Mostrando entradas con la etiqueta helena villar janeiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta helena villar janeiro. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de mayo de 2021

FAíSCAS (8) "Helena Villar Janeiro e Carlos Labraña e dous libros para gozar da literatura"

 




Estaba mergullado nun libro excelente de Héctor Abal Faciolince, Fragmentos de amor furtivo, cando recibo dous títulos de dous autores (autora e autor que admiro fondamente: Helena Villar Janeiro e Carlos Labraña.

      Debo recoñecer que me chamaron a atención as cubertas tan alegres e atraentes e, fixándome quen os escribía, decidín facer unha parentese na lectura do escritor colombiano e ler os libros recibidos un tras o outro.

A fuga de Guillermo, que así se chama o conto de Helena, é unha historia dunha tenrura (apoiada polo gran traballo de Luz Beloso) que te aloumiña na súa lectura. Guillermo é un rapaz, un personaxe dun conto mediocre que se chama Guillermo, o pelador de mazás, un neno que un día decidiu marchar deste libro tan aburrido, porque se sentía triste a mercé dun rato, e que, cando estaba a piques de casar coa princesa, pasaba case todo o tempo pelando mazás e recibindo ordes dunha bruxa que o atrapara collendo leña no monte. Guillermo chega a unha Residencia de Tempo Libre, e fica desorientado. Pero vai coñecer unha boa señora, algo solitaria, e vaise estabelecer unha relación fermosísima entre eles. 

     Coa mestría que a caracteriza e cunha fina sensibilidade, Helena Villar Janeiro escribe unha historia emocionante que resulta un pracer ler e, ao facelo, pasas un tempo moi feliz. Ler un libro desta muller é un acto de alegría polo xeito tan entrañable de crear literatura.

 

     O segundo libro é unha obra de teatro. É Carlos Labraña todo un especialista para crear pezas que a rapazada poida representar. Contra o reloxo é o seu título. Unha historia no que o tempo (medido ou non) é o protagonista na figura de don Pedro, un vello reloxeiro que, ao quedar viúvo, decide pechar a súa reloxaría porque o cansazo o domina.

Ao velo tan deprimido, a súa filla Xulia decide darlle unha sorpresa para animalo. Polo medio, uns personaxes curiosos (e non moi espilidos) Tic e Tac preparan un roubo case imposible.

En Contra o reloxo (coas simpáticas ilustracións de Fonso Barreiro) hai moito humor, moita tenrura, algunha caricatura de comportamentos humanos e unha claridade textual que permite ao lector ou lectora gozar do que le, imaxinalo nun escenario e sorrir, un verbo que nos é negado demasiadas veces.

      Teño que aplaudir o labor da Editorial Galaxia pois está a publicar poesía e teatro, algo non moi habitual, por desgraza. É algo que se agradece, tendo en conta a importancia de tales xéneros e o pouco que se valoran. Neste sentido a colección Árbore é todo un exemplo.

E recoñecer, unha vez máis, a traxectoria de Carlos Labraña, multipremiado con toda xustiza, por esa teima de poñer nas mans dos docentes uns textos tan suxestivos como necesarios.

Tras gozar destas dúas novidades, volvín a Abad Faciolince e a desfrutar deses dous amantes que, en Medellín, se pechan na ficción do seu pasado para non sentir o medo do presente.

 

                                                                                                                                             Antonio García Teijeiro




martes, 21 de abril de 2015

TOMAR UN CAFÉ (EU, UN BATIDO) E FALAR DE METÁFORAS SOBRE UN COELLO QUE QUIXO SOÑAR.



    
Miguel Ángel Alonso Diz
   
     
     Estaba triste o día. Quedamos para tomar un café (eu, un batido) nunha cafetaría da Porta do Sol fronte ao Sireno.


      Falar con Miguel Ángel Alonso Diz é un pracer. Narrador, mestre, contacontos, poeta, Miguel Ángel dálles luz ás nubes grisallas co seu entusiasmo, coa súa conversa ilusionante, co seu afecto que lle sae polos poros da pel.
      
     Miguel Ángel escribe francamente ben. Ten claros os obxectivos cando o fai. Quere que os seus libros dean xogo nas aulas, convencido da necesidade de que os rapaces e rapazas lean e gocen dos poemas, das historias, rimadas ou non, e das ilustracións suxestivas. Vaia equipo que forma con Luz Beloso! Entenden á perfección o que queren crear e fano como un todo inseparable. Imaxes e palabras camiñan xuntos por espazos abertos e chegan a confundirse.
      
     Para ben, xaora.
     

      E tróuxome o último libro que Luz e mais el acaban de tirar do prelo. O seu título: O valente coello que quixo soñar. Un álbum a toda cor que conta unha historia sinxela en aparencia, pero que vén sendo unha metáfora sobre quen somos…sobre quen podemos ser.
      
     Un texto rimado con ventás abertas á sorpresa e á interacción con pequenos. Un texto que se funde perfectamente coas imaxes que Luz crea dun xeito maxistral.
      
     Unha fábula real que conta unha fermosa serea ao peixiño Breogán. Unha narración que comeza cunha adiviña que di así:


Esta é a bela historia
dun pequeño animal
que é branco coma a neve
e sabe ben saltar.

Ten longas as orellas
as pernas dun campión,
ten dous dentes enormes
e un grande corazón (…)

      
     Un libro editado por Nova Galicia Edicións e que leva un limiar, un entrañable poema, de Helena Villar Janeiro, a quen quero e admiro.
 
Helena Villar Janeiro
     Reproducímolo a continuación.

Coello branco e doce,
atrévete a soñar.
Deixa o tobo do monte
e vai buscando o mar.

Fala co sol e a lúa
que che van axudar
e sen cansares nada
pousarás no areal.

Ti serás un miragre
das augas de cristal:
Ilustracións de Luz Beloso
volveraste serea
ou serás capitán
dunha nave e moi ledo
irás sempre a cantar.

Gustarache esta fábula
do peixe Breogán,
o único que sabe
o que pasou alá.

      
     

Falamos e falamos. Como nos acontece a miúdo, perdemos o control do tempo. Un pracer.
      
     Dedicoume o libro, ensinoume as fotos das súas dúas fermosas filliñas e quedamos emprazados para máis adiante.
      
     Conversar, un verbo fermoso, que cada vez se conxuga menos. Eu, pola miña banda, intento conxugalo todo o máis que podo.

     Non debe ser así? Ou será que me estou a facer maior?

     Preguntas que quedan no aire, mentres leo esta fermosa historia que Miguel Ángel deixou nas miñas mans.

 
Ilustración de Luz Beloso

              
                                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO