesto Manolo porque no libro de texto da súa filla, unha rapaza ben riquiña que está en 3º de ESO, aparecía a fermosa e desgarradora elexía de Miguel Hernández a Ramón Sijé, cunhas preguntas ridículas sobre o poema e que rompían  o encantamento que un texto destas características, tan suxestivo e emocionante, provoca no lector cando se lle achega con entusiasmo sen que medien razóns didácticas.
      
                             Vídeo do director de cine Pedro Olea sobre a interpretación de Joan Manuel Serrat do poema de Miguel Hernández.
     

     Comentoume o meu amigo unha idea, pensada dende hai tempo, e da que quería coñecer a miña opinión. Consiste esta idea, como complemento da LIX, na posibilidade de que houbese un libro de grandes autores con textos autónomos tirados das súas obras, para que os rapaces e rapazas se achegasen a eles, se decatasen da riqueza do léxico e se abrisen a novos temas. Non se trata de textos difíciles , senón textos  que teñan un interese literario, tanto en forma coma en contido, para abrirlles novas portas no labor, tan complexo, de achegar a literatura á mocidade. En definitiva, ben escritos, claros e comprensibles.
      
    

Para que entendese o que me quería dicir, abriu o libro de Amos Oz, Una historia de amor y oscuridad  (Siruela.2004) e na páxinas 256 e 257 o autor conta unha anécdota persoal que, sen ser preciso o contexto, ten autonomía para que os lectores gocen dela. Pareceume unha moi boa idea. Os que amamos a literatura e cremos na importancia que ten, a miúdo andamos a buscar solucións ou métodos que motiven aos rapaces.Este pode ser ben válido, xaora.


 
     O texto de Oz, comezaba así:
      
     Para el Shabbat y las demás fiestas mi madre compraba ya a mitad de semana una carpa. La carpa prisionera se pasaba el día nadando con insistencia de un lado a otro de la bañera, intentando encontrar incansablemente algún pasadizo submarino que la condujese al mar abierto. Yo le daba de comer migas de pan (…)

      
Amos Oz
     Unhas liñas magníficas, escritas por un autor de referencia, ás que se poderían achegar os lectores mozos e , así, acceder a unha literatura de calidade, auténtico apoio e complemento das lecturas eminentemente xuvenís tan interesantes que se publican na actualidade.
      
Conversando na Cuchufleta
     As nosas conversas en cafés son variadas e ricas. Escoitar a Manolo Veiga resulta para min un verdadeiro pracer.
      
     Nestes tempos de banalidades e individualismo feroz, empregar unhas horas compartindo a palabra  oral con alguén coma o meu amigo, converte a vida en algo respirable.
      
     Que dure!

                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO