Certo
que, hai xa ben tempo, lin A fronteira
infinda e non me pareceron frouxos eses relatos.Mesmo podo afirmar que me
pareceron tremendamente orixinais. Máis aí quedei. Seguín coa lírica
ferreiriana, cos seus artigos e deixei para calquera momento A taberna do Galo, unha das dúas obras
en prosa de Celso Emilio.
E ese
momento chegou uns días atrás, a propósito do traballo que Antón García-Fernández está a artellar en inglés sobre o poeta
celanovés na Universidade de Tennessee en Martin. Fíxome algúns comentarios, rimos os dous (ai, esa Casa da Collona) e
decidín ler este texto curto e formalmente
desordenado.
Que ben o
pasei! Chea de humor, ironía, agudeza na
creación dos personaxes que aparecen, autobiografía e imaxinación desbordante, A taberna do Galo fíxome gozar coa súa
lectura.
Esta é
unha obra curta, editada por Edicións Castrelos no ano 1978, que vén sendo unha
parte, uns capítulos dun libro que non rematou Celso Emilio, Memorias de nunca, que a morte do poeta
en 1979 frustrou.
El mesmo
confesou nunha entrevista, aparecida en La Región, “que estou escribindo en prosa
unhas memorias que partindo de feitos reais que me ocurriron a min ou a outros,
desenrolo unha narrativa moitas veces inventada que, ao final, pode constituír
unha novela, pero que de momento non sei ben o que vai ser”.
E polas
circunstancias, A taberna do Galo apareceu
como libro e, case seguro, que o escritor participou na súa edición.
Lendo
estes capítulos vemos claramente a alternancia de biografía e autobiografía de
Ferreiro, escrita nun ton humorístico e cun enxeño literario enorme. Ateigada
de refráns, de vivencias persoais, con referencias a outros intelectuais ( a
carta que aparece de Pepe Velo está chea de emoción e conmove moitísimo), de
textos que escribiu nos xornais, de personaxes cos seus alcumes, uns
inventados, outros reais, A taberna do
Galo é unha obra que reflicte ambientes da súa vila natal e que se nos fai
curta.
Mágoa que
non vivise máis tempo e puidese rematala.
En Versos
e aloumiños, imos presentar algúns destes personaxes, tal como Celso
Emilio os retratou.
Riamos e
gocemos da ironía e o humor feitos literatura.
ALGÚNS PERSONAXES DA VILA COS SEUS
ALCUMES
O CAGATINTAS.
Foi o derradeiro amanuense da vila. Vivía de escribir cartas prá xente
iletrada, que daquela era a maioría da vila. Tímido e suave no falar, traía
sempre no peto un tinteiro de corno e unha pluma metida nun canuto de
sabugueiro. Os días de feira puña mesa con recado de escribir na praza das
pitas. Cando estaba bébedo, cousa frecuente, escribía en prosa rimada, que lle
acaía moi ben ás cartas de namorados.
O RATIÑO. Levaba os
petos cheos de codias de pan, que andaba a ratoar decote, roendo sen descanso
para darlle gusto a unha fame que lle viña de antigo. Pedía esmola. Por lúas
púñase un chisco tolo e berraba: ¡Dívolo
o ratiño, estamos perdidiños! Despois engadía en voz baixa: Dende que veu Franco. Entre codia e
codia contaba historias de amor coas mozas máis linaxudas da vila. Cada rato
ten o seu burato, dicía aludindo ás imaxinarias mulleres que o distinguían cos
seus favores.
A PERONA. Muller carnosa
e tetuda, de pernas coma eixos de carro. Moi metida na igrexa, dicían que nos
seus tempos mozos fora barragana dun abade mitrado de non sei qué mosteiro.
O CONA EN DULCE.
Estivo en Venezuela, onde os seus paisanos puxéronlle o alcume porque gastaba
moitas finezas e bicamáns coas clientas da súa tenda. Era un pouco sarasa,
ademais.
O PACO DA PUTA.
Home corrente e vividor. Certa vez púxolle o Alcalde unha multa por escándalo
público a consecuencia dunha talanquera faltona. cando foi pagar ao municipio,
o Alcalde díxolle que lle perdoaba a sanción se lle prometía non beber máis.
Prometido –dixo o Paco, bicando os dedos en forma de cruz-. Pasadas dúas
semanas, o Alcalde atopouno na rúa novamente bébedo e faltón. Eu prometinlle
non beber máis, -dixo como desculpa- pero non lle prometín beber menos. ¡A ver
se nos entendemos!
O CHANCARRASTRA.
Preguiceiro, desaliñado. Por desdeixado nin sequera amalloaba as chancas. Non
daba golpe. Dicía: Se o traballo fora
cousa boa, seguro que xa o terían acaparado os ricos.
Ata aquí unha mostra,
breve pero significativa, do abano de seres que poboan A taberna do Galo.
Unha
lectura recomendable que animo a ler.
ANTONIO GARCÍA
TEIJEIRO