O día 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía en toda Galicia con actos de diversa índole.
A data de nacemento da gran poeta galega,
o 24 de febreiro de 1837, serve para que a súa figura e a súa obra sexan loadas
por todos os recunchos da nosa terra. Rosalía, vive.
Eu mesmo recitarei en Vigo, nun acto colectivo,
tras a ofrenda floral, un poema de Follas novas, un dos seus poemarios
de referencia. Un poemario que sempre está ben preto de min.
Pois ben, en maio de 2016, dentro dun
concerto de Paco Ibáñez no que
estaban Margarit, Atxaga e García Montero, lin un poema de
homenaxe a esta muller que admiro fondamente e que é guía para todos os que
amamos a poesía na nosa lingua.
Sirva a reprodución do mesmo, aquí, en Versos e aloumiños, para homenaxear a
alguén que marcou definitivamente a miña poesía en galego.
Rosalía
de Castro, Nai e Señora!
COMA
TI, ROSALÍA
Diante do espello
vin agocharse as tebras
negras
ferintes
os recordos
e esgazaron a memoria.
As sombras sen rostro
congregáronse
arredor das túas bágoas,
Rosalía,
e co vento chegaron novas palabras
que silenciaron o desexo de chamarte.
Mais eu sigo vendo nese espello
os teus ollos de loito
e sinto que a gorxa
Tomado do blog "A duermevela". |
se enche de area
cando quero pronunciar o teu nome.
Necesito que a noite dos saloucos,
Rosalía,
pase a través da miña fiestra
e me permita roubar aqueles versos
case urxentes
que descubrín un día de miseria
no medio dun libro sen palabras.
Coma ti, Rosalía,
eu tamén fun
entrando
n´a sombra,
Vin
a noite que nunca s´acaba
N´a
miña alma soya.
Coma ti, Rosalía,
do mar da negrura
me berran insolentes
e rouban do meu leito
os raios dun sol
que non existe.
Non fuxo
nin ando na procura dos lugares
que un día me liberen de min mesmo.
Coma ti, Rosalía,
sinto ben dentro a loita
de tantos rancores que matan
e a miña man tremente
non deixa de escribir ¡Palabras, e palabras,
e palabras!
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO