Estaba mergullado nun libro excelente
de Héctor Abal Faciolince, Fragmentos de amor furtivo,
cando recibo dous títulos de dous autores (autora e autor que admiro
fondamente: Helena Villar Janeiro e Carlos Labraña.
A fuga de
Guillermo, que así se chama o conto de Helena, é
unha historia dunha tenrura (apoiada polo gran traballo de Luz Beloso)
que te aloumiña na súa lectura. Guillermo é un rapaz, un personaxe dun conto
mediocre que se chama Guillermo, o pelador de mazás, un neno que un día
decidiu marchar deste libro tan aburrido, porque se sentía triste a mercé dun
rato, e que, cando estaba a piques de casar coa princesa, pasaba case todo o
tempo pelando mazás e recibindo ordes dunha bruxa que o atrapara collendo leña
no monte. Guillermo chega a unha Residencia de Tempo Libre, e fica desorientado.
Pero vai coñecer unha boa señora, algo solitaria, e vaise estabelecer unha
relación fermosísima entre eles.
Coa mestría que a caracteriza e cunha fina sensibilidade, Helena Villar
Janeiro escribe unha historia emocionante que resulta un pracer ler e, ao
facelo, pasas un tempo moi feliz. Ler un libro desta muller é un acto de
alegría polo xeito tan entrañable de crear literatura.
O segundo libro é unha obra de teatro. É Carlos Labraña todo un
especialista para crear pezas que a rapazada poida representar. Contra o
reloxo é o seu título. Unha historia no que o tempo (medido ou non) é o
protagonista na figura de don Pedro, un vello reloxeiro que, ao quedar viúvo,
decide pechar a súa reloxaría porque o cansazo o domina.
Ao velo tan deprimido, a súa filla
Xulia decide darlle unha sorpresa para animalo. Polo medio, uns personaxes
curiosos (e non moi espilidos) Tic e Tac preparan un roubo case imposible.
En Contra o reloxo (coas
simpáticas ilustracións de Fonso Barreiro) hai moito humor, moita tenrura,
algunha caricatura de comportamentos humanos e unha claridade textual que
permite ao lector ou lectora gozar do que le, imaxinalo nun escenario e sorrir,
un verbo que nos é negado demasiadas veces.
E recoñecer, unha vez máis, a
traxectoria de Carlos Labraña, multipremiado con toda xustiza, por esa teima de
poñer nas mans dos docentes uns textos tan suxestivos como necesarios.
Tras gozar destas dúas novidades,
volvín a Abad Faciolince e a desfrutar deses dous amantes que, en Medellín, se
pechan na ficción do seu pasado para non sentir o medo do presente.
Antonio García Teijeiro